O venres 10 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panadeiras, 12) da Coruña, preséntase o libro Lidia Senra. Historia dun liderado entrañable, de Tareixa Ledo Regal, publicado en Laiovento. Participarán no acto, acompañando á autora, a propia Lidia Senra e Carme Freire.
Arquivos da etiqueta: Edicións Laiovento
A Coruña: presentación de Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo, de Mercedes Queixas
O venres 13 de maio, ás 20:30 horas, no local da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo, de Mercedes Queixas, acompañada por Francisco Pillado, no local da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, ás 20:30 horas.
Mercedes Queixas: “Lois non era un poeta de minorías”
O martes 10 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, Mercedes Queixas presenta Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo, publicado en Laiovento, acompañada por Francisco Pillado e Xurxo Souto. Sobre este libro hai publicada unha entrevista coa autora en Galicia Hoxe.
A Coruña: presentación de Transgresión e fraxilidade. Un retrato literario de Lois Pereiro, de Miguel Mato
O martes 10 de maio, ás 20:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro Transgresión e fraxilidade. Un retrato literario de Lois Pereiro, de Miguel Mato, publicado en Laiovento. No acto o autor estará acompañado por Xavier Seoane e Roberto Catoira.
Convocado o III Premio de Ensaio Curto Alexandre Bóveda 2011
BASES
– Primeira. A A. C. Alexandre Bóveda e a Editorial Laiovento convocan a III Edición do Premio de Ensaio Curto Alexandre Bóveda, co obxecto de honrar a figura do insigne galeguista, ben como premiar un traballo que signifique unha contribución ao pensamento e a reflexión sobre a Galiza actual. A temática a desenvolver na presente convocatoria será libre, sempre que teña a ver con Galiza.
– Segunda. Poderá participar calquera persoa que o desexar.
– Terceira. Establécese o seguinte premio, que será único: Edición da obra gañadora cunha tiraxe de 500 exemplares, máis unha obra única e orixinal feita ex profeso para o premio por un/ha nomeado/a artista galego/a e o diploma de honra.
– Cuarta. Os traballos deberán ser inéditos e terán unha extensión mínima de 50 folios e máxima de 70. Os orixinais presentaranse mecanografados a espazo e medio por unha soa cara, grampados ou encadernados. Os traballos terán de estar escritos na normativa oficial do galego. Os participantes terán a obriga de comunicaren a concesión de calquera outro premio que obtiver a obra presentada a concurso para a súa exclusión na presente convocatoria.
– Quinta. Enviaranse seis copias dos orixinais sen asinar e cun lema que figurará tamén nun sobre á parte. Nese sobre tamén se incluirán nome e apelidos, enderezo e telefone da persoa concursante, ben como a fotocopia do carné de identidade.
– Sexta. Os traballos remitiranse ao seguinte enderezo: “Asociación Cultural Alexandre Bóveda, R/ Olmos, 16-18, 1º, 15003. A Coruña”. Tamén se poderán entregar persoalmente na devandita dirección, en horario de 16:30 a 20:30 h., de luns a venres. No sobre debe ir indicado 3º Premio de Ensaio Curto ‘Alexandre Bóveda’.
– Sétima. O prazo de presentación de orixinais será do día 25 de abril até o día 31 de outubro.
– Oitava. O xuri estará composto por persoas representativas do mundo da cultura galega. O seu fallo será inapelábel.
– Novena. A entrega do premio terá lugar na cidade da Coruña o día 17 de decembro, co gallo da cea de socios e socias da A. C. Alexandre Bóveda. A persoa galardoada será avisada cunha semana de antelación. A ausencia inxustificada da persoa premiada no acto entenderase como expresión de que declina o seu dereito ao galardón concedido, renunciando por tanto a calquera reclamación ulterior deste. O premio pode quedar deserto.
– Décima. A persoa gañadora autoriza a Asociación Cultural Alexandre Bóveda a poder publicar, en edición escrita, o traballo que resultar galardoado.
A Coruña, abril de 2011.
As bases poden descargarse aquí: Bases III premio ensaio curto Alexandre Bóveda 2011.
O xurado está composto, nesta edición, por: Anxo Calvo, Francisco Pillado Maior, Pilar García Negro, Pilar Cagiao Vila e Xosé Luís Axeitos.
Sada: presentación de A historia secuestrada polo franquismo, de Manuel Monge
A Coruña: presentación de A poutada do Oso, de Lois Diéguez
O mércores 23 de marzo, ás 20:00 h., na sede de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) da Coruña, a Asociación de Amigos dos Museos de Galicia e Edicións Laiovento presentan a novela de Lois Diéguez A poutada do Oso. Esta actividade iniciarase coa proxección do dvd De Albre de espranza á Poutada do Oso. Deseguido intervirán: Felipe Castro (axente facultativo medioambiental), Francisco Pillado (director da editorial Laiovento), Felipe-Senén López (arqueólogo e museólogo), e o autor. Desde as 19:00 h., o autor asinará exemplares dos seus libros, na compaña de Felipe Senén.
Laiovento, Positivas e Baía chegan aos 20 anos
Ferrol: presentación de Lidia Senra Rodríguez. A historia dun liderado entrañable, de Tareixa Ledo, tras o acto de lectura de textos de Rosalía
O xoves 24 de febreiro, ás 19:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María) de Ferrol, terá lugar o acto de Lectura simultánea da textos rosalianos organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, presentado por Rosa Méndez e no que lerán un poema de Rosalía: Elia Rico Lagarón, Xosé Leira e Rosa Martínez Dios.
Ás 20:00 h., preséntase o libro de Tareixa Ledo Regal, Lidia Senra Rodríguez. A Historia dun liderado entrañable, publicado en Laiovento. No acto acompañará a autora Teresa Martínez, da Asociación Cultural Fuco Buxán.
Laiovento: “Se aguantamos 20 anos, seguiremos”
Longa reportaxe sobre Laiovento en Galicia Hoxe:
“(…) O director de Laiovento [Francisco Pillado] insiste, por outra banda, en desbotar o tópico do mundo editorial galego como un sector subvencionado por cartos públicos. “O que fai a Xunta é mercar libros para dotar o sistema de bibliotecas galego. Vendémoslles libros, cun desconto importante. Niso consiste a axuda, non hai subvencións”, remarca.
Respecto disto, Suso Couceiro opina que o papel da Xunta debería ser, máis ben, “crear as condicións para que as empresas puidesen funcionar sen axudas. Favorecer, por exemplo, a comercialización dos libros, promocionar os libros. Se as editoras venden directamente nas bibliotecas e nos centros de ensino, nin os profesores nin os alumnos van ás librarías. Hai 20 anos era moito máis limitado o campo das editoras. E eu creo que as editoras aínda deben aumentar moito: ten que haber máis, e máis grandes, e teñen que publicar máis. Eu hai moito que digo que me gustaría que houbese tantas librarías como tabernas, en vez de ir pechando editoras e librarías”, comentou.
Para Pillado, a promoción do libro é tamén unha das eivas que aínda se manteñen. “Tería que haber festas da cultura galega que chegasen a todos os recantos do país. Festas que levasen o libro, a música, o teatro, a todos lados. E non só un Día das Letras Galegas. Moitos libreiros non contrubúen, tampouco, a visibilizar o libro galego, pois non poñen os libros galegos nos escaparates. Non é o caso de Suso, claro, unha das persoas que máis saben de libro galego, e que nos presta o seu almacén para os nosos libros, o seu local para o que precisemos…”, subliñou. (…)”