Carril: presentación de Tamén navegar

O sábado 2 de xullo, ás 19:00 h., dentro do X Encontro de Embarcacións Tradicionais en Carril, preséntase o poemario Tamén navegar, antoloxía de poesía galega dedicada á carpintería de ribeira e ás embarcacións tradicionais, en edición a cargo de Francisco X. Fernández Naval, e publicado en Toxosoutos. Ao rematar o acto haberá un recital poético no que intervirán Marta Dacosta, Miro Villar, Ramón Caride, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Henrique Rivadulla Corcón, Carlos Arias e Cesáreo Sánchez.

Ramón Caride: “A literatura galega aínda ten déficit de se introducir no mundo de hoxe”

Entrevista a Ramón Caride en El País (Galicia):
‘- El País (EP): Séntese parte dunha xeración?
– Ramón Caride (RC): Hai unhas constantes nos narradores coetáneos, como tamén en Lois Pereiro: o rock, escribir tipo colaxe incluíndo voces noutros idiomas, o relato curto, a influenza do cine… Eu leo a Suso de Toro ou Bieito Iglesias e vexo moitos puntos en común, é normal. En moitos casos fomos os primeiros universitarios da familia, vimos dunha cultura agraria, atopamos as mesmas cousas á mesma idade, estabamos na Universidade cando morreu Franco…
– EP: Para escribir en liberdade hai que vivir doutra cousa, como di Ramiro Pinilla?
– RC: O oficio de escritor ten que ser libre. Hai quen se poderá atopar libre gañando a vida doutro xeito e escribindo no lecer. Pero se gañas a vida doutro xeito tes menos tempo para escribir…
– EP: “Sae máis rendible escribir para a escola” tamén é algo que se lle pode escoitar a algún escritor que pasou ao infanto-xuvenil.
– RC: A literatura infanto-xuvenil é escolar, pero iso non é bo nin malo de seu. A través dunha gran campaña podes facer moito diñeiro co Código Da Vinci, pero que alguén se acorde del en cinco anos… Ao final, queda o ben feito. (…)
– EP: Se tivese que sincronizar a súa obra coa literatura galega, onde a poría?
– RC: A miña tradición é Ferrín. En Elipsis e outras sombras, o primeiro relato, Prólogo á impunidade, sobre a represión franquista, é realista a tope. E despois escribe sobre o mundo de Huxley e máis a materia de Bretaña… Non é que se adiantase, senón que naquel momento xa tiña aquela visión. Como el di, o escritor é coma un pirata. E as literaturas que aspiren a estar no mundo teñen que botar man do propio e do alleo, porque nada lles é alleo.
– EP: Cría que nesta altura ía ter que estar asinando manifestos en prol do galego?
– RC: A verdade é que non, pero o galego, a fin de contas, será o que nós queiramos. Está ben asinar manifestos, pero falando galego non agredes a ninguén. E quen se sinta agredido por iso ten un problema psicolóxico que ti non vas solucionar. Eu teño libertade de cátedra e ninguén me vai imponer o idioma das miñas aulas.’

Vivir un soño repetido. Libro homenaxe da AELG a Lois Pereiro

Con motivo do Día das Letras Galegas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega edita un libro electrónico coas colaboracións dos seus asociados e asociadas, Vivir un soño repetido. Os participantes son: Francisco Álvarez-Koki, Ana Arias Saavedra, Afonso Becerra de Becerreá, Concha Blanco, Lino Braxe, Ramón Caride, Arturo Casas, Francisco Castro, Marta Dacosta, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Rosa Enríquez, Estíbaliz Espinosa, Alfredo Ferreiro, Salvador García-Bodaño, Álvaro Lago, María Xosé Lamas, Rafael Lema, Siro López, Lourdes Maceiras, Tati Mancebo, Verónica Martínez Delgado, Rosa Méndez Fonte, Carlos Negro, Lucía Novas, Toño Núñez, Olga Patiño, Claudio Pato, Ana María Pérez Cerviño, David Pobra, Xavier Queipo, Baldo Ramos, Mario Regueira, Cesáreo Sánchez, Xavier Seoane, Chelo Suárez, Alberte Suras, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela Puñal, Xosé Vázquez Pintor e Helena Villar.

As colaboracións, inéditas e orixinais, responden a un duplo formato:
* Poemas inéditos inspirados en Lois Pereiro (incluíndo versións elaboradas)
* Obra gráfica (ilustración, fotografía, poesía experimental, etc.) inspirada en poemas de Lois Pereiro.

Da conxunción de todas as achegas nace este libro electrónico en formato epub de descarga gratuíta accesíbel no apartado de publicacións da web da AELG.

Para visualizar o libro no computador recomendamos o software gratuíto Calibre, que se pode descargar aquí.

Reseñado en Culturagalega.org e Fervenzas Literarias.

Xoán Babarro, Ramón Caride, An Alfaya, Francisco Castro e Carlos Vila Sexto gañadores dos premios Frei Martín Sarmiento de 1º e 2º, e 3º e 4º de ESO, respectivamente

Entregáronse en Santiago os galardóns da VII Edición do Premio Frei Martín Sarmiento, un certame que dende hai sete anos premia, cos votos dos alumnos e alumnas, as que consideran mellores obras escritas para o seu chanzo de idade. Nesta edición participaron arredor de 2400 escolares galegos que decidiron premiar as seguintes obras:
– 1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria: Xoán Babarro, con A tea de araña que todo o apaña, Rodeira.
– 2ª categoría: de 3º a 4º de Educación Primaria: Ramón Caride, con Andanzas de Xan Farrapeiro, Xerais.
– 3ª categoría: de 5º e 6º de Educación Primaria: An Alfaya, con A ánfora exipcia, Tambre.
– 4ª categoría: de 1º e 2º da ESO: Francisco Castro, con Chamádeme Simbad, Galaxia.
-5ª categoría: de 3º e 4º da ESO: Carlos Vila Sexto, con As sete mortes, Galaxia.

Xosé Alfredo Naz gaña o XXXVI Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo

Xosé Alfredo Naz gañou o premio XXXVI Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo, que outorga a Fundación Pedrón de Ouro en colaboración co Concello de Vilagarcía de Arousa, coa obra O Mal, e tamén obtivo o primeiro accésit con A sombra da curuxa. O segundo accésit foi para Clara Isabel Rodríguez con Retallos da memoria perdida. O xurado do premio, que tivo escoller entre as máis de 60 obras presentadas, estivo formado nesta edición polo presidente do Pedrón de Ouro, Manuel Caamaño, os membros do Padroado David Otero e Xesús Santos Suárez, os escritores Ramón Caride Ogando, Marcos Calveiro e Miro Villar e o responsable de Normalización Lingüística do concello de Vilagarcía, Manuel Campos Sanmartín. A nova foi recollida en La Voz de Galicia e Faro de Vigo.

Santiago: presentación de O gume dos espellos, de Ramón Caride

O venres 19 de novembro, a partir das 19:30 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o novo libro de Ramón Caride O gume dos espellos, publicado en Toxosoutos. No acto participan, acompañando ao autor, Miguel Anxo Martínez Oubiña, David González Couso e Xoán Fuentes Castro, autor da novela O cuadrilátero, sobre a que se manterá tamén unha lectura-coloquio.

Ramón Caride: “Só morre o idioma que se deixa matar. A guerra non a temos perdida”

Entrevista a Ramón Caride en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe: Ramón Caride e a poesía… Ultimamente, Ramón, parece que a tes abandonada, ou cecais fuches abandonado por ela; pero talvez exerces o teu labor poético nun silencio moderato, tal que un exercicio reflexivo, espiritual, pero espero que non haberá tardanza en ler as túas novas poéticas. Fálame do anterior e do novo, que creo que axiña leremos. Non, Ramón?
Ramón Caride: Eu comecei como poeta xa hai moito tempo, falamos do 1986, cun libro autoeditado, a este seguiron outros dous de difícil publicación e edición escasa, que eu, á volta dos anos, considero obras máis ca nada de aprendizaxe, non estou moi certo delas. Por iso estes tres primeiros poemarios non as incluín en As máscaras de Cronos –Poemas 1994-2005-, que se publicou hai catro anos. Este é un volume de máis de dúas centas cincuenta páxinas de poesía, o cal para min xa é case excesivo, pois eu son máis de obras intensas que de libros extensos; así que quedei moi satisfeito desa obra poética, e sen intención de facer máis poesía. Pero como un non é dono da poesía, como ti ben dixeches, a poesía non ten dono, pois tres anos máis tarde publiquei Criptografías en Libros da Frouma, que se presentou neste ano aquí en Compostela, e axiña tirarei do prelo A Chuvia Humana en Toxosoutos, un novo poemario. A verdade é que me dá un chisco de vertixe publicar dous poemarios tan consecutivos, e non acabo de entendelo eu mesmo, pero non quero parar a pensalo moito. Como digo neste último libro, que é en grande parte de micropoemas:”A poesía non se explica / revélase / ou non é tal”. Seguramente, a esencia da poesía é o misterio. E ríome dos canonizadores, catalogadores e clasificadores: “O taxonomista / nunca pode ollar / o voo da bolboreta”.

Preséntase no Grove O frío azul, de Ramón Caride Ogando

Os libreiros do Grove e Sotelo Blanco Edicións organizan a presentación da novela O frío azul (Premio Lueiro Rey 2007), de Ramón Caride Ogando. Terá lugar o venres 15 de febreiro, ás 20:00 horas, no Pub Vinilo (rúa da Praza, fronte da Librería Besada) do Grove. Intervirán, para alén do autor, Ramón Domínguez Argibay, Xan Fuentes Castro, Luís Viñas e Ánxela Gracián.

Presentación dunha antoloxía dos Premios Esquío (1981-2006)

O día 21 de abril, sábado, a Sociedade de cultura Valle-Inclán de Ferrol honrará o Patrimonio de Feira Antiga na Arquitectura dos Pendellos d’Agolada coa celebración dos seus 25 anos (máis un) de existencia, na coordinación do Premio Esquío de poesía (galego e castelán). Neste contexto terá lugar a presentación do libro Poesía viva, pura poesía (Antoloxía dos Premios Esquío: 1981-2006), e un recital dos poetas premiados conducido por Vicente Araguas. Entre os poetas que xa teñen confirmada a súa asistencia figuran: María do Carme Álvaro, Ramón Caride, Baldomero Iglesias Dobarrio, Fernández Abella, David Otero, Elvira Riveiro Tobío e Ángel Utrera Baza.