Arquivos da etiqueta: Daniel Salgado
Compostela: presentación de O tigre na boca do lagarto, de Antón Dobao
Compostela: presentación de Libre de libro, do Leo
Compostela: presentación de A ferida imaxinaria, de Berta Dávila
A Coruña: recital de Daniel Salgado e Susan Briante no Ciclo Poetas Di(n)versos, o 29 de maio
Compostela: actividades do 5 de maio na Feira do Libro 2023
Compostela: presentación de Os seres queridos, de Berta Dávila
O público de aRitmar xa pode votar para elixir as mellores poesías do ano na Galiza e en Portugal, 2022
Compostela: presentación de A poesía como arte insurxente, de Lawrence Ferlinghetti, traducido por Daniel Salgado
Antón Baamonde: “Non lembro unha soa idea forza que Feijóo puxese na mesa”
Entrevista de Daniel Salgado a Antón Baamonde en O Salto Galiza:
“(…) – O Salto (S): Precisamente unha das teses centrais dunha Nova Olanda é a concepción de Galicia como cidade única. Pero o localismo, adoito funcional ao centralismo español, é aínda un factor activo.
– Antón Baamonde (AB): España é un país centralista, onde Madrid quere ser París. Pero Barcelona e Bilbo son tamén polos. Aquí había esa idea de Vigo como a Barcelona do Atlántico, ao meu ver errada. España é un país centralista pero foi historicamente policéntrico: a capital, Madrid, era política, pero a economía era Barcelona, Bilbo… E estaban Valencia ou Sevilla.
– S: É unha das grandes disfuncións do Estado español, politicamente centralista pero social, económica ou culturalmente plural.
– AB: Agora queren resolvelo implementando economicamente Madrid. O meu modelo máis ben é o holandés. Historicamente Galicia tamén foi policéntrica. Aquí non hai, nin é previsíbel que vaia haber, unha única cidade rectora. E o universo das comunicacións xa é outro. Cantos exemplos hai, empezando por min e a miña familia, de xente que vive na Coruña pero traballa en Santiago, ou vive en Vigo e traballa en Santiago, ou vai de Vigo a Pontevedra… (…)
– S: Por que esta realidade urbana e policéntrica acaba derivando a miúdo cara á competición e non cara á cooperación?
– AB: A palabra clave é cooperación. Ademais de admitir que o ámbito é Galicia e o norte de Portugal. Do punto de vista da loxística, da distribución… Se che interesa crear un mercado interno, agora que non existe fronteira política con Portugal, é evidente. Porque ves o mapa da Península Ibérica e está clarísimo: o eixe mediterráneo; no centro Madrid; e Galicia e Portugal, de Ferrol a Setúbal. Pero o poder político en Galicia ten que ver coas provincias agrarias. As cidades están gobernadas por binomios progresista e nacionalista.
– S: As cidades e as súas áreas metropolitanas.
– AB: Exacto. Pero o poder na Xunta ten que ver con esa poboación que en número é menor e a súa representación política é o PP.
– S: A relación entre Galicia e Portugal é un dos grandes tópicos da política galega. Todo o arco parlamentario asegura defendela. Pero nunca acaba de concretarse nunha estratexia clara, e logo a alta velocidade a Madrid acaba concentrando todo o debate.
– AB: De entrada, todos os expertos din que o AVE beneficia á cidade central. Un AVE Galicia-Madrid beneficia a Madrid. Segundo, un dos sentidos do meu libro é apuntarse ao modelo da España en rede. Pero o modelo da España en rede significa ter en conta Portugal e o que propón o seu primeiro ministro: conectar Portugal ao sur con Alxeciras e ao norte con Galicia e o Cantábrico. Se Galicia quere protexer a súa unidade de mercado e o seu aspecto estratéxico -no sentido de por exemplo mellorar o tráfico marítimo ou calquera parámetro- teno que facer con Portugal. Debería ser un eixe da política galega compartida polos tres partidos. A continuidade demográfica, económica e social con Portugal é obvia e evidente.
– S: E cultural.
– AB: E cultural, por suposto! Ese lazo é o que pode evitar que Galicia, aínda cun nivel de vida relativamente decente, siga perdendo peso demográfico ou económico.
– S: Por que esta cuestión non se concreta politicamente máis alá da retórica?
– AB: Feijóo é un mal xestor e unha persoa sen ideas. O que quería ser de maior, non sei se aínda está a tempo, era líder da dereita española. Todo o aparato institucional da Xunta e o seu organigrama político cultural púxoos ao servizo de non molestar a mentalidade dominante en Madrid. Este é un aspecto do problema. E logo o programa de goberno da oposición debería ser este, implementar as conexións por estrada, por tren, por avión, con Portugal. Non se trata dunha política de esquerdas ou dereitas, senón de puro medre económico e social. Na miña mente está relacionada cunha idea federal e policéntrica, pero tan sequera tes que ser federalista ou partidario dunha España policéntrica para defender este plan, abonda co puro argumento económico. (…)”