Ledicia Costas: “Na vida hai que ir con todo”

Entrevista a Ledicia Costas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): A cociñeira defunta… Escribe vostede sobre temas un pouco macabros.
– Ledicia Costas (LC): A min vaime o gótico. Fantasmas, espíritos… e mesturar iso con humor. Dende nena, sempre me fascinaron as historias de fantasmas e do alén. E descubrín que, como escritora, pasábao de marabilla escribindo esas historias.
– LVG: Non lle daban medo, de pequena?
– LC: Si, pero ao mesmo tempo atraíanme. (…)
– LVG: Escribe oito horas ao día, lin.
– LC: Ás veces máis e outras menos, pero son moi disciplinada para iso. Tamén é a única cousa na vida para a que son disciplinada, para o traballo. Se me deixase levar por ese concepto romántico da inspiración, non escribiría nunca. Para escribir novelas hai que dedicarlle horas.
– LVG: Unha novela é un milagre.
– LC: Require dunha entrega total. A túa cabeza está metida todo o tempo nese universo que estás construíndo. É a única maneira de enchouparte da historia, de meterte na pel dos personaxes… É unha inmersión completa.
– LVG: E mete nas novelas á súa panadeira, ao veciño…
– LC: Si, claro. Hai moitas frases que lle escoito a persoas ou xente que me parece singular que acaban nos meus libros sen sabelo.
– LVG: Vostede métese no corazón das persoas. E haberá quen llo faga saber.
– LC: Iso é moi impresionante. Eu recibo cada mensaxe que ás veces déixanme rota, rota de emoción. Unha cousa así dálle sentido a todo. (…)”

Rianxo: Actos Castelao, xaneiro 2022

Paco Martín: “O lector ten que gozar cos libros”

Entrevista a Paco Martín en La Voz de Galicia:
“Galicia deu á cultura a Xeración Nós: Ramón Otero Pedrayo ou Vicente Risco xa conseguiron a consideración de clásicos. Pero hai tamén unha Xeración Lamote, que nestas pasadas décadas ten achegado moitos lectores á literatura en galego. O escritor Paco Martín (Lugo, 1940) é un dos membros, á que pertence dun xeito especial.
O nome do grupo, que Martín lle atribúe «ao editor Manuel Bragado», ten moito que ver cunha das obras máis coñecidas do autor, Das cousas de Ramón Lamote, cuxo éxito se pode comprobar de moitas maneiras. En primeiro lugar, non lle faltaron ao libro recoñecementos oficiais, pois acadou o Premio Barco de Vapor e o Premio Nacional de Literatura en 1986. En segundo lugar, porque o libro editouse ducias de veces e Martín ten coñecido familias nas que uns membros lían a obra e lla pasaban despois a outros.
Para entender o interese de Martín polas palabras e pola literatura, convén situarse no Lugo da posguerra. Por unha banda, lembra que os nenos que ían á escola dun mestre do barrio de Magoi, que estaba represaliado por republicano e daba clase na casa, escoitaban como o que fora ao cine contaba despois a película aos outros: algún filme, di, case lle gustou máis «como narración oral que visto na pantalla». Por outra, súa nai e outras mulleres xuntábanse e lían un libro, Genoveva de Brabante, que lles facía chorar. Martín confesa que non o leu para que non se rompese o mito xurdido arredor da obra, aínda que sospeita que as bágoas saían cando as mulleres descubrían, naqueles duros anos, historias máis duras ca as das súas vidas.
A Xeración Lamote —que inclúe nomes coma Agustín Fernández Paz, Xabier P. DoCampo ou Fina Casalderrey— veu encher un oco. Martín lembra que había algúns títulos —As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, de Carlos Casares, ou Os soños na gaiola, de Manuel María—, pero non un conxunto de obras pensadas para o público infantil e xuvenil.
A súa coñecida obra apareceu nun momento en que, lembra Martín, os escritores amosaban «unha certa tendencia a amosarse solemnes». «A literatura é o que é», opina el, convencido de que na lectura hai unha parte de pracer sen a cal non paga a pena. «O lector ten que gozar cos libros», di. Martín recoñece que foi un apaxionado lector, quizais coa mesma intensidade coa que agora rele libros coñecidos hai anos. Aos seus 81 anos, segue a escribir e prevé que dentro duns meses se publique a novela que vén de rematar. Entrementres, a gran familia de amigos de Ramón Lamote ten razóns para esperar máis incorporacións, pois o centro sociocultural que se abrirá no barrio lucense da Piringalla leva o seu nome. Admite que lle faría ilusión que alguén descubrise alí esa obra.”

Lionel Rexes gaña o premio de novela Lueiro Rey con A montaña do poeta

Desde La Voz de Galicia:
“Era a segunda vez que se presentaba ao Premio de novela curta en galego Manuel Lueiro Rey, e volveuno a gañar. En 2016 fíxoo con A raíña das velutinas; agora, no 2021, coa obra A montaña do poeta. Unha hora despois de coñecer a feliz noticia, Lionel Rexes explicaba a este diario que se trata dunha historia inspirada en feitos do pasado cunha trama que transcorre na actualidade. O punto de partida é unha casa abandonada de Alfoz que daquela frecuentaba o poeta Noriega Varela e na que, casualidades da vida, Rexes foi atopar un ciclomotor que lle roubaran hai uns anos. O relato pronto cobrará forma de libro grazas a este premio literario. A edición da novela é parte do premio. A outra son tres mil euros que o Concello do Grove entregaralle ao gañador nun acto que se desenvolverá no consistorio, se a pandemia o permite.
O fallo do Lueiro Rei fíxose público esta tarde, logo de reunirse o xurado formado por Armando Requeixo Cuba, Ánxela Rodríguez Rodríguez, Carmen Ferreira Boo, Manuel Antonio Piñeiro Fernández e Héctor Cajaraville Araújo.”

Ramón D. Veiga e Manuel López Rodríguez foron os gañadores do Premio Arume de Poesía

Desde La Voz de Galicia:
“O poemario Parapluie, de Ramón D. Veiga, e A flor da letra, de Manuel López Rodríguez, resultaron gañadores do Premio Arume de Poesía para a Infancia que promove conxuntamente a Fundación Xosé Neira Vilas, a asociación Gálix e a empresa Deleite. As obras premiadas serán publicadas pola editorial Embora. As dúas comparten, en opinión do xurado, unha mesma arela provocativa, arriscada e de notable creatividade.
Mentres que Ramón D. Veiga xa conta cunha boa cantidade de obra infantil, para Manuel López esta é a súa primeira incursión neste campo. A súa obra, apuntan dende a Fundación Neira Vilas, «constitúe unha singular homenaxe á poesía establecendo un diálogo con poetas relevantes na nosa literatura» explicando que «o ritmo introdúcenos nunha proposta unitaria, cunha rica linguaxe conceptual e variados recursos que nos conducen á oralidade e participación coral».
Parapluie, apuntan, «é un libro divertido e provocador no que se busca a risa pola extravagancia e a complicidade cos pequenos lectores e lectoras». Unha obra, engade a Fundación, «cunha linguaxe áxil e de calidade, na que os recursos poéticos están moi ben empregados e a sonoridade envolve os versos». O premio Arume retoma un galardón creado hai vinte anos por Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas.”