Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
Antonio Tizón: “Espinme por completo nesta novela”
Compostela: presentación de A antesala luminosa, de Antonio Tizón
Entrevista a María Lado no Diario Cultural da Radio Galega
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“María Lado fálanos do seu novo libro de poemas oso, mamá, si? publicado por Xerais. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Entrevista a Xosé Vázquez Pintor arredor de Antípodas
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“A memoria e a lingua son o centro de Antípodas, o novo libro de Xosé Vázquez Pintor que publica Xerais. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Carlos Callón: “Non hai forma de vivir sen feridas. Ou tes feridas, ou non tes vida”
Entrevista
de Montse Dopico a Carlos Callón en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Por que o título Atravesar o fantasma?
– Carlos Callón (CC): Nun dos paratextos do libro puxen, a xeito de brincadeira, “(e aquí iría unha cita de Lacan)”. Tamén é unha maneira de colocar algo de humor antes de tanta transcendencia. A psicanálise de Lacan paira despois pola obra enteira. Atravesar o fantasma é un concepto lacaniano. É o camiño que na psicanálise se percorre polo que nos determina na vida. É, dunha banda, o que nos contamos a nós mesmos da nosa propia vida, -o fantasma consciente-.
Atravesar o fantasma é ver o mundo doutra maneira. Tamén ten unha parte inconsciente, relacionada cos soños que todas e todas temos. Os soños que ás veces parécenos que non teñen que ver coa vida,e que nos conmoven especialmente. Hai poemas, no libro, que obedecen a unha situación biográfica concreta. Outros poderían responder máis aos significantes que aparecen nos soños.
– MD: Así que che interesa a psicanálise, como che interesaba a historia da homosexualidade, que te levou a escribir Amigos e sodomitas.
– CC: Curiosamente, eu coa psicanálise comecei sendo moi crítico. Cando Chao Rego escribiu A condición homosexual, eu sacara unha reseña que se titulaba: “Unha vela a Deus e outra a Freud”. Felicitaba o autor polo adianto que supoñía o libro no panorama ensaístico galego, pero criticaba a psicanálise. Eu daquela tiña prexuízos: que Freud era machista e todo iso. Coa práctica clínica lacaniana comprendín moitas cousas.
Transformou a miña maneira de vivir e de ver o mundo. É verdade que nos ambientes culturais, coñécese moitas veces a Lacan polo que Žižek di del, que non é a mellor maneira de coñecelo. A psicanálise, si, é un dos meus grandes intereses desde hai anos. Penso que pode mellorar moito a vida das persoas.
– MD: Esperaches para publicar os teus poemas ata que cumpriches 35 anos. Por algún motivo especial?
– CC: Ata hai uns días non tiña resposta para esa pregunta. Mais matinando din co concepto de contratransubstantación. A transubstanciación é un concepto católico, do momento da Eucaristía no que o sacerdote colle o pan e o viño, o corpo e o sangue de Cristo. E hai que ter en conta que, para a Igrexa, isto non é unha metáfora, senón algo real. Mesmo morreu moita xente por discutir isto.
A cuestión é que houbo momentos na miña vida que estiveron cargados de dor, como cando morreu meu pai sendo eu un neno. Coa psicanálise conseguín deixar atrás o pan deusizado, facelo pan comestible. Sabendo que a ferida continúa, pero doutra maneira. Non hai forma de vivir sen feridas. Ou tes feridas, ou non tes vida. Iso é o que di o último poema do libro. Nesta obra falo de cousas que me produciron moita dor. Cousas das que agora xa podo falar. (…)”
A Coruña, Teixeiro, Curtis, Oleiros: visitas de Pedro Feijoo a varios centros educativos
O
escritor Pedro Feijoo, autor das novelas Os fillos do mar e A memoria da choiva, visitará varios centros educativos. Esta é a axenda de actos:
– Mércores, 18 de marzo:
10:30-12:00 h. Centro de Educación para Adultos do Cárcere de Teixeiro (Curtis). Encontro co alumnado do club de lectura do centro.
13:15-14:15 h. IES David Buján de Cambre. Encontro co alumnado dos clubs de lectura.
16:15-18:00 h. IES Fernando Wirtz da Coruña. Encontro co alumnado de 1º de Bacharelato.
– Xoves, 19 de marzo:
10:00-12:00 h. IES Monte das Moas de Coruña. Encontro co alumnado do centro e dos clubs de lectura do IES Ramón Menéndez Pidal e IES Agra do Orzán.
12:30-14:10 h. IES Miraflores (Oleiros, A Coruña) Encontro co alumnado de 1º de Bacherelato.
Coñécense os/as gañadores/as dos XXIV Premios Irmandade do Libro
Desde
Sermos Galiza:
“Que Yolanda Castaño era a gañadora como autora do ano xa se adiantara uns días antes de que a Federación de Libreiros entregara este sábado os seus premios. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, sería o recoñecido como mellor libro do ano. (…)
Canda el, fixéronse públicos os nomes gañadores das outras edicións que recaeron no IES Castro Alobre de Vilagarcía como centro de ensino, na editorial Alvarellos polo fomento da lectura, Xiqui Xoque, Fiú fiú! (Galaxia) como libro infantil e xuvenil do ano e Urco Colección Gótica como Obra editorial.
Na modalidade de librarías foi premiada O Pontillón mentres que a La Región mereceu o recoñecemento de honra dos Premios Irmandade do Libro.
Manuel Portas: “Non creo que a creación teña que se submeter á función pedagóxica horaciana”
Entrevista
de Montse Dopico a Manuel Portas en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Como a túa novela anterior, Faneca Brava, este novo libro, Amor en alpargatas, ten moito de historia familiar. Mais desta volta parece que de fondo están os problemas do nacionalismo. Era ese o tema ao que querías apuntar? Por que neste momento?
– Manuel Portas (MP): Certamente hai un marco familiar ao que pertencen varios dos personaxes principais, mais non só. Ora, non creo que se trate da historia dunha familia ao estilo da que podiamos encontrar en Faneca Brava, unha especie de xogo sinfónico do clan familiar como marco humano da acción narrativa, senón de historias de amor entre individualidades que se entrelazan.
A contorna nacionalista é o pano de fondo, non é a materia da novela. Non é unha obra de temática política. A biografía dos personaxes protagonistas está situada nese contexto humano e histórico. Pertencen á xeración daqueles mozos e mozas que iniciaron a súa actividade política nos estertores do franquismo e os primeiros tempos da transición. Foron quen lle deron forma ao primeiro nacionalismo organizado da nova etapa que se abría, coas súas grandezas e as súas miserias, os que fraguaron unhas estruturas que herdamos no seu momento os que pertencemos a xeracións posteriores.
Por outra parte, como ben sabes, o momento de edición dunha novela non se corresponde co momento en que termina a súa creación. Amor en alpargatas foi escrita hai moito máis dun ano e a data da súa saída ao mercado depende dos lóxicos calendarios editoriais.
– MD: Non deixa de ser tamén unha historia de afectos náufragos, que tamén estaban bastante presentes en Un dedo manchado de tinta ou en Faneca Brava. Aínda que a nova novela non é coral, como as anteriores. Que teñen en común e en que se diferencian?
– MP: Pois non o sei ben, a verdade. Poida que en Denso recendo a salgado e n’Un dedo manchado de tinta houbese máis protagonismo desa colectividade coral que constitúe o mundo dos personaxes. En Faneca Brava, pese á importancia do ser colectivo, e sobre todo en Amor en alpargatas, os protagonismos individuais teñen moita máis presenza. Penso que o xogo das temporalidades e dos puntos de vista cambiantes si son algo que teñen en común. (…)”



