Compostela: actividades literarias destacadas no Festigal 2016

NaCartaz_Festigal_2016_1024px Galería das Letras do Festigal 2016, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o luns 25 de xullo:

16:00 h.: A Escola das Irmandades da Fala e outras experiencias pioneiras. Olaia Ledo e Marcos Abalde.
16:20 h.: Por que a crise non rematará nunca?, de Jordi Solé e Francesc Sardá. Presenta Manuel Saavedra.
16:40 h.: Nova edición de Laio e Clamor pola Bretaña, de Manuel María. Francisco Rodríguez, Saleta Goi e Alberte Ansede.
17:00 h.: Mortos por amor á Terra. A represión do nacionalismo galego 1936-1950. Xosé Ramón Ermida Meilán, Xoán Costa e Francisco Rodríguez.
18:00 h.: Sinatura de libros de Manuel Rivas.
19:00 h.: Sinatura de libros de Manuel Iglesias Turnes.
19:40 h.: A Imagem de Portugal na Galiza. Carlos Quiroga e João Ribeirete.
20:00 h.: Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta. Ledicia Costas e Manuel Bragado.
20:20 h.: O perverso goberno de Feijóo. Sete anos en negro. Ana Pontón e Manuel Monge.
20:40 h.: As Irmandades da Fala (1916-1931). Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural no primeiro terzo do século XX. Uxío Breogán Diéguez-Cequiel.
21:00 h.: A nenez galega a través dos anteollos de Castelao. Xosé Leal, Diana Vilas e Óscar Rodríguez.

Comeza a preinscrición para o Mestrado Literatura, Cultura e Diversidade, que se vai impartir na Universidade da Coruña

mlcd_galegoO día 23 de xuño comeza a preinscrición no Mestrado Literatura, cultura e diversidade, na Universidade da Coruña, na modalidade de semipresencial, a tempo completo ou, se se prefire, parcial. Pódese ampliar a información sobre o mestrado nesta páxina.
Impartirase en modalidade semipresencial e as sesións serán en horario de tarde dous día á semana, xoves e venres. A matrícula pode realizarse como estudante a tempo completo ou a tempo parcial. Para poder cursar o mestrado é necesario realizar preinscrición aquí. O primeiro prazo vai de 23 de xuño a 13 de xullo.
Este Mestrado da Universidade da Coruña está organizado en dous cuadrimestres: no primeiro con materias dos módulos comúns e no segundo, as do módulo específico, coa participación de profesorado da área de Filoloxías Galega e Portuguesa; as materias da especialización no ámbito galego-portugués contarán tamén coa presenza en seminarios específicos de profesorado externo á UDC, como Justo Beramendi, Antón Figueroa, Francisco Rodríguez, Paula Guerra, Alva Martínez, Meri Torras e Ana Romaní.
O Mestrado é especialmente útil para renovar metodoloxías, actualizar coñecementos e pór ao día todo o relacionado coa Literatura en xeral, e coa nosa literatura, en particular, para alén de posibilitar a eventual realización dunha tese de doutoramento no ámbito dos estudos literarios e culturais.

Pódese descargar este documento con máis información: MLCD Diptico.

Francisco Rodríguez: “Non esperaba unha evolución política destas características”

EntrevistaFrancisco Rodríguez a Francisco Rodríguez en Sermos Galiza:
“Laiovento vén de publicar a quinta edición de Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza, de Francisco Rodríguez, un libro fundamental na historia moderna do galego e unha peza clave na sociolingüística do noso país. Nesta entrevista o autor reflexiona sobre a evolución do problema desde que se publicara en 1976.
– Sermos Galiza (SG): Corenta anos despois da primeira edición, na que falaba de futuro “desesperanzador”, agardaba naquel momento que a caída de falantes fose tan rápida?
– Francisco Rodríguez (FR): Teño unha visión filosoficamente materialista do problema da lingua. Para mellor nos entender, social, económica, política, cultural e ideolóxica, que remite sempre ao problema de quen domina e quen é dominado. Para mellor o entender, remite ao problema da desigualdade que establecen as relacións xerarquizadas do imperialismo. Se as condicións do dominio non mudann, e non hai elementos políticos, ideolóxicos e culturais, que o palíen (por exemplo, o sistema educativo ou os medios de comunicación…), a evolución ten que ser negativa contra o galego e a cada paso máis acelerada, pois os instrumentos de dominio e asimilación son máis intensos. Isto foi o que aconteceu nestes corenta anos. (…)
– SG: Daquela expresaba as súas dúbidas verbo da opción reintegracionista porque “non soluciona os nosos problemas culturais como pobo”. Hoxe esa opción reforzouse cos anos e mesmo medran as persoas que usan o padrón portugués. Que opina?
– FR: O galego e o portugués son o mesmo idioma. Así o deixei claro tamén no Conflito lingüístico. Fixen unha crítica das teses de Rodrígues Lapa no aspecto de me pareceren elitistas e parciais pois só contemplaba a cuestión cultural de minorías, alén de identificar as formas galegas máis xenuínas, a fala galega, co mundo rural, atrasado, o que é unha confusión entre formas lingüísticas e connotacións máis que discutíbel… Hoxe a alternativa reintegracionista, como a oficial, e por suposto a de escribir en padrón portugués, atinxen a unha minoría da poboación. A maioría está no español e no inglés, por desgraza. Polo tanto, o problema está no retroceso de usos e na minorización e anulación, oralmente e por escrito, do galego da vida social na Galiza… Teño claro que debemos ir a unha certa homologación, toda a que for posíbel na normativa, mesmo non desboto a lexitimidade de escribir no padrón portugués, mais isto non é a solución social do problema… Por certo, resúltame incomprensíbel que se teña optado por unha materia residual de portugués no ensino, no canto de contemplar galego e portugués como unha materia troncal única, e apostar por o ensino ter como lingua vehícular a nosa lingua. (…)
– SG: Di que estamos diante dunha nova fase do conflito lingüístico, onde a confrontación ideolóxica e política é “a cada paso máis inevitábel e necesaria”. Cal cre que son os pasos que habería que dar neste sentido para atallar o acelerado descenso de falantes?
– FR: Coido que, por desgraza, retomar calquera política real de recuperación de falantes, vai estar inzada de inevitábeis debates ideolóxicos e políticos, porque a maioría xa o vive como unha cuestión de se somos galegos ou españois. A cuestión vai ser como lograr que, asumindo este debate, non quede todo condicionado, determinado, por el. Temos que lograr que a política lingüística a favor do galego represente unha vinculación coa realidade propia, perspectiva do mundo e horizonte de futuro para Galiza. Debemos lograr que se vexa o galego como un instrumento útil e necesario para a vida social, de comunicación e de traballo en todas as ordes, e demandar as condicións necesarias para que poida ser así… Contar cunha base social nesta orientación é fundamental… Sigue lendo

Conflito lingüístico, de Francisco Rodríguez, “un clásico en plena vixencia”

DesdeFrancisco Rodríguez Sermos Galiza:
“A quinta edición de Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza (Laiovento, 2015) presentouse a terza feira 15 de marzo na compostelá libraría Couceiro. Trátase dunha nova edición revisada e acrescentada con novos artigos do autor, algúns deles publicadas no Sermos Galiza. No acto estivo acompañado por Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, que definiu esta obra como “un clásico vivo para a defensa da lingua que vai aumentando en cada edición, porque en cada unha vai incorporando novos artigos e novos debates adaptados á conxuntura do momento”. (…)
Segundo Pilar García Negro, profesora da UDC, Conflito lingüístico “é o grande libro da sociolingüística moderna, por atinar no seu momento -foi publicado por primeira vez en 1976- cun diagnóstico fundamental e coa alternativa, a normalización, que tería que pasar por unha alternativa residenciada na propia Galiza e partir dela no seu conxunto, a nivel político, económico e social”.
Ademais, salientou García Negro, Rodríguez incorporou as máis rigorosas ferramentas da sociolingüística e deu alternativas para a súa normalización, concepto que -sinalou a profesora- “daquela non existía, só falaba diso naquela altura Rafael Ninyoles”. (…)
Nesta quinta edición, Francisco Rodríguez explica que “estamos, pois perante unha nova fase do conflito lingüístico, aquela onde a confrontación ideolóxica e política é a cada paso máis inevitábel e necesaria”. A respecto desta cuestión, Nel Vidal indica que “detrás das accións de políticas lingüísticas sempre hai unha intencionalidade política ou ideolóxica, iso está claro, pero nos usos reais da inmensa maioría da poboación non está esa intencionalidade cando elixe usar unha lingua ou outra. Si intervén e inflúe de forma colateral, pero non na intencionalidade do uso, e por iso ten certo perigo vinculalo á política, porque non vai estar directamente relacionado na gran maioría da poboación”. (…)”

Compostela: XXIV Xornadas de Lingua e Literatura

XIX Literatura e ensino 1XIX Literatura e ensino 2

Un novo Carvalho Calero para unha nova xeración

Reportaxe de Marcos Pérez Pena en Praza:
“”En parte, o documental quere actualizar a figura de Carvalho Calero, para achegalo ás novas xeracións, para que sexa máis coñecido pola mocidade. En Ferrol hai un colexio e un centro cultural que levan o seu nome e son moitos os que non saben nada del”. O ferrolán Antón Rodríguez é un dos tres responsables, xunto con Javier Gómez (Ponferrada) Sergio Arango (Lugo), do documental Vieiros de esperanza, un proxecto de fin de grao na facultade de Ciencias da Comunicación da UDC, que busca poñer en valor a figura do intelectual galeguista.
O proxecto audiovisual, que conta co apoio do Concello de Ferrol, súmase á reivindicación para valorar o labor de Carvalho Calero no eido da sociedade e cultura galega, apoiando a súa candidatura para as Letras Galegas 2015, ano no que se cumprirá o vintecinco aniversario do seu pasamento. O filme está case rematado (ten que ser presentando ante un tribunal académico o 26 de xuño) e ao longo do verán iniciará a súa distribución. Está previsto o seu pase en varios festivais e tamén a súa proxección a través de distintas entidades do movemento asociativo
“Como ferrolán quero reivindicar a súa figura, para que sexa homenaxeado no Día das Letras”, explica Antón Rodríguez, que sinala que cre “pouco probable” que Carvalho Calero sexa o escollido pola Real Academia o vindeiro mes de xuño para ser homenaxeado en 2015. “É tamén a opinión maioritaria entre as persoas que entrevistamos no traballo e que aparecen no documental”, comenta. Entre eles e elas destacan José Martinho Montero Santalha, Xosé María Dobarro Paz, Pilar García Negro, Araceli Herrero, José Luis Rodríguez, Víctor Freixanes, Francisco Rodríguez ou Xesús Alonso Montero.
Trátase dun documental biográfico, que percorre a vida de Carvalho Calero, dende o seu nacemento até o seu pasamento, reparando en todos os eidos nos que traballou e destacou. Busca analizar tamén, conta Antón Rodríguez, o xeito en que a súa defensa do reintegracionismo “se converteu nun tabú” en moitas das institucións nas que colaboraba e no “oficialismo”. Rodríguez destaca tamén que Carvalho Calero toma a decisión de traballar para o achegamento do galego ao portugués como “unha visión de futuro”, coa mente posta nas posibilidades que se poderían abrir para a lingua. (…)”

A Coruña: conferencia de Francisco Rodríguez sobre Rosalía de Castro. A perspectiva galega do mundo

O martes 1 de abril, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, Francisco Rodríguez pronunciará a conferencia Rosalía de Castro. A perspectiva galega do mundo, nun acto organizado pola A. C. O Facho, dentro do seu ciclo Língua, Literatura e Naçom.