Javier Rodríguez González gaña o XIV premio de Poesía Victoriano Taibo

Desde Editorial Galaxia:
“Reunido o xurado do XIV premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia, integrado polas escritoras Marica Campo, Oriana Méndez e Arancha Nogueira, gañadora da edición anterior; así como polo escritor e editor Marcos Calveiro, en nome da Editorial Galaxia e tamén por Miguel Anxo Mouriño, en nome do IEM, resolve por maioría que o libro gañador desta XIV edición sexa o presentado co título Xeración (Breve tratado de males inespecíficos), que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Javier Rodríguez González.
O xurado valora que a obra constitúe a crónica dunha xeración que se trascende a si mesma, chegando a expresar un auténtico manifesto contra a cultura da cancelación na medida en que a memoria, tamén a recente, marca o momento actual e proxéctase nun diálogo cara ao futuro. O poemario contén un alto interese histórico-cultural, ao mesmo tempo que se expresa cun léxico depurado e un ritmo áxil, ofrecendo unha proposta poética do devalar da existencia.
Por outra banda, o xurado decide nomear finalistas os poemarios presentados baixo os lemas As palabras do sur, 831-urb, Para a misa do can esta torsión e Porque a noite é longa e é a noite.”

Os Premios da Cultura Galega recoñecen, entre outros, a Marica Campo, Gayoso e Melania Cruz

Desde Nós Diario:
“O xurado dos Premios da Cultura Galega, reunido esta terza feira en Santiago de Compostela, outorgou os galardóns da edición deste ano após unha xuntanza presidida polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que tivo lugar na Cidade da Cultura. Esta gala busca distinguir “a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural do país”.
Na categoría de Letras, a premiada este ano é Marica Campo. O xurado quixo premiar a súa prolífica traxectoria na literatura infantil e xuvenil. “Cunha singular e contundente voz literaria, destaca pola seu compromiso para achegar a lingua galega ás xeracións máis novas, o seu labor pola defensa da cultura galega e polo seu activo traballo para fomentar valores como o feminismo, o ecoloxismo ou a solidariedade”, xustifican.
En segundo lugar, o premio de Artes Visuais vai parar á filla de Ricardo Carvalho-Calero, María Victoria, historiadora da arte galega especializada en arte contemporánea, arquitectura e cidade. A organización deste certame salienta dela a súa “ampla bagaxe” na investigación académica e a difusión cultural da autora no que atinxe á arte galega do século XX.
Melania Cruz, pola súa parte, é a elixida na categoría de Artes Escénicas. Diplomada en Maxisterio pola USC e titulada en Arte Dramática pola ESAD da Galiza, Cruz iniciou a súa carreira de interpretación no teatro, en 2004, e debutou na gran pantalla unha década despois da man do director Ignacio Vilar con A esmorga. Conta con varios galardóns no seu haber.
En Audiovisual, o premio é para Xosé Ramón Gayoso, o incombustíbel presentador do Luar. “O seu rostro aparece desde o primeiro minuto da emisión da TVG, e desde entón mantense na pantalla nun dos programas máis lonxevos”, subliña o xurado.
O programa de cursos universitarios internacionais ‘Música en Compostela’ leva o Premio da Cultura Galega de Música. Nados en 1958, estes cursos “realizan un labor de preservación, coñecemento, formación e difusión do patrimonio musical”, precisan.
Manuel González González é premiado en Lingua, ao ser o filólogo “un dos intelectuais galegos máis relevantes do último século” pola súa “dedicación ao estudo, defensa e promoción da lingua galega”.
A asociación cultural Xacarandaina, que vén de celebrar o 40º aniversario, gaña na categoría de Patrimonio Cultural como “referente da recuperación e catalogación dunha base importante do legado artístico tradicional galego”.
Finalmente, o programa de divulgación científica ‘Conciencia’, impulsado pola USC, recibe o galardón de Proxección Exterior. “É unha plataforma de lanzamento da imaxe de Galicia cara ao exterior en base ao seu talento”, indica a organización.”

Guiritiz: II Festival de Poesía Guitirica, do 1 ao 3 de xullo

Marica Campo: “Todas temos libros agardando a ser lidos, mais o que nos chega na prensa lémolo enseguida”

Entrevista de Antón Escuredo a Marica Campo en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que opina da prensa como transmisora de literatura publicando obras na súas páxinas?
– Marica Campo (MC): Paréceme moi ben. É unha maneira de achegala á xente. Todas temos nas nosas casas, moitas veces, unha serie de libros agardando para ser lidos mais o que nos chega na prensa diaria lémolo enseguida. Coido que é necesaria a implicación da prensa. Partindo do que podemos ler na prensa podemos ter outras conexións.
— ND: Ten tratado moitos ámbitos da literatura, desde a narrativa até a poesía. Como enfocou agora o relato?
– MC: Certo é que o relato ten un espazo moito maior de liberdade que cando escribes un artigo puramente xornalístico. O relato ten que ser máis redondo, máis completo diría eu. Teñen que ser, desde logo, historias circulares.
— ND: Como valora a súa extensa traxectoria literaria até o momento actual, con numerosa obra publicada e varios galardóns recibidos?
– MC: A miña obra, aínda que pareza como continua, non o é. Valóroa como moi a saltos. No transcurso da miña vida sempre se meteron polo medio outras propostas e o tempo, ao fin e ao cabo, é o que é. Considero que tiña que ter feito moito máis desde o punto de vista da obra persoal. Recoñezo que me pasei a vida acudindo a unha serie de chamadas que me fixeron: presentacións, pregóns, prólogos… e que me sentín obrigada a facer.
— ND: Ten pensado algún proxecto para realizar no futuro inmediato?
– MC: Hai unha novela que me reclaman que faga. Tería que ser, iso si, longa. No argumento contaría, xa sabes que inventar non inventamos nada, en todo caso recombinamos experiencias sexan de lecturas, da propia vida ou da historia familiar. Cada vez sinto que me queda menos tempo e non sei se a chegarei a facer. Tamén querería realizar un libro unitario de poesía aproveitando moitos poemas que teño gardados dos últimos anos. Facer algo completo. Dubido de se sei o que é a literatura, do que é a poesía e de todo. Non é por estar nun estado pesimista. Á volta de tanto tempo relativizas.”