Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega. Congreso de Poesía da AELG

Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega é o título deste Congreso de Poesía organizado pola AELG, co que se pretende facer unha revisión da poesía galega nos últimos catro decenios, un exame da súa situación actual e do peso da poesía no sistema literario e na sociedade galega, tendo en conta a relevante diversidade de propostas, achegas e temáticas que mostran as diferentes poéticas existentes, e tamén analizar colectivamente os retos para o futuro.

OBXECTIVOS
Preténdese facer un debate aberto sobre o estado actual e recente da poesía galega, unanimemente recoñecida pola súa grande valía literaria, mais que padece unha certa invisibilidade social no seu propio territorio, o que fai máis necesario que nunca un Congreso onde se debatan diversas perspectivas sobre ela, como un punto de encontro onde reflexionar serena e abertamente arredor das experiencias vinculadas ao feito poético.

INSCRICIÓN
A asistencia ao Congreso para o público interesado é libre e de balde, mais pedimos que fagan a inscrición previa, a efectos organizativos, no correo electrónico oficina@aelg.org ou ben no teléfono 981133233 (neste caso, en horario de 09:30 a 14:00 horas, de luns a venres).

FORMATO
O Congreso dividirase en seis mesas redondas, en formato de grupos de traballo, sendo a idea fundamental o debate aberto e a intercomunicación fluída de propostas, análises e perspectivas. Tamén terá lugar un recital poético con voces representativas destes últimos 40 anos de creación poética.

PROGRAMA

VENRES 6 DE OUTUBRO
Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda, s/n. –como chegar-)

Tarde
16:00 Recepción dos/as congresistas.
16:15 Inauguración do Congreso, coa presenza do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e a Concelleira de Cultura, Carme Fouces.
16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 1. Nós tamén navegar, a poesía galega de 1976 a 2016.
Coordinadora: Marta Dacosta.
Relatoras: Helena Villar, Rosa Enríquez e Yolanda Castaño.
– 18:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 2. Teatro e outras formas de comunicación do poético (oralidade, popular, etc.).
Coordinador: Afonso Becerra.
Relatoras/es: Miguel Sande, Antonio Reigosa e Silvia Penas.

Espazo Multidisciplinar Nemonon (Rúa Marqués de Riestra, 11, 1º –como chegar-).
21:15 Recital de poesía e música, coa participación de: Rosalía Fernández Rial, Xulio López Valcárcel, Antón Lopo, María do Cebreiro, Baldo Ramos, Ana Romaní, Daniel Salgado, Susana Sánchez Arins, Dores Tembrás e Vítor Vaqueiro, xunto á música ao vivo de César Morán. Presentado por Lucía Novas.

SÁBADO 7 DE OUTUBRO
Pazo da Cultura de Pontevedra

Mañá
10:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 3. Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia.
Coordinadora: Mercedes Queixas.
Relatoras/es: Ramón Caride, Ramón Nicolás e Estíbaliz Espinosa.
– 12:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 4. Traducións e diálogos con outros sistemas poéticos.
Coordinador: Ramiro Torres.
Relatoras/es: María Reimóndez, Raúl Gómez Pato, Tiago Alves Costa (Lusofonia).

Tarde
16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 5. 40 anos de poesía aos ollos da crítica
Coordinadora: Chus Nogueira.
Relatoras/es: Vicente Araguas, Teresa Seara e Mario Regueira.
18:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 6. Innovación poética, trans-xénero, novas modalidades.
Coordinador: Carlos Negro.
Relatoras/es: Fran Alonso, Antía Otero e Celia Parra Díaz.

Crónica fotográfica do Paseo pola Pontevedra Literaria con Eva Mejuto, o 23 de setembro

Estas son algunas das fotografías do Paseo pola Pontevedra Literaria do sábado 23 de setembro, con Eva Mejuto. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2017: Xesús Constela, o 30 de setembro

Os Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2017 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.

Todos os paseos con partida ás 11:30 h.

Para a inscrición, as persoas interesades deben enviar os datos (nome completo, teléfono e correo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com e indicar a que paseo/s queren apuntarse, a partir do 18 de setembro. Inscrición por orde de chegada ao correo. Prazas limitadas.

Sábado 30 de setembro, A voz secreta das pedras, con Xesús Constela.

O punto de partida será o cruceiro da Igrexa de Santa María. Despois entraríamos na propia igrexa para falarmos da contraportada (non vou desvelar agora o segredo)…

Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2017

Os Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2017 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.

Todos os paseos con partida ás 11:30 h.

Para a inscrición, as persoas interesades deben enviar os datos (nome completo, teléfono e correo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com e indicar a que paseo/s queren apuntarse, a partir do 18 de setembro. Inscrición por orde de chegada ao correo. Prazas limitadas.

Sábado 23 de setembro, Pontevedra e a literatura infantil e xuvenil, con Eva Mejuto.

Este roteiro procura, a través da miña experiencia persoal e profesional, facer un percorrido de Pontevedra usando como fío condutor a LIX, que vai desde a presenza na cidade das editoras Kalandraka e OQO (ás que estiven vencellada nestes case vinte anos da miña vida na boa vila), á Facultade de Belas Artes, onde dou aulas no Master de Libro Ilustrado, facultade da que saíron ilustradores e ilustradoras de recoñecemento internacional.

Sábado 30 de setembro, A voz secreta das pedras, con Xesús Constela.

O punto de partida será o cruceiro da Igrexa de Santa María. Despois entraríamos na propia igrexa para falarmos da contraportada (non vou desvelar agora o segredo)…

Crónica fotográfica do Paseo pola Pontevedra Literaria con Lucía Novas, o 24 de xuño

Estas son algunas das fotografías do Paseo pola Pontevedra Literaria do sábado 24 de xuño, con Lucía Novas. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Paseo pola Pontevedra literaria. Verán 2017, con Lucía Novas

O Paseo pola Pontevedra literaria. Verán 2017, impartido por Lucía Novas, terá lugar o 24 de xuño, a partir das 11:30 horas, nunha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.

– As persoas interesadas deben inscribirse enviando os seus datos (nome completo, teléfono e enderezo electrónico) a: pontevedraliteraria@gmail.com
– Inscrición por orde de chegada ao correo.
– Prazas limitadas: 50 persoas.

Sábado 24 de xuño, Pombas e ruínas (all tomorrow’s parties), con Lucía Novas.
Percorreremos a cidade a través de poemas, das Palmeiras, os magnolios, os xardíns, o xabre e os lastros, os chafarices, as ruínas e as pombas, all tomorrow’s parties, as tendas, as boticas, os cruasáns, as madeiras antigas, droguerías, as laranxeiras, os ultramarinos, os froitos secos, os anticuarios, o té, as músicas afiadas, o punk, a nocturnidade, a ratiña gris, o rumor da seda, e xorde como espazo onde se albisca o mar, e a cidade habita na posmodernidade, no enxerto, na mestura, no collage.

Pontevedra: actos destacados na Festa dos Libros para o sábado 24 e domingo 25

O domingo 25 de xuño finaliza a Festa dos Libros, na praza da Ferrería de Pontevedra, organizada polo Concello de Pontevedra e as librarías da cidade. O horario será, no sábado, de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 23:30 h., e no domingo de 11:00 a 14:30 h e de 18:00 a 22:00 h. Os actos máis destacados para estes dous días son os seguintes:

Sábado 24
12:00 h. Luís Davila asina exemplares do Bichero.
12:30 h. Presentación de Blues para Moraima, de Miguel Anxo Fernández, publicado por Galaxia. Acompañará ao autor Francisco Castro.
12:30 h. Xesús Constela asina exemplares de A rotura das paisaxes, publicado por Xerais, en Clip.
13:30 h. Sinatura de libros de Francisco Castro en Cronopios: Tes ata as 10 e Amor é unha palabra coma outra calquera.
19:00 h. Iria Collazo asina exemplares de A soidade das medusas. Paz.
20:00 h. Fran Alonso presenta Terraza, publicado por Xerais, nunha das terrazas da Ferrería.
20:00 h. Sinatura de Gogue: Floreano, publicado por Xerais, en Paz.

Domingo 25
12:00 h. Miriam Ferradáns. Nomes de fume. Paz.
12:00 h. Espectáculo infantil: Maimiñas: Volta, revolta e reviravolta. No Auditorio.
12:30 h. O vermú da poesía. María Xesús Nogueira. Presentación de Antoloxía da poesía galega próxima, libro coeditado por Chan da Pólvora e Papeles mínimos. Recitarán Lara Dopazo, Xabier Xil Xardón, Alicia Fernández, Jesús Castro, Berta Dávila, Antón Blanco e Oriana Méndez, acompañados polo editor Antón Lopo. Espazo Lector Nobel. Auditorio.
12:30 h. Salvador Rodríguez presenta Historias de galegos extraordinarios. Aviones de papel.
12:30 h. Diego Giráldez asina exemplares de Galería de saldos, publicado por Xerais. Cronopios.
12:30 h. Enrique Mauricio e Carlos Taboada: Periplo Atlántico, Un ronsel de ardora e Meiga Nova. Lela Edicións. Clip.
13:30 h. Juan Parcero: A fiestra aberta, Toxosoutos. Cronopios. Auditorio.
18:00 h. Loli Veloso: Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, no corazón dos nosos nenos. Fundación da Medicina Xenómica. Clip.
19:00 h. Lecturas orgullosas. Eva Mejuto: 22 segundos, publicado por Xerais, e Carlos Callón con Amigos e sodomitas, publicado por Sotelo Blanco. Presenta Carmen Fouces. No Auditorio.
19:00 h. Inma López Silva presenta Aqueles días en que eramos malas (Galaxia). Cronopios.
19:00 h. Cristina Corral Soilán e Aurora Cascudo Román presentan De paseo con Helena, publicado por Embora. Paz.
20:00 h. Xosé Monteagudo: Todo canto fomos (Galaxia). Paz.
20:00 h. Sinatura de Eva Mejuto: 22 segundos, en Seijas.

Pontevedra: actos destacados na Festa dos Libros para o venres 23

O venres 23 de xuño comeza a Festa dos Libros, na praza da Ferrería de Pontevedra, organizada polo Concello de Pontevedra e as librarías da cidade. O horario será de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 23:30 h. Os actos máis destacados para ese día son os seguintes:

18:00 h. Ana Cabaleiro presenta Sapos e Sereas, publicado en Galaxia. Participa xunto á autora Francisco Castro. No Auditorio.
18:30 h. María Solar asina exemplares de Os nenos da varíola, publicado por Galaxia, e As horas roubadas, publicado por Xerais, en Cronopios.
18:45 h. Xornalismo-literatura. Tensión sexual non resolta, por Xosé Manuel Pereiro, codirector da revista Luzes. No Auditorio.
19:00 h. Presentación de Inferno (Discursiva), de Daniel Peón Targus, e Atrofiadas as estrelas, de Alexander Vórtice, da mesma editora. En La Nube de Papel.
19:15 h. Mesa da memoria con Montse Fajardo: Un cesto de mazás; Luís Bará: Non des a esquecemento; e Susana Sánchez Arins: seique. No Auditorio.
20:00 h. Buenaventura Aparicio presenta Segredos ao descuberto. Paz.
20:30 h. Migallas: Canta connosco, na Espazo do Lector Nobel.
21:00 h. Pedro Feijoo presenta Os fillos do lume en conversa con Susana Pedreira, nun acto organizado por Cronopios, no Auditorio. O libro está publicado por Xerais.

Polo Correo do Vento: “Unha muller para as Letras Galegas 2018”

Desde Polo Correo do Vento:
“Convidámosvos a participar na campaña #Propónunhamuller, promovida xunto ao Concello de Pontevedra e dirixida á Real Academia Galega para que sexa unha muller a quen lle dediquemos o Día das Letras Galegas de 2018.
É moi sinxelo, vía correo electrónico, redes sociais, correo postal… como prefirades, propoñédelle unha muller aos académicos e académicas!
Coa etiqueta #Propónunhamuller ou a que queirades.
Hai moitas máis, pero nós propoñemos as seguintes:

Avelina Valladares
Belén Feliú
Clara Corral Aller
Filomena Dato
Luísa Villalta
María de los Ángeles Tobío
María Victoria Moreno
Pura Vázquez
Xela Arias
Xosefa Iglesias Vilarelle

Velaquí tedes un modelo de carta para enviar a proposta.”

Pontevedra: “Por un amor común. Homenaxe a Francisco Cortegoso”