Entrevista a Lara Dopazo Ruibal sobre Contos Gringos

Entrevista de Belén Regueira a Lara Dopazo Ruibal na Radio Galega:
“Estes Contos Gringos naceron en Iowa, onde Lara Dopazo Ruibal realizou un máster en escrita creativa entre 2021 e 2023. A escritora marinense segue explorando os territorios do desacougo, o desconcerto e o sobrenatural, agora desde a condición de estranxeira. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Lara Dopazo Ruibal: “Gústame explorar a animalidade que hai no ser humano, que é bastante”

Entrevista de Ana G. Liste a Lara Dopazo Ruibal en Praza:
“(…) – Praza (P): De onde veñen estes Contos Gringos?
– Lara Dopazo Ruibal (LD): Teño a impresión de que os temas xerais son os que me interesan de sempre: hai moita animalidade, natureza desatada ou non controlable pola man humana, personaxes obsesivas que se levan ao extremo pola súa obsesión… Todo isto non é diferente doutras cousas que xa escribín, o que pasa é que o feito de cambialos de xeografía fai que cambie todo moito. Emprego os Estados Unidos como escenario e iso dálle como un baño de realidade, un verniz diferente: o verniz do estranxeiro, da outredade, do choque cultural… Todo isto vén da miña experiencia, eu voume vivir os Estados Unidos e escribo estes contos coa mochila do que a min me mola.
– P: Por que cambiou de continente?
– LD: Fun facer un mestrado de escritura creativa cunha bolsa da Universidade de Iowa. E Iowa deume unha experiencia nos Estados Unidos totalmente distinta a se fose a algunha das costas, Florida, Texas… Fun a un sitio que ten unhas características moi concretas e son as que aparecen, dalgún xeito, neste libro. Eu presento nos contos o que a min me apetece, non pretendo facer unha enciclopedia de Iowa nin me interesaba, pero está de fondo case todo o tempo.
– P: Por que Iowa?
– LD: Por moitas cousas, a primeira porque quería comprar tempo para escribir. Admiro moito á xente que é capaz de ter un traballo a xornada completa, fillos, can e gato e ademais escribir. A min normalmente non me dá a vida. Procesos complexos que me requiren documentación e tal, cun traballo a xornada completa, non os dou feito ou tardo oitenta anos. Marchar a Iowa era un xeito de mercar tempo, de ir a un sitio onde todo está deseñado para que te dediques a escribir.
Buscaba un programa de escritura que fose máis ou menos longo, e este é de dous anos, e que tivese unha bolsa para poder vivir diso. Nos Estados Unidos creo que polo momento só hai tres programas así en español e o de Iowa cumpría todas as condicións. Entón, decidín probar. (…)”

Iria Collazo: “Escribín un libro trala morte do meu avó nunha residencia para lembrar a toda esa xeración”

Entrevista a Iria Collazo na Movida:
“(…) – Movida (M): Cando decidiches que querías escribir sobre os teus avós?
– Iria Collazo (IC): Cando meu avó comezou cos primeiros síntomas da demencia con corpos de Lewi, eu empecei a escribir algúns fragmentos, que simplemente eran liñas soltas. Non pretendía con elas artellar un texto máis grande; quería que servisen nada máis como notas ou recordatorios. Pouco a pouco ás memorias sobre el fóronse sumando outras sobre miña avoa e o resto da familia. Á fin e ao cabo, falar dos avós é falar dunha comunidade. Cando finalmente ingresou na residencia DOMUS VI de Monforte e observei de primeira man a degradación do seu corpo e da súa mente naquel lugar en menos dun mes, e despois de asistir con impotencia á súa morte tras unha chea de despropósitos e falta de atención e coidados, souben que o seguinte paso, despois de interpoñer as queixas e denuncias debidas, era crear un texto que o recordase, a el, a miña avoa e a toda esa xeración que axudou a conformar a miña existencia.
– M: Os mortos que amei é unha visión moi fermosa e necesaria sobre a vellez. De feito ti falas sobre uns anciáns, Antón e Celeste, que desexan vivir de forma activa, que non queren ser relegados. De onde naceu esta visión?
– IC: Supoño que provén da miña propia experiencia cos avós. Nunca os vin como seres desfasados da realidade ou ancorados nun tempo pasado. De feito, en moitas ocasións sorprendíame a súa modernidade e a relación vital e alegre que mantiñan con nós, seus netos, pero tamén con amigos e co resto da familia. Coido que boa parte desa percepción provén do humor, e é que tiven a sorte de ter uns avós irreverentes e gamberros. Estou convencida que, de seren máis novos e viviren noutras latitudes, os meus avós serían punkies.
– M: Tamén están aquí os sentimentos das persoas que aman esas persoas maiores, eses avós que os coidan moitas veces e que despois se fan maiores e morren. É esta unha forma, quizais, de non esquecer, ou de facer por lembrar?
– IC: Si, escribir as notas para Os mortos que amei en moitas ocasións foi un intento desesperado de absorber a esencia daquelas persoas e daqueles anos. É obvio que foron tan importantes que serían inesquecibles, pero o que tiña medo a perder eran os pequenos detalles, as expresións, algunhas palabras, certas historias que nos contaron e que pertenceron a outras persoas e que por nada do mundo quería deixar que desaparecesen.
– M: Esta é a túa primeira incursión na narrativa para adultos, despois de libros para o público xuvenil. Cres que hai diferenzas na forma de abordar os proxectos dependendo do público ou non pensas niso a priori?
– IC: Os dous primeiros libros, Coma unha áncora e A soidade das medusas, tiveron moito éxito entre o público adulto, quizais máis ca entre o xuvenil, pese a estaren os dous inseridos na colección Costa Oeste, de Galaxia. Penso que incluso na editorial houbo dúbidas á hora de encadrar estes dous libros nunha colección ou noutra. Creo que fago moi mal, pero cando escribo, non penso nunca no público. Escribo para min, que ao final son a crítica máis feroz dos meus textos. (…)”