O
sábado 7 de novembro, a partir das 12:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos van nomear a David Otero “Chairego de Honra”, un recoñecemento polo seu labor de espallador das esencias da Terra Chá por todas as comarcas do país. Os actos comenzarán a esa hora na Casa da Cultura, cunha táboa redonda na que van intervir Helena Villar, Xoán C. Garrido, Héitor Picallo, Mini e Mero, Xabier P. DoCampo, Alfonso Blanco e Xulio Xiz… Despois do xantar haberá un concerto de Mini e Mero e o Gaiteiro Nubeiro Raúl Galego.
Para apuntarse ao xantar, é preciso chamar ao teléfono 646413890 ou enviar un correo electrónico a xermolos@xermolos.org
Arquivos da etiqueta: David Otero
Silvia Penas obtén o XIX Premio de poesía Avelina Valladares
Outeiro de Rei: Memoria da Chaira Enteira 2015, o martes 8 de setembro
Eli Ríos gaña con Remexido de patacas o premio Modesto Rodríguez Figueiredo
Desde
Faro de Vigo:
“A escritora galega nada en Londres, Eli Ríos, coa súa obra Remexido de patacas, foi a escollida como gañadora do certame galego de narracións breves Premio Modesto Rodríguez Figueiredo tras o fallo do xurado reunido o sábado 27 de decembro en Catoira. O premio, organizado pola Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro coa colaboración, nesta corenta edición, do Concello de Catoira.
O xurado estivo presidido por Xosé Ramón Fandiño Veiga, presidente do Pedrón de Ouro. Actuou como secretario o escritor David Otero. Tamén participaron no veredito os escritores Antonio Reigosa, Isidro Novo, Anxos Sumai e o crítico literario Armando Requeixo, en representación das diversas institucións que colaboran como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o PEN Clube de Escritores e Escritoras de Galicia, Concello de Catoira e o Pedrón de Ouro.
A obra gañadora levará 1000 euros, que nesta ocasión recaerán en Eli Ríos. O xurado, e dada a alta calidade estimada nos textos presentados, decidiu conceder tamén dous accésit, dotados de 400 euros cada un, ás narracións Boxcar blues, do ribeirense Antonio Piñeiro, e a Gran Sol, do compostelán César Carracedo.
O acto de entrega terá lugar o sábado 17 de xaneiro no concello catoirense.”
Bandeira: presentación de Vagalume de versos, de María Canosa
Agolada: Magosto poético e literario nos Pendellos
Rafael Lobelle gaña o Premio Avelina Valladares 2014
O xurado que outorga ou galardón de poesía Avelina Valladares reuníuse na tarde do martes 9 de setembro na casa consistorial da Estrada para decidir que a décimo oitava edición deste premio fose a parar ás mans do xove escritor Rafael Lobelle.
O xurado, composto por Neves Soutelo Vázquez, David Otero Fernández, Xosé Luna Sanmartín e Dolores Araújo Arias destacou do poemario deste mozo que afonde sobre ou camiño da vida, cunha rica construción poética dende ou idioma asumido que reflicte un uso de camiño á normalización. Para decidir o gañador tamén foi importante percibir as numerosas referencias que o autor fai na súa obra aos poetas galegos, sobre todo aos da nova xeración.
Lobelle aínda está comezando no mundo da literatura, pero na súa curta carreira xa colleitou tres galardóns máis, o Xuventude Crea nas súas edicións de 2012 e 2013 e o premio Díaz Jácome que convoca o Concello de Mondoñedo.
A obra gañadora, que participaba baixo o lema Zarapelo, impúxose así aos outros 14 textos que entraron a concurso, conseguindo ser a agraciada dúas 2.000 euros en metálico que ten adxudicados este premio e a publicación dá obra.
O acto de recoñecemento público e a entrega dous premios a Rafael Lobelle farase durante a celebración da vindeira festa da poesía que terá lugar durante o mes de decembro.”
Rianxo: curso Ó redor de Castelao, dirixido por Carlos Mella, do 28 ao 31 de xullo
O
curso da Universidade de Santiago Ó redor de Castelao terá lugar entre o 28 e o 31 de xullo, no Auditorio do Pazo de Martelo en Rianxo, sendo cofinanciado pola Deputación da Coruña, o Concello de Rianxo e a Fundación Castelao.
Tendo como director a Carlos Mella, e secretario a Marcial Gondar, contará cun total de 15 horas lectivas, co seguinte programa:
28 de xullo
– 11:00 h. Inauguración do curso.
– 12:00 h. Castelao e a política, por Xusto Beramendi.
– 13:30 h. Coloquio.
– 17:00 h. Mesa redonda: A visión política de Castelao, moderada por Amancio Liñares Giraut, cos relatores Carlos Mella, Marcial Gondar e David Otero.
– 18:30 h. Ruta guiada polos lugares máis importantes na vida de Castelao.
29 de xullo
– 10:00 h. Castelao e o home galego, por Marcial Gondar.
– 12:00 h. Castelao e o mundo da muller, por Encarna Otero.
– 13:00 h. Coloquio.
– 17:00 h. Mesa redonda sobre os retratos de negros, moderada por Miguel Anxo Seixas, cos relatores Amancio Liñares Giraut, David Otero e Anxo Tarrío
– 19:00 h. Ruta guiada pola ría.
30 de xullo
– 10:00 h. A manifestación artística en Castelao, por Miguel Anxo Seixas.
– 11:30 h. Coloquio.
– 12:30 h. Mesa redonda sobre o relato curto en Castelao, moderada por Esperanza Mariño Dávila, cos relatores Carlos Mella, Marcial Gondar e Encarna Otero.
– 17:00 h. Ruta guiada polos museos de Dieste e Manuel Antonio.
31 de xullo
– 11:00 h. A visión económica de Castelao, por Carlos Mella.
– 11:30 h. Coloquio.
– 13:00 h. Clausura do curso.
A cerdeira de Xabier P. DoCampo xa medra na Chaira
Desde
Sermos Galiza (foto dese mesmo medio), tamén en Praza:
“Con só sete meses Xabier P. DoCampo, nado en Rábade, foi vivir a Castro de Ribeiras de Lea de onde se sitúan as súas lembranzas da infancia, o tempo de máis importancia vital para o escritor. En Castro de Ribeiras de Lea, na Terra Chá, orixínase tamén a súa traxectoria literaria, nos relatos escoitados a seu pai e nos versos e contos que a nai transmitía á pé da súa máquina de coser, onde o cativo Xabier pasaba un feixe de horas. A ese espazo é onde Xabier P. DoCampo escolleu ir para recibir a homenaxe O escritor na súa Terra que este sábado día 21 lle tributou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. “O acto de amor máis sublime que coñezo é contar unha historia”, dixo o escritor, referíndose tamén á herdanza recibida dos seus pais en forma de literatura oral.
En Castro plantou Xabier P. DoCampo unha cerdeira, a súa árbore preferida, en especial, no seu tempo florido e tamén a árbore que lembra da infancia, cando soñaba poñerse debaixo das súas ponlas a apañar as primeiras cereixas. En Castro inaugurou tamén unha avenida que leva xa o nome do escritor e recibiu a letra E, na forma de escultura de Silverio Rivas. Na Casa da Cultura recibiu o escritor o agarimo dos seus, dos compañeiros e compañeiras das letras que partillaron a memoria de infancia de Xabier P. DoCampo e, en especial, do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, e do escritor e amigo Agustín Fernández Paz, encargado da laudatio da homenaxe.
En dez mandamentos resumiu Fernández Paz o labor de Xabier P. DoCampo que vai desde unha traxectoria literaria recoñecida até un papel fundamental nos movementos de renovación pedagóxica e de moito compromiso en multitude de iniciativas e plataformas creadas para promover a normalización lingüística. Ademais, bo cociñeiro e excelente amigo co que compartiu, entre outras cousas, moitas películas vistas ao tempo, afección que tamén os une. Compañeiro da que Xabier P. DoCampo definiu como a xeración que volveu a “soñar o país”, Agustín Fernández Paz utilizou o plural para lamentar que agora lles tocara “ver que doado é derrubar todo o que levou tantos anos erguer”.
Malia ese pesimismo compartido, a intervención de Xabier P. DoCampo transmitiu a súa vontade vital de revolta da que tanto saben quen o coñecen e quen sigue a súa traxectoria pública de compromiso permanente co país, a lingua e a cultura. “Ningún esforzo é inútil na defensa da nosa lingua”, dixo, nun discurso que comezou referíndose a súa infancia, evocada pola Chaira como territorio literario creado por Manuel María -segundo defende- e como territorio vital que remite aos seus primeiros anos, ao tempo do neno da escola rural que se ía facer escritor empurrado pola lingua e as historias que escoitou naquela terra. O amor á lingua, á nación e a vida presidiron a emocionante intervención do escritor que volveu e levou canda el á República das Letras a Castro de Ribeiras de Sil onde xa medra unha cerdeira que formará parte da paisaxe da Chaira.
Acompañaron no acto a Xabier P. DoCampo entre outros e outras Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Miranda, Manuel Bragado, Álvarez Torneiro, Marta Dacosta, Saleta Goi, David Otero, Xoán Costa, Paco Martín, Celia Torres, Mini e Mero, Carlos Negro, Marica Campo, Carme Pérez Sanjulián, Antón Cortizas ou Mercedes Queixas. Do mundo da política asistiron tamén o responsábel de cultura da Deputación de Lugo, Mario Outeiro e as deputadas do BNG Ana Pontón e Carme Adán ademais dos alcaldes de Rábade, onde naceu o escritor, e o de Castro de Rei que desexou que da cerdeira naceran tantas cereixas como libros escribiu e escribirá Xabier P. DoCampo. O escritor desexou que foran os merlos os que se aproveitaran do gorentoso froito.”
Mondoñedo: recital poético-musical Mondoñedo é poesía
Desde
Sermos Galiza:
“O Grupo Literario Leiras Pulpeiro (GLLP) e a Asociación As San Lucas, responsable da organización das Feiras e Festas das Quendas 2014, preparan para o vindeiro 1 de maio un recital poético-musical denominado Mondoñedo é poesía.
Alicia Fernández, Carlos Negro, David Otero, Dores Tembrás, Henrique Rabuñal, Iolanda Aldrei, Isidro Novo, José Juan Ferrero, María Xosé Lamas, Marica Campo, Mario Regueira, Baldomero Iglesias “Mero”, Olalla Cociña, Paco Rivas, Toño Núñez, Xabier Cordal, Xacobo Casal, Xaime Oroza e Xoán Xosé Fernández Abella recitarán no encontro “Mondoñedo é poesía” que contará tamén coa música de Miro Casabella e César Morán, que interpretará poemas de Manuel Leiras Pulpeiro.
Rúas e outros espazos da localidade faranse eco da nova poesía tomando relevo á tradición literaria de Mondoñedo, e evocarán a súa condición creativa vinculada a nomes de relevancia da historia poética galega como Noriega Varela, Álvaro Cunqueiro, Xosé Díaz Jácome ou Manuel Leiras Pulpeiro ademais da coñecida como Escola Poética do Seminario de Mondoñedo no que se inclúen nomes como Xosé Crecente Vega, Aquilino Iglesia Alvariño ou Xosé Díaz Castro. Para reforzar a idea de “concello literario”, as entidades organizadoras lembran que en Mondoñedo se convocan dous premios anuais, o Premio de Poesía Díaz Jácome e o Premio de Poesía Leiras Pulpeiro.
O programa iniciarase ás 13:00 cunha recepción institucional no concello para, despois do xantar, por volta das 18:00 horas comezar os recitais seguindo un itinerario por lugares singulares e de relevancia histórica e literaria como son o Cemiterio Vello, a Praza do Concello, a Praza da Catedral, a Fonte Vella, O Cristo e a Praza Jaime Cabot. A seguir, ás 19:30 será o Auditorio Pascual Veiga o que acolla o recital poético-musical coa intervención de poetas e músicos. O Grupo Literario Leiras Pulpeiro (GLLP) máis a Asociación As San Lucas queren que o 1 de maio Mondoñedo sexa a “capital galega da poesía”.”



