Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do venres 5

OFeira do Libro da Coruña 2016 cartaz venres 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:00 h. Xavier Seoane asina exemplares das súas obras na caseta da Libraría Xiada.
19:00 h. Estíbaliz Espinosa asina exemplares de Caer de cu polo universo, publicado por Apiario, na caseta da Berbiriana.
20:00 h. Concha Blanco e María Canosa asinan Será correcto?, publicado por Hércules de Edicións, na caseta da Libraría Couceiro.
20:00 h. Carlos López asina exemplares da súa obra na caseta de Edicións Embora.

Moito público na Feira do Libro da Coruña, por Manuel Bragado

DesdeFeira do Libro da Coruña 2016 cartaz Brétemas, de Manuel Bragado:
“(…) Na presentación d’ A dúbida, María Reimóndez recoñeceu que o texto nacera con aparentes limitacións formais para axustarse ao xénero da novela por entregas o que a autora viu como un desafío: «A escrita ten que ter a capacidade de subverter os xéneros, a miña intención foi reocupar ese formato para s abordar temas que non son usuais“. “Pretendín ofrecer unha escritura subversiva que contribuíse a crear un discurso e unha concienciación sobre os abusos sexuais.” “Quixen poñer á protagonista, como ao lector, nunha situación con respecto aos abusos sexuais da que probablemente non somos conscientes. A novela pretende axudar a reflexionar sobre o papel que temos ou podemos ter sobre este tema do que non se fala”.
A seguir, Reimóndez xustificou a relevancia do tema dos abusos sexuais do que saen noticias na prensa todos os días: “Un de cada cinco casos do Tribunal Supremo é por abusos sexuais a menores. O 70% dos casos danse no entorno familiar, e nun de cada catro o agresor é o pai biolóxico. Como a maioría das resolucións dos xulgados de familia se orientan á restauración da estrutura familiar máis que a toma de medidas cautelares”. A autora confesou que no proceso de documentación da novela contactou con traballadores sociais e recolleu información, “intentando transformar o que foi un proceso de ira nalgo que funcione literariamente”. (…)
Na presentación d’ O beato, Alfredo Conde expresou a súa satisfacción por esta novela na que pretendeu facer un retrato de ficción do beato Sebastián Aparicio da Gudiña fuxindo das haxiografías das historias de santos. “Imaxinei un personaxe no que todo o relato histórico está documentado e no que introducín algúns acontecementos propios da vida dun ser humano normal”. Recomendou Conde “ler máis novela ca historia, xa que así podemos achegarnos máis o que foi realidade”.”

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do xoves 4

OFeira do Libro da Coruña 2016 cartaz xoves 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:00 h. Presentación de As terapias da Doutora Ledicia, de Raquel Castro, e Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada de Carlos Labraña, publicados por Galaxia. Presentará o acto o editor Francisco Castro e, durante o mesmo, farase unha pequena representación teatral.
19:00 h. Presentación de Foron, somos, publicado en Redelibros. Participan no acto José Estévez, Iria López, Natalia Lema, José Antonio Rodríguez, Oti Campos, Ricardo Souto, Luísa Arias, Matilde Páramo e Asun Blanco.
19:45 h. Presentación de Peixes e Mariscos. As receitas de Benigno Campos, publicado por Galaxia. Ademais do autor intervirá o editor Víctor Freixanes.
20:00 h. Xosé Tomás asina exemplares da súa obra na caseta de Edicións Embora.
20:30 h. Presentación de A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), de Emílio Xosé Ínsua, publicado por Baía Edicións. Participan, xunto ao autor, Goretti Sanmartín e Belén López.

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do mércores 3

OFeira do Libro da Coruña 2016 cartaz mércores 3 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Presentación e contacontos do libro A canción do sol, de Estefanía Padullés, publicado por Hércules de Edicións. A continuación, sinatura de libros na caseta da Secretaría.
19:00 h. Presentación de Marta e a píntega, de Eli Ríos, publicado por Galaxia. Ademais da autora intervirán Nuria González, mestra de Educación Infantil, e o editor Francisco Castro.
19:00 h. Presentación de O amor nos escuros días de Birkenau, de Alberto Canal, publicado por Xerais. Con Manuel Bragado.
19:30 h. Sinatura de Ledicia Costas na Caseta de Secretaría.
19:45 h. Presentación de Cámbiache o conto!, de Pinto e Chinto, publicado por Xerais. Con Manuel Bragado.
20:00 h. María Canosa asina exemplares da súa obra na caseta de Edicións Embora.
20:30 h. Recital poético-musical sobre Lugrís, organizado por Alvarellos Editora e In nave civitas. Previamente, ás 20:00 horas, manifestación atlántica e recital, con saída do Vecchio.
21:15 h. Presentación d´O espello do mundo, de Ramón Nicolás, publicado por Xerais. Con María Canosa, Mercedes Queixas e Manuel Bragado.

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do martes 2

OFeira do Libro da Coruña 2016 cartaz martes 2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:00 h. Charo Pita presenta Oxalá estiveses aquí, publicado por Galaxia. Intervirán a autora e o editor Francisco Castro.
19:00 h. Ignacio Castro asina exemplares de Roxe de Sebes na caseta da Libraría Xiada.
19:30 h. El Hematocrítico e Alberto Vázquez asinarán exemplares de Feliz Feroz. O lobiño riquiño e Axente Riciños, publicados por Xerais, na Caseta de Berbiriana.
19:30 h. David Ortiz asinará exemplares do seu libro O libro dos cócteles, publicado por Xerais, na Caseta de Secretaría.
20:00 h. Suso Lista asina exemplares das súas obras. Na caseta de Edicións Embora.
20:00 h. Espectáculo musical O Bigote de Mimí, de Luís Vallecillo e a Banda do Cuberto, baseado no libro homónimo de Manuel María, publicado pola Casa Museo Manuel María.
20:30 h. Presentación d´A dúbida, de María Reimóndez, publicado por Xerais. No acto participan, xunto á autora, Eli Ríos e Manuel Bragado.
21:15 h. Presentación d´O Beato, de Alfredo Conde, publicado por Xerais. Con Manuel Bragado.

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do luns 1

OFeira do Libro da Coruña 2016 cartaz luns 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

12:00 h. Pregón a cargo de Pinto e Chinto.
19:00 h. Presentación de Galería de saldos, de Diego Giráldez, publicado por Xerais. Con Kiko Novoa e Manuel Bragado.
19:45 h. Presentación de Todos somos Ulises. Por unha educación democrática e humanista, de Xavier Seoane, publicado por Xerais. Con Xabier P. DoCampo e Manuel Bragado.
20:00 h. Luz Pozo Garza asina exemplares da súa obra na caseta de Alvarellos.
20:00 h. Alberte Momán asina exemplares de Bosquexos para unha distopía, publicado por Redelibros, na caseta da Libraría Cartabón.
20:00 h. Manrique Fernández asina exemplares de Tres feridas, na caseta de Arenas.
20:30 h. Presentación de As horas roubadas, de María Solar, publicado por Xerais. Con Luís Pousa e Manuel Bragado.
21:15 h. Presentación de O volframio en Varilongo, de Carmen Blanco Ramos, publicado por Xerais. Con Xesús Alonso Montero e Manuel Bragado.

Mercedes Queixas: “A Coruña, cidade das palabras e memoria dos días”, pregón da Feira do Libro da Coruña 2015

TextoMercedes Queixas 3 de Mercedes Queixas publicado en Sermos Galiza:
“Autoridades do goberno galego e coruñés, deputados do Parlamento galego, membros da directiva da Federación de Libreiros de Galicia, dirección e interpretación musical da Banda Municipal, familia e amigos, veciñas e veciños, curiosos visitantes e amantes dos libros, recibide a nosa benvida!
Deben ser estas primeiras palabras de sincero agradecemento para a Federación de Libreiros de Galicia por pensar en min, como unha veciña máis desta cidade, para compartir convosco este acto de apertura da feira que, con profundo orgullo cidadán, sabemos que é a máis agardada de todas as feiras do libro que se espallan polo noso país entre os meses de abril e agosto.
É honra ser nomeada para inaugurar un evento literario maduro e consolidado coma este, de forte impacto socioeconómico na vida da nosa cidade, pois os libros, xa se sabe, axudan a crear sociedade desde a cohesión e fan parte dunha das industrias culturais máis importantes e solventes de calquera país que acredite en si propio.
No entanto, non sería de todo honesta se non recoñecese hoxe que apenas cinco minutos despois da chamada de Antonio Fernández Maira, o reto e a responsabilidade tentou ceder o paso á inseguridade da vertixe e privarllo á ilusión e á emoción de vivir este momento que, desde hai anos, procurei partillar desoutra posición, con miraxe de aprendiz e, sobre todo, co sistema nervioso moito máis acougado e as mans menos suorentas do que agora.
Mais de aí a empezar a pensar nestas palabras que pretenden ser saúdo de benvida e porta de entrada á sempre sorprendente e agardada Feira do Libro da Coruña, coido que non trascenderon nin outros cinco minutos.
Nada máis cortés que unha mínima presentación que xustifique a miña presenza aquí.
Son veciña do barrio dos Mallos-Estación, desde onde de cando en vez baixabamos á Coruña. Filla de nai e pai traballadores con horario interminábel, que defenderon a vida familiar no mostrador dun pequeno negocio familiar, vindos á cidade procedentes do éxodo rural de finais dos 60, á procura de mellor futuro para os seus fillos. Acontecemento este nada extraordinario, senón ben común á maioría veciñal desta cidade península, nada entre o salitre do Parrote e o labradío das hortas lindeiras, que a fixeron medrar nas mans que a traballaron.
Filla de barrio, dun de tantos barrios que construíron a cidade, coñecín a vizosidade dos días das cigarreiras e dos traballadores do muro. E transitei rúas que, daquela inconscientemente, me iniciaban nun sutil percorrido polo libro da cidade que, co tempo, se convertiría en eixo de rotación persoal: a lectura, o estudo, a docencia de lingua e literatura galega e, por último, a escrita.
Desde a rúa Puerto Rico até a rúa Noia, desde Víctor López Seoane até a Avenida de Arteixo, fun percorrendo camiños aprendidos en rutinaria memoria topográfica por Francisco Tettamancy ou Sofía Casanova; de nena acudía á mercería da rúa Ramón Cabanillas, mercaba zapatillas en Eugenio Carré, saudaba diariamente o busto de Luís Seoane de camiño ao instituto de Monelos, esa cerna formadora onde o galego se manifestou en min por primeira vez como lingua de e para a aprendizaxe global e onde a formación literaria nesta lingua me aprendeu a ler entre liñas e no encabalgamento do verso, ademais de interpretar silencios e palabras roubadas doutrora.
Sen saber, lía a historia literaria galega nas rúas que habitaba, moito antes de chegar a razoalas na teoría dos libros de texto escolares que aínda non viran a luz.
Todos aqueles nomes semellan hoxe, desde a distancia, semente para o tempo persoal que estaba por chegar.
Ao igual que o fío dun libro vai nacendo devagar para ser escrito, esta cidade con memoria axudoume a tecer o amor pola lectura.
A propia biblioteca da casa foise facendo modestamente a partir das primeiras lecturas escolares e, como non!, da suma de fascículos que puntualmente me mandaba miña nai recoller no quiosco Barrasa e que acabaron por conformar todos os volumes da completa Gran Enciclopedia Gallega.
A importancia da lectura, desde os primeiros anos da infancia escolar, é incuestionábel na actualidade, ao meu ver irrenunciábel, mais non lembro ningún episodio lector na miña primeira escola da década dos 70. Canto tempo ben aproveitado desde aquela na formación de novo público lector ao redor das bibliotecas escolares e da exemplar rede de bibliotecas municipais que nos reafirmou con aquel feliz lema: A Coruña, a cidade que le!
No entanto, si teño ben gravada en min a impresión ao tocar na casa un libro aparentemente vello intitulado Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas. Véxome sentada esa noite, na cama do meu cuarto, empezando a ler aquelas páxinas que, por primeira vez, me descubrían que o galego que até entón eu só coñecía como lingua oral, mais alleo a min no uso individual, e polo tanto ágrafa-nunca antes a vira escrita!- tamén podía traspasar a capa dun libro, ergo era unha lingua importante!!!
A sorpresa medrou cando, ao recolocar o exemplar no seu sitio, descubrín outro do mesmo autor intitulado Cartas a Lelo. Concluín que aquilo xa non era unha simple anécdota, senón que o galego pasaba a ser reincidente en importancia!!!
Esta cidade recoñécese, a través do seu rueiro, nunha identidade literaria que fai parte dun construto maior inserido na súa esencia propiamente galega. Os anos fóronmo aprendendo nesas placas azuis que nos ubican, nun lugar da cidade, para o encontro do presente coa historia das nosas letras: a rúa Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Manuel Murguía, Padre Feijoo, Galo Salinas, Castelao, Álvaro Cunqueiro, Lois Peña Novo, Ánxel Casal, Luz Pozo Garza, etc.
Inicio e remato esta lembranza nominal con dúas voces poéticas femininas referenciais, Rosalía de Castro e Luz Pozo Garza, veciñas desta cidade tamén en tempos históricos ben diferentes, mais con raíz na palabra da terra ben semellante, para facer reparar que o nome das mulleres tamén segue a ser materia pendente na identificación dos nosos lugares urbanos, ocultas na sonoridade pública coma o curso do río Monelos. Sabemos que está, por onde transitan os seus pasos líquidos a través do veo da invisibilidade.
Podería lerse a Coruña, cidade emblema de memorias, en verso de Luz Pozo, como un libro aberto. Marineda, en palabras de Emilia Pardo Bazán na novela do XIX ou Cristamar, cidade de cristal e mar, arestora no relato da escritora e veciña Chelo Suárez.
Ilha ventureira e nua, NAU ENFEITIÇADA, así a define hoxe poeticamente José Mª Monterroso Devesa; Cidade-Barco foi a metáfora escollida por Wenceslao Fernández Flórez; cidade tatuada na pétrea pel do mar son os versos retrato de Luísa Villalta para esta cidade, onde os ventos respiran e abaten forte para protexer o legado histórico e literario da nación toda nese auténtico museo de memoria viva que é o Cemiterio de Santo Amaro, en conversa diaria co mar coruñés que leva nome de muller, o mar de María Antonia, tal e como nos conta o cronista maior das voces baixas de alén e aquén mar, Xurxo Souto.
Na Coruña, o libro conviviu coa pel das mans da cidade desde o século XIX cun alto valor engadido, nomeadamente o libro e a edición galega, como corresponde a unha cidade que sempre tirou de si panos cegadores para mirar lonxe e sen complexos.
Desde a primeira editora moderna, a Biblioteca Gallega, de Martínez Salazar, até a editorial Lar, con Leandro Carré como director e a editorial Nós, baixo a responsabilidade de Ánxel Casal, no número 36 da Rúa Real, todas elas constituíron acontecementos relevantes na historia da edición galega e en galego, na medida en que construíron a contrafío pontes de aculturación social desde e na propia lingua marxinal e negada, publicando un rico repertorio literario sen o cal sería moito máis difícil construírmos os piares da historia literaria galega máis recente.
Xa antes teceran na nosa cidade os primeiros pousos a Cova Céltica, a Real Academia Galega ou as Irmandades da Fala, indisolubelmente asociadas ás rúas Rego da Auga, Real e Tabernas.
O vindeiro 2016 será ano de dupla celebración nacional co gallo do centenario da constitución das Irmandades da Fala, en que Antón Vilar Ponte tivo protagonismo principal nesta cidade, e mais coa dedicación do Día das Letras Galegas a Manuel María, o poeta chairego veciño do barrio de Monte Alto. Que boa oportunidade para os honrarmos coa luz oceánica deste concello, epicentro cultural das dúas efeméredes, coa inauguración de senllas rúas!
Cada espazo desta cidade convértese nun Km. 0 para o inicio dun paseo literario da man dos moitos escritores que viven perto de nós, compartillando barrio e vida de creación literaria. Algúns deles ben recoñecidos alén do noso país, en todo o Estado e mesmo con obra traducida, o que ensancha o alto valor da literatura galega toda, como son os Premios Nacionais de Literatura nos diferentes xéneros: Manuel Álvarez Torneiro (poesía), Manuel Rivas (narrativa), Xabier P. DoCampo (LIX) e Manuel Lourenzo (teatro). Ilustre veciñanza!
O Padre Rubinos dedicara á cidade o seu libro O poema da Cruña, publicado en 1933. Desde aquela a intrahistoria da urbe que medrou vizosamente liberal, republicana e galeguista, acubillou múltiples escenarios literarios decorados entre a ficción e o rescate do non contado, da verdade sempre silente.
Aprendemos, así, como foron os duros comezos coruñeses no S. XVIII coa novela Costa do Solpor de Xosé Mª Lema; da man de Manuel Rivas comprobamos que Os libros arden mal para evitar o triunfo da barbarie após 1936; sentimos, acompañados de Xavier Seoane, os pasos de Rosalía pola cidade vella e o Parrote n´A dama da noite ou asistimos ao curioso proceso investigador para desvelar algunhas incertezas biográficas rosalianas con´A memoria da choiva de Pedro Feijoo; recuperamos, asemade, a Coruña dos anos 30 protagonizada por Ánxel Casal, María Miramontes ou María Casares desde a novela Memoria das cidades sen luz de Inma López Silva.
O señor Lugrís e a negra sombra de Luís Rei Núñez lévanos de viaxe pola biografía do gran pintor do mar e escritor Urbano Lugrís, mentres que n´A viaxe de Gagarin Agustín Fernández Paz retrotráenos á crónica coruñesa dos anos 60 no Barrio da Falperra, ou, para amantes da novela negra, n´A antesala luminosa de Antonio Tizón, ábrese unha investigación para determinar a identidade de dous cadáveres calcinados que aparecen nas inmediacións da praia do Matadoiro en plena madrugada de San Xoán do ano 2000.
Unha cidade para ollar tamén entre liñas á luz sempre puntual do noso facho principal, aliado resistente para anular as tebras da ignorancia, desde a arquitectura da palabra onde cada libro se converte en porta que abre unha nova porta cara á liberdade.
Se somos o que comemos, somos o que lemos, escribiu a poeta desta cidade Estíbaliz Espinosa. Con todo, tamén somos o que non lemos, engadimos nós.
Eis a excelsa razón de ser das librarías que nos acompañan como principais mediadoras entre o nacemento da creación e a súa entrega nas mans lectoras. A elas agradecemos o apoio e a entrega como axentes visualizadores do libro, nomeadamente aquelas comprometidas co libro galego, ben necesitado aínda de esforzo visibilizador, ao cederen con fachenda cómplice os seus escaparates á expresión literaria máis nosa para a tirar das tebras de quen quere practicar a ignorancia e a negación da identidade propia. Para todas elas reivindicamos, asemade, estímulo e apoio institucional comprometido nestes tempos de mudanzas en que as librarías están a se reinterpretar á luz da tecnoloxía dixital.
A palabra é vida e vai ao lonxe.
Unha palabra enxéndrase na tebra
e, como un fillo, párese con dor
e con amor.

Sirvan estes versos de Manuel María para agradecer o amor das libreiras e libreiros por nos axudaren a aleitar e facer medrar con boa saúde os nosos libros-fillos.
Non perdamos a ocasión. Celebremos a lectura como alimento principal, como alento e como sosego, como pregunta e como resposta, como mazá aberta en provocación, como sinfonía con varios movementos, desde o noso epicentro radial, como símbolo maior de resistencia activa, como semente de futuro.
Como se unha única sílaba furtada do silencio
xustificase a vida
e mantivese a roda do tempo no seu eixo.

Estes versos da poeta coruñesa Pilar Pallarés marcan o principio da fin deste pregón co que quixemos brindar pola memoria literaria desta nosa cidade das palabras e memoria dos días, de onte a hoxe, sabéndomos que son aínda moitas as páxinas que están por escribir e imprimir e que a nosa actuación non será allea nin imparcial, senón comprometida, pois debémosllo ao futuro.
Cedemos agora a palabra á poeta, amiga e veciña, precozmente ausente da cidade, Luísa Villalta, para sempre rememorada en vida na súa casa da rúa Vila de Laxe, coa lectura deste descritivo poema do libro En concreto, que remata coa lenda inscrita na fronte do pazo de María Pita para explicar a importancia da cidade coruñesa na historia de Galiza.
Moitas grazas e boas lecturas!

POEMA DA CIDADE ALTA

O meu nome é o da Cidade Alta
nacido onde a luz e o mar se están orixinando
mutuamente
nacín enfrente de min mesma
cando a Pescadería era un leito de sereas
e a serpe demorada na voz dos meus avós
vento dos ventos

Veño de aquí
unha historia de palabras
nas casas da cabeza e nos chanzos do corazón
palabras que son xente a murmurar de lonxe
desde Santa Lucía
épicas antigas de bailes no Gurugú
insultos pelexas e disparos
e percorren no meu sangue o Camiño Novo
para coller un barco que se marcha
como se xa nunca tivese existido
e sen embargo dou fe, que son verdade
e van a Santa Margarida de merenda
onde unha vez alguén de noso se enforcara
alguén de quen só coñezo aquela rama
partida pola ausencia
non podendo tolerar o día e o cambiante
do vento, sempre, outra vez o vento
a picar na pel fría do verán canicular
o mozo vento grande que trae cartas de Ámerica
e tamén o pequeno que rechea os baleiros do tempo

Érgome dragón todos os meus corpos posíbeis e brutais
para gardar a esencia
esa que me dixeron construtores campesiños
un a un e cada un polo seu lado
sen que o ruído se puxese de acordo debaixo das formigoneiras
nen o silencio dos ríos subterráneos se fixese posíbel
Arrímome a elas, lavandeiras de Monelos
na luz agora das altas aulas do milenio
para deixalas preñadas dunha pequena memoria como o martes

E ao saír deixo comigo a porta aberta
escadas arriba Porta de Ares escadas abaixo Porta Real
e levo a chave enferruxada do salgado das ondas
onde fluctua no horizonte o meu país reflectido
a prostituta sagrada
que desabrocha o corsé das gargalladas de ouro
e finxe que sabe finxir
mentres os taxis na noite se cruzan contraseñas
as rúas se volven anónimas entre os escaparates
e as xentes xogamos coas últimas moedas
de sexo lixeiro e cansado entre os dedos

Forza, para que? Se viver é tan doce
como a area do Orzán e deixar ir o sol polo monte de San Pedro
Pero remar nas pegadas dos outros, uliscarnos no avance dos povos
repartir o dosel das tormentas gritándonos os nosos nomes de abaixo?
Coñecín ventos suaves que nunca máis se daban detido
outra vez, sempre o vento dos ventos
rodeando este ponto no mundo:
Cabeza, Garda, Chave, Forza e Antemural do reino renacido.

(Pregón Feira do Libro da Coruña (01-08-2015)”

A Coruña: actividades literarias destacadas do luns 10

OFeira do Libro da Coruña 2015 luns 10 de agosto finaliza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Presentación de Semente galega en América, de Xosé Neira Vilas, publicado por Bolanda.
20:00 h. Presentación de Relatos americanos, de láminas de Misha Bies Golas, co grupo Ataque Escampe.
21:00 h. Presentación de A cicatriz branca, de Margarita Ledo Andión, publicado en Galaxia. Participan, xunto á autora, Eva Veiga e Víctor F. Freixanes.

A Coruña: actividades literarias destacadas do sábado 8 e domingo 9

OFeira do Libro da Coruña 2015 sábado 8 e domingo 9 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

Sábado 8
18:00 h. Presentación de De paseo por Crunia, de Cristina Corral Soilán, publicada por Edicións Embora. Participa, xunto á autora, Cándido Meixide.
19:00 h. Presentación de Os medos, de Xabier Vila-Coia, publicado por Lapinga Edicións.
20:00 h. Concerto-presentación de Lucecús, de Pirilampo, publicado por Galaxia.
20:30 h. Xavier Alcalá presentará a nova edición de Fábula, publicada en Galaxia, acompañado de Tati Mancebo, Xoán Antón Pérez Lema, Xulio López Valcárcel e Víctor F. Freixanes.
20:30 h. Luís G. Soto asinará exemplares da súa obra na caseta de Editores Coruñeses.

Domingo 9
13:00 h. Encontro fantástico na Terceira Era. Presentación de Contos Estraños v. 7. Encontros na Terceira Era e de Plug & Play. Antoloxía galega de ciencia ficción erótica, editados baixo o selo Contos Estraños, de Urco Editora.

Portada Crunia

A Coruña: actividades literarias destacadas do venres 7

OFeira do Libro da Coruña 2015 venres 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

18:00 h. Contacontos e actividade de ilustración con María Lado, sobre o seu libro Porque Cuqui non quere ir á lavadora, publicado por Apiario.
20:00 h. Concerto-presentación de Gatuxo, de Magín Blanco, publicado por Fol Música.
20:30 h. Presentación de Cuestións vitais secretas, de Iván García Campos, publicado por Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Camilo Franco e Víctor Freixanes.