A Coruña: Libros a monte III

“O veleno vertebral”, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Escolle sempre Lara Dopazo Ruibal (Marín, 1985) un animal totémico a través do cal comunicarse co seu público lector. Se xa a Ovella marcara o seu debut poético (Premio Francisco Añón 2016) e Os Lobos na casa de Esaú (Chan da Pólvora, 2017) ceibaran a manda, é agora con Claus e o alacrán (Espiral Maior, 2018), merecedor do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño do ano 2017, que recolle a animalización do seu leit motiv na figura do alacrán. Insectos, lesmas e formigas formarán o corifeo da alimaria que será fío condutor e filtro confesional do eu poético.
O alacrán fala, para Lara Dopazo Ruibal, de supervivencia. Alimaria despreciada polos demais seres vivos pola súa perigosa asociabilidade, no desespero pode atacar coa súa puga mortal ou inocular o veleno no seu propio corpo para matarse. Así actúan tamén os medos humanos, incapaces ás veces de deixarnos asumir a perda, a precariedade, a ausencia e continuar. Paralizan e mancan.
Poemario de personaxes, Lara, o alacrán e Claus amósanse vencidas desde o inicio. Os espazos son a ruína e os corpos constitúen o territorio de dor e dúbida vencidos ante o medo á desaparición da casa matriz e do núcleo familiar. (…)”

XV Simposio O libro e a lectura: Poesía, a luz apagada?

A Asociación Galega de Editoras celebra o XV SIMPOSIO O LIBRO E A LECTURA, desta volta, baixo o lema Poesía, a luz apagada? A edición deste ano terá lugar os días 15 e 16 novembro 2018, no auditorio do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela.
A inscrición é gratuíta ata completar aforo (100 persoas) e pode realizarse a través do enderezo electrónico s.tecnica@editorasgalegas.gal  ata o 12 de novembro.

O programa contará con dúas mesas redondas, dúas conferencias, un panel de experiencias, unha actuación-performance e un recital poético. Desenvolverase en xornada de mañá e tarde, o día 15 de novembro e, en xornada de mañá, o día 16 de novembro.

Programa:

Xoves, 15 novembro
Mañá
10:00h. Inauguración.
10:30h. Conferencia apertura: Yolanda Castaño.
12:00h. Pausa-café.
12:30h. Panel de experiencias: da edición á creación.
_ Paz Castro, Kalandraka Editora. Premio Internacional ‘Cidade de Orihuela’ de Poesía para Nenas e Nenos.
_ Antía Otero, Apiario.
_ Isaac Xubín, autor.
_ Leire Bilbao, autora.
14:00h. Remate da xornada.

Tarde
16:30h. Mesa redonda: novos camiños para a poesía.
_Marcus Daniel Cabada, revista Ligeia.
_Anxos Rial, mestra.
_Celia Parra, poeta.
18:30h. Actuación-performance: Cinta Adhesiva.
19:30h. Remate da xornada.

Venres, 16 de novembro
10:00h. Mesa redonda: canles de visualización.
_Chan da Pólvora, libraría.
_Nuria Vil, poeta.
_Lara Dopazo, poeta.
11:30h. Pausa-café.
12:00h. Recital poético: Emma Pedreira, María Lado, Movemarcos (Leo e Xubín).
13:00h. Conferencia peche: Antonio García Teijeiro.
14:00h. Clausura.

Organizan: Asociación Galega de Editoras e Concellaría de Educación e Cidadanía (Concello de Santiago).
Colaboran: CEDRO, Consello da Cultura Galega e Xunta de Galicia.
Deseño cartaz: María Montes.

“As fillas de Penélope”, por Daniel Salgado

Artigo de Daniel Salgado para Sermos Galiza (cadro de Laxeiro):
“O maxisterio de Xohana Torres (1931-2017) foi intempestivo. Atravesou o seu propio tempo, impúxose á liñalidade das xeracións e confluíu coas poetas máis rebeldes das últimas décadas. A autora do depuradísimo e influente Tempo de ría (1992) dialogou de igual a igual coas novas promocións. E as fillas de Penélope responderon coa decisión de tamén navegar e socializaren a maxia, porque esta “existe e pode ser todas”.
“A voz de Xohana fica como o emblema de quen escribiu non en busca do poderío, senón da apertura”, sinala Olalla Cociña (Viveiro, 1978), gañadora do último premio Afundación con Vestir a noite. E salienta a conversa que estabeleceu coas escritoras e escritores máis mozos: “Natural, comprometida e afectuosa. Non podemos despegarnos dela, non podemos evitar buscar a súa palabra, que nos sostén entre o mar e o cosmos”. Coincide con Marta Dacosta (Vigo, 1966), para quen Torres serviu, ademais, á causa da emancipación poética.
“Eu son Penélope / e rexeito teas e fíos / non te vou agardar”, escribiu Dacosta no poema Ordenemos o universo de As amantes de Hamlet (2003), como ampliando a rebelión, levándoa máis alá, da célebre Penélope de Xohana Torres. “Dela aprendemos a ser mulleres que escriben sen veos”, esténdese, “e a min abriume a porta para falar coa miña propia voz. Eu aferreime ao poema de Penélope como a unha bandeira”. A que ergueron as poetas que, a partir dos anos 90, revolveron a literatura galega. De Ana Romaní (Noia, 1962) ou María do Cebreiro (Santiago de Compostela, 1976) a Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) ou a Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) que onte, nas redes sociais e logo de saber da morte de Torres, se declaraba “escritora orfa”.
“A presenza que adquiriu na década dos 90 non se esvaeceu nunca”, considera Dores Tembrás (Bergondo, 1979), que coa tamén poeta Antía Otero (A Estrada, 1982) sostén a editorial Apiario, “e cando publicou a súa última entrega [Elexías a Lola, 2016], todas estabamos expectantes e esperanzadas por volvela ler. Foi un auténtico acontecemento”. A obra poética de Torres desprégase en só catro títulos: Do sulco (1959), Estacións ao mar (1980), Tempo de ría e Elexías a Lola. Como puídos, extraordinarios accesos ao enorme océano que se entorna nos seus versos.
Sobre o libro Os fillos da fame (2016) paira a sombra da poesía de Xohana Torres. Esa que, segundo o seu autor Ismael Ramos (Mazaricos, 1994), ten por corazón “a aspiración irrenunciable á verdade”. “É quen de nomealo todo desde a nada máis absoluta”, engade, e refírese a ela como “a escritora máis brillante do pasado século” en Galiza, “inclasificable en ningunha xeración, pero inspiradora para todas. Xohana é infinita”. As novísimas tamén recorren á palabra precisa e liberadora dos seus poemas, cuxa pegada, explícita ou implícita, se pode rastrear en Alba Cid (Ourense, 1989), Lara Dopazo (Marín, 1985), Antón Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1996) ou Fran Cortegoso (Pontevedra, 1985-2016).
O congreso sobre poesía que promove a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e que transcorrerá en Pontevedra os vindeiros 6 e 7 de outubro leva por título unha variación da máis coñecida palabra de orde da súa poesía: Nós tamén navegar. “Non é unicamente unha afirmación feminista”, explica Marta Dacosta, que fai parte da organización do encontro, “senón tamén da poesía, da lingua, da nación”. Porque a Penélope de Xohana Torres non pedía permiso para se rebelar contra o destino. Fartara de “tanto novelo e tanta historia” e optou por se facer cargo da súa propia existencia. Optou, daquela, pola revolución.”