Gala do Libro Galego 2016

Rolda Gala do Libro Galego 2016Acordo histórico entre a AELG, a AGE e a Federación de Librarías de Galicia para a convocatoria conxunta e unitaria dos premios do sector do libro galego

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia convocan a Gala do Libro Galego 2016. Un evento que representa un acordo histórico no sector literario galego, ao confluír desde agora nuns únicos galardóns os premios convocados anteriormente de forma separada por cada unha das tres organizacións.

Desde hai anos viñan convocándose os premios literarios da AELG coa súa Gala das Letras, a Noite da edición en Galicia da AGE e mais os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia. A partir de agora todos estes galardóns desaparecen para transformarse nuns únicos premios literarios co libro galego como protagonista principal, convocados de forma conxunta polas tres organizacións. O nome escollido é Gala do Libro Galego.

Estes galardóns nacen co obxecto de recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia, e faranse públicos no transcurso da Gala do Libro Galego 2016, que se celebrará o 14 de maio do próximo ano. Alí entregaranse as distincións nas seguintes categorías:

1. Obra de ensaio
2. Obra de narrativa
3. Obra infantil e xuvenil
4. Libro ilustrado
5. Iniciativa bibliográfica
6. Obra traducida
7. Libro de poesía
8. Libro de teatro
9. Iniciativa cultural ou fomento da lectura
10. Proxecto literario na rede
11. Xornalismo cultural
12. Escritor galego universal
13. Premio honorífico á libraría
14. Premio honorífico á editora

As directivas das organizacións convocantes, previa votación dos seus asociados, farán chegar á secretaria técnica da organización da Gala do Libro Galego até cinco candidaturas para cada unha das once primeiras modalidades, que serán remitidas a un xurado externo, que será nomeado de común acordo polas Xuntas Directivas da AELG, AGE e Federación de Librarías, formado por sete persoas, quen se encargarán de fallar estes galardóns sen dotación económica.

O premio ao Escritor Galego Universal será concedido pola directiva da AELG, o Honorífico á libraría será concedido pola directiva da Federación de Librarías e o Honorífico á editora corresponderá á directiva da AGE.

O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, fixo a seguinte intervención:

“E falando na representación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, felicitármonos por este acto que suma capacidades e multiplica os froitos que ofrecer á sociedade. Construír, sumar esforzos, significa dar visibilidade a un dos sectores culturais, sociais e económicos máis importantes e dinámicos da Galiza.

Os escritores e escritoras damos contidos culturais a diversas industrias do noso país, mais somos tamén algo máis: procuramos a inculturación de todo traballo humano sobre esta terra, facemos dela un ser colectivo cunha identidade imborrábel.

A nosa razón de ser é a literatura galega, da mao das nosas editoriais e máis do tecido de librerías que leva a todo o corpo social a seiva nutricia da nosa cultura.

Cal é a dimensión que queremos que teñan estes premios que hoxe presentamos? A de engadir á necesaria visibilidade social que precisa o noso sistema literario nos seus escritores, editoriais e librarías premiados; tamén a carga simbólica de ser unha celebración feita por todo o sector como forma se reivindicar nun tempo da cultura da imaxe, do efémero e veloz, do curto prazo, nun tempo de apagamento da cultura da palabra, no que parece que o libro está en desvantaxe por ter a calidade da interrogación do presente e de dar respostas ás necesidades humanas do medio e longo prazo.

Este ciclo vital de comunicación entre escritor, editor, libreiro e lector non só achega calidade democrática á sociedade á que pertencemos, mais tamén facilita o coñecemento do ser colectivo que somos os galegos, é dicir, existe ese ser colectivo chamado Galiza porque existen escritores que o soñan, editoras que publican e librarías que son lugares da comunicación entre o texto escrito e editado co lector, como ágora ou íntima praza pública.

Neste tempo no que se fala máis de marcas que de cultura, este acto é para nós a reivindicación da escrita literaria como ferramenta de íntimo coñecemento, de afirmación dese ser colectivo que levamos dentro e do que nos orgullamos que se chama Galiza.”

A Gala do Libro Galego acóllese a un acordo marco de colaboración entre a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia, cuxos principais puntos son:

– Escritores, Editores e Libreires somos un sector estratéxico deste país. Así está recoñecido na lei de decembro de 2006 do libro e a lectura de Galicia, aprobada por unanimidade polo Parlamento Galego. Nela o libro é recoñecido na súa dimensión de ben cultural, económico e social, e debe desenvolver o carácter estratéxico das letras galegas, entre outras achegas, polo seu papel fulcral na normalización cultural e social do noso idioma. Isto está na lei, mais non aínda na realidade. É esta realidade que queremos axudar a mudar.

– Escritores, Editores e Libreiros creamos unha mesa estábel de traballo para a posta en común de propostas, coa intención de facer actividades de defensa do libro galego e das letras galegas no seu conxunto.

– Precisamos dunha industria editorial forte que reflicta a biodiversidade do sistema literario galego, duns escritores que sexan recoñecidos socialmente no seu papel de creadores, dunha obra onde a ética convive e habita a beleza da cultura galega. Precisamos dunha rede de librarías por todo o país que dea visibilidade ao libro galego e sexa lugar privilexiado para a creación de lectores. E sen esquecermos todos os mediadores que conflúen no ciclo de vida do libro e as letras galegas, como as bibliotecas, e centros de ensino, entre outros.

– Para poder conseguir estes fins precisamos da creación do Instituto Rosalía de Castro de promoción da cultura galega; da existencia de plans anuais de lectura; a recuperación da Consellaría de Cultura co necesario peso político e orzamentario; e da implicación real da Consellaría de Industria, con orzamento específico.

Na fotografía superior figuran, de esquerda a dereita, Mercedes Queixas, secretaria xeral da AELG, Xosé Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Xosé Leal, vicepresidente da AGE, Cesáreo Sánchez, presidente da AELG e Laura Rodríguez, presidenta da AGE.

XII Simposio O libro e a lectura: o futuro das Feiras do Libro de Galicia, o xoves 12 de novembro

O Asociación Galega de EditoresXII Simposio O libro e a lectura: O futuro das feiras do libro de Galicia terá lugar o 12 de novembro no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. A continuación pódese consultar o programa completo:

PROGRAMA

MAÑÁ
9:00 Entrega de documentación.
9:30 Inauguración a cargo a presidenta da AGE, Laura Rodríguez; o presidente do CCG, Ramón Villares e o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
10:00 Conferencia La innovación de un festival sin límites, Mª. Sheila Cremaschi, MBE. Directora de “Hay festival”, Segovia. Presenta: Laura Rodríguez Herrera, presidenta da AGE.
12:00 Panel de experiencias de éxito: Semana do Libro en Catalán, Praza dos Libros, Salón do Libro de Pontevedra, Culturgal, Semana da Música Infantil. Presenta: Ana Guerra, Edicións Obradoiro.
Montse Ayats, editora e presidenta da Semana do Libro en Catalán.
Anxos Riveiro, concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra. Salón do Libro de Pontevedra.
Xosé Aldea, editor e director de Culturgal.
Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo. Praza dos Libros.
Francisco Castro, da Editorial Galaxia. Semana da Música Infantil nas Feiras do Libro de Galicia.

TARDE
16:15 Mesa temática: O espazo, os produtos, os públicos. Presenta Miguel Toval.
A concepción do espazo. Xulio Turnes, arquitecto en DH (Domohomo).
Como presentamos os nosos produtos culturais. Sergio Lago, xestor cultural.
Os nosos públicos atentos. Félix Caballero Wangüemert, profesor de Facultade de CC SS e Comunicación de Pontevedra.
18:00 Mesa redonda: O futuro das feiras do libro. Presenta e modera: Manuel Bragado, director de Edicións Xerais.
Gonzálo Pérez, de Librería Cartabón.
Lola Puerta, de Librería Aenea.
Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora.
Pío Barreiro, de Librería Kómic.
Eduardo Riestra, de Ediciones del Viento.
19:00 Compromiso de colaboración ano 2016.
Intervención de representantes da Federación de Librarías de Galicia, Asociación Galega de Editores, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
19:30 Clausura da xornada. Entrega de certificados de asistencia.

Organiza : Asociación Galega de Editores.
Patrocina: CEDRO.
Colabora: Consello da Cultura Galega.

Monforte: acto destacado da Feira do Libro no xoves 27

OFeira do Libro de Monforte 2015 xoves 27 de agosto continúa a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., co seguinte acto literario destacado dentro do seu programa:

20:00 h. Presentación de Viaxe desde os cantís á memoria, de Mercedes Martínez Modroño, publicado en Toxosoutos.

Monforte: acto destacado da Feira do Libro no mércores 26

OFeira do Libro de Monforte 2015 mércores 26 de agosto comeza a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., co seguinte acto literario destacado dentro do seu programa:

19:00 h. Inauguración da Feira. Pregón inaugural a cargo do poeta chantadino Xosé Lois García, tras actuar a Banda de Gaitas de Monforte.

Foz: actos destacados da Feira do Libro do sábado 22

OFeira do Libro de Foz 2015 sábado 22 de agosto continúa a Feira do Libro de Foz no seu penúltimo día (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Presentación do libro De paseo con Crunia, de Cristina Corral Meilán, publicado por Embora. Ao finalizar, a autora asinará exemplares da súa obra.
19:30 h. O fotógrafo Ignacio Castro, “Nachok”, asinará exemplares do libro Entrar na casa, con poemas de Eduardo Estévez, publicado por Estaleiro, na caseta da Libraría Bahía.
20:00 h. Presentación de De punta a chicote. Dicionario de expresións mariñeiras e Traca-traco, de Paco Rivas, publicados por Edicións do Cumio. Participan, xunto ao autor, Cándido Meixide e os mariñeiros Ton de Chao e Ricardo “Ridó”.
21:00 h. David Pobra, autor de Liña azul, publicado en Xerais, conversará sobre o detective Palmeira, protagonista da súa obra.

Foz: actos destacados da Feira do Libro do venres 21

OFeira do Libro de Foz 2015 venres 21 de agosto continúa a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:30 h. Presentación do libro de literatura infanto-xuvenil Tempos de norte, de Mónica Justo e Roberto Martínez.
20:30 h. Presentación de Nacionalismo galego. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975), de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, publicado por Laiovento. No acto participan, xunto ao autor, Moncho Ermida e Luís Gonçales Blasco.

Foz: actos destacados da Feira do Libro do xoves 20

OFeira do Libro de Foz 2015 xoves 20 de agosto comeza a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Lectura do pregón a cargo de Diego Ameixeiras.
20:30 h. Presentación de Conduce rápido, de Diego Ameixeiras, publicado en Xerais. Ao remate do acto, asinará exemplares dos seus libros.

Viveiro: acto literario destacado da Feira do Libro o sábado 15

OFeira do Libro de Viveiro domingo 16 de agosto finaliza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o sábado 15:

19:30 h. Presentación de De punta a chicote. Dicionario de expresións mariñeiras e Traca-traco, de Paco Rivas, publicados por Edicións do Cumio. Participa, xunto ao autor, Cándido Meixide.

Viveiro: actos destacados da Feira do Libro do xoves 13

OFeira do Libro de Viveiro xoves 13 de agosto comeza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

20:00 h. Lectura do pregón a cargo de Ledicia Costas.
20:30 h. Presentación de Un animal chamado néboa e Escarlatina. A cociñeira defunta, de Ledicia Costas, publicado por Edicións Xerais.

A Coruña: actividades literarias destacadas do luns 10

OFeira do Libro da Coruña 2015 luns 10 de agosto finaliza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Presentación de Semente galega en América, de Xosé Neira Vilas, publicado por Bolanda.
20:00 h. Presentación de Relatos americanos, de láminas de Misha Bies Golas, co grupo Ataque Escampe.
21:00 h. Presentación de A cicatriz branca, de Margarita Ledo Andión, publicado en Galaxia. Participan, xunto á autora, Eva Veiga e Víctor F. Freixanes.