Gonzalo Hermo gaña o XXII Premio Miguel González Garcés de poesía da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O poeta Gonzalo Hermo resultou gañador do XXII Premio Miguel González Garcés de poesía, organizado pola área de cultura da Deputación da Coruña. O xurado decidiu premiar a súa obra Un xesto de tenrura entre as 129 propostas presentadas, das que destacaron a súa “elevadísima calidade”.
A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado que integraron Yolanda Castaño Pereira; Pablo Otero Rodríguez; Míriam Ferradáns Ferradás; Samuel Merino Gómez e Oriana Méndez Fuentes. Como secretaria actuou Manuela Muñiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes.
O xurado destacou que a obra gañadora “propón unha poesía introspectiva e depurada, onde a linguaxe rica e evocadora se achega á súa forma máis pura, eliminando excesos e retóricas para lograr unha obra de precisión sensorial”. Ademais, salientaron que “ofrece unha experiencia poética completa, cunha estrutura ben meditada, que conxuga a beleza da palabra coa profundidade do pensamento”.
Concluíron que “marca unha achega significativa á poesía contemporánea en galego, e amosa o xeito en que encarar a idade adulta comporta adoito o desvencello, pero que a luz da soidade pode ser unha forma de liberdade tamén”.”

Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera, é a proposta premiada no VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal

O 27 de outubro de 2024, o xurado do VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, dentro da IX Xornada da Sección de Literatura Dramática, formado por Afonso Becerra Arrojo, en representación da AELG; Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía Castro da Coruña e Membro da Xunta Directiva de La Red do Estado español; Célia Maria Guido Mendes, en representación do Camões–Centro Cultural Portugués en Vigo; e Roberto Pascual, dramaturgo, docente e investigador; despois de deliberar tras ter presenciado as propostas achegadas e recibir as votacións dos grupos participantes, decidiu que a peza premiada coa posibilidade da súa estrea nalgún dos espazos teatrais da cidade da Coruña ao longo de 2025-2026 sexa:

NINGUÉN TIRA FOTOS NOS ENTERROS, de Carlota Mosquera.

Ferrol: xornada de portas abertas do Obradoiro creativo de poesía tradicional Eu cantar cantar cantei…, o 2 de novembro

O Obradoiro creativo de poesía tradicional Eu cantar cantar cantei…, impartido por Antón Cortizas Amado e cunha sesión especial con Ricardo Casás e Xurxo Souto, é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, actividade subvencionada pola Deputación da Coruña, coa colaboración da Asociación Veciñal de Canido e o Concello de Ferrol.

A poesía naceu da oralidade e da socialización, e grazas á tradición hoxe somos quen de cantar do xeito que colectivamente somos. No ano próximo o día das letras galegas estará dedicado á poesía de tradición oral; nós, que tamén somos tradición, sacaremos á luz a melodía e a beleza das palabras que levamos dentro. E farémolo convertendo o noso nome en metáfora e a nosa voz en melodía, e brincaremos coas palabras utilizando a ferramenta das nosas mans e da música que nos mergulla no humilde mar da nosa esencia.

A sesión especial, coa presenza de Richi Casás e Xurxo Souto, terá lugar o sábado 2 de novembro, de 11:00 a 13:30 h. na Biblioteca do Centro Cívico de Canido, en Ferrol (Rúa Poeta Pérez Parallé).

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Propostas escollidas para o VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal

Estas son as propostas escollidas para o VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, organizado pola AELG co apoio do Concello da Coruña, CEDRO, o Camões-Centro Cultural Português em Vigo, e a subvención da Deputación da Coruña.

O 21 de outubro de 2024, tras varias deliberacións a través de medios virtuais, o xurado do VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, formado por Afonso Becerra Arrojo, en representación da AELG; Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía Castro da Coruña e Membro da Xunta Directiva de La Red do Estado español; e Célia Maria Guido Mendes, en representación do Camões–Centro Cultural Portugués en Vigo, decidiu que as pezas escollidas para esta nova edición do Festival, que terá lugar o 27 de outubro na Coruña, sexan as seguintes:

Propostas galegas escollidas para o VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024 (por orde alfabética do nome da proposta):
A VELHA BERIMBAU, de Sol Mariño.
EN CARNE VIVA, de Andrea González García.
NÉMESE EN TRÁNSITO, de Paula Sanmartín Juncal.
NINGUÉN TIRA FOTOS NOS ENTERROS, de Carlota Mosquera.

Propostas portuguesas escollidas para o VII Festival Peças de um Teatro do Porvir 2024 (por orde alfabética do nome da proposta):
CARTA À MÃE, de Luís Campião.
POR FAVOR NÃO MEXER/POR FAVOR NÃO TOCAR. de Nuna.
UMA HISTÓRIA, de Isabel Milhanas Machado.

O xurado quere manifestar a súa alta valoración de todas as propostas chegadas, 10 galegas e 4 portuguesas, seguindo as bases da convocatoria, dispoñíbeis aquí.

IX Xornada da Sección de Literatura Dramática. VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal


A IX Xornada da Sección de Literatura Dramática. VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, organizada pola AELG co apoio do Concello da Coruña, CEDRO, Deputación Provincial da Coruña e Camões-Centro Cultural Português em Vigo, terá lugar o domingo 27 de outubro de 2024 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, baixo o título de As artes escénicas diante do ascenso das ultradereitas. A entrada é libre e gratuíta para calquera persoa interesada que queira acudir como público.

As Xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG naceron con vocación de poñer en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.
Desde sempre, as artes vivas, especialmente o teatro e tamén a danza, utilizan o movemento, a emoción e, en moitos casos, a acción verbal, a palabra, para contestar, reivindicar, apuntar ou interrogar á comunidade que congregan sobre aspectos fundamentais da actualidade.
Co paso do tempo, démonos conta de que o impulso necesario debía poñerse no apoio e fomento de novos proxectos escénicos a través dunha convocatoria e mostra dos mesmos, dentro dunha xornada para compartir, analizar e debater. Así naceu, no seo das xornadas, o Festival Pezas dun Teatro do Porvir: Galiza + Portugal. Trátase dun festival único en Galiza para impulsar e analizar pezas que están en proceso de creación e que buscan abrir e compartir ese proceso con outras persoas, cun público, e con especialistas en artes escénicas. Ao mesmo tempo, tamén se procura tender pontes, dentro do Eixo Atlántico peninsular, coa veciña Portugal.
En todas as edicións deste evento sempre puxemos especial atención en dedicar un espazo para traer algunha personalidade relevante do mundo das artes escénicas que nos brinde o seu coñecemento sobre algún aspecto candente ou de actualidade. Ademais, esa personalidade tamén é convidada a ver e, se así o considera, intervir nas conversas de análise sobre cada un dos proxectos escénicos seleccionados, participando, incluso, no Xurado que vai valorar a posibilidade de premiar cunha estrea nun teatro algún dos proxectos presentados no Festival.
Por tanto, dentro do programa incluímos unha Masterclass sobre un tema relevante. Para esta edición de 2024 propuxemos o tema “As artes escénicas diante do ascenso das ultradereitas”. Unhas das premisas fundamentais para a creación escénica é a liberdade. Por outra banda, no caso das artes vivas (teatro, danza, circo e formas híbridas) a súa esencia é a do encontro comunitario, no que non só se trata de entreter, senón tamén de transcender a nivel de coñecemento e de espírito crítico, fomentando a emancipación das persoas.
Parécenos que é importante reflexionar sobre cales son os desafíos e os perigos que deben enfrontar as artes escénicas neste contexto. Para iso, o noso convidado de honra vai ser Roberto Pascual, dramaturgo, investigador, docente e director artísticos durante unha década e media (2009-2024) da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, quen se ten caracterizado por realizar programacións cun alto compromiso humano respecto aos valores de liberdade, diversidade e inclusión de colectivos marxinalizados. Así o fixo tamén na súa ópera prima, coa que acadou o Premio Rafael Dieste de textos teatrais en 2021, titulada Sophie non é o meu nome de guerra.

VII FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR, GALIZA + PORTUGAL 2024

Estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, están a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os escenarios. Cómpre facilitar, visibilizar, abrir espazos de encontro para compartir eses procesos de creación e para encontrar unha complicidade e un diálogo que poida potenciar esas pezas en construción. Ademais, queremos procurar o diálogo coas inquedanzas que, neste ámbito, podemos compartir coas dramaturgas e dramaturgos de Portugal, reforzando os lazos de irmandade que se remontan á orixe común da nosa lingua.
Nesta sétima edición do festival acollemos 7 proxectos (4 galegos e 3 portugueses), que serán amosados e compartidos en público.
Desa selección, logo das presentacións no VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, a comisión organizadora da AELG, Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Célia Guido Mendes, en representación do Camões-Centro Cultural Portugués em Vigo, e o convidado de honra, Roberto Pascual, contando co voto emitido polos propios participantes, premiarán proxecto(s) coa posibilidade da súa estrea. Non obstante, este premio podería quedar deserto, se o xurado así o considerase.

PROGRAMA

DOMINGO 27 DE OUTUBRO

10:00 h. Apertura da Xornada a cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e representantes das institucións colaboradoras.

VII Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (mañá).

– 10:30 h. Nuna. Por Favor não mexer/Por favor não tocar.

11:00 h. Intervalo.

– 11:15 h. Paula Sanmartín. Némese en tránsito.

– 11:45 h. Intervalo.

– 12:00 h. Andrea González García. En carne viva.

– 12:30 h. Intervalo.

– 12:45 h. Aula maxistral a cargo de Roberto Pascual.

VII Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (tarde).

– 16:30 h. Isabel Milhanas Machado. Uma história.

– 17:00 h. Intervalo.

– 17:15 h. Luís Campião. Carta à mãe.

– 17:45 h. Intervalo.

– 18:00 h. Carlota Mosquera. Ninguén tira fotos nos enterros.

– 18:30 h. Intervalo.

– 18:45 h. Sol Mariño. A Velha Berimbau.

– 19:30 h. Deliberación, por parte do Comité de Selección do Festival, formado por Afonso Becerra de Becerreá, Vogal de Literatura Dramática da AELG, Xosé Paulo Rodríguez, Director do Teatro Rosalía Castro da Coruña e Membro da Xunta Directiva de La Red do Estado español, Célia Guido Mendes, en representación do Camões-Centro Cultural Portugués em Vigo; e Roberto Pascual, contando cos votos emitidos polas/os creadoras/es dos proxectos escénicos presentados.