Preséntase o Catálogo de Literatura Infantil e Xuvenil 2013

Desde Cultura Galega:
“A Asociación Galega para o Libro Infantil e Xuvenil, Galix, en colaboración coa Asociación Galega de Editores e mais a Consellaría de Cultura, presentaron o Galician Books for Children & Young Adults 2013. Este catálogo recolle as 144 novidades que tiraron 40 editoras galegas para os máis novos ao longo do pasado ano. O volume, do que se editaron 500 copias e que estará tamén dispoñible na rede, será a carta de presentación das firmas e mais dos autores do país en feiras internacionais como as de Boloña, que se celebra entre os vindeiros días 25 e 28, Bos Aires, Guadalaxara ou Frankfurt, que se reincorpora ao calendario internacinal dos editores galegos, entre outras citas internacionais.
Segundo destacou Francisco Castro, de Galix, o proxecto achega sinopses en tres linguas e ilustracións de cada unha das obras, así como o contacto tanto dos editores como dos autores. Pola súa banda, Manuel Bragado, da Asociación Galega de Editores, destacou a importancia da LIX no mercado galego, que supón o 20% das vendas das editoras, apuntando o éxito internacional do álbum ilustrador e a aposta crecente pola banda deseñada entre os editores do país.”

Convocado o XI Premio de Poesía Novacaixagalicia

O XI Premio de Poesía Novacaixagalicia é unha iniciativa do Centro PEN de Galicia, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e de Novacaixagalicia.

BASES

1. Poderán concorrer ao XI Premio de Poesía Novacaixagalicia autoras e autores de calquera nacionalidade, presentando unha soa obra escrita en lingua galega (segundo a normativa ortográfica vixente).
2. O premio, un e indivisible, está dotado con 6000 €, cantidade da que se deducirán os correspondentes impostos.
3. As obras aspirantes, que deberán ter unha extensión mínima de 600 versos, serán inéditas na súa totalidade e non poderán estar presentadas simultaneamente a outros concursos.
4. Os orixinais deberanse presentar por quintuplicado, mecanografados e baixo lema. O mesmo lema deberá figurar no exterior dun sobre pechado que conteña os seguintes datos: título da obra, nome e apelidos da autora ou autor, fotocopia do DNI, enderezo postal, enderezo electrónico e teléfono de contacto.
5. Os traballos deberanse enviar por correo postal ou empresa mensaxeira a:
Centro Social Novacaixagalicia
R/ Policarpo Sanz, 24- 26
36202 Vigo
Indicarase no sobre: XI Premio de Poesía Novacaixagalicia.
6. O prazo de admisión rematará o 5 de setembro de 2013. Excluiranse todos os envíos que leven data posterior.
7. O xurado cualificador estará constituído por cinco persoas de recoñecido labor no ámbito literario. Como presidente actuará o titular do Centro PEN de Galicia e como secretario, o director desta entidade.
Corresponderalle ao xurado a interpretación destas bases e a súa decisión será inapelable.
8. A decisión do xurado do XI Premio de Poesía Novacaixagalicia farase pública, a través dos medios de comunicación, no mes de outubro de 2013.
9. A obra premiada publicarase na colección Arte de Trobar do Centro PEN de Galicia, e renunciará a autora ou autor, na primeira edición, aos dereitos que puidesen corresponderlle. De existiren posteriores edicións, deberase facer constar nelas que a obra recibiu o XI Premio de Poesía Novacaixagalicia.
10. Non se devolverán os orixinais nin se admitirán reclamacións sobre eles. O feito de presentarse ao XI Premio de Poesía Novacaixagalicia implica a aceptación por parte dos participantes das presentes bases na súa totalidade.

Santiago de Compostela, marzo de 2013

A Rosalía da patria e a xustiza social festéxase en Bonaval

Desde Sermos Galiza:
“Os poemas de Rosalía vibraron na Igrexa de San Domingos de Bonaval, o lugar que cada ano a AELG visita para honrar á escritora, soterrada no Panteón de Galeg@s Ilustres. Desde Non che teño medo moucho até Quen non xime, os versos de Rosalía tornaron a súa propia homenaxe nun acto no que a xustiza social e o dereito a un futuro digno foron protagonistas. Aconteceu da man das escritoras Marilar Aleixandre, Marta Dacosta, Alicia Fernández, Pilar García Negro, Inma López Silva, Mercedes Queixas e Helena Villar Janeiro que leron poemas nun recital no que quedaba á vista o compromiso da escritora co país e as persoas desfavorecidas.
“Escribir é actuar contra o medo” comezou Marilar Aleixandre. “A obra de Rosalía trasluce o seu compromiso coa realidade” dixo o presidente da AELG no inicio do acto e agradeceulle que teña aberto as portas ao “campo inmenso da literatura e a cultura galega. Nunha Igrexa de San Domingos de Bonaval no que o frío aterecía ás máis de dúascentas persoas asistentes, Cesáreo Sánchez reivindicou portas abertas para honrar á escritora diante do “secuestro” dun espazo pechado ao que só se pode acceder, baixo autorización do arcebispado. “Triste situación da nosa poeta nacional que agardamos mudar de hoxe no futuro” lamentou Cesáreo Sánchez, quen fixo votos para que nalgún momento a porta principal estea aberta e non sexa preciso empregar, nun acto de homenaxe a unha das figuras máis relevantes da nosa historia, a porta lateral.
Rosalía nas colas do paro
Cesáreo Sánchez e Rexina Vega leron o manifesto da AELG para a conmemoración no que afondaban na forza reivindicativa da escritora. “Nestes intres de esgazamento, de destrución das conquistas sociais, de empobrecemento xeralizado, de incerteza, Rosalía axúdanos a ser conscientes, politicamente conscientes, da comunidade de excluídas, desa poboación crecente que avanza cara ao desposuimento e o silencio” recollíase no escrito.
“Nas tristes colas do paro, nos comedores sociais, nas despedidas dos milleiros de xentes novas que abandonan o país, nos desafiuzamentos, na desesperación das enganadas pola cobiza bancaria, na longa angustia das que agardan unha operación cirúrxica, nas mestras desbordadas, nas avoas que precariamente amparan fillos e netos resoa a voz de Rosalía, dando voz ás que non teñen voz, ás que fican á marxe” defende a AELG no documento que se leu íntegro en Bonaval mais tamén na morea de actos que na víspera se desenvolveron polo país enteiro. Tamén dela recollen a forza para “axudármonos a sobrevivir contra as cordas, cada vez con menos aire, cada vez máis feridos, pero vivos, extraordinariamente vivos e conscientes da necesidade de pelexar novos camiños para afirmármonos na nación, na lingua, na clase e no xénero como única posibilidade de existencia digna”.
Reivindicar tamén co Rosalía a normalidade para lingua a través dos seus versos: “soia nunha terra extraña / donde extraña me alomean, / donde todo canto miro / todo me dice: “¡Extranxeira!”. A ofrenda floral co himno galego puxeron fin ao acto antes de que o Panteón de Galeg@s Ilustres botara de novo o fecho.
Centos de gaitas nunha alborada conmemorativa
Desde primeira hora da mañá, o día amenceu con centos de gaitas a tocar a Alborada polo país enteiro nunha acción expansiva na que a Asociación de Gaiteiros Galegos participou de maneira activa e que, segundo destacan, chegou a todos os concellos galegos.
Na Praza de Vigo, ás dez da mañá, a Fundación Rosalía xunto coa Academia Galega e a Universidade de Vigo desenvolvían o primeiro dos actos institucionais coa presenza do Alcalde de Santiago, Ángel Currás. A alborada soou tamén diante do monumento a Rosalía, ben perto do lugar onde se localiza o espazo no que naceu. A media mañá, a Casa da Matanza, sede da Fundación, abriuse para acoller o acto central no que estiveron ademais presentes o Conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez e o secretario xeral de Normalización Lingüística, Valentín García ademais dos responsábeis máximos das tres entidades organizadoras, Anxo Angueira, Xosé Luís Méndez Ferrín e o vicerrector de Vigo Henrique Costas ademais de representantes de distintas entidades e asociacións.”

Freixanes chama a sacar a lingua galega “do gueto do ensino” e apartala “do espectáculo da loita política”

Desde Galicia Hoxe:
“O director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, pediu este mércores apartar a lingua galega da batalla política e sacala do “gueto do ensino”. “Se o mundo do comercio, do ocio, da publicidade ou os medios de comunicación están noutro rexistro, estanse a equivocar”, apostilou. Ante o conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, Freixanes celebrou o impulso de O libro dos Reis Magos e declarouse “impresionado” polos textos das autoras que participan nesta iniciativa. A liña sequido, Freixanes fixo un chamamento á Xunta e ao conselleiro para “sacar a lingua galega do gueto do ensino” e do ámbito institucional do Parlamento, ao tempo que pediu que se lle aparte do “espectáculo” político. “A lingua non pode estar sometida ao espectáculo permanente, nin aos prexuízos de dous ou tres señores”, advertiu. Por último, fíxose eco da súa propia carta aos Reis Magos pedindo “apartar o espectáculo da loita política” e “ser capaces de poñer a todos de acordo en canto a lingua galega”. “Menos espectáculo no Parlamento e máis traballo nos despachos”, demandou.”

Pontevedra: Congreso Valentín Paz Andrade

Do 13 ao 15 de decembro, no Pazo de Congresos de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda, s/n.), terá lugar o Congreso Valentín Paz Andrade, organizado pola Real Academia Galega, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra.
O comité organizador está formado por Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Axeitos Agrelo, Manuel González González, Euloxio Rodríguez Ruibal e Francisco Fernández Rei.
A inscrición é gratuíta. Para formalizala cómpre enviar un correo electrónico a secretaria@realacademiagalega.org en que figuren os seguintes datos: nome, apelidos, DNI, enderezo postal completo, correo electrónico e teléfono. Admitirase un número máximo de 100 solicitudes por rigorosa orde de inscrición.
Entregarase un diploma de asistencia aos inscritos que acrediten ter participado en todas as sesións (15 horas computables por créditos ECTS pola Universidade de Vigo).
O programa é o seguinte:

Xoves 13 de decembro
10:00 h. – 10:30 h. Inauguración.
10:30 h. – 11:15 h. Conferencia inaugural. Ramón Villares: Paz Andrade na luz e na sombra
11:45 h. – 12:15 h. Tucho Calvo: Unha mirada de futuro no século XX.
12:15 h. – 12:45 h. Luís Cochón: Valentín, sempre ao seu aire.
12:45 h. – 13:15 h. Emilia García López: Aparición dun inédito: Diarios de viaje.
13:15 h. – 13:45 h. Coloquio.
16:30 h. – 17:00 h. Charo Portela: Valentín Paz Andrade, con Pontevedra ao fondo.
17:00 h. – 17:30 h. Xan Carballa: Os vellos galeguistas nunca morren.
18:00 h. – 18:30 h. Miguel Anxo Seixas: Castelao á luz de Paz Andrade.
18:30 h. – 19:00 h. Manuel Rivas: Paz Andrade: contra o cinismo.
19:00 h. – 19:30 h. Luís Bará: Historia de dúas cidades: Valentín Paz Andrade e o xornalismo pontevedrés e vigués de preguerra.
19:30 h. – 20:00 h. Coloquio.

Venres 14 de decembro
10:00 h. – 10:30 h. Gregorio Ferreiro Fente: A oración da montaña: Valentín Paz Andrade, poeta na Guerra Civil.
10:30 h. – 11:00 h. Ana Acuña: Valentín Paz Andrade e a escola lírica pontevedresa.
11:00 h. – 11:30 h. Xesús Alonso Montero: O poema «Na onde até Rianxo…»: dous antecedentes e uns escolios quizais pertinentes.
11:30 h. – 12:00 h. Luís González Tosar: América, estrela virxe. Achega á presenza de autores iberoamericanos na poesía de V. P. A.
12:30 h. – 13:00 h. Xosé Henrique Monteagudo Romero: A lingua e as ideas lingüísticas de Valentín Paz Andrade.
13:00 h. – 13:30 h. Coloquio.
16:30 h. – 17:00 h. Camilo Nogueira Román: …os anceios mariñeiros de Galiza.
17:00 h. – 17:30 h. Xavier Vence: A persistente marxinación de Galiza e a tarefa económica de Valentín Paz Andrade.
17:30 h. – 18:00 h. Xosé Manuel Beiras Torrado: A Galicia como tarefa en Valentín Paz Andrade.
18:15 h. – 18:45 h. Carlos Ramos Aguirre: Paz Andrade ou a racionalidade disidente: por unha idea activa de Galicia.
18:45 h. – 19:15 h. Xusto Beramendi: Paz Andrade no nacionalismo galego de entreguerras.
19:15 h. – 19:30 h. Coloquio.

Sábado 15 de decembro
10:00 h. – 10:30 h. Xosé Luís Axeitos: A Galicia do Galicia.
10:30 h. – 11:00 h. Carlos Paulo Martínez Pereiro: Valentín Paz Andrade, Guimarães Rosa e o achamento de certo Brasil.
11:00 h. – 11:30 h. Alfonso Álvarez Gándara: O noso Valentín.
11:30 h. – 12:00 h. Coloquio.
12:30 h. – 13:15 h. Conferencia de clausura. Darío Villanueva: O Valle-Inclán de Valentín Paz Andrade.
13:30 h. Clausura. Participación do Coro Tradicional Cantares do Brión (Vincios, Gondomar) que interpretará, entre outras pezas, Tríadas do vento no mar, de Valentín Paz Andrade.

Gustavo Pernas gaña o Premio Álvaro Cunqueiro e Raúl Dans o Barriga Verde

“6.000 euros en metálico e a “posibilidade” de que as obras sexan públicadas constitúen a dotación dos Premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais que concede a Consellaría de Cultura e Educación. E esa “posibilidade” depende “da decisión do futuro director de Agadic” explicou Manuel Guede, director do CDG e representante do conselleiro de Cultura en funcións. Díxoo na mesa na que se deu a coñecer os gañadores dos diferentes premios de escrita dramática concedidos por esa entidade: Gustavo Pernas faise co Álvaro Cunqueiro e Raúl Dans co Barriga Verde. Os premios Manuel María quedaron desertos.
“Benvido ao club dos Álvaro Cunqueiro” espetoulle Manuel Guede, que tamén recibiu este premio hai seis anos, a Gustavo Pernas (Viveiro, 1959). A súa obra Isobaras foi valorada polo xurado presidido por Manuel Vieites polo “interese da súa aposta formal, que foxe dos convencionalismos”. O autor, presente na comunicación pública dos gañadores, destacou a importancia deste premio “por ser un estímulo para a resistencia e porque nos dá a sensación de visibilidade”. Isobaras pretende, en palabras do seu autor “ser un mapa a e un retrato do noso tempo, elaborado a partir de oito personaxes baixo unha presión atmosférica, que transcorrren nun tempo de crise e que reflicte unha sociedade que está ao límite”.
O X Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade de rapaces foi para Raúl Dans (A Coruña, 1964) coa obra Un mosquito de nome Henry. O dramaturgo non estivo presente no acto por cuestións de traballo, pero deixou constancia do seu agradecemento por escrito e explicou que elaborou unha obra “con final feliz e con amor correspondido” que se alonxa un pouco da súa liña de traballo habitual, de teatro de adultos que falan de sentimentos de fracaso aínda que con optimismo.
A sétima edición do premios Manuel María de literatura dramática infantil así como a modalidade de textos para adulto do Barriga Verde quedou deserto.” Desde Cultura Galega.

Concurso para a elaboración da exposición sobre Roberto Vidal Bolaño

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, de conformidade co establecido no artigo 13 do Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro de 2012), con motivo do Día das Letras Galegas, convoca un concurso para a elaboración dunha exposición sobre a obra, época e lingua do autor homenaxeado en 2013 ─Roberto Vidal Bolaño─, e/ou sobre a situación sociolingüística da etapa histórica na que este viviu.

OBXECTIVOS

1. Potenciar o estudo da obra e da época de Roberto Vidal Bolaño.
2. Propiciar a reflexión sociolingüística sobre esta etapa histórica.
3. Fomentar a valoración das contribucións individuais e colectivas na dignificación e normalización da lingua galega.
4. Impulsar a realización de actividades que fomenten a colaboración interdepartamental e que potencien a implicación activa do profesorado e do alumnado.
5. Fomentar e difundir unha visión persoal por parte da comunidade educativa sobre a figura deste autor.
6. Enriquecer a oferta de materiais existentes en lingua galega e promover a súa divulgación como referentes para outros centros.

BASES

1. Participantes.
Poderán participar todos os centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aos que se refire a base segunda desta convocatoria.
2. Categorías.
Establécense dúas categorías:
a) Para os centros de educación infantil e primaria.
b) Para os centros de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, de formación profesional e para os restantes centros de ensinanzas especiais: ensinanzas artísticas (de arte dramática, de artes plásticas e deseño, de conservación e restauración, de danza, de deseño, de música), ensinanzas deportivas e ensinanzas de idiomas.
Os centros educativos nos que se imparta educación infantil, primaria e secundaria poderán concursar nas dúas categorías.
3. Eixe temático dos traballos.
O eixe temático da exposición será a obra e a época de Roberto Vidal Bolaño, observada dende unha perspectiva pluridisciplinar e onde o percorrido biográfico sexa só un pretexto para abordar unha realidade complexa e heteroxénea.
4. Forma de elaboración do traballo.
O traballo será interdepartamental. No caso dos centros de educación primaria, terase en conta a participación dos equipos de distintos ciclos.
5. Número e características dos carteis e da guía.
A exposición constará de:
– 10 carteis de 70 x 50 cm.
– Para cada cartel elaboraranse unha serie de actividades que guíen a súa observación e fomenten o labor de investigación do alumnado.
– Estas actividades xuntaranse á exposición en forma de guía ou cuestionario, cunha extensión máxima de 20 páxinas.
– A técnica para utilizar é libre e os traballos poderanse presentar a cor.
6. Premios.
Os grupos de traballo que elaboren as exposicións gañadoras recibirán cadanseu premio en metálico por importe de 2.500 €. Se a calidade dos traballos presentados non fose a axeitada, os premios poderán declararse desertos.
7. Presentación dos traballos.
Os traballos entregaranse en formato dixital pdf ou jpg, cunha resolución entre 100 e 200 píxeles/polgada, modo de cor cmyk, acompañados da reprodución impresa dun dos carteis, no Rexistro Central da Xunta de Galicia, nos das súas xefaturas territoriais ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Presentaranse baixo un pseudónimo ou lema identificador. Os datos do centro e os do grupo de traballo introduciranse nunha plica. No exterior desta figurará unicamente un pseudónimo ou un lema da exposición. Para os efectos de axilizar a recepción dos traballos, os centros poderán adiantar a proposta de carteis e de guía á Secretaría Xeral de Política Lingüística mediante o envío ao seguinte enderezo electrónico: sxpl.planificacion@xunta.es. Co obxecto de preservar a confidencialidade dos traballos á hora de ser avaliados polo xurado, o envío realizarase separando os arquivos coa proposta de traballos, aos que se lles dará un nome ou lema, do arquivo onde aparecerá o nome e datos do centro. A Secretaría Xeral de Política Lingüística entregaralle ao xurado unicamente os traballos identificados co lema ou nome que lle dea o centro. Unha vez que o xurado remate a súa valoración, unirase cada traballo co nome do centro que o elaborou. Esta forma de envío non exime os centros de entregar os traballos no rexistro oficial, tal e como se establece no primeiro parágrafo.
8. Prazo.
O prazo de presentación dos traballos remata o día 16 de xaneiro de 2013.
9. Xurado.
Para o ditame dos premios establecerase un xurado formado por:
– A persoa titular da Subdirección Xeral de Política Lingüística.
– A persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística.
– Un asesor ou asesora técnica encargado/a dos contidos educativos.
O xurado poderá contar cos informes dunha comisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles proxectos que coide pertinentes.
10. Criterios de valoración.
O xurado terá en conta os seguintes criterios de valoración:
– Ampliación da perspectiva de coñecemento do autor homenaxeado.
– Inclusión de actividades dirixidas a distintos ámbitos de coñecemento, ademais das correspondentes aos seminarios implicados.
– Nivel de implicación e incidencia na comunidade educativa.
– Carácter motivador e orixinalidade da proposta.
– Orde, claridade, coherencia e corrección gramatical na presentación.
11. Tratamento dos orixinais.
Os orixinais non premiados serán devoltos, sempre que os/as autores/as así o soliciten, por escrito, no prazo máximo dun mes a partir da data en que se faga pública a resolución do xurado. Os orixinais que non se retiren destruiranse.
12. Distribución das exposicións gañadoras.
A exposición de cada unha das categorías que resulte seleccionada será imprimida e distribuída en máis de 1.600 puntos de Galicia e do exterior, tales como centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais e casas da cultura, entre outros. Nela figurarán a imaxe gráfica da Xunta de Galicia e o nome do centro gañador.
13. Responsabilidades legais.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística quedará eximida de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión da lexislación vixente na que, en materia de propiedade intelectual, puidesen incorrer as persoas participantes.
14. Difusión dos traballos gañadores.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística reserva para si o dereito a organizar exposicións e/ou a exhibir, reproducir ou publicar a imaxe ou o contido dos traballos presentados, por calquera medio que se considere oportuno, sen máis limitacións ca as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual.
15. Propiedade intelectual.
O concepto creativo global do traballo é de explotación exclusiva da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Todos os materiais que se produzan pasarán a ser propiedade da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que poderá realizar as modificacións que, de acordo cos autores, melloren o resultado final e faciliten acadar os obxectivos desta convocatoria.
16. Modificacións.
Os centros gañadores deberán entregarlle á secretaría xeral os traballos presentados nun formato de alta resolución que permita realizar as modificacións que, de acordo cos autores, cumpra realizar.
17. Aceptación das bases.
A participación no concurso implica a aceptación destas bases. A Secretaría Xeral de Política Lingüística queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da interpretación das bases. O ditame do xurado será inapelable.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2012.

Valentín García Gómez
Secretario xeral de Política Lingüística

De costa a costa: historias do mar que amamos: Polafía na Guarda, o venres 16 de novembro

O venres 16 de novembro, ás 19:30 horas, no Centro Cultural da Guarda (Rúa Rosalía de Castro, 14), e con entrada libre, terá lugar unha nova edición das Polafías, baixo o título De costa a costa: historias do mar que amamos, e onde participan:

– Carmen Baz, redeira.
– Xurxo Chirro, Aproximacións modernas ao patrimonio.
– Xosé Lois Vilar, Talasonimia, os nomes do mar en Galicia e Portugal.
– Praxíteles González Martínez, Cavaqueiro do Rosal.
– José Benito Rodríguez González, “Tito Chirro” (mariñeiro).
– Xerardo Santomé e Camilo, Treboada de Tomiño.
– Maria Aurora Botao Pereira, O nascimento da pesca en V. P. de Âncora e o contributo de A Guarda.

– Música: Tino Baz e Grupo de Pandereteiras Xamaraina.

– Rimas populares lidas por Isidro Novo.

– Presenta: Jose Font, director de Radio Tui.

– Colaboran: Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! e Concello da Guarda.
– Co patrocinio de: Xunta de Galicia (Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria).

As polafías son un proxecto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.

As axudas á tradución chegan a 74 proxectos

“O Diario Oficial publicou o venres 26 de outubro a listaxe de proxectos que se benefician das axudas para tradución da Consellaría de Cultura, que contaron nesta xeira cun total de 167.999 euros. A liña afecta tanto a versións en galego de obras foráneas (92.429 euros) como a traslación a outras linguas desde a nosa (75.565 euros). Á hora de publicar novas obras para o galego, destaca a contía acadada por Editorial Danu, que con 41.180 euros de axuda verterá para a nosa lingua obras clásicas como Utopía de Tomás Moro, A través do espello de Lewis Carroll, de Pessoa ou traballos de Dostoievski, Pushkin ou Joyce entre outros. Tamén aposta por Joyce a editorial Galaxia, que lanzará a versión na nosa lingua do celebérrimo Ulises, ademais de publicar Mr. Gwyn, novo título de Alessandro Baricco ou A cea, de Herman Koch. Desde Positivas veremos as Iluminacións de Rimbaud mentres Urco Editora achegará un bo feixe de traducións de Lovecraft entre os seus lanzamentos.
No campo da tradución desde o galego destaca a aposta de Rinoceronte editora, que con 24.676 euros levará ao castelán dez obras de autores como Eva Moreda, Diego Ameixeiras ou Fran Alonso entre outros, ademais de abordar traducións para alemán, italano, xaponés e catalán. Galaxia aposta tamén por autores actuais para a exportación, e incorpora obras de Riveiro Coello, Begoña Caamaño e Xulia Alonso no seu catálogo en castelán. Destaca como curiosidade na listaxe as versións en búlgaro que Small Stations Press propón da Poesía completa de Lois Pereiro e de Aire negro de Agustín Fernández Paz.” Desde Cultura Galega.

Xavier Alcalá, Teresa Moure, Antón Riveiro Coello e Suso de Toro pasan a formar parte do Portico of Galician Literature

“O portal en internet para a literatura galega traducida ao inglés, Portico of Galician Literature, incorpora novos escritores e escritoras co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Xavier Alcalá, Teresa Moure, Antón Riveiro Coello e Suso de Toro xa forman parte deste proxecto, que ten como obxectivo ir medrando progresivamente para se converter nun referente da literatura galega para o mundo anglófono e, en xeral, para a proxección internacional da literatura galega. Este escaparate internacional da literatura galega a través da rede, promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, permite ler en inglés información destes escritores, xunto con sinopses da súa obra. O proxecto foi posto en marcha este ano con información sobre o autor Agustín Fernández Paz e cunha tradución dun fragmento da súa obra Aire negro.  Proximamente tamén estarán dispoñibles a través deste portal traducións de fragmentos das obras dos escritores que se acaban de incorporar, para poder dar a coñecer unha pequena, pero significativa, mostra dos seus traballos literarios.” Desde a Secretaría Xeral de Cultura.