Desde
Sermos Galiza:
“Acompañada e querida tívose que sentir a escritora Marica Campo ao ir recibindo ás máis de duascentas persoas que se trasladaron de todas partes da Galiza para partillar na xornada que a República das Letras lle tributou. E non só desde o país. Desde Granada desprazáronse Aurora López e Andrés Pociña e desde o País Vasco chegou o amigo Xosé Estévez. Amigas e amigos da poesía como Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Xavier Rodríguez Baixeras, Marta Dacosta, Medos Romero, Margarita Ledo ou o propio Cesáreo Sánchez Iglesias participaron nos actos durante toda a xornada nos que tamén tomaron parte coñecidas figuras non só das letras senón tamén da política e o sindicalismo. Polo Incio estiveron Pilar García Negro, Bautista Álvarez, Francisco Rodríguez, Xosé Manuel Beiras, Mario Outeiro, Cosme Pombo, Silverio Rivas, Montse Prado, Mercedes Queixas, Estravís, Carme García Negro, Ramón Varela, Saleta Goi, Anxo Louzao, David Otero, Xosé Ramón Freixeiro Mato -autor da laudatio- e moita familia e veciños do Incio, a terra na que naceu Marica Campo e na que garda lembranzas da súa infancia e do seu achegamento á literatura.
Por aí discorreron os seus dous discursos, o primeiro na Casa do Concello, coa alcaldesa como anfitrioa e o segundo no Campo da Festa que leva xa o seu nome, pola relación co Val do Mao que fixo que se remitise á infancia feliz no que a literatura comezaba a gañar espazo. Marica Campo falou de maneira íntima e persoal, lembrando episodios familiares para os amigos e amigas, recoñecendo a súa intensa relación da lingua que coñeceu no Incio, o seu compromiso co idioma e as primeiras achegas a un mundo literario que a había acompañar ata hoxe. En diversas ocasións, a escritora tivo que parar, interrompida polas palmas que se manifestaron, de maneira especial, nos fragmentos nos que a autora reparaba na reivindicación do uso da lingua en tempos nos que as dificultades se incrementan.
No souto, o Campo da Festa, xa queda prendida unha placa que lle dá o nome da escritora a ese espazo que tantas lembranzas ten para ela, boas e malas, intensas fixo, daquelas que quedan para toda a vida porque forman parte da biografía de cada quen. Ao pé da igrexa, do singular camposanto cuberto e do campo de lecer e encontro, no que a música ecoa a través do tempo. Alí queda tamén o monolito cun poema da autora labrado na pedra, o Val do Mao, primeira composición do primeiro libro, poema inaugural da traxectoria literaria da ilustre veciña do Incio.
“Na súa traxectoria literaria e cívica transparece o firme compromiso coa Galiza, patria asumida e sempre reivindicada, e coa causa da xustiza e da solidariedade. Espírito libre, aberto e xeneroso, Marica Campo comprométese en cada texto coa calidade e dignificación artística da lingua, máis outra forma, en fin, de fidelidade e amor á Terra” dixo Xosé Ramón Freixeiro Mato, autor da laudatio coa que homenaxeou á autora.
Tamén Cesáreo Sánchez, que pronunciou dous discursos nos dous actos da xornada, se dirixiu a Marica Campo para dicir: “Na túa palabra que é idioma na súa máis fonda raíz vai a tranparencia do río primeiro de primavera, vai o noso presente que escoitamos nos ecos da memoria que son patria. E no teu Eu cabe o Nós que contén todos os seres que somos sen nós saber”.”
Arquivos da etiqueta: David Otero
A Estrada: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez
O
mércores 22 de maio, ás 21:00 horas, no Museo do Moble e da Madeira da Estrada (Avenida Benito Vigo, 92), preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial, o Concello da Estrada, a Biblioteca Antón Losada Diéguez, e o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Losada Diéguez, participan, xunto ao autor, Xoán Carlos Garrido, David Otero e Manuel Bragado.
Convocado o I Concurso de Microrrelatos OZOCOGZ
O<img class="alignleft size-full wp-image-33719" title="I Concurso Microrrelatos I Concurso de Microrrelatos OZOCOGZ está promovido por esta entidade, coa colaboración de Libraría Escolma do Carballiño, Libraría Aira das Letras de Allariz, Livraria Suévia da Coruña, Marta Dacosta, Paula Carballeira e David Otero. O prazo para participar remata o 25 de abril de 2013, realizándose desde o seu perfil de facebook.
As bases completas pódense consultar aquí.
Sigüeiro (Oroso): presentación de Perspectivas sobre Bóveda
O
venres 18 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Sigüeiro-Oroso (Rúa da Cultura, s/n.), preséntase o libro Perspectivas sobre Bóveda: Ensaios e poemas polo seu 75º cabodano, publicado pola A. C. Alexandre Bóveda, no que participaron os seguintes autores: Pilar García Negro, Xosé Antón Pena Beiroa, Victorino Pérez Prieto, Xusto Beramendi, Engracia Vidal Estévez, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel e David Otero. No acto intervirán Manuel Mirás Franqueira, Xosé Manuel Sanchez Rei, Presidente da Asociación e editor do libro; Uxío Breogán Diéguez-Cequiel e Valentín García Bóveda.
Santiago: homenaxe a Isaac Díaz Pardo
Desde
Praza:
“En 1954 Lorenzo Varela, grande amigo de Isaac Díaz Pardo e homenaxeado nas Letras Galegas de 2005, publicou un poema no seu libro Lonxe titulado Compañeiros da miña xeneración mortos ou asasinados. Nel, Varela escribe que “gardo, coma un morto, no centro do silenzo, da sede, da agonía, o día que vos poda levar á sepultura unha cesta de pombas e mazás”.
Iso é o que un grupo de amigos e admiradores de Isaac queren facer este sábado 5 de xaneiro a partir das 12:30 h. do mediodía no cemiterio compostelán de Boisaca, onde Díaz Pardo foi soterrado hai agora un ano. O acto cívico, organizado pola Academia Real Isaac Díaz Pardo, contará coa participación de poetas, escritores e outras figuras destacadas, unidas pola estreita relación que tiñan co intelectual. Falarán Carmen Blanco, David Otero, Laura Pérez Landeira, Luz Pozo, Julián Rodríguez, Claudio Rodríguez Fer, Helena Villar Janeiro, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Axeitos, Xosé María Dobarro Paz, Inma López Silva, Martiño Noriega, Charo Portela, Xesús Redondo Abuín ou Fernando Salgado. E porán a música A Quenlla, as gaitas de Manuel Castro Basteiro e Elisardo González López e os violins de Laura e Marina Quintillán.
O poema de Lorenzo Varela será recitado por Xosé Ramón Fandiño. E como afirma Xesús Alonso Montero “morrese Díaz Pardo de morte morrida ou de morte matada, Lorenzo Varela non lle furtaría o agasallo das mazás e das pombas”. E Alonso Montero conclúe “nese intre as pombas recuperarán a liberdade e as mazás, co seu recendo, traducirán , ao seu xeito, o agarimo e a admiración dos asistentes ó acto. Valle Inclán, soterrado a poucos metros, aplaudirá sen reservas a nosa admiración e o noso agarimo, que serán perpetuos”.”
Santiago: presentación do libro Premios Pedrón de ouro 2010-2011
“O
xoves 25 de outubro, ás 19:45 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Premios Pedrón de Ouro, publicado por Toxosoutos, volume que engloba os relatos premiados nas edicións correspondentes aos anos 2010 e 2011. No acto intervirán Agustín Agra, Xosé Alfredo Naz, Amancio Liñares, David Otero e Xosé Ramón Fandiño, e posteriormente haberá unha sesión de contacontos con Celso Fernández Sanmartín.” Desde Fervenzas Literarias.
Vilalba: Celebrando a obra de Margarita Ledo Andión
O
sábado 15 de setembro terá lugar unha homenaxe á obra de Margarita Ledo Andión. O programa de actos é o seguinte:
– 12:00 h. No Muíño do Rañego en Vilalba. Táboa redonda coa participación de María do Carme García Negro, Xosé López García, Xosé Ramón Pousa, Eva Veiga e David Otero.
Posteriormente, no Paseo dos Soños, inaugurarase o 7º Hectómetro literario, obra de Valdi.
– 14:30 h. Xantar de irmandade na Nova Ruta de Vilalba.
Posteriormente, intervención musical de Mini e Mero.
Para máis información ou apuntarse ó xantar, o público interesado pode chamar ao número de teléfono 646413890.
Santiago: presentación de No papel que mudo escoita, de Baldomero Iglesias, Mero
O
xoves 31 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo) de Santiago de Compostela, preséntase o libro No papel que mudo escoita, de Baldomero Iglesias, Mero, publicado pola Irmandade Manuel María. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Lois García, Mini Rivas, Xulio Xiz, Alfonso Blanco, David Otero e Sabela Arias, contando coa participación musical de Raúl Galego.
A Coruña: presentación de Perspectivas sobre Bóveda: Ensaios e poemas polo seu 75º cabodano
O
xoves 26 de xaneiro, ás 20:30 horas, no salón de actos da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro Perspectivas sobre Bóveda: Ensaios e poemas polo seu 75º cabodano, no que participaron os seguintes autores: María Pilar García Negro, Xosé Antón Pena Beiroa, Victorino Pérez Prieto, Justo Beramendi, Engracia Vidal Estévez, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel e David Otero. A obra foi publicada pola propia Asociación. O acto será presentado polo editor do libro, Xosé Manuel Sánchez Rei.
Coñécense as obras premiadas no XXXVII Premio Modesto R. Figueiredo de relatos
“A Fundación Pedrón de Ouro elixiu Rianxo como lugar da entrega da edición número trinta e sete do Premio Modesto R. Figueiredo de relatos para, segundo explicou o seu presidente, ser partícipes da conmemoración do 125 aniversario de Castelao. A proposta tivo boa acollida no Concello, e o vindeiro día 30 farase entrega do galardón no auditorio municipal. Onte tivo lugar, na vila rianxeira, a reunión do xurado, que acordou premiar o traballo de Amancio Liñares Giraut Coreografía Obama. Xosé Ramón Fandiño, presidente da Fundación Pedrón de Ouro, destacou do traballo gañador que é unha obra “moi vangardista, moi ben artellada e moi ben escrita. Pensamos que é unha gran aportación á nova narrativa galega”. O gañador recibirá 1.000 euros en metálico como premio e a publicación do seu relato.
O xurado tamén quixo destacar outros traballos dos 39 que se presentaron ao certame concedendo dous accésits que foron para Frío azul, de Ledicia Costas, e para Eco da afasia, obra de Xaime Domínguez Toxo. Ámbolos dous recibirán 400 euros e a publicación dos seus relatos xunto co gañador. Fandiño, Anxo Angueira, Agustín Agra, Tucho Calvo, Esther Carrodeguas, David Otero e Xesús Santos, como coordinador, formaron o xurado encargado de fallar esta edición do Premio Modesto R. Figueiredo, que se entregará nun acto no que participará o escritor e académico rianxeiro Xosé Luís Axeitos.” Vía La Voz de Galicia e Certo.
