O evento Conexões IV:-A Literatura Brasileira hoje. Diálogos Galiza-Brasil, que terá lugar no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), en Santiago de Compostela, entre os días 17 e 19 de outubro de 2011 constitúe o primeiro encontro deste teor que se desenvolve na Europa. A orixe desta iniciativa está no proxecto Conexões-Mapeamento Internacional da Literatura Brasileira. Trátase dun programa da área de Literatura do Itaú Cultural que, desde 2008, constitúe un espazo de reflexión e debate e elabora unha base de dados sobre a difusión e a presenza da literatura e da cultura brasileiras no exterior. Esa cartografia permite planificar e desenvolver políticas concretas de apoio á difusión e coñecemento da literatura e da cultura brasileiras a nivel internacional. Trátase do cuarto encontro internacional do programa do Itaú Cultural e o segundo realizado fóra do País –o primeiro foi na Universidade de Wisconsin-Madison (EUA). No Brasil tiveron lugar os encontros de pesquisadores, tradutores e escritores brasileiros e estranxeiros en São Paulo (2008) e no Rio de Janeiro, en parcería coa Universidade Federal do Rio de Janeiro (2009). Alén diso, o Conexões Itaú Cultural xa presentou o seu mapeamento internacional da literatura brasileira na reunión da Associação Europeia de Pesquisadores em Brasil (Universidade de Salamanca, 2009), no 10º Congresso Internacional da Brasa (Brazilian Studies Association) (Brasília, 2010), alén de participacións no Fórum das Letras 2010 (Ouro Preto-Minas Gerais) ou das edicións de 2010 e 2011 na Festa Literária Internacional (FLIP) de Paraty. Conexões IV será co-organizado polo Itaú Cultural e o Consello da Cultura Galega, coa colaboración da Embaixada do
Brasil en Madrid e Fundación Cultural Hispano- Brasileña e da Universidade de Santiago de Compostela. Os responsables son Claudiney Ferreira (Itaú Cultural), Felipe Lindoso (consultor do Itaú Cultural) e Carmen Villarino Pardo (USC). Este Encontro pretende que escritores/as brasileiros/as (con traxectorias amplamente consolidadas e con obras traducidas en diversos países poidan discutir en mesas-redondas sobre as dinámicas actuais da literatura brasileira e as dificultades para se inserir nos espazos da crítica e dos mercados internacionais e contrastar esa situación con escritores/as galegos/as homólogos e con críticos literarios, editores, pesquisadores, docentes e tradutores.
O programa, que pode ser descargado aquí: Conexões IV, está formado polas seguintes actividades:
Luns, segunda feira, 17 de outubro
– 17:00 h. Inauguración e presentación á prensa.
– 17:30 h. Conexões Itaú Cultural – A literatura brasileira hoje. Conexões dentro e fora do Brasil. Mesa 1. Con Carmen Villarino (moderadora), Claudiney Ferreira, Felipe Lindoso, Carlos Quiroga e Marco Luchessi.
– 19:30 h. Actuación de Quico Cadaval.
Martes, terza feira, 18 de outubro
– 09:30 h. Descubrindo o Brasil – As pesquisas sobre literatura brasileira e as súas ligazóns con outras disciplinas no ámbito do “Brasilianismo”. Mesa 2. Con Leonardo Tonus (moderador), Carlos Paulo Martínez Pereiro, Elena Losada, Florencia Garramuño e Darlene Sadlier.
– 12:00 h. Diálogos de escritores 1. Con Felipe Lindoso (moderador), Marçal Aquino, Luiz Ruffato, Suso de Toro e Iolanda Zúñiga.
– 16:00 h. A mediación cultural como diálogo. Mesa 3. Márcio Souza (moderador), Marco Lucchesi, João Almino, Antonio Maura e Manuel Bragado.
– 18:15 h. Entrega da colección de libros de asunto galego-brasileiro do Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña e da Universidade de Santiago de Compostela.
– 19:30 h. Presentación do libro O conto brasileiro contemporâneo, editado por Laiovento e organizado por Carmen Villarino Pardo e Luiz Ruffato (na Libraría Couceiro Praza Cervantes, 6, de Santiago de Compostela).
Mércores, cuarta feira, 19 de outubro
– 09:30 h. As vertentes do ensino de literatura brasileira. Mesa 4. Con Carlos Paulo Martínez Pereiro (moderador), Pedro Serra, Leonardo Tonus, Florencia Garramuño e Darlene Sadlier.
– 12:00 h. Espazos para a literatura brasileira actual. Mesa 5. Con Luiz Ruffato (moderador), Marçal Aquino, Cíntia Moscovich, Anxo Quintela e Elias Torres.
– 16:00 h. Diálogos de Escritores 2. Con Claudiney Ferreira (moderadora), Márcio Souza, Cíntia Moscovich, Xavier Queipo e Víctor Fernández Freixanes.
– 18:00 h. Clausura.
– 20:00 h. Presentación do libro Extramunde, de Xavier Queipo, publicado en Xerais (no CGAC, Rúa de Ramón del Valle-Inclán. 15704 Santiago de Compostela). Despois representarase o espectáculo artístico O embigo do mundo / L’ombelico del mondo, coa participación de Manuel Bragado, Quico Cadaval, Olga Cameselle e o Colectivo Ríolagares (MisterChoco e o propio Xavier Queipo).