Semana do Libro de Compostela (Selic) 2018, actos destacados do sábado 9 e domingo 10

O sábado 9 e domingo 10 de xuño finaliza a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 11:00 a 21:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para estes días dentro do seu programa:

Sábado 9
11:00 h. Clube de Lectura Aberto con Eli Ríos sobre Culpable. Organiza Jorge R. Durán. Colabora Chan da Pólvora Libraría.
12:00 h. Paseo literario con Carlos Callón. Homosexualidade en Compostela na Idade Media. Organiza Asociación Cultural O Galo. ▸ Inicio: Escaleira de San Domingos de Bonaval.
12:30 h. Através editora. Conversa con Brais Arribas e Afonso Becerra. Conversa para presentar a nova colección «Alicerces».
13:30 h. El faro de los tres mundos. Presentación da colección
«Biblioteca de teatro» da editorial Kalandraka. Actuación da Compañía Chévere.
17:30 h. Espazo Efémero. Orfeu Negro.
18:00 h. Librería Palacios. Manuela. Presentación do álbum ilustrado Manuela, dirixido a público infantil, e posterior sinatura do libro a cargo dos seus autores.
18:30 h. Urco Editora. María Victoria Moreno. Contacontos para público infantil sobre a vida e obra de María Victoria Moreno a cargo de Eli Ríos.
19:00 h. Xandobela. Pan e auga? Sopas! As cantigas de base popular e tradicional, a gastronomía e os enredos e brincadeiras forman parte da narración das historias do avó Casiano.
19:30 h. Libraría Lenda. Tundra. Presentación do poemario Tundra, de Carlos Negro, editado por Espiral Maior. Coa participación de Xiao Berlai.

Domingo 10
13:00 h. aCentral Folque. Presentación + microconcerto Mulleres de Gargamala e Maruxa das Cortellas. Xulia Feixoo (percusionista e etnomusicóloga) e Guillerme Ignacio (compilador de música de tradición oral e músico) unen os seus saberes nesta mostra que viaxa entre a divulgación e o espectáculo musical.
17:30 h. Espazo Efémero. Premios SELIC.
18:00 h. Historias da tinta imaxinaria. Paisaxe imaxinaria que pretende achegar tres caras da oralidade galega a todos os públicos, especialmente aos máis pequenos e pequenas coa participación de Alba María (improvisadora oral e filóloga) e Queco Díaz (guitarrista e pedagogo).
18:30 h. Xandobela. Quen ten cu ten medo. Contos de medo. «Becho que rebufas, detrás dese penedo. Vaite d’aí, que non che teño medo!».
19:00 h. Catro Ventos Editora. Biodiversidade: cara unha sexta
extinción masiva. Presentación do libro Ensaio sobre ecoloxía, coa participación do seu prologuista, Xosé Veiras García.
19:30 h. Roteiro Rúas de Poesía. 3 poetas recitando poemas polas rúas: Isaque Ferreira, João Rios e Rui Spranger. Actividade promovida por Póvoa de Varzim.

Xabier Cid gaña o XXI Certame de poesía Concello de Carral

Desde o Concello de Carral:
“Xabier Cid, coa súa obra As bicis resultou gañador do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano.
O xurado salienta o bo nivel en xeral dos poemarios presentados, nos que houbo propostas poéticas moi distintas, tanto nas temáticas coma nas formas. Da obra gañadora o xurado salienta que é un libro escrito como un proxecto poético, construído desde unha suposta mirada e voz feminina e feminista, innovador na disposición dos versos e puidéndose definir como experimental ou alternativo. Existe unha intención visual na disposición dos textos, explotando a posibilidade estética da páxina en branco. O autor provoca aos lectores a través das diferentes lecturas posibles.
O xurado do concurso estivo formado por Mercedes Queixas, Xosé Luís Mosquera e Verónica Martínez, coa presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 38 poemarios.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
Xabier Cid, natural de Ourense e actualmente residente en Escocia, é licenciado en filoloxía e mestrado en xestión deportiva. Foi finalista no ano 2000 do premio de novela curta Manuel Lueiro Rey con Terá as túas balas, publicada pola editorial Sotelo Blanco. Tamén ten traducido a Craig Patterson e a George Tucker.
O acto de entrega do premio terá lugar o 25 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2018. O mesmo acto, no que actuará o conxunto poético e musical Grupo Ouriol, servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Das árbores tropicais e do amor, de Xosé Luís Mosquera Camba. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.”

Telúrico e cosmopolita. Espiral Maior publica Poemas do carricanto

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Telúrico e cosmopolita. Espiral Maior publica Poemas do carricanto, os inéditos de Fernando Pérez-Barreiro Nolla dos que falamos con Teresa Barro e Armando Requeixo. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Entrevista a Armando Requeixo arredor de Fernando Pérez-Barreiro

Desde Criticalia, de Armando Requeixo:
“O luns día 5 de febreiro a xornalista Patricia Hermida Torrente tivo a xentileza de me entrevistar a propósito da aparición dos Poemas do carricanto, a recolleita lírica da escrita do ferrolán Fernando Pérez-Barreiro Nolla que preparei para Espiral Maior. A conversa, que reproduzo tras estas liñas, emitiuse en RNE-Radio 5 e, malia a súa brevidade, houbo nela tempo para trazar un breve perfil do intelectual e significar o relevo da súa poesía e o que significa a súa recuperación. Moi agradecido a Patricia Hermida pola súa dedicación e profesionalidade.
A gravación pode escoitarse aquí.”