Entrevista a Ramón Nicolás en A Movida:
“(…) – A Movida (AM): Como resultou a tarefa de condensar todo o traballo e o que foi Paco del Riego nunha biografía tan divulgativa e amena como Francisco Fernández Del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo?
– Ramón Nicolás (RN): Pois foi, como é doado de imaxinar, todo un desafío. Unha vida, por un lado, tan longa e, por outro lado, tan fértil en actividades políticas, literarias ou culturais resultaba difícil de sintetizar nunha monografía divulgativa -exactamente o que se me solicitou desde Edicións Xerais- que estivese dominada pola brevidade, a concisión e que se destinase a un público amplo que podía serlle familiar a figura de Fernández del Riego ou mesmo que podía descoñecelo totalmente. O reto arrincou tamén desde esas instancias: ofrecer algún dato ou reflexión pouco coñecida ou nalgunha medida nova e conxugalo cunha visión máis xeneralista e informativa tanto da súa biografía como da súa obra, inxente por certo.
– AM: Aínda hoxe, e a pesar do enorme labor levado a cabo por Del Riego, continúa a ser descoñecido por moitas persoas, principalmente das máis novas. A que cres que se debe isto?
– RN: É probable que así sexa. A difusión ou coñecemento das figuras da nosa cultura vincúlase estreitamente co legado literario que deixaron e a súa inclusión no canon. Malia ser a súa tarefa intelectual, no caso de Don Paco, moi vizosa o certo é que os xéneros polos que transitou -basicamente o ensaio de carácter divulgativo, a crítica literaria, mesmo os seus aínda pouco coñecidos libros de viaxes- non se contemplaron nunca como xéneros de maiorías. Por outro lado, a súa presenza no currículo do ensino da literatura galega limitábase, no mellor dos casos, a apuntar o seu labor como ensaísta, ás súas actividades no nacionalismo de preguerra o á reconstrución do galeguismo na posguerra, a carón do papel que desempeñou no suplemento de La Noche, na editorial Galaxia, na revista Grial e na Biblioteca Penzol, estas últimas actividades contempladas máis como tarefas que se abordan desde o estudo da socio-lingüística do século XX que desde o punto de vista estritamente creativo. De feito, a súa vida estivo sempre ao servizo de Galicia, sen querer ostentar ningún tipo de protagonismo e en moitas ocasións situouse, conscientemente, nun segundo plano. De aí que a súa personalidade, pasados certos anos desde a súa desaparición física, fose esvaecéndose nun ámbito máis bretemoso e, teño para min que hoxe, malia non decatarnos, nos beneficiamos de moitos dos proxectos e iniciativas que el ideou, abrazou ou abandeirou. (…)
– AM: Despois de ter investigado tanto, cal é para ti a maior achega de Del Riego á sociedade galega?
– RN: Podía apuntar moitos extremos. Desde a intensísima actividade cultural e política que levou a cabo da República, pasando polo papel na reconstrución do Partido Galeguista na posguerra, o que significou o seu traballo en Galaxia cando esta botou a andar, a Biblioteca Penzol, a súa obra literaria e tantas e tantas cousas…, pero quedo, sobre todo, cun aspecto que se deriva da súa personalidade: a súa xenerosidade, a rectitude, a lealdade: pórse ao servizo do seu país cando isto era moi complicado e podía arrastrar graves consecuencias. A isto incorporo que era consciente da relevancia do papel de transmisor da memoria do nacionalismo da República e da posguerra que, dalgún xeito, a súa lonxevidade lle permitiu realizar: velaí dous libros de memorias aínda hoxe esenciais, outros volumes de carácter semellante e tantas e tantas horas compartidas con xornalistas, investigadores, etc., que o abordamos unha e outra vez case sempre coas mesmas preguntas. A súa foi sempre unha paciencia ilimitada cando se trataba de dar conta do que sabía porque o experimentara. Nese sentido creo que nunca quixo prescindir dalgunhas das dinámicas que imprime unha que foi unha das súas profesións como foi a docencia: paciencia, bo talante, comprensión… (…)”
Arquivos da etiqueta: La Noche
“Um Carvalho de muitas pólas”, artigo de Xoán Costa
Artigo de Xoán Costa en Nós Diario:
“(…) Carvalho Calero escreveu muitas e variadas páginas sobre muitos e variados temas, umas assinadas com o seu próprio nome, ou com as iniciais dele e outras com pseudónimos ou, pelo menos num caso, com um heterónimo que o acompanhou até a década de 1970.
Quando em 1979 Carvalho Calero publica Estudos Rosalianos. Aspectos da vida e da obra de Rosalía de Castro inclui no volume um artigo titulado “O motivo do cravo” e, no final do texto, a referência da primeira publicação: “La Noche, suplemento del sábado, núm. 5, 12 noviembre 1949”.
Se consultamos essa referência no suplemento original, comprovamos que esse artigo, com idêntico contido, aparece assinado por Fernando Cadaval no suplemento do diário compostelano. É esta a primeira duma série de colaborações que com esta assinatura se iriam estender, nesse meio, até 1964 e até bem entrada a década de 1970, noutros.
Em abril do ano seguinte, 1950, o próprio jornal La Noche indica que este Fernando Cadaval é pseudónimo de Ricardo Carvalho Calero. Difunde-o ao dar conta da concessão a Carvalho do prémio de romance instituído pela sociedade Bibliófilos Gallegos e que recai na obra A Gente da Barreira. A este respeito diz o diário vespertino santiaguês: “Ricardo Carballo Calero, el novelista galardonado, es un escritor de merecida fama en los círculos literarios gallegos … Las últimas muestras de su pulcro estilo como prosista aparecieron en La Noche, donde colabora bajo el seudónimo de Fernando Cadaval”.
Anos mais tarde, no libro Conversas en Compostela con Carballo Calero, o próprio Carvalho certifica este facto a M. A. Fernán-Vello e a F. Pillado Mayor: “E publiquei artigos co pseudónimo de Fernando Cadaval. Algúns deles están recollidos en libros posteriores”.
Não foi este o único pseudónimo que utilizou Carvalho. “Eu teño empregado muitos seudónimos” diz em mais de uma ocasião. Sendo ainda rapaz novo publicou textos com o pseudónimo Ilex “Ilex é aciñeiro en latín e, en certo modo, é unha traduzón do meu apelido” e já em períodos posteriores, ademais de Leopoldo Calero, diz ter empregado o pseudónimo de Eduardo Colmeiro, por exemplo.
Na revista Grial há algumas recensões de livros assinadas por M. Dumbria, ou Martiño Dumbría, uma personagem da novela de Otero Pedraio Devalar. Na revista Agália assina como M. Dumbria e publica os “Provérbios otomanos” sob Namiq Ziyá. Ainda na Agália assina algum texto como P. F. (Pauviños Fontenla). Martiño Dumbría e Pauviños Fontenla são duas personagens do romance Devalar, de Otero Pedrayo e nelas, nessas personagens, aparece refletido o espírito “da mocidade que traballava entón no seminário de Estudos Galegos. Esa é a razón de que escollese o nome de Martiño Dumbría, que era un seminarista como fun eu. Seminarista do Seminario de Estudos Galegos, porque eu, a diferenza dunha grande cantidade de escritores galegos, nunca pasei polo seminário conciliar”.
No sítio web da Fundación Luís Seoane podemos ler esta biografia de Fernando Cadaval: “Escritor, poeta e xornalista. Colaborador en La Noche e Galicia Emigrante, con traballos onde reflexiona sobre a poesía. Tamén escribiu poemas en Aturuxo, revista de poesía editada entre 1952 e 1960”.
Em 1954, em carta de Del Riego a Luís Seoane, datada a 3 de novembro, del Riego di ”Te adjunto un artículo de Emilio Alvarez Blázquez y otro de Fernando Cadaval para la Revista”. Tal vez por isso no sitio web citado aparece com a mesma consideração que qualquer outro autor sem indicar que se trata de um autor carente de correspondência humana.
Segundo Carvalho a génese de Fernando Cadaval arrancaria quando começam as colaborações em La Noche e nasceria por sugestão de Xosé Luís Goñi, na altura diretor:
“Somente indicou (Goñi) á persoa con que falou este asunto (…) que cría que eu debía considerar se non sería conveniente que utilizase un seudónimo. Así naceu o meu seudónimo Fernando Cadaval”. “A miña muller nasceu nunha aldeia de Lugo que se chama O Cádavo. Creio que ese feito foi o que me suxeriu o apelido Cadaval. Polo que se refere ao nome de pía, Fernando, a verdade é que non sei a motivazón que pode haver. Talvez polo seu ritmo acentual, pola sua suma de fonemas. Eu teño muitos nomes. Chamo-me Ricardo Leopoldo Anxo Xosé Xerardo, pero non Fernando”.
Álvaro Paradela, en La Noche de 30 de maio de 1963 –já passara a primeira celebração das Letras Galegas– pergunta-se sobre as razões de Carvalho adotar esse nome para as suas colaborações em La Noche e chega ás seguintes conclusões: “Carvalho toma o nome de Fernando Cadaval do Cadaval de Freixeiro, no couto de Narón e Fernando de Fernán d´Esquío, poeta trobador nativo de campos e bosques de Ferrolterra”.”
Un poema esquecido de Celso Emilio Ferreiro en homenaxe a Manuel Antonio
Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“A Manuel Antonio; sempre no mar é un poema esquecido de Celso Emilio Ferreiro. Non se trata dun inédito, dado que se publicou o 24 de agosto de 1960 en La Noche, mais si descoñecido. Non aparece recollido na Poesía Galega Completa (Xerais, 2004) nin nos máis antigos tres tomos da Obra completa (Akal, 1978-1981). Exhumouno o crítico e ensaísta Xesús González Gómez.
O poema que agora recupera Sermos Galiza fai parte do seguimento especial do xornal compostelán La Noche á “gran xornada literaria en homenaxe ao poeta Manuel Antonio celebrada en Asados (Rianxo) na tarde de onte”. En pleno franquismo e coa participación das autoridades.
A crónica central corresponde ao colaborador da publicación Piñeiro Ares e nela relata a misa en honra do poeta oficiada por Faustino Rey Romero e a lectura de poemas de Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Álvarez Blázquez, “o mozo literato de Asados Santos Sende” [Xesús Santos Suárez] e Baldomero Isorna. Tamén interveu o daquela alcalde Martín Gómez Rodríguez.
La Noche deixa espazo ademais para as composicións de Álvarez Blázquez (Manuel Antonio), Sende (Unha noite con Manuel Antonio) e Isorna (El poeta: Alfar de ensueños). Este tamén se encargou da “exaltación da obra literaria do poeta Manuel Antonio”.
Velaquí a transcrición do poema de Celso Emilo Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979):
“A Manuel Antonio; sempre no martes
Meu capitán de ventos i-alboradas,
meu piloto de estranas travesías
por mares nunca d-outros navigados,
de illas non descubertas, misteriosas,
mais alá dos solsticios i-as mareas,
mais alá das escumas i-os solpores,
na pura libertá da noite pecha.
Eu preguntei por ti, calada sombra,
coa voz dos afogados que camiñan
-mudos e núos-
por vereas de peixes e sargazos,
sobre a luz das estrelas mergulladas.
Eu preguntei por ti, viñen de lonxe,
baixei da terra miña montesía
deica a alcendida proa do teu barco,
a babor das saudades i-as lembranzas.
Un longo acordeón de chuvia maina
rachaba o corazón en dous anacos
e puña despedidas e buxolas
nos meriadianos tristes dos ronseles
arados sobre o mar, rumbo a ningures,
meu capitán de roitas imposíveles
que izaches doces grímpolas de sonos
a veira do amencer de cada día
nas orelas de tódolos naufraxios.”
O Consello da Cultura Galega abre as cartas de Luís Seoane
Desde Sermos Galiza:
“(…) A correspondencia que publica agora en rede o Consello da Cultura Galega mostra as cartas de ou a Seoane nunha comunicación establecida con máis de 200 persoas. Francisco Fernández del Riego con 284, Domingo García Sabell con 85, Armando Zegrí con 72 ou Ramón Piñeiro con 69 son os interlocutores con maior número de cartas no seu epistolario. Os temas máis recorrentes deixan á vista tamén a traxectoria de Luís Seoane labrada ás dúas beiras do océano. Centro Galego de Bos Aires, Editorial Galaxia, Galicia Emigrante, Galería Bonino, Cadernos Grial, La Nación, Revista Galicia, La Noche, Museo Carlos Maside, Sargadelos son os asuntos dos que máis fala o creador galego.
As cartas foron dixitalizadas, editadas e contextualizadas por un equipo de documentalistas e filólogos e permite realizar buscas por temas ou nomes a través do conxunto destes escritos que Seoane elaborou para a comunicación persoal sen vontade de seren publicados mais que dan grande información sobre a súa figura e o acontecer intelectual do seu tempo. De cada unha das cartas pódese acceder ao orixinal -manuscrito ou a máquina- e tamén a súa versión dixitalizada. O traballo inclúe unha ficha de identificación persoal das duascentas persoas que se escriben con Seoane. A colección ampliarase nos vindeiros meses con cartas relacionadas co grupo de Sargadelos e as amizades do exilio, entre outras. (…)”