Entrevista a Ramón Nicolás en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como descubriu este proxecto?
– Ramón Nicolás (RN): Era un proxecto que estaba nas miñas mans desde hai bastantes anos, o que ocorre é que as circunstancias non foron favorábeis para que se puidese publicar e agora, finalmente, puxéronse as cousas de cara para que se levase a cabo. Chegou a min a través das mans de Manuel Bragado, que foi a persoa coa que Alonso Montero falara no seu día para facer unha edición deste corpus de texto, que existía desde o ano 1969, pero que precisaba dun traballo de edición. Que caese nas miñas mans foi unha decisión de carácter editorial, co acordo de Xesús. Prepareino máis ou menos nun prazo breve de tempo, pero publicouse hai uns meses.
Dábame certa mágoa que non vise a luz, xa que é un traballo que estaba durmindo no soño dos xustos e baixo a miña consideración tiña certas particularidades que poderían ser interesantes para coñecer o noso pasado literario.
– ND: Que relevancia ten hoxe en día?
– RN: É interesante na medida en que deita luz fundamentalmente arredor das opinións dun grupo de autores e autoras con obra publicada a partir de 1936 que contestaron a enquisa. Entre as preguntas que propón Alonso Montero pódense albiscar dous valores, ou quizais máis. O primeiro fai referencia aos datos de carácter biográfico que ofrecen as persoas que responden e que chegan da súa man, polo que hai unha fiabilidade practicamente absoluta. Engádense así datos de natureza bibliográfica ou biográfica que nalgúns casos son bastante descoñecidos.
Logo, por outra parte, está a enquisa que chamo sociolóxica, que estriba en preguntas nas que os autores e autoras dan a súa opinión e que, olladas agora, anos despois, ofrecen unha visión panorámica sobre distintas cuestións. Por exemplo, a valoración da Real Academia Galega ou se a prensa galega daquela altura daba a importancia que debía á nosa literatura. Tamén preguntas relativas ás voces que máis influíron nelas, onde curiosamente a maioría destaca a figura de Castelao ou Celso Emilio Ferreiro como autores máis atractivos. (…)”
Arquivos da etiqueta: Ramón Nicolás
Ramón Nicolás: “Segue a ser moi preciso visibilizar a nosa creación literaria”
Entrevista de Xesús Fraga a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Cal será a súa contribución como académico correspondente?
– Ramón Nicolás (RN): Entendo que a propia entidade suxerirá camiños de investigación ou pescuda polos que poida transitar. Polo de agora, con franqueza, só tiven ocasión de agradecer o nomeamento, tanto ás persoas que a día de hoxe integran a Academia como a outras moitas que me manifestaron por moitas vías a súa satisfacción por esta decisión e, por extensión, o seu afecto. Algo que particularmente valoro moito no ronsel dese «pouso dos afectos» do que falaba Xela Arias.
– LVG: Cre que o seu labor crítico influíu na decisión da Academia?
– RN: Sospeito que si: talvez o meu traballo no ámbito da crítica literaria, desenvolto con maior ou peor fortuna desde esa data, pesou no nomeamento e tentarei que este perfil teña, na medida das miñas posibilidades, un defensor activo na institución. Sempre defendín a necesidade de promocionar a crítica literaria en todos os ámbitos posibles e fíxeno, fágoo hoxe, a custa doutras opcións creativas persoais. Segue a ser preciso, moi preciso, visibilizar a nosa creación literaria: un territorio que cómpre seguir agarimando e construíndo con xenerosidade.
– LVG: A súa sinatura está presente en La Voz dende hai anos, un periódico xeneralista que chega a todo tipo de público: como enfoca entón as súas críticas?
– RN: Para min gozar desta atalaia desde hai moitos anos supón un privilexio. Cultivar o exercicio da crítica sen ningún tipo de presión, alén doutro tipo de colaboracións que atenden ao fenómeno da nosa literatura, e facelo desde un xornal que chega ás mans de milleiros de persoas non deixa de ser, sempre, unha responsabilidade. O enfoque tenta ser precisamente xeneralista, isto é, ofrecer de maneira concisa as ideas clave que dominan un libro ou nunha publicación e suxerir, sendo consciente de que a miña sempre é unha opinión subxectiva, a súa lectura.
– LVG: Creo que o seu traballo como crítico tamén se retroalimenta coas súas investigacións e a atención que lle dedicou e dedica a autores como Manuel Luís Acuña, Cunqueiro, Celso Emilio e Lueiro Rey.
– RN: É posible. Para min esas voces que nomeas foron, e son, obxecto da miña atención como investigador en diversas etapas. Tiven a fortuna de ter na miña formación profesorado competente que me iniciou por eses, e outros, camiños e tamén a inmensa sorte de atopar, sobre todo no caso dos dous últimos autores que citas, contornas familiares que confiaron en min para abordar diversos traballos. E por aí continuaremos.”
Vigo: presentación de Dicionario da nova literatura galega, de Xesús Alonso Montero
Cuestionario Proust: Ramón Nicolás, desde Lecturafilia
Entrevista a Ramón Nicolás en Lecturafilia:
“1. O principal trazo do teu carácter? Estou aínda en proceso de coñecerme a min mesmo.
2. Que cualidade aprecias máis nun home? Ningunha en especial. Supoño que todas as posibles que atesoure a condición humana.
3. E nunha muller? Pois as mesmas, claro é.
4. Que agardas das túas amizades? Amizade.
5. O teu principal defecto? Moitos.
6. A túa ocupación favorita? Ler, escribir, dar clases. Tamén coidar dunha cerdeira, un marmeleiro e un par de maceiras.
7. O teu ideal de felicidade? O de antes.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Prefiro non pensar agora niso.
9. Que che gustaría ser? O que son.
10. En que país desexarías vivir? No que vivo, non o dubido.
11. A túa cor favorita? Será o azul.
12. A flor que máis che gusta? Non teño preferencias. Se cadra o xacarandá, por razóns literarias.
13. Que paxaro prefires? Gústanme todos, gaivotas incluídas.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Imposible escolmalos.
15. E poetas? O mesmo.
16. Un heroe de ficción? Non teño.
17. Unha heroína? Tampouco teño.
18. O teu músico ou música favorito/a? Pois por falar dun: Lito Vitale.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Isaac Díaz Pardo, Maside, Colmeiro, Laxeiro, Maruxa Mallo, Pulido…, tantas e tantos.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Hainos a centos, moitos anónimos. A vida non é doada. Particularmente meus pais.
21. O teu nome favorito? Iago e Lucía.
22. Que hábito alleo non soportas? Soporto cada vez peor algunhas cousas, pero tento ser comprensivo.
23. Que é o que máis detestas? Será un tópico pero as inxustizas.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? As habituais que aparecen sempre nestas respostas. Tamén outras que non son históricas, polo de agora.
25. Un feito histórico que admires? Todos os que se asocian ao concepto de resistencia.
26. Que virtude desexarías posuír? Ningunha en especial. Vou tirando coas que teño, se teño algunha.
27. Como che gustaría morrer? Non tiven ocasión de pensar niso.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Á expectativa e sempre confiando en que o mellor está por vir.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Os defectos asócianse á condición humana, así que todos.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Non teño porque non cultivo nin sigo lemas ningúns.”
Premios da Crítica de Galicia 2021
O pleno da Real Academia Galega elixe a Gonzalo Navaza académico de número
Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega elixiu a Gonzalo Navaza (Lalín, 1957) académico de número no pleno ordinario celebrado este sábado. O escritor, tradutor e destacado especialista en toponimia é profesor do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo e forma parte da RAG como membro correspondente vinculado ao Seminario de Onomástica dende o ano 2012. No mesmo pleno acordouse ademais nomear académicos correspondentes ao crítico literario Ramón Nicolás Rodríguez (Vigo, 1966) e á xurista Celia Pereira Porto (Rotterdam, 1971).”
Texto de Ramón Nicolás na presentación de Nomes, de X. C. Domínguez Alberte
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“O pasado sábado día 4 de setembro, no campo do Roucón (Escudeiros) presentei o volume Nomes, de Xoán Carlos Domínguez Alberte. Deixo aquí a miña intervención.
Bo serán. Grazas a todas as persoas que aquí estades convocados pola palabra, por un novo libro do noso veciño e amigo Xoán Carlos. Non pode haber, probablemente, mellor sitio para presentalo ca este porque, como é un lugar común, todo -ou case todo- o que escribe Xoán Carlos, está inspirado neste lugar, transloce esta realidade singular que ben coñecemos e, ademais, non me cabe dúbida ningunha de que o libro, malia estar dirixido ou pensado talvez como versos para infancia, está escrito para todos nós, teñamos a idade que teñamos. Quero, daquela, agradecer a vosa presenza e mais tamén facer fincapé na miña especial satisfacción e responsabilidade por ocupar este sitio para dicir unhas palabras limiares nesta presentación.
Nomes, este é o título do que libro que aquí nos xunta, editado por Galaxia cun fermoso e suxestivo corpus de ilustracións a cargo de Ana G. Buhigas. Dixen nunha ocasión, e reitéroo agora, que Xoán Carlos é unha persoa xenerosa, especialmente atenta a cultivar o espírito solidario, a ollar cos ollos ben abertos aquilo que ocorre ao seu arredor, a esculcar nas causas do que acontece, a defender naquilo no que cre e, ao tempo, é quen de transformar en discurso poético, isto é, decodifica en palabras, aquilo no que pon a súa ollada. En Nomes, malia que, en aparencia, estea incluído nunha serie de poesía para primeiros e primeiras lectoras, expón unha lectura na que hai un palmario desexo de reivindicación que establece desde a instancia dos “nomes”. Os nomes, como se sabe, identifícannos, fannos recoñecibles, outórgannos un sentido e un sentimento de colectividade e de identidade. Na liña dos seus precedentes Versos para conversar e Soneto no alfabeto, Xoán Carlos, nesta ocasión, obríganos a mirar a nosa realidade e a nosa contorna depositando especial atención nos topónimos, isto é, aos nomes de lugar. E non a unha toponimia calquera, senón á nosa, á que nos resulta familiar e próxima -como metáfora, sen dúbida, da toponimia galega en xeral-. A toponimia que recrea Xoán Carlos aquí ten un valor esencial: permite que nos sintamos afectivamente unidos, recoñecidos mesmo, na eufonía, nos sons que emitimos cando pronunciamos e, así, revivimos xa non só o lugar de cada topónimo senón a propia historia que atesoura. Tamén nos fai pensar este libro, por extensión, na deturpación que ás veces que se fai deles e nese esquecemento que deles se fai, probablemente non aquí, pero si noutros lugares onde a microtoponimia é a solución acaída e xusta para espazos que son transformados polas esixencias dos novos tempos, pero iso xa é fariña doutro saco.
Os que ensinamos, como podemos, literatura, transmitimos aos discentes un concepto que é o dos paratextos, isto é, todos aqueles elementos que, antes da lectura, posibilitan -se os ollamos con atención- dispormos de pistas para interpretar o que vén despois. No meu caso atendo tamén aos detalles das ilustracións, se as hai, e aquí hainas. Velaí, na cuberta, nesta interpretación acaída de Ana Buhigas, unha nena ou neno -tanto ten- acompañada dunha moza, unha fada de guedellas louras, que entendemos doadamente como unha fada polo peite que terma da man e que dirixe a nosa lectura á Peneda da Moura talvez; o neno ou nena que a acompaña ten un lapis, co que pinta palabras e deixa voar a imaxinación. O libro ten moito diso: atrapar as palabras e atender, tamén, ao marabilloso que nos rodea. Aínda hai máis nese paratexto: velaí topónimos cargados de significado para os que aquí estamos inseridos nunha segunda ilustración –O Ollo de Cabra, A Lavandeira, Arnoia, Figueiras– que son os camiños –algúns– dunha encrucillada cuxas direccións se nos convida a percorrer. Aínda hai máis: velaí a dedicatoria a Minia e Celtia, fillas do autor, probablemente nas que pensa Xoán Carlos ao escribir e aquelas que son as primeiras que escoitan os poemas porque, paréceme, son estes escritos especialmente para elas e a elas déixalle escrito: “tantas voces / tantas veces / en cada ollar / de herba e terra”. Aínda, previo ao seu primeiro poema, Xoán Carlos deixa escrito, abaixo, unha fermosa cita poética de Rosalía “unha herbiña que distraia a mirada” e que tan fransciscana e significativa tamén ao apuntar esa paisaxe natural que obxectiva coas súas palabras. É a unión coa tradición poética galega que tamén incorpora referencias e dialoga con Novoneyra, Manuel María, Cunqueiro ou Fole.
De todo isto, de reivindicación, de paisaxe, da forza que agochan os noso nomes hai, e ás mancheas, neste libro que hoxe aquí se presenta. O autor, como bo filólogo, como coñecedor asemade dos recursos que a propia lingua ofrece, articula xogos de palabras, sinestesias, xoga co fonosimbolismo que é xa un trazo caracterizador da súa obra. Cunha lingua rica e vizosa reconstrúe un mapa, que é o noso; realiza unha cartografía a través dos nomes que van da Cabrancada a A Abilleira, do Arnoia ao Abalaire, da Peneda da Moura á Corga de Filgueiró, da Levada á Auseira e descifra, en silencio e só con nomealos, os segredos e a historia que agochan eses lugares. Libro riquísimo tamén en referencias do mundo da fauna e da flora, que revela e pon en valor todo o que de telúrico hai neste territorio do que os topónimos encerran a súa memoria, mais tamén de vivido e sentido nos lugares que pisamos e andamos.
Convídovos, finalmente, a que vos fagades con este Nomes e a que disfrutedes coa súa lectura: un libro do noso veciño que, non teño dúbidas, tamén o escribiu para nós.”
Xoán Carlos Domínguez Alberte: “A toponimia forma parte do noso ADN, se non se bota man dela, perderase”
Entrevista a Xoán Carlos Domínguez Alberte en La Región:
“Escudeiros, no concello de Ramirás, é a referencia da antiga actividade mineira da zona do Arnoia e, aínda que o patrón parroquial é San Xoán, hai anos que os veciños instauraron no calendario unha celebración popular ao redor de Santa Bárbara (patroa dos mineiros) nos primeiros días de setembro. Unha festividade que tiña lugar esta fin de semana e que serviu para que un dos seus conveciños, o escritor Xoán Carlos Domínguez Alberte, presentase Nomes.
– La Región (LR): Que tal a acollida?
– Xoán Carlos Domínguez Alberte (XCDA): Como sempre que se xoga na casa, cos da casa, un gusto. Para este fin de semana viñeron ademais veciños de Málaga, de París. Nós non traemos á Panorama, a tradición é organizar unha comida na carballeira e pequenos actos culturais e literarios. Son un clásico en setembro. Por aquí pasaron Alonso Montero, Ramón Nicolás, os editores de Xerais e Galaxia…. Eu mesmo xa presentei outros libros antes.
– LR: Como definiría Nomes?
– XCDA: É un libro que fixen para reivindicar, dar vida e uso a nosa toponimia tradicional. Hai nomes propios e tamén universais do territorio galego, que están en Escudeiros pero tamén en outras aldeas galegas. A finalidade do libro, aínda que é para todo o mundo, é achegarlle a toponimia ao alumnado máis novo e urbano. Para que a coñezcan e a utilicen, porque forman parte da nosa identidade.
– LR: Está a toponímia na lista vermella?
– XCDA: Se non se bota man dela, claro que se perderá. Pasamos dunha sociedade agraria tradicional a unha no que o gandeiro está abandonado. Hoxe temos unha poboación maioritariamente urbana que non ten contacto co rural, e mesmo no rural, os meus alumnos que son da Baixa Limia, descoñecen moita da toponimia das súas aldeas. A miña proposta con este libro é transmitir eses nomes comúns que forman parte do noso ADN.
– LR: En que está traballando agora?
– XCDA: Pódovos adiantar dous proxectos. Por un lado estou traballando nunha escolma poética ao redor do patrimonio celanovés, non só do concello, senón da comarca. Somos dos máis fértiles e fecundos de occidente en materia poética. E, de cara ao mes de outubro, presentaremos un proxecto-libro na Casa dos Poetas con fotos e poemas que levará por nome Entrevistas. É unha dobre mirada sobre a realidade con imaxes de Juan Vila, un magnífico fotógrafo afeccionado e mestre na vila, e poemas meus.”