Premios AELG 2013

Estes son os gañadores/as dos Premios AELG 2013, que premian as mellores obras editadas en 2012, e que se veñen de fallar na Gala das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:

Blog Literario: Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Ensaio: Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás (Xerais).
Literatura Infanto-xuvenil: O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas (Xerais).
Xornalismo Cultural: Ana Romaní.
Narrativa: Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño (Galaxia).
Poesía, ex-aequo: Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal (Biblos); e Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro (Faktoría K de libros).
Teatro: Banqueiros, de VV. AA. –Francisco Pillado, coordinador- (Laiovento).
Tradución: Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, de Francesco Petrarca, en tradución de Darío Xohán Cabana (Edicións da Curuxa).

Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:

  • O premio Mestres e Mestras da Memoria, de nova creación, que se concede nesta primeira edición a Manuela Cortizo Medal e Ángel Rivas Veiga, por toda unha  vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional;
  • O Premio Institucións que se concede a quen contribuíse á divulgación da lingua e cultura galega, e que este ano será para o asociacionismo cultural representado por aquelas asociacións que, nacidas nas décadas dos 60 e 70, aínda manteñen a súa vitalidade e activismo cultural (Agrupación Cultural O Galo, Agrupaçom Cultural O Facho, Clube Cultural Valle Inclán, Agrupación Cultural Auriense, Agrupación Cultural Francisco Lanza, Agrupación Cultural Avantar, Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Agrupación Cultural Lumieira, Sociedade Cultural Medulio, Associaçom Cultural Amig@s da Cultura de Pontevedra);
  • E mais o Premio AELG 2013 Escritora Galega Universal, outorgado pola Asemblea á escritora Lídia Jorge, galardón que a distingue como autora que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.

No transcurso da gala a AELG tamén entregou aos humoristas gráficos Siro López Lorenzo “Siro”, Xosé Lois González Vázquez “O Carrabouxo”, Xosé Ángel Rodríguez López “Gogue”, Xosé Carreiro Montero “Pepe Carreiro” e Xaquín Bieito Marín Formoso “Xaquín Marín” a distinción Bos e Xenerosos.

O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Gala das Letras, felicitación e aplauso que fai extensivo a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.

Santiago: actividades destacadas do venres 3 de maio na Feira do Libro

O venres 3 de maio prosegue a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), cos seguintes actos literarios destacados:

19:00 h. O escritor Manuel Portas presenta o seu libro Faneca Brava, publicado por Edicións Xerais. Xunto co autor, participarán no acto o crítico Ramón Nicolás e Fran Alonso.
19:00 h. Chisco Fernández Naval e Antón Riveiro Coello asinarán os seus libros na caseta da Libraría Pedreira.
20:00 h. A noite no deserto. Un diálogo sobre a novela e a construción da memoria, con Chisco Fernández Naval, autor de A noite branca, publicado por Edicións Xerais e Antón Riveiro Coello, autor de Laura no deserto, publicado po Editorial Galaxia. O acto estará guiado da man de Armando Requeixo.

Padrón: presentación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira

O venres 3 de maio, ás 20:15 horas, no Auditorio Municipal de Padrón, preséntase o libro Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor desta edición, Xosé Luís Méndez Ferrín, O Leo i Arremecághona e Manuel Bragado.

Taboleiro do libro galego (VIII), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí os libros galegos máis vendidos na última quincena segundo os datos ofrecidos por dezaseis librarías galegas: Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil, Librouro, Andel, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, O Pontillón, Paz, Libros para Soñar, Sisargas, Lila de Lilith e Livraria Suévia. A todas elas a miña gratitude.”

NARRATIVA
1º-. As crónicas de Bran, de Xosé Duncan. Contos estraños.
2º-. Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, Edicións Xerais.
3º-. A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, Edicións Xerais.
4º-. A vitoria do perdedor, de Carlos G. Reigosa, Edicións Xerais.
5º-. As voces baixas, de Manuel Rivas, Edicións Xerais.
6º-. En vías de extinción, de María Reimóndez, Edicións Xerais.

POESÍA
-. Cantares gallegos, Rosalía de Castro, Edicións Xerais (ed. Anxo Angueira).
2º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
3º-. Monicreques, de Xosé Daniel Costas Currás, PEN Club.

ENSAIO-TEATRO
-. Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez, Edicións Xerais.
2º-. Obras completas I e II, de Roberto Vidal Bolaño, Positivas.
3º-. Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, Edicións Xerais.
4º-. Un chapeu negro e un nariz de pallaso, Montse Pena e Gonzalo Enríquez, Galaxia.
-. Tastarabás, de Antón Cortizas, Edicións Xerais.

INFANTIL-XUVENIL
-. O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro, Galaxia.
-. A nena á que non deixaban ser feliz, Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, A porta verde.
-. O corazón de Xúpiter, Ledicia Costas, Edicións Xerais.
4º-. Chamádeme Simbad, de Francisco Castro, Galaxia.

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
2º-. A que sabe a lúa, de Michael Grejniec, Kalandraka.
3º-. Imos cazar un oso, de Michael Rosen, Kalandraka.
4º-. Man, o alemán de Camelle, Beatriz Maceda e Laura Veleiro, Galebook.
5º-. Rosa Caramelo, Adela Turín, Kalandraka.

BANDA DESEÑADA
1º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
2º-. Marcopola, Jacobo Fernández Serrano, Edicións Xerais.
3º-. O pobre tolo, Inacio / Iván Suárez, Demo Editorial.

Ramón Nicolás e Begoña Caamaño gañan o Premio Losada Diéguez

Desde Sermos Galiza:
Morgana en Esmelle (Galaxia), a segunda novela de Begoña Caamaño resultou gañadora do premio Antón Losada Diéguez na súa XXVIII edición canda Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (Xerais), de Ramón Nicolás na categoría de ensaio. Os premios convocados polos concellos de Boborás e O Carballiño, patrocinado pola Deputación de Ourense, valoran a mellor obra publicada entre as edicións co cal, por terceira vez a obra de Caamaño recoñécese como a mellor publicada en narrativa no pasado ano.
Un xurado composto por Euloxio Rodríguez Ruibal, Dolores Vilavedra, Francisco Luis Fariña Busto, Avelino García, Xosé Henrique Costas e Goretti Sanmartín decidiu premiar a novela de Begoña Caamaño pola “súa orixinalidade no tratamento dun tema de longa tradición, non só na literatura galega senón nas literaturas universais”. Segundo o xurado, a novela consigue “renovar a temática artúrica fuxindo de estereotipos e creando poderosas personaxes femininas. Por outra parte a obra combina un persoal estilo literario cun magnífico traballo lingüístico”. (…)”.

Santiago: actividades destacadas do xoves 2 de maio na Feira do Libro

O xoves 2 de maio prosegue a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), cos seguintes actos literarios destacados:

18:30 h. Presentación de Crise e fracaso da Unión Europea neoliberal. Unha alternativa soberanista e democrática, de Xavier Vence, publicado na Fundación Galiza Sempre. Xunto ao autor participa Xesús Veiga.
19:00 h. Teresa Moure asinará os seus libros na caseta da Libraría Pedreira.
19:30 h. Presentación de Tastarabás. Enciclopedia dos brinquedos tradicionais, do escritor Antón Cortizas, publicado por Edicións Xerais. Xunto co autor, participa no acto Manuel Bragado, director da editorial.
20:30 h. A escritora Valentina Formoso presenta o seu libro Do estigma á estima, publicado por Edicións Xerais. Participan no acto Carlos Negro, Manuel Bragado e a autora do libro.

A Coruña: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O xoves 2 de maio, ás 20:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto-A Torre (Parque de Marte, s/n) da Coruña, preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Asociación, a editorial e a Libraría Sisargas, participan, xunto ao autor, José María Laredo Cordonié, Xurxo Souto e Fran Alonso.

Santiago: actividades destacadas do martes 30 de abril na Feira do Libro

O martes 30 de abril prosegue a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), cos seguintes actos literarios destacados:

19:00 h. Sinatura de libros de María Reimóndez na caseta da Libraría Pedreira.
20:00 h. Encontro virtual con Gaia (protagonista da novela En vías de extinción, de María Reimóndez, publicado por Edicións Xerais). Participa no acto Ana Romaní e a autora do libro.