Montse Fajardo: “Na historia dos homes atopei o padecemento das mulleres”

Entrevista de Cristina Corral Soilán a Montse Fajardo en Diario de Marín:
“(…) – Diario de Marín (DM): Cantos anos leva falando de memoria histórica?
– Montse Fajardo (MF): A principios de século xa facía artigos sobre memoria no Faro de Vigo, así que levo uns vinte anos a voltas coa teima… Buf, como pasa o tempo.
– DM: Que a levou por ese rego?
– MF: Non podo coa inxustiza, non son quen de mirar cara a outro lado. E penso que poucas cousas foron tan inxustas como a de cubrir cunha lousa de silencio ás vítimas do franquismo ou, o que é aínda peor, intentar manchar a súa memoria impoñendo un relato manipulado. Por iso para min é tan importante a memoria, porque creo que axuda a reparar o dano e a construír unha sociedade mellor… A verdade é que foi un tema que sempre me interesou moito. Xa contei moitas veces que a miña avoa Pepita me contaba ás agachadas historias de veciñas ás que lle levaran o fillo, e aínda que eu era moi nena penso que a semente estivo aí, no seu empeño en non esquecer…
– DM: Que aportou á súa vida o se volcar neste tipo de proxectos relacionados coa memoria histórica?
– MF: Moi boa pregunta. Non sei o que puiden aportar eu á loita pola memoria pero si podo asegurarche que a memoria foi para min unha táboa de salvación nunha época complicada da vida… Separeime, perdín o traballo e de súpeto tiña outras dez avoas, dez matriarcas mimándome e acompañándome nas charlas sobre o meu primeiro libro. Matriarcas foi ademais o que me abriu a porta ao programa A memoria das mulleres do Concello de Pontevedra e, a partir de aí, tiven a sorte de poder dedicar a miña vida profesional ao que máis me satisfacía, que era investigar e divulgar a memoria. Así que, débolle moito.
– DM: Como de receptiva ve á sociedade cos temas da memoria?
– MF: Pois eu creo que moito máis do que pensamos. Tanto no concello como nos dous anos que pasei como técnica de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, puiden comprobar como o público enchía os actos que faciamos. Mesmo a xente moza amosaba moito interese nas charlas dos institutos. E o mesmo pasa arredor dos libros relacionados coa temática. Certo é que hai quen pensa: “aí está a esquerda coas batallitas dos avós” ou quen ten discursos demagóxicos contra gastar cartos en memoria, pero é un sentir minoritario. Estou convencida de que é máis a xente que valora que se fagan políticas públicas de memoria. (…)”

Finalistas da XIX edición dos Premios Frei Martín Sarmiento

Pontevedra: Salón do Libro 2023

PROGRAMA SALÓN DO LIBRO 2023

Lugo: Festival de Poesía das Lupercais 2023

A Coruña: actividades do 8 de agosto na Feira do Libro 2022

Pontevedra: Festa dos Libros 2022

Ferrol: programa da Feira do Libro 2022

Pontevedra: XXIII Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, 2022