Desde Sermos Galiza:
“O escritor e xornalista Manuel Rivas non tardou na presentación do novo proxecto editorial na Feira do Libro da Coruña en evocar o espírito de Loia. Tendo a Xosé Manuel Pereiro á beira era fácil que a memoria persoal remitise a aquel momento inicial na que os dous, en Madrid, botaban a andar aquela revista literaria-cultural de poucos números e moito entusiasmo. Son outros tempos, pasaron anos, mais Rivas e Pereiro volven animar a saída dunha nova cabeceira, como cando eran estudantes, como cando o xornalismo non era só un desexo senón tamén un proxecto de futuro. “O fracaso é non facer nada, non fracasa quen non se arrisca” dixo Manuel Rivas e esa é explicación que xustifica idear un proxecto en papel, en galego e para ler de vagar en tempos nos que a crise convida ao pesimismo.
Loia na memoria, mais tamén, e de maneira especial, Luzes de Galicia, aquela revista dirixida por Rivas que tiña sede no Centro de Información de Isaac Díaz Pardo e que estaba conducida polo seu mesmo espírito libertario e “conservador” -de conservar o bo, o patrimonio, o medioambiente, a lingua…-, como a revista defendera na súa liña editorial. Referencia de igual maneira á desaparecida sección cultural da edición galega de El País, con que compartía iluminador título.
Presentouse na Coruña o número 0 que definiron como un exemplar inicial particular que non queren considerar definitorio. Sen embargo, apunta maneiras. Tratarase dunha revista mensual, con xornalismo de calidade e demorado, non para facer e ler ás presas, sen os límites que fragmentan e reducen os textos. Se unha reportaxe ou unha entrevista merece oito páxinas, pois terá oito páxinas afirmaron os promotores. “Trátase dun primeiro paso dun proxecto a construír entre todos, xornalistas, libreiros, inversores e sobre todo lectores” comentou Xosé Manuel Pereiro para quen Luzes responde á “perda de autoestima e confianza do xornalismo” e buscará convencer a quen quere “que lle conten cousas distintas”.
“Non estamos pretendendo encher ningún grande baleiro. Queremos intervir no proceso fronte á fatalidade, ao pesimismo aportando os nosos depósitos de esperanza” dixo o autor de A corpo aberto, o seu libro de xornalismo “indie” que ten na edición en español unha capa ilustrada cunha foto de Manuel Vilariño da mesma serie que a portada do número 0 de Luzes. Nos dous casos, unha muller co torso núo mirando á fronte de maneira decidida e porta sobre a súa cabeza material de traballo, na maneira tradicional de trasladar pesos. Para o escritor, o xornalismo non está en crise e diso dará conta Luzes, unha aposta por “combater a suspensión das conciencias”, explicado en vocabulario propio de Rivas.
Se Rivas e Pereiro se presentan como directores da nova publicación, o coordinador é o xornalista Iago Martínez, director tamén do programa radiofónico cultural Disimulen. Martínez falou do número 0 como “prototipo” co que se está a testar case todo, desde os materiais á organización dos contidos. Será unha revista de información xeral cunha importante sección de cultura que responde ao título de República.
Contan que as subscricións, as vendas, o apoio publicitario e a colaboración dalgunhas empresas abonden para que a conta de resultados permita longa vida a Luzes. O que si quixeron deixar claro é que a eles tres, o proxecto lles “presta”, teñen “alegría” de botalo a andar e, cos tempos que corren, iso é, ao seu ver, un valor en alza.
Luzes nace cun consello de redacción no que se atopan, entre outros, Tati Mancebo, Manuel M. Barreiro, María Yáñez, Juan Janeiro, Antón Lado ou Julio Gómez e un consello editorial con Antón Patiño -tamén “descendente” de Loia-, Xoán Antón Pérez-Lema, Fermín Bouza, Lino Braxe, Xavier Seoane, Jonathan Dunne, Martine Siber, Ramón Chao, Débora Campos ou Suso Iglesias.”
Arquivos da etiqueta: Lino Braxe
A Coruña: presentación de Resina de poliéster, de Correa Corredoira
Pontevedra: Festival PontePoética, actividades do fin de semana do 20 e 21 de abril
O sábado 20 e domingo 21 de abril continuará a nova edición do Festival de Poesía PontePoética, promovido polo Concello de Pontevedra, coa colaboración do Ateneo de Pontevedra, baixo a dirección de Yolanda Castaño. Este é o programa:
Sábado 20
– 18:30 h. Teatro Principal de Pontevedra.
Recital dos poetas: María do Cebreiro, Biel Mesquida e Claudio Pozzani. Presenta: Antón Sobral.
– 20:00 h. Teatro Principal de Pontevedra.
Recital final con todos os poetas participantes e clausura de PontePoética 3: Lino Braxe, Raquel Lanseros, Claudio Rodríguez Fer, Rosa Alice Branco, Biel Mesquida, Marta Dacosta, Roger Wolfe, Kirmen Uribe, María do Cebreiro e Claudio Pozzani. Presenta: Yolanda Castaño.
Domingo 21
– 11:00 h. Fundación Cuña-Casasbellas. Sala Versus (Rúa de Xerardo Álvarez Limeses, 12).
Obradoiro especializado de Poesía: Kirmen Uribe.
Pontevedra: Festival PontePoética, actividades do venres 19 de abril
O venres 19 de abril comeza unha nova edición do Festival de Poesía PontePoética, promovido polo Concello de Pontevedra, coa colaboración do Ateneo de Pontevedra, baixo a dirección de Yolanda Castaño. Este é o programa:
– Pola mañá. Encontro poético con alumnado do IES A Xunqueira I, IES Sánchez Cantón e IES Valle-Inclán.
– 18:30 h. Teatro Principal de Pontevedra (rúa de Paio Gómez Chariño s/n).
Inauguración de PontePoética 3 e recital dos poetas: Claudio Rodríguez Fer, Marta Dacosta e Roger Wolfe. Presenta: Xaime Toxo.
– 20:00 h. Teatro Principal de Pontevedra.
Recital dos poetas: Raquel Lanseros, Lino Braxe e Rosa Alice Branco. Presenta: Goretti Canario.
– 22:30 h. Pub Pequeño Karma (rúa de Paio Gómez Chariño, 29, baixo).
Performance poético-musical: A marcha da sombra. Poesía en vivo con voz, corpo e alma, con Claudio Pozzani.
Betanzos: recital de poesía, audiovisual e música no Día de Rosalía
A Coruña: presentación de Banqueiros, coordinado por Francisco Pillado
O mércores 30 de xaneiro, ás 20:00 h., en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, preséntase o libro de teatro de autoría colectiva Banqueiros, publicado por Laiovento. No acto participarán o coordinador e prologuista do libro, Francisco Pillado, e un dos autores, Lino Braxe, que escenificará, xunto cos actores Manuel Varela e Juan Carlos Mejuto, a obra Inverno occidental recollida no libro.
Entrevista a Lino Braxe no Zig zag
Francisco Pillado: “O que chaman crise é un atraco das mafias financeiras”
Entrevista de Montse Dopico a Francisco Pillado en Dioivo:
““Con todo, durante algún tempo, o sistema funcionou. As formigas -obreiras coma nós-, chegaron a crer que tamén pertencían á élite, que en calquera momento podían converterse en raíñas. Esa foi a nosa condena”. Este é un anaco do texto de Olivia Pena en Banqueiros, o libro que, coordenado por Francisco Pillado e a través das achegas de 21 dramaturgos e dramaturgas do país, trata de denunciar a gran estafa disfrazada de crise. A dos bancos. E de convidar as formiguiñas obreiras a non seguir a ser as perfectas escravas. Como cando miraban para outro lado cando parecía que todo funcionaba. Malia que sabían que xa había abusos, corrupción e mentiras. O volume contén textos de Roi Vidal, Fidel Vidal, Diana Varela, Vanesa Sotelo, Henrique Rabuñal, María Xosé Queizán, Gustavo Pernas, Olivia Penas, Xosé Manuel Pazos, Zé Paredes, Manuel Lourenzo, Lois Diéguez, Ánxeles Cuña Bóveda, Santiago Cortegoso, Marica Campo, Lino Braxe, Afonso Becerra de Becerreá, Vicente Araguas, Xosé María Álvarez Cáccamo e Marcos Abalde, ademais do limiar do propio Pillado. (…)”.
Diana Varela gaña o Premio Estornela de Teatro para nenos
Desde Fervenzas Literarias:
“O xurado do Premio Estornela de Teatro para nenos, reunido en Gres (Vila de Cruces) acordou fallar a VII edición de dito premio en favor de Diana Varela Puñal, pola súa obra Arlequino Viceversa. A decisión do xurado foi unánime.
Da obra gañadora os membros do xurado, composto por Xosé Neira Vilas (presidente), Juan Andrés Fernández Castro e Luís Reimóndez (secretario), apreciaron o ben logrado movemento escénico, a amenidade da trama, o léxico rico e asequible, a alusión á cultura popular (entroido, filloas, etc), a cordial relación interxeracional e a transmisión de valores humanos integrada no seo da familia, así como a relación cordial entre nenos e nenas.
Dada a calidade das obras presentadas, o xurado considerou oportuno conceder mencións de honra ás obras A fraga das árbores das palabras, de Carlos Labraña e O corazón do bosque, de Lino Braxe.
A entrega dos premios terá lugar na Fundación Xosé Neira Vilas o próximo domingo 16 de decembro ás 17:00 h., nun acto no que participará o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero e o propio escritor Xosé Neira Vilas. Haberá unha representación escénica a cargo do coñecido actor vigués Cándido Pazó.”
A Coruña: O texto e o público, obradoiro dirixido por Lino Braxe
O texto e o público é un obradoiro de teatro aplicado ao texto poético, dirixido por Lino Braxe, cos seguintes fundamentos: A búsqueda do corazón do texto. A música interior da obra literaria. A expresión exterior do corazón e da música. A leitura da obra. A comunicación ao público da nosa criación.
RESUMO
– Nivel: Iniciación.
– Duración: Trimestral. Prazas limitadas.
– Datas de inicio e finalización: 01/10/2012 ao 17/12/2012.
– Horario: luns de 18:00 a 20:00 horas.
– Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios.
– Inscrición: aquí.