Arquivos da etiqueta: Miguel Anxo Fernán-Vello
A Coruña: presentación da Asociación de Editores Coruñeses
O mércores 9 de abril, ás 12:30 horas, na Biblioteca Municipal de Estudos Locais (Durán Loriga 10) da Coruña, preséntase a Asociación de Editores Coruñeses, que nace coa intención de pór en valor a industria editorial coruñesa en toda a súa amplitude e diversidade, nun momento particularmente afectado polas circunstancias derivadas da actual crise económica, ofrecendo ao público máis de 1.000 títulos en catálogo e contribuíndo a dinamizar, a través dun amplo abano de intervencións e actos culturais, a realidade do libro e a práctica da lectura. Estarán presentes na rolda de prensa: José Manuel Fernández Cadahía, Tucho Calvo, Miguel Anxo Fernán-Vello, Eduardo Riestra, Xan Arias e Ana Fernández Vilaseco.
Vinte e sete obras finalistas compiten polos Premios AELG 2014
Os
premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegan á décimo quinta edición. As obras finalistas, publicadas en 2013, foron escollidas polos 437 socias e socios da AELG, que nunha segunda fase tamén decidirán as gañadoras, que se darán a coñecer na Gala das Letras, que terá lugar o 3 de maio no Teatro Principal do Concello de Pontevedra.
Tras os votos emitidos na primeira quenda, os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2013 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística (nestes dous últimos casos tamén participaron na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente), son:
Blog Literario
- Caderno da crítica, de Ramón Nicolás
- Criticalia, de Armando Requeixo
- Versos e aloumiños, de Antonio García Teijeiro e Antón García-Fernández
Ensaio
- A revolución non vai ser televisada, de Rebeca Baceiredo (Euseino? Editores)
- Estilística da Lingua Galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato (Xerais)
- Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez (Xerais)
Literatura Infanto-xuvenil
- A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo (Xerais)
- A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar (Biblos)
- Todos somos, de Marcos Calveiro (Xerais)
Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2013
Narrativa
- A lúa da colleita, de Anxos Sumai (Galaxia)
- A memoria da choiva, de Pedro Feijoo (Xerais)
- O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila (Galaxia)
Poesía
- Habitación do asombro, de Miguel Anxo Fernán-Vello (Espiral Maior)
- Ningún precipicio, de Olalla Cociña (Toxosoutos)
- Raíz da fenda, de Berta Dávila (Xerais)
- Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes (Alvarellos Editora)
Teatro
- Isóbaras, de Gustavo Pernas (Xerais-Xunta de Galicia)
- O refugallo, de Paula Carballeira (Xerais-Xunta de Galicia)
- Obras Completas (Vols. I, II e III), de Roberto Vidal Bolaño (Edicións Positivas)
Tradución
- Desgastei cadeas estrañándote, de Ahmed Arif, traducido por Pepa Baamonde e Irfan Güler (Espiral Maior)
- Ulises, de James Joyce, na tradución de Antón Vialle, Eva Almazán, María Alonso Seisdedos e Xavier Queipo (Galaxia)
- Viaxe ao futuro. Relatos de ciencia ficción, VV. AA., en tradución de Alejandro Tobar (Vicens Vives)
Na segunda fase, xa en andamento, os asociados e asociadas decidirán as obras gañadoras.
Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:
Premio AELG 2014 “Institucións Culturais”
A AELG valora tamén o impulso dalgunhas institucións na promoción do teatro e, neste sentido, premiará:
-
O proxecto Buxiganga, da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, polo seu labor de difusión e socialización do teatro galego.
-
Tamén a Área de Cultura de Deputación da Coruña, polo Premio de teatro Rafael Dieste.
-
Narón e Tui entran no palmarés como concellos que dedican un especial esforzo ás artes escénicas.
Premio “Mestras-es da Memoria” 2014
A segunda edición do premio Mestres e Mestras da Memoria, que se concede nesta ocasión a Elba Requeijo e Xavier Blanco, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional
Escritor Galego Universal 2014
O escritor Bernardo Atxaga será o Escritor Galego Universal, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana. O autor vasco ofrecerá o día 2 de maio, en Pontevedra, unha conferencia con título Reaccións ante unha pedra raiada, e ao día seguinte recollerá o premio na Gala das Letras. Con este nomeamento Atxaga súmase á listaxe conformada por Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro e mais Lídia Jorge.
No transcurso da gala a AELG tamén entregará a distinción “Bos e Xenerosos”, coa que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega quere recoñecer o esforzo e o compromiso da xente do espectáculo para manter vivos os nosos escenarios nun momento en que os recortes afectan de maneira especial ás programacións culturais. Desta maneira, a AELG premiará representantes de todas os ámbitos da escena galega:
-
A compañía Sarabela Teatro, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda recibirá o premio como agrupación profesional.
-
Achádego Teatro de Lugo, que fai 25 anos neste 2014, será recoñecida polo seu traballo no teatro amador.
-
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, en nome de todos e todas os que contribuíron ao desenvolvemento da escena galega.
-
A Editorial Laiovento e o proxecto Casahamlet son outros dous proxectos que merecen destaque da AELG.
Betanzos: presentación da edición bilingüe de Habitación do asombro, de Miguel Anxo Fernán Vello
Betanzos: presentación de Silencio habitado, de Olga Patiño Nogueira
A Coruña: presentación da edición bilingüe de Habitación del asombro, de Miguel Anxo Fernán-Vello
O
mércores 19 de febreiro, ás 20:30 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, preséntase a edición bilingüe do poemario Habitación del asombro, de Miguel Anxo Fernán-Vello, publicado por Pigmalión. No acto, xunto ao autor, participan Xulio L. Valcárcel, Luís G. Soto, Gustavo Pernas e Basilio Rodríguez Cañada.
Miguel Anxo Fernán-Vello: “Eu aplico o maxisterio de Gabriel Celaya: o poeta está obrigado a dar voz aos vencidos”
Entrevista
de Montse Dopico a Miguel Anxo Fernán-Vello en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Pasara xa bastante tempo desde Astro interior. En Habitación do asombro podemos ver boa parte das que foran xa as inquedanzas que reflectiras nos teus anteriores poemarios. É Habitación do asombro unha escolma de poemas escritos, entón, nos últimos anos?
– Miguel Anxo Fernán-Vello (MAFV): Astro interior era un volume de case cincocentas páxinas que escolmaba a miña obra poética entre os anos 1984 e 2007, publicado na colección Arte de Trobar do Pen Clube de Galicia, con edición e introdución de Teresa Seara. Habitación do asombro ve a luz no ano 2013 e naceu como libro en si mesmo, de xeito autónomo, dende as sombras do meu propio abismo, como diría Rubén Darío. Na actualidade teño varios libros de poemas inéditos, todos eles escritos nos últimos anos, libros entre si distintos, mais formando parte da miña poética profunda, en evolución e en expansión.
– MD: Unha lectura global do poemario suxire un escenario de devastación, que poida que teña que ver co que ocorreu, precisamente, nos últimos anos: o desmantelamento de dereitos… Pode ser?
– MAFV: Pode ser, si. Eu en certa maneira estou de acordo con Roberto Juarroz cando afirma que a poesía é realidade, “a maior realidade posíbel”, e ao mesmo tempo coincido con Antonio Gamoneda cando contempla o fenómeno poético como unha emanación da propia vida. Habitación do asombro, e así outros libros meus recentes, é o resultado dunha tensión existente entre o concreto e o abstracto, e de aí pode nacer unha sorte de “realismo simbólico”, unha forma de fractura do real, mais eu entendo o poema como unha “situación psíquica” que comparte —a idea é de Seamus Heaney— o impulso lírico e a responsabilidade cívica. Ou, dito doutra maneira —e non lembro agora o autor desta sentencia—, a poesía debe cumprir unha trigonometría: racionalidade, emotividade e ideoloxía. (…)
– MD: En relación con iso, hai retratos de mulleres en todos os teus libros, desde os primeiros poemarios eróticos. Mais, en xeral, o xeito de presentalas foi mudando. Rosalía e Emily Dickinson son mulleres “libres”. Como foi transformándose o teu enfoque sobre isto?
– MAFV: Unha cousa é a educación, sentimental e literaria, recibida na década dos anos 60 e parte dos anos 70 do século pasado e outra a evolución individual e intelectual que posteriormente se foi producindo no home e no poeta. A un doíalle, como no verso de Borges, unha muller en todo o corpo, e o home e o poeta seguen na actualidade sentindo unha forte atracción, en forma de admiración e de reverencia, pola muller.
O machismo, o sistema patriarcal, toda forma de dominio do home sobre a muller, toda estrutura de superioridade sexista son para min formas de barbarie. Eu lin con gran interese, mesmo antes do meu ingreso na universidade, a Virginia Woolf, Simone de Beauvoir, Betty Friedman e Hélène Cixous, entre outras autoras e pensadoras feministas, e mesmo como editor —permíteme lembralo— síntome moi orgulloso de ter editado un libro capital, Feminismo e coñecemento. Da experiencia das mulleres ao ciborg, de Carme Adán. (…)”
Carballo: presentación da Poesía completa, de Gonzalo López Abente
Noia: inauguración da exposición Con-cienciArte
Un libro recolle a obra poética de López Abente, “a alma de Muxía”
Desde
La Voz de Galicia:
“«Imos empezar cun poema de López Abente, Muxía; este é un acto moi muxián». Isto dicía na noite do venres Rivadulla Corcón, vicepresidente da Fundación Gonzalo López Abente, na presentación do libro Poesía completa (Espiral Maior). O acto tivo lugar en Portas Ártabras, na Coruña, e Corcón apuntou que así como Luís Seoane dicía que «os galegos queremos coas nosas diferenzas enriquecer o mundo, os muxiáns queremos coas nosas diferenzas enriquecer Galicia». Para Corcón, todo o escrito neste volume «é a alma de Muxía», e lembrou como López Abente ingresou na Real Academia Galega en 1941 «cun discurso en galego sobre a obra de Pondal». Era algo moi pouco habitual que así se fixera, anotou antes de rematar cun poema sobre o monte Corpiño que «os nenos de Muxía o tiñamos como un himno».
Miguel Anxo Fernán Vello, editor deste libro de máis de 600 páxinas, recordou que foi Manuel María quen lle falou de López Abente e que fora precisamente o poeta da Terra Chá o que presentara a Antoloxía de López Abente publicada en 1995.
O editor salientou que a foto da portada do libro é de Ramón Caamaño Bentín, fotógrafo muxián, que «a obra do poeta é algo vivo, palpitante» e que tiña unha gran riqueza lingüística e «ese sabor a mar que recorre todos os seus libros». Para Fernán Vello, López Abente é «un clásico intemporal, con versos que son actuais, como se falara hoxe», sinalou antes de ler un poema que fala do corvo negro petando na alma. Era unha alusión, como xa antes fixera Corcón, á sentencia do Prestige e as manifestacións de Nunca Máis.
A fouce, un dos poemas de López Abente que pertence ao seu libro Escumas da ribeira, foi recitado, de memoria, por Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia e quen relatou aos asistentes como aprendera de neno os versos dese libro, axudado pola súa nai, e por iso, «cando non había galego na escola», el lía e falaba en galego. Evocou como aquel libro foi o que lle descubriu a poesía e concluíu: «Gonzalo López Abente, para min, é o primeiro poeta; despois viñeron outros».
Miro Villar, autor da recolleita da obra de López Abente, dixo que foi «unha honra chegar a este punto, poder xuntar a súa poesía completa», e confesou que cando descubriu a súa lírica sentiuse deslumbrado. Apuntou que a tarefa non foi fácil, xa que o poeta empezou a escribir con só 21 anos, pero en ducias de revistas e xornais, sobre todo da emigración, de Bos Aires. Villar lembrou que Vicente Risco cualificaba a López Abente de clásico, e o chamaba «o poeta do mar», aínda que «non no mesmo sentido que Manuel Antonio».”




