Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Modesto Fraga fala sobre o libro co que gañou o Premio de Poesía Concello de Carral. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Arquivos da etiqueta: Modesto Fraga
Carral: entrega do premio do XIX Certame Concello de Carral a Modesto Fraga e presentación de Soño e vértice, de Eva Veiga
Modesto Fraga gaña o XIX Certame de poesía Concello de Carral
Desde o Concello de Carral:
“Modesto Fraga, coa súa obra Devalar sen pel resultou gañador do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano.
O xurado salienta a alta calidade dos traballos presentados, preseleccionando unha decena de orixinais, dos que calquera podería ser premiado. Da obra seleccionada, salienta o xurado, que é un traballo redondo, que xoga coas tradicións, tensionando moi ben o texto e sabendo darlle aire nos momentos oportunos. Citando a Lezama Lima, o xurado indica que este poemario “ten a abundancia xusta”.
O xurado do concurso estivo formado por Carmen Caramés, Armando Requeixo e Luciano Rodríguez, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 54 poemarios.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. (…)
O acto de entrega do premio terá lugar o 27 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2016. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Soño e vértice, de Eva Veiga.”
Modesto Fraga: “A poesía sen alma pode ser calquera cousa menos poesía”
Entrevista de Carlos Loureiro a Modesto Fraga en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): E neste espazo vai nacer un grupo literario que adoita aparecer en letras maiúsculas na nosa literatura contemporánea: o “Batallón Literario da Costa da Morte” conformado por xoves plumas nadas nos anos sesenta e setenta -se exceptuamos á mestra Marilar, claro-… Que supuxo para ti este novo faro desta costa, neste caso un faro literario?
– Modesto Fraga (MF): A aparición do BLCM a comezos da década dos 90 supuxo unha boa oportunidade de dar a coñecer as nosas inquedanzas, pero non só desde o punto de vista literario –que tamén- senón como acción directa impulsada por un movemento cultural cívico comprometido coa sociedade na que nos tocou vivir (reivindicación da nosa lingua, restauración e dignificación da Memoria Histórica, promoción e difusión das novas voces da literatura galega, etc). (…)
– NG: Os premios adoitan marchar da man de Modesto Fraga… É esta a fonte necesaria para a publicación da nosa poesía? Pode o virtual axudar na expansión e universalización da nosa poesía?
– MF: Sempre concibín os premios literarios coma unha plataforma útil para dar a coñecer novas voces e para facilitar novos discursos se queremos pulsar a situación que vive o noso sistema literario. Non todos os premios literarios son xustos á hora de emitiren nos seus ditames, pero iso non significa que estean amañados ou que non constitúan unha ferramenta axeitada para posibilitar a aparicións de novos autores e autoras. No meu caso, recoñezo que sempre tiven boa fortuna neste aspecto e non me podo queixar do recoñecemento obtido ao longo destes anos. Por outra banda, é evidente que no mundo global no que vivimos os novos soportes dixitais xogan un papel determinante no que atinxe á difusión da creación literaria e, ademais, posibilitan, pola súa inmediatez, que cheguen a un número de lectores e lectoras certamente elevado. (…)
– NG: Realmente a poesía é para ti “o gran milagre do mundo” tal e como reza nunha obra colectiva na que participaches ou simplemente é a mostra da sensibilidade e compromiso do poeta co seu mundo, consigo mesmo…?
– MF: Eses versos fermosísimos de Luís Pimentel reflicten, ao meu entender, a meirande mostra de amor do poeta para cos valores do Humanismo. En síntese, o verdadeiro poder da poesía radica na súa función social, mais tamén na súa humanidade capaz de facer sentir ou de “dicir o que non se pode dicir”, en palabras de José Hierro. Ese -e non outro- é o grande milagre da poesía. (…)
– NG: Dicía Vicente Aleixandre que “a poesía ten que ser humana; se non é humana, non é poesía”. Estás de acordo con isto o máis ben optas por certo vangardismo?
– MF: Estou absolutamente de acordo con esa reflexión do grande poeta Vicente Aleixandre. A poesía sen alma pode ser calquera cousa menos poesía. (…)”
Entrevista a Modesto Fraga en Palavra Comum
Entrevista a Modesto Fraga na revista dixital Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que é para ti a poesia (e a literatura)?
– Modesto Fraga (MF): : Á pregunta de que é para min a poesía, eu prefiro respondela parafraseando ao poeta José Hierro: “Yo no sé lo que es la poesía, pero sí sé para qué sirve: para decir lo que no se puede decir”. En certo modo, as palabras visionarias do autor de Cuaderno de Nueva York non fan máis que constatar algo de por si evidente: pouco importa coñecer o significado da poesía cando o verdadeiramente importante é a súa función vital, social, experiencial, etc.
– P: Como entendes o processo de criação literária -e artística, em geral-?
– MF: A creación literaria, malia ser de facto un exercicio individual, non deixa de ter unha importante función social inserida no tempo presente aínda que condicionada pola tradición herdada. Creo que nestes momentos de convulsión social, económica e política os creadores e creadoras non miran para outro lado senón que manteñen unha actitude valente e comprometida coa sociedade dos nosos días. Evidentemente, non vivimos na ditadura nin na posguerra, nin tampouco estamos privados do exercicio democrático ao dereito de expresión, pero tamén é certo que asistimos a un convulso período histórico dominado por unha elite económica desmemoriada que prima a ditadura dos mercados e os rendementos do grande capital por riba dos valores e dereitos da propia sociedade. E aí, creo eu, están -ou deberíamos estar- todas as persoas que cremos nos valores da cultura como resposta ás desigualdades que, cada vez máis, vai xerando a incultura do capitalismo. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, etc.) estimas interessantes para a literatura, e quaisquer outras artes, na sua comunicação com a sociedade?
– MF: Interésame especialmente que as persoas que participan, cada quen no seu respectivo ámbito de acción, do mundo da arte e da cultura en xeral continúen a forxar conciencias e, con espírito crítico, a denunciar todos os abusos e atropelos aos que son sometidas as persoas máis febles da nosa sociedade. Co compromiso colectivo e coa acción directa xa me conformo.
– P: Que vinculação tem, para ti, a Vida com as Artes?
– MF: Unha vinculación necesaria, se callar imprescindible. É máis, eu non son quen de concibir a escrita como algo alleo á propia existencia. Vivo, respiro, observo, medito, penso, razoo, sinto. Escribo.
– P: Que opinião tens sobre o estado da língua e a cultura, e que conexões -reais ou potenciais- encontras com outros espaços culturais (nomeadamente a Lusofonia)?
– MF: A pregunta é moi complexa como para poder acometela en apenas dúas liñas. Porén, non direi nada novo se digo que a perda de falantes de galego non deixa de medrar, e non só nos ámbitos urbanos, que tamén, senón por extensión nos núcleos máis resistentes do noso rural, e iso é algo que debera facernos reflexionar moi en serio. Non podemos cruzarnos de brazos a observar como esmorece o noso principal sinal de identidade e despois pretender que con catro ridículas campañas con poemas nas bolsas do supermercado xa solucionamos o problema do galego. Por outra banda, a relación coa Lusofonía é unha oportunidade excepcional que non podemos desproveitar, máis que nada polo feito de estarmos en contacto con máis de 300 millóns de habitantes que falan exactamente a mesma lingua que nós. (…)”
Fisterra: recital poético e musical en homenaxe á Vaca de Fisterra
O Concello de Fisterra, en colaboración cos escritores Modesto Fraga, Xosé Iglesias e Francisco X. Fernández Naval, convoca para o día 19, sábado, ás 17:00 horas, unha marcha poética e musical que partindo da lonxa de Fisterra camiñará ata o faro.
O motivo desta marcha festiva é reivindicar o son do Nautófono, coñecido en toda a bisbarra como A Vaca de Fisterra, así como o mantenemento e conservación da maquinaria deste sinal marítimo sonoro. Ao longo dos anos, os navegantes do mundo e os habitantes da comarca, interiorizaron ese son poñéndolle un nome: a Vaca de Fisterra, por ser o seu berro un bramar semellante ao dunha vaca. O son pasou a formar parte da vida cotián da xente, integrouse nas conversas, fíxose música e os poetas tomárona ou tomáronas, que dúas era as vacas, como referencia nalgunhas das súas composicións.
A reivindicación parte da convicción de que a Vaca é patrimonio inmaterial de todos os habitantes do litoral, ao norte e ao sur de Fisterra, así como do interior, que durante máis de cen anos sentiron o seu bruar nos días e noites de borraxeira, pero tamén, convencidos de que altofalantes e mecanismo que os fai soar, o Nautófono, é patrimonio material, por tratarse dun sinal marítimo do que quedan escasas mostras en funcionamento no territorio peninsular.
Ás 17:00 horas, diante da lonxa de Fisterra, lerase o texto da convocatoria, dando paso a un primeiro recital poético. Ao remate, iniciarase a marcha, precedidos os participantes polo son da gaita e do acordeón de Moncho do Orzán, con dúas paradas para ler textos de adhesión, unha primeira no campo da igrexa de Santa María das Areas, e outra xa na estrada, xunto a escultura do peregrino. Durante o traxecto faranse soar as buguinas.
No faro lerase o texto que contén a reivindicación e que será enviado aos responsables da Actividade Portuaria da Provincia da Coruña, organismo a quen corresponde o funcionamento e conservación do faro. A continuación, e como peche, desenvolverase outro recital.
Exercerá como mantedor o actor César Cambeiro.
Amais dos citados, confirmaron a súa participación: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de escritoras e escritores en lingua galega (AELG); Juan Alberte, Iolanda Aldrei, Marilar Aleixandre, Concha Blanco, Rocío Blanco Formoso, Fernando Cabeza Quiles, Anxo Cousillas, José Estévez, María José Fernández, Francisco X. Fernández Naval, Modesto Fraga, Mónica Góñez, Serxio Iglesias, Xosé Iglesias, Alex López, Miguel Mato Fondo, Alexandre Nerium, Olga Patiño, Fernando Patricio, Marité Prieto, Xesús Rábade Paredes, X. H. Rivadulla Corcón, Pilar Silva, Francisco Souto, Nolo Suárez, Roberto Traba Velay, Suso Bahamonde, Miguel Vázquez Freire e Helena Villar.”
Obras premiadas do XLI Certame Literario Concello de Vilalba
“Dende a Concellería de Cultura do Excmo. Concello de Vilalba, faise público os premiados no XLI Certame Literario do Excmo. Concello de Vilalba 2015.
– PRIMEIRO PREMIO, dotado con 3000 euros, flor natural e diploma, para o poemario Adagio por outono, presentado baixo o lema “Giacomo da Lentini”, por Modesto Fraga Moure, de Arteixo (A Coruña).
– SEGUNDO PREMIO, dotado con 1000 euros, flor natural e diploma, para o poemario, Poemas de ruxido e barruzo, presentado co lema “Barruzo” por Paulino Pereiro, de Ferrol.”
Carballo: actividades do sábado 22 e domingo 23 na Praza dos Libros
Chega ao fin esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que ten lugar no Xardín Municipal do 20 ao 23 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h. Dentro dos actos previstos para o sábado 22 e domingo 23, destacamos os seguintes:
Sábado 22
– 18:30 h. Concerto-presentación de A gramola gominola, publicado por Galaxia.
– 19:45 h. Presentación da novela O soño de Xoán, de Farruco Graña, publicado por Embora.
– 20:30 h. Presentación do poemario A boca da terra, de Manuel Rivas, publicado en Xerais, e recital de textos do libro. No acto o autor estará acompañado por Manuel Bragado e Patricia Blanco.
Domingo 23
– 18:30 h. Concerto-presentación de Un conto ao revés, de Chuches Amil, publicado por Galaxia.
– 19:45 h. Presentación e recital do poemario Atlántica Luz. Poesía mareira 1995-2015, de Modesto Fraga. No acto estará acompañado por Xosé Iglesias.
Cee: actividades literarias destacadas na Feira do Libro do xoves 13
O xoves 13 de agosto continúa a Feira do Libro de Cee (na Praza da Constitución), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 12:30 h. Presentación de Crónicas de Fisterra (Contos dun tavernícola), de Roberto Traba, publicado en Técnicas e Gramaxe, No acto estará acompañado por Modesto Fraga.
– 13:15 h. Presentación de oso, mamá, si?, de María Lado, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participa Suso Bahamonde.
– 20:00 h. Presentación de Xeixos, libro de relatos de Suso Lista, publicado por Edicións Embora. O acto será presentado por Miguel Toval.
– 20:30 h. Presentación de O destino de Simón Naveira, de Manuel Jacobo González Outes, publicado por Atlantis. Participa, xunto ao autor, Ana Julia Martínez Fariña.
Cee: actividades literarias destacadas na Feira do Libro do martes 11
O martes 11 de agosto comeza a Feira do Libro de Cee (na Praza da Constitución), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 20:30 h. Presentación do libro Entrar na casa, de Eduardo Estévez (poemas) e Ignacio Castro, “Nachok” (fotografías), publicado por Estaleiro, nun acto presentado por Serxio Iglesias.
– 20:30 h. Modesto Fraga asina exemplares do seu libro Atlántica luz. Poesía mareira 1995-2015, na caseta da Libraría Á lus do candil.
– 21:15 h. Pregón da Feira a cargo de María Canosa, acompañada por Yolanda García Leal e Ramón Vigo Sambade.