Manuel López Rodríguez gaña o X Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey de Fornelos De Montes

“Na tarde do 18 de xaneiro tivo lugar no Salón de Actos do Museo do Pobo Galego de Compostela a xuntanza do xurado que decidiu o X Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía do concello de Fornelos de Montes, constituído por Luís Cochón, en calidade de presidente, e os vogais Inma Otero, Mercedes Queixas, Lucía Novas e Armando Requeixo, amais de por Carmen Carreiro, que actuou como secretaria con voz e sen voto.
Logo da correspondente deliberación, o xurado decidiu outorgar por maioría o premio ao poemario presentado baixo o título Baixo terra. No ar, texto que se impuxo aos outros trinta e un traballos presentados e que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Manuel López Rodríguez.
O xurado resaltou o bo nivel dos orixinais recibidos, así como a súa diversidade tanto estilística coma temática. O Premio que é unha iniciativa do concello de Fornelos de Montes lugar natal do escritor Lueiro Rey, chega agora a súa décima edición.
Edicións Xerais de Galicia será responsable da publicación do volume gañador, que se presentará publicamente no mes de xullo.
O xurado destaca a capacidade do autor para construír unha superposición de dous discursos poéticos que responden a dous planos de conciencia. Por unha banda, a evolución íntima e sandadora como un río que procura a superación do drama. Por outra, a descrición sorprendente da brusquidade dunha emoción. O diálogo cun ti, as imaxes en proceso continuo de transformación e o cruzamento entre o subxectivo e o orgánico dotan o poemario de frescura e intensidade.”

Compostela: acto de entrega do Premio Arume de poesía para a infancia 2021

Pontevedra: Culturgal 2021, do 26 ao 28 de novembro

Viveiro: actividades destacadas na Feira do Libro 2021 para os 14 e 15 de agosto

O 15 de agosto continúa a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:30 h., e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 14
19:00 h. Luz Darriba asina exemplares de Abril, publicada por Belagua.
20:00 h. Primitivo Marcos presenta e asina exemplares de Viveiro 1810. Augas mortais, publicado pola Deputación de Lugo. No acto, o autor estará acompañado por Carlos Nuevo Cal.
21:00 h. Paco Rivas asina Talasonimia da Mariña Lucense. Os nomes do Mar, publicado por Embora.

Domingo 15
21:00 h. Presentación de Nas pulsacións, de Manuel López Rodríguez, publicado por Espiral Maior; Obra inacabada de Dosinda Christensen, de Xerardo Quintiá, publicado por Alvarellos; e Peixes que esvaraban ao unísono, de Medos Romero, publicado por Caldeirón. Coa presenza, xunto á autora e autores, de Eduardo Estévez e Carlos Lorenzo.

Ramón D. Veiga e Manuel López Rodríguez foron os gañadores do Premio Arume de Poesía

Desde La Voz de Galicia:
“O poemario Parapluie, de Ramón D. Veiga, e A flor da letra, de Manuel López Rodríguez, resultaron gañadores do Premio Arume de Poesía para a Infancia que promove conxuntamente a Fundación Xosé Neira Vilas, a asociación Gálix e a empresa Deleite. As obras premiadas serán publicadas pola editorial Embora. As dúas comparten, en opinión do xurado, unha mesma arela provocativa, arriscada e de notable creatividade.
Mentres que Ramón D. Veiga xa conta cunha boa cantidade de obra infantil, para Manuel López esta é a súa primeira incursión neste campo. A súa obra, apuntan dende a Fundación Neira Vilas, «constitúe unha singular homenaxe á poesía establecendo un diálogo con poetas relevantes na nosa literatura» explicando que «o ritmo introdúcenos nunha proposta unitaria, cunha rica linguaxe conceptual e variados recursos que nos conducen á oralidade e participación coral».
Parapluie, apuntan, «é un libro divertido e provocador no que se busca a risa pola extravagancia e a complicidade cos pequenos lectores e lectoras». Unha obra, engade a Fundación, «cunha linguaxe áxil e de calidade, na que os recursos poéticos están moi ben empregados e a sonoridade envolve os versos». O premio Arume retoma un galardón creado hai vinte anos por Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas.”

Compostela: actividades destacadas do 10 de maio na Feira do Libro 2021

O 10 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Manuel López Rodríguez asina Vangarda ule e Desde onde non nace, publicados por Medulia.
19:00 h. Suso Bahamonde asina Instrucións para matar un oso, publicado por Belagua.
20:00 h. Carlos Méixome asina Catas na memoria, publicado por Laiovento.

Álex Mene faise co XXIV Premio de poesía Concello de Carral co seu primeiro poemario: Os puntos do impacto

Desde o Concello de Carral:
“O vigués Álex Mene vén de facerse co XXIV Premio de Poesía Concello de Carral coa súa obra Os puntos do impacto. O autor, que conta xa con varias publicacións, acadou o galardón tras conquistar ao xurado do certame cun “universo orixinal e coherente e cunha estrutura ben elaborada, na que sobresae a solidez da voz poética, propoñendo unha volta á ancestralidade e un retorno do ser humano á natureza para diluírse nela”.
O xurado salientou, iso si, “a calidade demostrada no conxunto de obras presentadas a esta edición do certame, no que se contou cun alto número de poemarios merecentes do premio”. O tribunal do concurso estivo formado polo concelleiro de Cultura, Francisco Bello Hermida –presidente-, por Manuel López Rodríguez –gañador da pasada edición e que estivo en calidade de vogal-, Inma Otero –crítica literaria e profesora, tamén en calidade de vogal-, Luciano Rodríguez Gómez –profesor e investigador literario como vogal- e por Carlos Lorenzo –técnico municipal de Cultura en calidade de secretario-. (…)
O premio de Carral está dotado con 2.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
O acto de entrega do premio Concello de Carral está previsto para o 28 de maio e servirá, así mesmo, para presentar o libro As pulsacións, co que Manuel López Rodríguez gañou a XXIII edición do certame.
Como vén sendo habitual, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais para a publicación da obra premiada. (…)”