“Longa vida á Literatura”, por Armando Requeixo

Desde Criticalia, de Armando Requeixo:
“(…) A nosa literatura tamén conta con casos notables de escritores lonxevos que tamén foron ben prolíficos. Entre os clásicos o exemplo máis salientable se cadra é de Eduardo Pondal, quen chegou aos oitenta e dous anos nunha altura en que o adoito era non ir máis alá da sesentena. Tanto é así que sobreviviu a Rosalía (a quen só levaba dous anos) por máis de tres décadas, morrendo dez anos despois de Curros que, curiosamente, era dezaseis máis novo ca el.
Tamén dacabalo entre o XIX e o XX chama a atención a vida longa de Ramón Cabanillas, oitenta e tres anos e un feixe de poemarios e varias pezas de teatro referenciais para a nosa literatura. Igualmente, velaí a Ramón Otero Pedrayo, oitenta e seis anos que o levaron dende Alfonso XIII ata a Transición e que deron para que fundase a narrativa galega moderna e sentase os alicerces do ensaísmo histórico actual, entre outras angueiras de valor.
Estrito coetáneo, cómpre lembrar o caso do non hai tanto ido Francisco Fernández del Riego, quen alcanzou os noventa e sete anos e deixou tras de si milleiros de páxinas, entre as que destacan diversas monografías e tamén historias e dicionarios de Literatura Galega.”

Cuestionario Proust: Xoán Babarro

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xoán Babarro:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Apaixonado.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Honestidade.
4.– A súa principal eiva?
-Excesiva preocupación pola consecución dos obxectivos que me propoño.
5.– A súa ocupación favorita?
-Observar a situación das linguas.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Vivir o día a día con ilusión.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-A perda dos seres queridos.
8.– Que lle gustaría ser?
-O que son.
9.– En que país desexaría vivir?
–No que vivo.
10.– A súa cor favorita?
-A cor azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
-Calquera das silvestres.
12.– O paxaro que prefire?
-O birrio, entre outros.
13.– A súa devoción na prosa?
Álvaro Cunqueiro.
14.– E na poesía?
-Ramón Cabanillas.
15.– Un libro?
Cantares gallegos.
16.– Un heroe de ficción?
-Ulises.
17.– Unha heroína?
-Sherezade.
18.– A súa música favorita?
-A tradicional dos fiadeiros.
19.– Na pintura?
-As miniaturas das Cantigas de Santa María.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Calquera persoa que se dedique a traballar polos demais en zonas de conflito.
21.– O seu nome favorito?
-Ana.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A fachenda.
23.– O que máis odia?
-A agresividade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Toda aquela que mata ou escraviza a outros humanos.
25.– Un feito militar que admire?
-A Revolución dos Caraveis.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-A expresión a través da plástica.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-En paz e rodeado dos meus.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Sosegado.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Aqueles que non fagan dano á colectividade.
30.–Un lema na súa vida?
-Fai ben e non mires a quen.”

Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra en Cambados, con Ramón Caride

Estas son algunas das fotografías do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra realizado en Cambados, no centenario de Da terra asoballada, que tivo lugar o sábado 30 de setembro, con Ramón Caride. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Cambados e A Estrada: Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2017

Os Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2017 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra.

A inscrición é de balde ata cubrir 50 prazas para cada roteiro. Horario dos roteiros: de 11:30 a 13:00 horas.

Estes son os seguintes roteiros programados:

Cambados. Sábado 30 de setembro
Roteiro do Centenario Da terra asoballada.
Con Ramón Caride Ogando
Punto de partida: Praza do Concello, ao pé da estatua de Ramón Cabanillas.
Inscricións na Biblioteca municipal Luis Rei: 986 520 008 (xa están cubertas as prazas, só hai lista de agarda).
O roteiro centrarase na edición de Da Terra Asoballada de 1917, incluíndo a lectura dos poemas de dita edición. Abarcará os lugares máis significativos da vila de Cambados como son Fefiñáns, A Calzada, O Convento, A Pastora, Santomé, e a Rúa do Hospital, vencellados ao nacemento, infancia, vida e morte do poeta, así como aos seus coetáneos, Asorei, Valle-Inclán e Plácido Castro. Tamén presentará as pegadas de Cabanillas nos creadores actuais do Salnés e en lugares de actividade cultural como o Pazo Torrado e a Biblioteca Luís Rei.

A Estrada. Sábado 7 de outubro
Roteiro Avelina Valladares, unha muller do tempo dos Precursores.
Con Xosé Luna Sanmartín
Punto de partida: Igrexa de Berres, A Estrada
Inscricións no Concello de A Estrada – Cultura: 986 570 165
O percorrido comeza na igrexa e cemiterio de Berres, onde está enterrada Avelina Valladares; para continuar cara ao Casal de Vilancosta, o fogar dos Valladares, sito no lugar de Vilancosta na mesma parroquia de Berres. Esta casa é unha propiedade privada que non soe ser visitable, polo que se trata dunha oportunidade única para coñecela. Realizaranse lecturas de poemas da autora no o xardín e nas diferentes estancias da casa, rematando coas vistas do Ulla e do Pico Sacro.

Cangas, Cambados e A Estrada: Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2017

Os Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2017 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra.

A inscrición é de balde ata cubrir 50 prazas para cada roteiro. Horario dos roteiros: de 11:30 a 13:00 horas.

Estes son os seguintes roteiros programados:

Cangas. Sábado 23 de setembro
Roteiro do patrimonio da cultura mariñeira na literatura de Bernardino Graña.
Con Héitor Mera
Punto de partida: Casa natal de Bernardino Graña, rúa Alfredo Saralegui 26, Cangas
Inscricións na Casa da Xuventude de Cangas: 986 392 171
O roteiro parte cara á zona da Congorza coas paradas precisas para ir explicando e recitando textos de Bernardino ao longo do percorrido. Ademais do patrimonio marítimo, daranse varias referencias literarias e biográficas do autor. O final terá lugar nunha tasca onde todas as persoas asistentes recitarán o ‘Gato da tasca mariñeira’.

Cambados. Sábado 30 de setembro
Roteiro do Centenario Da terra asoballada.
Con Ramón Caride Ogando
Punto de partida: Praza do Concello, ao pé da estatua de Ramón Cabanillas.
Inscricións na Biblioteca municipal Luis Rei: 986 520 008
O roteiro centrarase na edición de Da Terra Asoballada de 1917, incluíndo a lectura dos poemas de dita edición. Abarcará os lugares máis significativos da vila de Cambados como son Fefiñáns, A Calzada, O Convento, A Pastora, Santomé, e a Rúa do Hospital, vencellados ao nacemento, infancia, vida e morte do poeta, así como aos seus coetáneos, Asorei, Valle-Inclán e Plácido Castro. Tamén presentará as pegadas de Cabanillas nos creadores actuais do Salnés e en lugares de actividade cultural como o Pazo Torrado e a Biblioteca Luís Rei.

A Estrada. Sábado 7 de outubro
Roteiro Avelina Valladares, unha muller do tempo dos Precursores.
Con Xosé Luna Sanmartín
Punto de partida: Igrexa de Berres, A Estrada
Inscricións no Concello de A Estrada – Cultura: 986 570 165
O percorrido comeza na igrexa e cemiterio de Berres, onde está enterrada Avelina Valladares; para continuar cara ao Casal de Vilancosta, o fogar dos Valladares, sito no lugar de Vilancosta na mesma parroquia de Berres. Esta casa é unha propiedade privada que non soe ser visitable, polo que se trata dunha oportunidade única para coñecela. Realizaranse lecturas de poemas da autora no o xardín e nas diferentes estancias da casa, rematando coas vistas do Ulla e do Pico Sacro.

Lugo: mesa de debate sobre Lois Peña Novo, Vicente Risco e Ramón Cabanillas

O xoves 10 de novembro, ás 19:30 horas, na Deputación de Lugo (San Marcos, 8), terá lugar a mesa de debate sobre Lois Peña Novo, Vicente Risco e Ramón Cabanillas, coa que a Real Academia Galega continúa o ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos.
Modera: Darío Xohán Cabana.
Relatores:
– Manuel Roca Cendán. Lois Peña Novo: o soño do desenvolvemento de Galicia.
Olivia Rodríguez. Arredor de Vicente Risco nas Irmandades.
– Francisco Fernández Rei. Ramón Cabanillas, o Poeta das Irmandades da Fala.

ciclo-no-tempo-das-irmandades-2016-1ciclo-no-tempo-das-irmandades-2016-2

A AELG reivindica un Panteón de Galegos Ilustres para o pobo

Desde2016022115294464973 Sermos Galiza:
No acto que celebrou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) polo Día de Rosalía -que terá lugar esta cuarta feira (día 24)-, Cesáreo Sánchez pediu acabar coa ocultación e o secuestro ao que están sometidos os galegos ilustres, entre os que se atopa a propia Rosalía.
“Aínda que poida ser desolador estar nun lugar onde os nosos símbolos nacionais están materialmente ocultados e que só é accesíbel co permiso eclesiástico, trátase dun exercicio de inmersión na realidade máis cruel que temos que transformar”, apunta Cesáreo Sánchez en declaracións a Sermos Galiza, “máis cedo que tarde, Rosalía ten que ser rescatada do secuestro, os galegos e galegas non podemos tolerar esta situación ferinte”.
O presidente da AELG lembra que “no seu día o corpo de Rosalía foi traído aquí nun acto de voluntaria transcendencia cultural e política para o galeguismo de entón. Seguían a estrela que Rosalía levaba na fronte e que Curros cantou”. “Otero dixo: nesta hora estará a nacer algún recanto da nosa terra, o home ou a idea que transformará en pobo profundo o ritmo da nosa historia. Esa muller foi Rosalía de Castro”, engade o presidente da AELG.
Na conmemoración das escritoras e escritores galegos tamén interveu Suso de Toro, quen apelou a Rosalía como un crisol onde a cerna do pobo tomou forma e tivo alma e como a poeta das desposuídas que foi quen de construír un relato e de fundar todo un pobo. De Toro, que leu o manifesto da AELG, describiu Rosalía como unha persoa “verdadeira e libre”. “Debido ás circunstancias sociais da época, tivo que pagar esa liberdade, pechada na súa casa cos seus poemas”, apuntou o escritor, quen tamén lembrou a “xustiza social” que Rosalía pedía para os desherdados.
No acto da AELG, María Xesús Astrai, Afonso Becerra, Rosalía Fernández, Margarita Ledo, Celia Parra, Mercedes Queixas, Eli Ríos, Isabel Risco, Alba María e Francisco Susavila recitaron poemas da autora. Tamén participou a Coral da Asociación Solfa, que lle puxo voz a poemas da propia Rosalía, de Cabanillas e de Manuel María.”

Cuba na literatura galega, por Marcelino Fernández Mallo

DesdeSobre-Cuba-en-Ferrol-300x263 o blogue A trenza, de Marcelino Fernández Mallo:
“Entre os días 13 e 15 de novembro, celebrouse no senlleiro Ateneo Ferrolán o Congreso Ferrol-Cuba-Galiza: Historias Comúns. Na derradeira sesión, tiven a honra de compartir mesa redonda con Xavier Alcalá para falarmos sobre a presenza de Cuba na literatura galega. A nosa conclusión foi común: a presenza é minúscula se a comparamos co material inxente que pon á nosa disposición o moito acontecido.
Eu mencionei repetidamente Gallego, a novela de Miguel Barnet e propuxen que, non sendo galega senón cubana, a adoptásemos para o noso sistema literario. Barnet, etnógrafo e home fundamental da cultura cubana, escribiu o mellor relato sobre o paso dos galegos na Illa caribeña. Mencionei tamén Pallarega, claro! A miña novela percorre o ciclo completo do emigrante: aldea (Pallarega), tempo de transición (Morgade, Madrid), travesía (no Marqués de Comillas), anos no lonxe (La Habana) e regreso (A Coruña). Pallarega fai un retrato dun caso concreto que desbota a melancolía e a miseria para celebrar a loita por unha existencia pletórica allea no posible ás condicións da contorna.
A presenza de galegos en Cuba remóntase á propia fundación de La Habana. Durante séculos, os galegos fomos utilizados para poboar a terra colonizada sendo tratados en demasiadas ocasións como escravos. Así o confirma o ensaio Galegos da Habana elaborado por Ángela Oramas e publicado por Sotelo Blanco en 2005. Contra o final do século XIX, empeza a formarse unha conciencia de galeguidade que non fará máis que medrar ata a Revolución castrista. 1880 é un ano importante: edítase en La Habana o Follas Novas de Rosalía (“Galicia está probe i á Habana me vou, ¡Adeus, adeus prendas do meu corazón!”).
Deste tempo habemos citar a Ramón Armada Teixeiro, fundador con Lugrís Freire de A Gaita Gallega, primeira publicación da emigración en galego. Armada escribiu a obra de teatro Non máis emigración recollendo parte da realidade dos galegos no século XIX, a cal constituíu a primeira obra en galego representada fóra de Galicia. Deixounos tamén o poemario Caldo de Grelos no que esmiuzou esa particular ligazón entre Cuba e Galicia.
Durante as primeiras décadas do século XX, a presenza galega, aínda ben precaria, aumenta notablemente. Calcúlase que son arredor de 200.000 os galegos chegados durante ese tempo á Illa. A revista Galicia que se edita en La Habana (son máis de 60 as publicacións que chega a crear a colectividade galega) afirma en 1915: “Por onde queira que un viaxa sempre atopa un galego. Hainos traballando no campo, na fábrica, no taller, na oficina, na cátedra, na bodega… hainos en todas partes”.
Sobre esta etapa, haberemos mencionar a novela póstuma A nova vida de Lois Tobío que localiza a súa historia en torno ao final dos anos 30. Habemos subliñar, por suposto, a Ramón Cabanillas, o poeta da raza, que na Habana publica No desterro (1913); a Antón Vilar Ponte que crea a obra de teatro Almas mortas (1922); ou a Xosé Francisco Lesta Meis que publica a novela Estebo (1927). Inda que sexa narrativa en castelán, débese citar igualmente a novela La Gallega (1927) do polémico periodista e escritor cubano Jesús Masdeu, que relata a malfadada experiencia dunha emigrada a principios do século.
Os anos 40-50 supoñen o desenvolvemento de Cuba, ou máis ben de La Habana, da man dos clans ianquis que converten a capital caribeña nunha sorte de casino e cabaret, cando non de prostíbulo. Nesta etapa encádrase Pallarega e a maior parte da obra de Neira Vilas, máis crónica ca novela, entre a que cómpre subliñar os tres tomos de Memoria da Emigración. Cun carácter máis atemporal debemos incluir nesta selección de obras da literatura galega con Cuba de argumento, o Habana flash de Xavier Alcalá mentres que en Verde oliva o mesmo autor describe a aventura dunha galega que se quixo integrar no exército rebelde. (…)”