Arquivos da etiqueta: Contos do mar de Irlanda
Xurxo Souto: “Non vivimos na periferia, senón no centro do mar, no medio da súa autoestrada principal”
Entrevista de Montse Dopico a Xurxo Souto en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Nada máis comezar [Contos do mar de Irlanda] dis que ti es terrícola, que nunca traballaches no mar. E que non estás con esa máxima de que “as cousas do mar non se contan na terra”, senón todo o contrario. Esa é a idea do libro?
– Xurxo Souto (XS): É a idea, si. É, xa o dixen outras veces, a miña resposta contra unha fraude. Quero facer agromar o que non nos aprenden na escola, nin nos medios de comunicación… Penso que temos que mudar a nosa visión da realidade do mar. Porque non vivimos na periferia, senón no centro do mar, como dixo o sabio Staffan Mörling. Unha vez preguntáronlle por que fora vivir á fin da terra e el respondeu iso, que vivía no centro do mar. Alén da importancia da pesca na nosa economía, estamos no centro da ruta da mariña mercante máis importante do mundo. Mais diso só nos decatamos cando pasa algo malo, como as mareas negras.
Estamos no centro da máis importante autoestrada do mar. Dinnos que o centro é París, ou Londres, ou Berlín, mais os barcos que van cara ao norte de Europa, desde África, desde o centro e o sur de América… pasan por aquí. O patrón de pesca Serafín Mourelle explica ben isto. Conta que os mariñeiros de Fisterra que veñen de Capetón (Capetown), ou de Bos Aires, cando van de ruta para Bremen, onde non os espera ninguén, asómanse para ver a súa casa ao pasar por diante dela… Non é casualidade que pasen cousas con pretroleiros nas nosas costas. É que estamos no medio dun fluxo económico brutal. (…)
– MD: Falas da poética do mar… E citas no libro non só músicos, senón escritores terrícolas como Manuel María ou Uxío Novoneyra, teatreiros como Manuel Lourenzo, pintores como Lugrís… Toda a arte que ten unha relación especial co mar.
– XS: Serafín apagaba as luces para ver as estrelas e ese pode ser o mellor momento para reflexionar na soidade infinita, para escribir… E o libro ten que ver moito con iso, coas emocións da xente do mar, como che dicía.Tamén son moi emocionantes as presentacións do libro: que alguén diga, como pasou, “é a primeira vez que conto isto en público”. É moi emocionante, e á vez terrible porque, como é posible que esas cousas non se contasen? Por iso é un libro vivo, que vai medrando co que aprendemos en cada presentación, co que a xente se vai animando a contar.
Falo tamén de músicos, de escritores, de pintores como Ksal que aquí pouca xente coñece. E entre todos eles van construíndo ese capital cultural do océano que está tan agochado. É un problema de desencontro que temos, coma tantos outros. Ademais, é a función das artes, tamén, conformar unha cosmovisión das cousas. Con Lugrís, por exemplo, temos unha relación especial: temos un colectivo, In Nave Civitas, que reivindica a súa obra. Ademais, ver o que significaban as historias do mar para un terrícola como Novoneyra axuda a cambiar a nosa perspectiva. Pensa por exemplo en Lisboa: a praza central está ao lado do mar, non no centro. Pois así tería que ser con nós. Aos ollos do mar, A Coruña e Vigo son a mesma cidade. (…)”
A Coruña: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
O xoves 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Nova Colón (Rúa San Andrés, 112) da Coruña, preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais. O acto, no que estará presenta o propio autor, está enmarcado na ruta Da Gaiteira a Monte-Alto. A viaxe ao Gran Sol sen saír da Coruña, nunha cita reencontrármonos co talento submarino de Urbano Lugrís e Antón Avilés de Taramancos. Parella prodixiosa cuxa presenza iluminou nos anos cincuenta estas rúas do centro da cidade (o poeta Antón Avilés residía nunha pensión na praza de Santa Catarina, Urbano Lugrís na propia rúa de San Andrés). Este acto quere ser tamén un adianto dos fastos do V Día Lugrís que se desenvolverá o vindeiro sábado, promovido por In Nave Civitas, Asociación O Mural e AELG, e que deixará como pegada gráfica, na veciña praza de Sellier, unha gran reprodución de dúas obras do propio pintor Urbano. Como sempre, alén da palabra, haberá toque de cornas e acordeón.
A Coruña: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, na Libraría Couceiro
O xoves 11 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro da Coruña (Praza do Libro, 12), preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais. O acto, no que estará presenta o propio autor, servirá tamén para dar a coñecer entre os terrícolas a talasonimia das augas que rodean á Coruña, “o Mar de María Antonia”, e honrar a memoria desta muller de Santa Lucía que lles deu nome.
Pontevedra: programa de actividades do Culturgal 2014
Taboleiro do libro galego XXVIII (novembro 2014), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí os libros galegos que gozaron dunha maior aceptación ao longo do pasado mes de novembro. A miña gratitude á ducia de librarías colaboradoras nesta ocasión: Trama, Paz, Casa do Libro de Vigo, Suévia, Miranda, Biblos, Andel, Cartabón, Libros para soñar, Pedreira, Aira das Letras e Lila de Lilith.
NARRATIVA
1º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais; e Dende o conflito, de María Reimóndez, Xerais.
2º-. Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga, Xerais.
3º-. Instrucións para tomar café, de Manuel Núñez Singala, Galaxia.
4º-. A vinganza do defunto, de Carlos G. Reigosa, Xerais.
5º-. Somnámbulos, de Suso de Toro, Xerais.
6º-. Hostal Norte, de Xosé Duncan (ilustracións de José María Picón), Urco.
POESÍA
1º-. Os inocentes, de María do Cebreiro, Galaxia.
2º-. Anamnese, de Eli Ríos, Sotelo Blanco.
3º-.Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
4º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
ENSAIO-TEATRO
1º-.Textículos dramáticos e posdramáticos, de Afonso Becerra de Becerreá, Laiovento.
2º-. Xavier Vence. Conversas, de Xan Carballa, Engaiolarte Edicións.
3º-. Eu estaba alí, Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
4º-. Crónicas dun tempo escondido, de Sabino Torres, Galaxia.
XUVENIL
1º-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
2º-. Reo, de Xesús Fraga, Galaxia.
3º-. O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, Xerais.
INFANTIL
1º-. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, Xerais.
2º-. Historia da bicicleta dun home lagarto, de Fina Casalderrey, Xerais.
3º-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso Diz e ilustracións de Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
4º-. A casa da mosca chosca, de Eva Mejuto, Kalandraka.
LIBROS CD-DVD
1º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras, Kalandraka.
2º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
3º-. CoraSons, Kalandraka
4º-. Té, chocolate, café, de Golfiños, Gestión Cultural.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. A causa do crime, de Tokio, Demo Editorial.
3º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.
OUTROS
1º-. Calendario Xerais 2015 (Xerais) e Luzes, nº 11, outubro 2014.
2º-. Cociñando con Benigno Campos, Galaxia.
Gondomar: Xurxo Souto visita o Clube de Lectura Sete Vidas con Contos do mar de Irlanda
O martes 2 de decembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, Xurxo Souto visita o Clube de Lectura Sete Vidas para falar sobre o seu libro Contos do mar de Irlanda, publicado en Xerais.
Ribadeo: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
Allariz: I Festival do Poemagosto
Marín: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
O xoves 13 de novembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca de Marín, preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais. O acto, organizado pola Asociación Queremos Galego de Marín, será tamén unha homenaxe a Tomé de Raxó e na memoria de José Dopazo Posse e Benito Lobeira, navegantes de Marín na auga do Gran Sol.