Entrevista de Montse Dopico a Helena González Fernández en Praza:
““Deberás desbotar inercias, rexeitar prexuízos e disporte a ler desde o “triángulo das furias”, como di Ana Romaní; desde a reviravolta exacta en que se albisca a revolta silandeira das mulleres”. Con palabras coma estas comeza o limiar do libro Rosalía feminista, (Xerais), da profesora Helena González. Que, xa o di ela: non é unha escolma máis, senón un reto. Un convite a tomar un camiño, na lectura de Rosalía. Unha senda na que da emoción pode partir a loita contra a opresión do patriarcado. Falamos coa autora. (…)
– Praza (P): Eras ti a que falaba, hai xa tempo, en relación con iso, do “paraugas totalizador” no que se convertía a nación, tapando outros aspectos coma o feminismo.
– Helena González Fernández (HGF): Si, o concepto non é meu: é “totalizing umbrella” en inglés, e eu traducino como paraugas totalizador. O que pasa é que cando coinciden o discurso da nación e o discurso da muller o discurso da nación acaba por comportarse como o que atinxe a todo o conxunto, e o discurso da muller como se só atinxise a unha parte do conxunto: as mulleres. Así é como se formulaba o tema naquel momento, pero a estas alturas xa somos capaces de interceptar discursos… O que quería dicir é que Rosalía non só escribe a nación. Rosalía escribe as mulleres e a nación, por esta orde: primeiro as mulleres e despois as mulleres e a nación. (…)
– P: Como fixeches a selección dos poemas? Poderían ser máis, ou outros…
– HGF: Facendo unha lectura integral da poesía de Rosalía en galego e en castelán, aínda que acabei optando máis polos textos galegos. Primeiro saíronme como a metade máis de poemas, pero entendía que unha antoloxía ten que ter uns límites razoables. Fun detectando, entón, as reiteracións. Nas figuras por exemplo. Unha das figuras principais é a da muller diante do matrimonio, que representa o desafío da muller diante do principal atranco para que as mulleres poidan ser suxeito. Por iso hai tantos poemas no libro sobre o amor: contra a sedución, contra o amor romántico, contra o matrimonio…
Un dos elementos que quixen achegar con esta antoloxía foi tratar de facer que os poemas falen entre eles. É o caso de San Antonio Bendito: eu poño primeiro o San Antonio Bendito de Cantares Gallegos e seguido o poema de San Antonio de Follas Novas. Se non van xuntos, non se entende. E eu non aviso de quen fala: unha moza nova. Pero a continuación vén un poema que fala en contra do matrimonio, e así enténdese o conxunto.
En calquera caso: cando eu pensaba esta antoloxía, non pensaba no que Rosalía pensa. Unha interpretación da súa poesía en clave biográfica pode levar a excesos. E o que eu propoño é unha lectura a través das figuras femininas: de corpos e experiencias de distintas mulleres. Porque en Rosalía non hai unha única muller que fala, senón moitas mulleres que teñen vidas diferentes e toman decisións diferentes: as mozas, as vellas, as suicidas -unha figura que non se adoita destacar de Rosalía, que son mulleres que toman decisións tan difíciles como tentar acabar coa súa vida- e moitas máis: as viúvas, as viúvas de vivos…
No relato dominante, se casas serás feliz. En Rosalía, as viúvas están soas, sofren moito, pero tamén son suxeitos de ira e outras emocións e son quen de facerse cargo de si mesmas. E para facer unha lectura completa hai que entender isto. Elas quedan soas cando o home emigra, sofren unha dor infinita, tentan suicidarse sen conseguilo e finalmente deciden marchar elas tamén á emigración porque na Galicia que coñecen non conseguen vivir. E isto, ao que moitas veces non se dá importancia, é politicamente moi relevante. Na visión tradicional, a viúva de vivo é unha nai que queda soa esperando a que el volva… (…)”
Arquivos da etiqueta: Helena González Fernández
Helena González Fernández: “Rosalía fala do perigo de deixarnos levar polo amor romántico”
Barcelona: presentación de Os días felices de Benvido Seixas, de Eduard Velasco
Compostela: II Festival de poesía para Corpo Principal, Alguén que respira!
Tabela dos libros. Marzo de 2019
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro lunes do mes, chega a nova Tabela dos libros, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Homenaxe da Fundación Rosalía de Castro ás escritoras Xohana Torres, Pura Vázquez, Mª do Carme Kruckenberg e Xela Arias
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Daquelas que cantan: Xohana Torres, Pura Vázquez, Mª do Carme Kruckenberg e Xela Arias. Con Helena González Fernández, Chus Nogueira, Mercedes Queixas Zas e Camiño Noia. Homenaxe da Fundación Rosalía na Casa de Rosalía. Pode escoitarse aquí.”
Casa de Rosalía: homenaxe a Xohana Torres, María do Carme Kruckenberg, Pura Vázquez e Xela Arias
O Día das Letras Galegas de 2018 estará dedicado a María Victoria Moreno Márquez
Desde a Real Academia Galega (imaxe cortesía de Galaxia):
“O Día das Letras Galegas de 2018 estará dedicado á escritora e profesora María Victoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1941 – Pontevedra, 2005). A decisión adoptouse no Pleno ordinario da Real Academia Galega celebrado na mañá do sábado 17 de xuño na Coruña, no que tamén se nomeou académica de honra a Marina Mayoral e académicos e académicas correspondentes a Takekazu Asaka, Marcos Bagno, Olga Castro, Helena González, Kirsty Hooper, Helena Villar Janeiro e Helena Zernova. Licenciada en Filoloxía Románica en Madrid, María Victoria Moreno chegou a Galicia en 1963, con só 22 anos, como profesora e axiña asumiu a cidadanía en galego, idioma no que enriqueceu as nosas Letras tanto na narrativa -nomeadamente a infantil e xuvenil- como nos estudos literarios, no ensaio, na poesía e na didáctica da lingua e da literatura galegas.
“Eu non son alófona porque o que practico, se é que escribo, podería definirse coma unha amorosa autofonía (…). A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”, declaraba María Victoria Moreno, en 1993, no congreso “Poetas alófonos en lingua galega”. Dúas décadas atrás, a autora publicara Mar adiante (Edicións do Castro, 1973), o seu primeiro libro en galego (ilustrado por ela mesma), un ano despois de gañar con Crarisa e o luceiro o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís do Facho. Con esta primeira novela, a profesora de orixe estremeña convertíase nunha das voces pioneiras da narración en galego destinada ao público máis novo, ao que dedicaría tamén boa parte da súa produción literaria posterior con notable recoñecemento tanto da crítica como do público.
Outro título destacado na súa traxectoria, Anagnórise (Galaxia, 1989), é un dos maiores éxitos da literatura xuvenil na nosa lingua: a novela foi incluída na listaxe de honra do IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil) en 1990 e chegaron a se editar en poucos anos vinte edicións. Pero o seu libro preferido era Leonardo e os fontaneiros (Galaxia, 1986), co que gañou o terceiro premio O Barco de Vapor de 1985. Con Guedellas de seda e liño (1999), outra das historias nas que demostra a súa capacidade de chegar ao público adolescente, entrou na prestixiosa listaxe internacional de White Ravens 2002. Un par de anos despois sairía do prelo Diario da luz e a sombra (Xerais, 2004), onde reflectiu a experiencia da enfermidade que acabou pouco despois coa súa vida, o 21 de novembro de 2005.
María Victoria Moreno soubo tamén transmitir a paixón pola lingua e a literatura como profesora, tanto nas clases de lingua galega semiclandestinas que impartía gratuitamente nos anos 70 en Pontevedra (Asociación de Amigos da Cultura, 1971-1974), Vilagarcía de Arousa (1973-1975) ou Ourense (Ateneo, 1974-1975) como nas oficiais de Lingua e literatura españolas que deu durante décadas no ensino secundario. Polas primeiras, en concreto as impartidas no Ateneo de Ourense, a Policía de Pontevedra chegou a retirarlle o pasaporte a comezos de 1975 por entender que esta institución estaba gobernada por dirixentes subversivos.
No instituto de Lugo orientou as inquedanzas lingüísticas e literarias dun dos seus alumnos, Xesús Rábade Paredes, promovendo a edición do seu primeiro libro de poemas, que lle prologou. Tras un par de anos nesta cidade e mais un tempo en Vilalonga (Sanxenxo), volveu a Pontevedra, onde seguiu engaiolando a xeracións de rapaces e rapazas, primeiro no instituto Valle-Inclán e despois no Torrente Ballester, ao que lle legou a súa biblioteca persoal.
No eido educativo asinou, ademais, libros de texto que aínda hoxe se consultan: foi coautora de Literatura [galega]. Século XX, para COU (Galaxia, 1985), e de Literatura [galega], para 3º de BUP (Galaxia, 1987). As linguas de España e Verso e prosa (Xunta de Galicia, 1991) son outros exemplos do seu traballo rigoroso no eido da didáctica. E tamén cómpre lembrar que foi mestra de mestres en cursos como os que impartiu sobre literatura galega para docentes a comezos dos 80.
A tradución é outro terreo no que María Victoria Moreno realizou achegas destacadas. Verteu obras desde o catalán, idioma co que dialogaba como filóloga e poeta, e realizou as traducións aos castelán da antoloxía bilingüe Os novísimos da poesía galega (Akal, 1973), escolma que preparou e prologou ela mesa con poemas de Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Fiz Vergara Vilariño ou Xesús Rábade. Cómpre tamén lembrar outras facetas da autora, como a de libreira en Pontevedra, onde abriu xunto a outros intelectuais, en 1968, a libraría Xuntanza, unha trincheira máis para promover a literatura e espallar os libros. No eido editorial, foi ademais codirectora da colección infantil de Galaxia, Árbore, desde o seu inicio.
Marina Mayoral, académica de honra
Alén da elección da figura literaria que protagonizará o Día das Letras Galegas de 2018, na sesión plenaria da RAG de hoxe nomeouse académica de honra a Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942). Catedrática xubilada da Universidade Complutense de Madrid, novelista e columnista premiada, é autora dun caudaloso labor rosaliano co que levou o nome da escritora fundacional das letras galegas a tribunas académicas de todo o mundo. A súa primeira grande achega é a súa tese de doutoramento, La poesía de Rosalía de Castro (Madrid, Gredos, 1974), prologada polo profesor Rafael Lapesa, á que seguiron outros estudos e edicións de diferentes títulos da escritora. O universo literario de Emilia Pardo Bazán débelle tamén edicións e investigacións que a converten nunha das grandes autoridades na autora coruñesa.
Como narradora, é autora de máis de vinte títulos. Algúns deles, publicados orixinalmente en galego, ademais de moi reeditados, foron traducidos a varios idiomas: Unha árbore, un adeus, Chamábase Luís, Tristes armas, Quen matou a Inmaculada Silva?
Sete novos académicos e académicas correspondentes
Na sesión plenaria deste sábado cubríronse ademais sete vacantes de correspondentes. Serán ocupadas por Takekazu Asaka (Toquio, 1952), profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Tsudajuku, autor da primeira gramática galega para xaponeses e tradutor ao xaponés de Rosalía e outros autores das nosas letras; Marcos Bagno (Cataguases – Brasil, 1961), profesor da Universidade de São Paulo, recoñecido lingüista e defensor dunha nova visión do portugués, en que subliña a súa orixe galega; Olga Castro (Lugo, 1980), profesora de estudos de tradución da Universidade de Aston (Birmingham) e especialista na interacción entre xénero, linguaxe e tradución; Helena González Fernández (Comesaña – Vigo, 1967), profesora titular de lingua galega e investigadora do Centre Dona i Literatura da Universidade de Barcelona; Kirsty Hooper, profesora de Estudos Hispánicos da Universidade de Warwick (Coventry, Reino Unido), coordinadora do Hispanic Liverpool Project e tradutora de Cousas de Castelao; a escritora Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940), unha das autoras pioneiras da literatura galega para infancia e tamén unha das primeiras profesoras de Lingua e Literatura Galega no ensino secundario; e Helena Zernova (San Petersburgo, 1973), directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo e tradutora ao ruso das obras máis senlleiras da nosa literatura.”
Vigo: presentación de Elexías a Lola, de Xohana Torres
O venres 18 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102), en Vigo, preséntase Elexías a Lola, de Xohana Torres, publicado por Engaiolarte. Participan Helena González, Teresa Bermúdez e Xan Carballa.
Crónica videográfica das V Xornadas de Literatura e Ensino. Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016) (III)
O 15 de outubro tiveron lugar as V Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o título de Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016), organizadas pola AS-PG e a AELG, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), en Santiago de Compostela.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa do acto, da que destacamos hoxe as seguintes intervencións:
– Presentación da mesa redonda “Que literatura galega nos piden os tempos?”, con Carlos Negro:
– Mesa redonda “Que literatura galega nos piden os tempos?”, con Camilo Franco:
– Mesa redonda “Que literatura galega nos piden os tempos?”, con Helena González Fernández:
– Mesa redonda “Que literatura galega nos piden os tempos?”, con Álex Alonso:
– Mesa redonda “Que literatura galega nos piden os tempos?”, con Camilo Franco, Helena González Fernández e Álex Alonso: