Carballo: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O venres 19 de abril, ás 20:30 horas, no Casino de Carballo (Rúa Vázquez de Parga, 1), preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial e o Instituto de Estudos Bergantiñáns, coa colaboración da Libraría Brañas, participan, xunto ao autor, Xan Fernández Carrera, Xosé Manuel Varela e Manuel Bragado.

Taboleiro do libro galego (VII), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí os libros galegos máis vendidos na última quincena segundo os datos ofrecidos por dezaseis librarías galegas: Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil, Librouro, Andel, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, O Pontillón, Paz, Libros para Soñar, Sisargas, Lila de Lilith e Livraria Suévia. A todas elas a miña gratitude.”

NARRATIVA
1º-. En vías de extinción, de María Reimóndez, Edicións Xerais e A vitoria do perdedor, de Carlos G. Reigosa, Edicións Xerais.
3º-. Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, Edicións Xerais.
4º-. As voces baixas, de Manuel Rivas, Edicións Xerais.
5º-. As crónicas de Bran, de Xosé Duncan. Contos estraños.

POESÍA
-. Monicreques, de Xosé Daniel Costas Currás, PEN Club.
2º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
3º-. Carnia haikai, de Elvira Riveiro, A. C. Caldeirón.

ENSAIO-TEATRO
-. Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez, Edicións Xerais.
2º-. Tastarabás, de Antón Cortizas, Edicións Xerais.
3º-. Obras completas I, de Roberto Vidal Bolaño, Positivas.
4º-. Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Edicións Xerais.

INFANTIL-XUVENIL
-. Amor de serea, de Santiago Jaureguizar, Edicións Xerais.
-. Dragal III, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
-. Palabras de auga, de Marcos Calveiro, Edicións Xerais.
4º-. Chamádeme Simbad, de Francisco Castro, Galaxia.

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
2º-. María Fumaça, de VV.AA., Galaxia.
3º-. A que sabe a lúa, de Michael Grejniec, Kalandraka.

BANDA DESEÑADA
1º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
2º-. Nómades, de Xosé Tomás, Galaxia.
3º-. Os días do cometa, Manolo López Poy e Miguel Fernández, Demo Editorial.

LECER
-. De roda en roda. Música e danzas do mundo, VV. AA., Galaxia.

Canido, Ferrol: presentación de Tastarabás, de Antón Cortizas

O mércores 17 de abril, ás 18:00 horas, no IES Canido (Rúa Navegantes, s/n), de Ferrol, preséntase Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais, de Antón Cortizas, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Carmen Cuesta, Paco Veiga e Manuel Bragado.

Redondela: actos destacados na Festa das Palabras

A FESTA DAS PALABRAS_Bibliotecas de Redondela (V semana do libro) - copiaEsta é a crónica da última das actividades levadas a cabo, desde o espazo na rede das Bibliotecas de Redondela.

Un día das Letras anovado?

Reportaxe en Praza:
“(…) “Que facemos coas letras galegas?”, “Cómpre anovar a súa celebración?”, “Debe ser un día non laborable?”. As Xornadas organizadas pola Liga Estudantil Galega dedicaron unha das súas mesas de debate a dialogar ao redor destas cuestións, coa participación de María do Cebreiro, de Manuel Bragado e de O Leo.
Un dos temas sobre o que debateron os relatores foi o da escolla do autor ou autora homenaxeada cada ano, por exemplo sobre a obriga de que teñan que pasar dez anos dende a súa morte para que así se produza. María do Cebreiro quixo trazar novas liñas neste debate, lembrando que “non todos os mortos están mortos”, pois en moitos casos a súa actualidade é máxima a través da importancia da súa obra ou doutros factores. A profesora chamou a “facer un pacto” pois “ao igual que se fai un investimento na protección do patrimonio material, hai que reflexionar que capital cultural queremos conservar e cal non”. Neste “pacto social” o canon debe ser cuestionado e reconstruído “cun papel fundamental da escola na súa transmisión” e sendo conscientes de que “ás veces fálase contra o canon e contra a institución poñendo en valor outros criterios máis comerciais”. Para Leo, profesor e músico, “o problema é o ritual, eu non son fetichista. Es punki e vas visitar o papa e deixas de ser punki. O problema en Galicia esta no esencialismo, hai que dialogar co pasado porque somos os vivos os que podemos falar co pasado. As Letras son a festa dunha persoa viva porque está viva a súa obra”.
Manuel Bragado, director de Xerais, comezou a súa intervención salientando o “éxito” que constitúe o feito de levar 50 anos seguidos celebrando as Letras, para a seguir recoñecer que se fracasou no obxectivo de “contaxiar a sociedade dese entusiasmo”, como si se conseguiu, dixo, en Catalunya coa celebración do Sant Jordi. E concluíu: “debemos conservar o obxectivo de potenciar libro e a cultura galega. Pero podemos anovar todo o demais”. Entre outras cousas chamou a aproveitar a oportunidade que supón que o 17 de maio sexa tamén en todo o mundo o Día de internet. (…)”

Lugo: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O venres 12 de abril, ás 20:00 horas, na Librería Biblos (Rúa Salvador de Madariaga, 1, local 4) de Lugo, preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Primitivo Iglesias Sierra e Manuel Bragado.

Antón Cortizas: “A cultura lúdica está esmorecendo. Cómpre retransmitila”

Entrevista de Ramón Nicolás a Antón Cortizas en La Voz de Galicia, desde o blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): -Cal é a orixe de Tastarabás?
– Antón Cortizas (AC): A Chirlosmirlos faltáballe un capítulo, que é o que agora sae á luz, en forma de libro. Mais quizabes, tamén haxa que escaravellar nas raíces daquel cativo argalleiro que fun.
– RN: Que o conduciu a estruturar a información a xeito de enciclopedia?
– AC: Sempre se ten que escoller un método, que se desenvolve cunha organización e tamén unha clasificación ou catalogación, como este traballo concreto require. Segundo lle fun dando beo ás informacións e ás descricións, foise tecendo o xeito do libro, mellorábel sen dúbida, mais a vía escollida non me supuxo demasiados atrancos para chegar á penúltima estación (á última nunca se dá chegado). A clasificación elixida é, por suposto, unha das posíbeis. Os brinquedos e enredos están agrupados ao meu entender, en función da súa finalidade principal ou dos elementos necesarios para a súa elaboración, como é o caso do uso lúdico da Natureza.
– RN: O libro, é evidente, persegue algo máis que unha catalogación…
– AC: E mais si. En primeiro lugar, o enguedellarme neste labor non sería posíbel se o mesmo non me resultase agradábel e interesante. En segundo lugar, a cultura lúdica, coma tantas outras cousas, está esmorecendo. Cómpre retransmitila. Se somos alguén serémolo por ser dun lugar concreto, se non sempre seremos unha sucursal. O libro nace da cerna do noso país, non esquecendo, madía leva, que somos pequenos, concretos, simples, e iso, ao meu entender, é o que nos fai verdadeiramente interesantes, porque é o que nos permite encher ese furado do Mundo que só nós podemos encher.
– RN: O reto máis difícil que abordou?
– AC: Non sei, tal vez, de forma inconsciente, o ter paciencia para continuar aos poucos, recollendo informacións, construíndo os brinquedos ou pedíndollelos a outras persoas, buscando as plantas precisas, lendo libros referentes, procurando literatura sobre os brinquedos e enredos… Visitei museos, exposicións, bibliotecas, coas limitacións temporais e económicas que sen dúbida afectaron o meu labor. Mais, velaquí que contei con grande cantidade de axuda de todo tipo, informantes de acó e de aló ou compañeiros de docencia e amigos… En realidade toda esta xente é autora de Tastarabás.
– RN: Que expectativas persoais deposita neste libro?
– AC: O máis gustoso sería que os contidos do mesmo fosen útiles para que as persoas, cativas ou adultas, recuperasen a capacidade de enredar co noso arredor, gozándoo, respectándoo, conservándoo e contándoo nesta nosa lingua que tanto nos precisa.”