Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Un curso máis, comeza a andaina da Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados dende o comezo do verán ata aquí.»
Arquivos da etiqueta: Dores Tembrás
Betanzos: presentación de Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás
A Coruña: actos literarios destacados do domingo 3 na Feira do Libro
O
domingo 3 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:
– 13:00 h. Actividade infantil. Presentación do album ilustrado …3, 2, 1 … de Pepablo Patinho e Dani Padrón, publicado por Edicións Embora.
– 13:00 h. Presentación do libro Textículos dramáticos, do escritor Afonso Becerra, publicado por Laiovento. Xunto co autor, participará no acto Francisco Pillado. Os actores Gloria Rico e Xosé Luís Bernal, Farruco, da Cia. TEP Teatro en Punto realizarán unha lectura dramatizada de textos do autor.
– 19:00 h. Dores Tembrás asinará na caseta de Editores Coruñeses.
– 19:00 h. Presentación do libro Como ser reintegracionista sen que a familia saiba, do escritor Eduardo Sanches Maragoto, publicado por Edicións do Cumio.
– 20:00 h. Presentación do libro Escrito en cafeterías, de Miguel Anxo Murado, publicado por Galaxia.
– 21:00 h. Xabier López López asinará exemplares do seu libro 1989, publicado por Biblos Clube, na caseta de Editores Coruñeses.
Entrevista a Dores Tembrás presentando o seu poemario Cronoloxía de urxencia
Dores Tembrás: “O silencio permite que a palabra se escoite, se lea, se diga”
Entrevista
a Dores Tembrás en Vivir na Coruña:
“(…) – Vivir na Coruña (VNC): Na poesía, ao igual que na música, o silencio é tamén parte esencial. Que papel xoga para ti o silencio nos teus poemas?
– Dores Tembrás (DT): O silencio é chave fundamental para min, como lectora e tamén como escritora. O silencio como orixe da palabra, un silencio activo, promesa. O que permite que a palabra se escoite, se lea, se diga. Como di Valente o poema conteno como material natural. Ouvir no poema, antes que a súa palabra, o seu silencio.
– VNC: Que significa para ti levar o Premio de Poesía do Concello de Carral por Cronoloxía da urxencia?
– DT: A concesión do premio foi un verdadeiro agasallo. Pero fun moi consciente de que tamén era unha lotería. Sentínme moi afortunada e feliz pola obra. Por saber que se publicaría en Espiral Maior. E no concello miman moito o certame, foi un pracer estar en contacto con todo o equipo de cultura.
– VNC: Por que ese título?
– DT: É un verso incluido nun dos textos que abre o poemario. Reunía todo o que me interesaba: presentar o libro ao lector de forma directa e breve, falarlle dos tempos da urxencia sen desvelar de máis. (…)”
A Coruña: presentación de Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás
O
venres 20 de xuño, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) da Coruña, preséntase o poemario Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás, publicado por Espiral Maior. No acto, xunto á autora, participan Eva Veiga e Miguel Anxo Fernán Vello.
Dores Tembrás: “Quixen darlle ao desexo a presenza que merece, por moi fulgor que sexa”
Entrevista
de Montse Dopico a Dores Tembrás en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Cronoloxía da urxencia é un libro moi diferente a O pouso do fume, non si? Tamén pasou moito tempo entre un e outro.
– Dores Tembrás (DT): Pasaron anos, si. Son libros moi diferentes en moitos sentidos. En Cronoloxía da urxencia concéntrome moito no concepto de desexo, e ademais o traballo coa linguaxe foi levado ata o extremo. Quixen limpar o poema, acurralar a palabra e o silencio. Foi como un asedio. Un proceso esgotador. Quedei exhausta nese proceso de ir á esencia: versos curtos, poemas breves… Non sei se este é un proceso reversible, se vou seguir por este camiño ou non. Eu creo que o tema esixía este tratamento da palabra, da linguaxe. E, como dicía, non sei se vou quedar atrapada nese asedio, se vou darlle plena potestade ao silencio, visibilizado máis pola súa presenza que pola súa ausencia. (…)
– MD: De feito, basicamente o poemario é iso. A palabra e o silencio.
– DT: Cando me metín por este camiño neste poemario, padecín o asedio do silencio. Quedei co mínimo, tentando quitar, ata quedar sen poema. E así vislumbrei o padecemento dela, de Pizarnik. Foi, nese sentido, un poemario de obsesión, case enfermizo. Busquei unha nova relación coa linguaxe. Empecei, de feito, xusto despois de O pouso, que xa anunciaba a liña de desexo que recupero aquí. O pouso é de 2009 e botei moito tempo escribindo antes de mandalo ao premio do concello de Carral. Escribín moito, moi intensamente, os dous primeiros anos. Despois deixeino repousar e volvín a el, xa máis relaxada e tranquila. E este ano aínda o fechei, volvín axustalo antes de que o editasen. Teño a sorte de que o leron grandes amigos que me fixeron comentarios que tiven en conta. Entón, foi un proceso que tivo moito de aprendizaxe cos lectores.
– MD: Hai diálogo con varios autores e autoras no propio libro. Non só Pizarnik. Eva Veiga, Olalla Cociña…
– DT: Eu necesitaba fíos, apoios… Houbo moita filosofía, moitas lecturas dos poetas do desexo. A min non me interesa a liña erótica, senón o que vén antes. A inmanencia, a pura potencia do desexo, desde Aristóteles ata Barthes. Unhas lecturas leváronme a outras. En Berger, por exemplo, eu vexo puro desexo. (…)”
Carral: acto de entrega do Certame de Poesía Concello de Carral
Peza audiovisual arredor de Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás
Desde o blogue de Dores Tembrás.
Oriana Méndez gaña o XVII Certame de Poesía Concello de Carral
“Oriana Méndez,
coa súa obra O que precede a caída é branco resultou gañadora do XVII Certame de Poesía Concello de Carral.
O xurado escolleu esta obra pola unidade de contido e forma, na qua se detecta que foi concibida como un todo, tendendo fíos entre a macroestrutura e os versos. O libro conta cunha linguaxe moi coidada e suxestiva prestando especial atención ao feche dos poemas. A autora crea un espazo lírico cheo de luz e establece numerosos xogos metaliterarios con diferentes escollas plásticas e artísticas. Así mesmo debemos destacar o traballo de tensión-distensión poética e o ritmo.
O xurado estivo formado por Dores Tembrás, Olga Patiño Nogueira e Eli Ríos, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 36 libros. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra.
O acto de entrega do premio terá lugar o 30 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2014. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.”



