Baldo Ramos e Sara Plaza gañan o 29º Premio de poesía Concello de Carral coa obra “Porcelana e chumbo”

Desde o Concello de Carral:
“O poemario escrito conxuntamente por Sara Plaza e Baldo Ramos vén de ser elixido como a obra gañadora do 29º Premio de Poesía Concello de Carral. É a primeira ocasión no que o certame premia unha autoría dobre.
O premio está dotado con 3.500 € e a publicación da obra en Edicións Espiral Maior.
Dun total de 77 obras presentadas ao concurso, o xurado, por unanimidade, decidiu premiar Porcelana e chumbo pola súa voz elexíaca, grave e meditativa. Pon en valor que a escrita aparece como unha forma de acompañar a perda, a cegueira e a memoria moi presentes en todo o traballo. Destaca tamén a madurez expresiva, a densidade poética, as imaxes innovadoras que afondan nos grandes temas universais: a soidade, o paso do tempo e o valor do íntimo. Ademais o xurado quere salientar a orixinalidade que supón crear un poemario a dúas voces.
O xurado estivo constituído pola concelleira de Cultura, Isabel López, que exerceu de presidenta, as poetas Branca Trigo, Miriam Ferradáns e Modesto Fraga, e o técnico de Cultura e coordinador do certame, Carlos Lorenzo, como secretario con voz e sen voto. (…)
O acto de entrega do premio, así como a presentación da obra gañadora na pasada edición, Especies invasoras, de Branca Trigo, terá lugar o venres 5 de xuño na Casa da Cultura.”

Vigo: Xornada María Xosé Queizán. A escrita sen límites

‘As torres abolidas’, o poemario escrito por Xosé Miranda Ruíz, é a obra gañadora do XXIII Premio de Poesía Afundación

“As torres abolidas, de Xosé Miranda, gañou o XXIII Premio de Poesía Afundación. O xurado composto por Luís González Tosar, Míriam Ferradáns, Marica Campo, Manuel Filgueiras Fernández e Modesto Fraga Moure, destacou que dentro das 44 obras presentadas, “este poemario permitiulle descubrir un traballo poético cuxo tratamento da nosa mitoloxía, con lucidez e acerto, elévao ao nivel das mitoloxías clásicas”. “O xurado tamén celebra que o autor galardoado sexa un recoñecido escritor cunha traxectoria consolidada nas nosas Letras. Isto pon de manifesto a vitalidade da poesía galega de hoxe, con claro carácter interxeracional.”
O galardón está dotado cun único premio de 7 000 euros e será publicado na colección ‘Arte de Trobar’, editada polo Centro PEN de Galicia, coa colaboración de Afundación e a Xunta de Galicia, cumprindo así o principal obxectivo deste galardón: estimular a escrita e a produción literaria de calidade na nosa lingua.”

Eugénio Outeiro, Cláudia Morán e Manolo Broa gañan os Premios Johan Carballeira do Concello de Bueu

Desde o Concello de Bueu:
“Eugénio Outeiro Lojo, Cláudia Morán e Manolo Broa son os gañadores dos Premios Johan Carballeira convocados polo Concello de Bueu. Os xurados, reunidos este sábado 4 de outubro pola mañá, acordaron conceder o premio na categoría de poesía a Eugénio Outeiro Lojo coa obra Réquiem; e a Cláudia Morán e Manolo Broa coa reportaxe ‘Convivir co lume. O baleiro que arde: un territorio a mercé do lume’, publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
O xurado do premio na modalidade de poesía compuxérono Xosé Luís Mosquera, poeta e gañador da edición anterior, Silvia Penas, poeta, e Manuel Forcadela, crítico literario, escritor e profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Da lectura dos 44 poemarios presentados, o galardón concedeuse á obra de Outeiro Lojo, da que se sobranceou que “está ben artellada e moi acaída para o significado do premio convocante, cunha estrutura e arquitectura poética traballada, delicado no tratamento, nada panfletario que engancha por unha musicalidade evidente, de vocación trobadoresca e que conecta coa oralidade”. Así mesmo, trátase dunha poética máis clásica e diferente da cultivada na actualidade e que formula unha proposta de verdadeiro acto de memoria histórica.
Pola súa banda, o xurado na categoría de xornalismo estivo composto por Lois Pérez, gañador da anterior edición, Diana López Varela, xornalista pontevedresa, e Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira. De entre os dezaseis traballos presentados ao certame, a gañadora foi a reportaxe de Cláudia Morán e Manolo Broa, de cuxo traballo o xurado valorou “a análise das aldeas sen case veciñanza, cunha perspectiva orixinal sobre os tópicos do lume”. A reportaxe establece a correlación entre o despoboamento e os incendios, e o contraste entre o urbano e o rural, así como as distintas vagas de lumes. Atópase, ademais, a análise entre a responsabilidade cidadá e política e o impacto sobre o territorio, ofrecendo unha visión directa do conflito e establecendo unha progresión eficaz no contido da reportaxe. A perspectiva trasloce un proxecto máis global, no que se achegan datos e contexto a un problema non sinxelo como é o despoboamento do rural e os incendios. Chama á reflexión dun xornalismo que reivindica o valor fundamental como elemento democratizador e emancipador da cidadanía contribuíndo á súa autonomía e conformador do espírito crítico.
O xurado desta categoría ademais fixo unha mención especial do traballo presentado por Míriam Ferradáns Ferradás titulado Altri e a erosión da identidade galega: cando o monocultivo enterra a memoria, publicado no Nós Diario.
A entrega dos premios vai ter lugar nun acto público que se celebrará ao longo deste ano. (…)”