Desde Criticalia, de Armando Requeixo:
“A Historia da Literatura Universal está inzada de libros que non foron, volumes que se escribiron, pero que nunca viron luz por diversas causas, principalmente extravío ou destrución. Son os libros fantasma, xoias de autores que hoxe reverenciamos e dos que nos gustaría conservar todas e cada unha das palabras que escribiron, vencendo así o fatum que nos roubou esa parte da súa xenialidade. (…)
Tamén a literatura galega perdeu valiosa parte da súa escrita polos camiños da sombra. Poderían aducirse moitos exemplos, mais abondará con lembrar que a propia Rosalía mandou á súa filla que queimase os versos que escribira nos últimos anos e que non dera aínda a coñecer. Quen sabe se entre aqueles papeis non habería un outro Follas novas xa por sempre desaparecido.
Non por propia vontade senón por cruenta imposición acabaron por perderse varios dos libros que estaban a piques de se imprentar no prelo da mítica Nós en xullo do 36. Casal compuxera xa os orixinais, pero o asalto fascista ao local da Rúa do Vilar 15 e a destrución dos materiais que nel había fixo que nunca chegasen a ver luz obras como o libro de relatos Auga lizgaira de Ánxel Fole; o Diario dun médico de garda de Luís Pimentel; o primeiro volume dos Ensaios de Ramón Otero Pedrayo ou Os ruíns, un feixe de contos da autoría de Xosé María Álvarez Blázquez.”
Arquivos da etiqueta: Ramón Otero Pedrayo
Ars dedicandi: Ramón Piñeiro na RAG
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Van alá vinte e seis anos do pasamento de Ramón Piñeiro, un dos personaxes máis influentes da cultura galega do pasado século.
O pensador de Láncara ingresou na Real Academia Galega o 25 de novembro de 1967 co discurso A lingoaxe i as língoas, que Galaxia imprentou para ese día coa resposta ao mesmo de Domingo García-Sabell. Este último e mais Ricardo Carballo Calero e Xulio Rodríguez Yordi foron os que elevaron a proposta en xullo de 1963 co informe favorable de Antón Fraguas, Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo, proposta que foi aprobada por unanimidade o 29 de decembro daquel ano.
O ars dedicandi que reproduzo ―xentileza do amigo Xesús Torres Regueiro, quen o recuperou― é, en realidade, unha dedicatoria colectiva do discurso de ingreso piñeiriano asinada por este mesmo e por bastantes outros académicos e as súas mulleres xustamente na xornada da recepción en Tabernas.
A destinataria da dedicatoria é Luísa Crestar (Betanzos, 1908―A Coruña, 1988), autora do poemario Nas orelas do Mendo (1982), no que incluíu un bo mangado de composicións dedicadas a amigos, entre elas unha “A Ramón Piñeiro, que fai tempo dixo que teño no esprito a ledicia das Mariñas betanceiras”.
Poden lerse no ars dedicandi as sinaturas de Domingo García-Sabell, Sebastián Martínez Risco, Ricardo Carballo Calero, Francisco Vales Villamarín, Fermín Bouza-Brey, Xesús Ferro Couselo, Enrique Chao Espina, Antonio Meijide Pardo, Isidro Parga Pondal, Leandro Carré Alvarellos, Juan Naya Pérez, Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Elena Tormo López, María Josefa Bustamante e Isabel López. (…)”
O galeguismo agasalla a Camilo Nogueira en Trasalba
Desde Galaxia:
“Unha xornada emocionante. Amigos, compañeiros de andaina política, xente vencellada á cultura galega e ao galeguismo, mesmo de distintas xeracións, confluíron o domingo en Trasalba, na Casa Grande de Cimadevila, para homenaxear a Camilo Nogueira Román (Lavadores, Vigo, 1936), por toda una vida comprometida con Galicia e o galeguismo. O espírito de Otero Pedrayo e da Xeración Nós deixábase sentir no ambiente, coa idea de Europa en primeiro plano, idea tan querida por Camilo, igual que o foi no seu día por Castelao, Otero, Vicente Risco, Villar Ponte…
O escritor Suso de Toro encargouse da laudatio. Unha intervención documentada e sentida, entregada á personalidade da figura a homenaxear, á que no anos 80 dedicou un libro de conversas: Camilo e outras voces (Xerais). “O optimismo da vontade e da intelixencia. A Idea de Galicia sempre en positivo, sempre para avanzar, porque a vontade das persoas é fundamental para construir o futuro dos pobos”, en palabras de Suso de Toro.
Camilo agradeceu o Premio e fixo una chamada á ilusión, a unidade de esforzos para seguir construíndo o país, porque as ideas seguen vivas “e non debemos deixarnos levar por circunstancias que debemos analizar e superar. Galicia é hoxe moito máis forte que hai cincuenta ou sesenta anos, ten moitísima máis creatividade, dispón de moitos mais recursos. Só temos que sabelo organizar e activar”. A continuación, recibiu de mans do Presidente de Honra da Fundación Otero Pedrayo, Xesús Alonso Montero, a figura en bronce de Otero Pedrayo, realizada polo escultor Manuel Buciños,
Actuou no acto o grupo musical Tundal, e presentáronse dous novos títulos da Fundación: a primeira entrega das memorias de Otero Pedrayo, Lembranzas do meu vivir, que comentou o profesor Ramón Villares, autor do limiar; e a recuperación de Parladoiro, escolma xornalística de Otero que no seu día, en vida do autor, realizou o profesor Carlos Baliñas. O presidente da Fundación, Víctor F. Freixanes, fixo tamén referencia ao Premio de Ensaio Ramón Piñeiro, que este ano se concedeu ao libro de Alfonso Mato e Santiago Lamas, De camiños, viaxeiros e camiñantes, unha homenaxe á viaxe a pé que en 1927 realizaron a Santo André de Teixido Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey.”
Trasalba, Amoeiro: Festa Literaria do Premio Trasalba 2016, concedido a Camilo Nogueira
Ourense: Laura Tato e Carme Fernández Pérez-Sanjulián participan no ciclo de conferencias Abril oteriano
Marín: conferencia Ramón Otero Pedrayo en Marín
Contos que saben a Nadal e Reis
Artigo de Romina Bal en Praza:
“A nosa LIX está chea de referencias ao Nadal, a figuras tradicionais como o Apalpador, os Reis ou a un tempo que reservamos á familia, ás amizades, á recuperación dos valores que este tempo representa. Neste artigo queremos facer unha recompilación das lecturas específicas deste tempo. Para levalo a cabo falamos con moitas das nosas editoriais galegas e seleccionamos unha pequena mostra natalicia de recursos de Nadal.
Así pois, sobre a figura galega do Apalpador, un personaxe que cada Nadal está máis presente, podemos atopar en álbum ilustrado O rei da Floresta, de Adela Figueroa Panisse, con ilustracións de Mª Celsa Sánchez Vázquez editado por Edicións do Castro; O tesouro do Apalpador, de Jorge Rodrigues Gomesende con ilustracións de Eva Yusti Campo (autoeditado), Antón e o Apalpador, de Manuel Castro Lima e Mª Mar Ameixeiras Sánchez con ilustracións de Francisco Ameixeiras Sánchez editado por Barafunda Editorial; O conto do Apalpador, de Lúa Sende e Alexandre Miguens con ilustracións de Leandro Lamas e editado por A Fenda Editora e O Apalpador e a castaña máxica, de Xoán G. editado por Biblos Clube de Lectores. E para mozos xa máis grandes en Urco editora a serie xuvenil Apalpador Vs Papa Noel, As aventuras do Apalpador e o tesouro dos mouros, As aventuras do Apalpador e a carballeira dos druídas e As aventuras do Apalpador e as portas do tempo.
No que se refire a Nadal, ese tempo de valores, de tradición e de familia e tamén de sorrisos comprometidos a mesma editora propón Contos estraños volume 4. Nadal Impío, todo un alegato da condición do ser humano para lectores autónomos. En Edicións do Cumio podemos atopar a clásica novela de Charles Dickens, Canción de Nadal, adaptada e ilustrada por Rosa Fuentes e protagonizada polo avarento señor Scrooge e os xa célebres espíritos do Nadal Pasado, do Nadal Presente e do Nadal Futuro. Un cálido relato que nos convida a tomar en consideración as cousas que realmente teñen un gran valor na vida. A mesma obra de Dickens pero ilustrada por Roberto Innocenti e traducida por Carlos Acevedo podémola atopar en Kalandraka para nenas a partir dos dez anos, sen dúbida, desde unha coidada perspectiva. Sigue lendo
O que vén no 2016 (algunhas efemérides literarias e socio-culturais), por Ramón Nicolás
Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Quedan aínda algúns días para concluír o ano pero, nesta ocasión, adianto un chisco este apuntamento que, sen afán de exhaustividade, pretende achegarse ás liñas esenciais do que, se cadra, ha ocupar unha parte substancial da atención literaria ou socio-cultural ao longo do ano 2016. É evidente que salientará, en primeiro lugar, a figura de Manuel María, a quen se lle renderá homenaxe este vindeiro ano por mor da súa designación para o Día das Letras, converténdose por dereito propio nunha referencia ineludible, como tamén cumpriría que o fose a celebración tanto do centenario da creación das Irmandades da Fala na cidade da Coruña, sen esquecer a fundación do seu voceiro A Nosa Terra, como o asasinato de catro labregas e un labrego no lugar de Cans (Nebra, Porto do Son), que se negaron a pagar un imposto especial. Agardemos, pois, pasos adiante en todas estas conmemoracións.
Non debería ser menos, a meu entender, a atención que se lle debería prestar a un conxunto de voces do ámbito literario unidas por se celebrar o centenario do seu nacemento. Penso en Manuel Lueiro Rey, Miguel González Garcés, Xosé Velo, Raimundo García González “Borobó“, Lorenzo Varela e a xornalista e tradutora Amparo Alvajar; grupo ao que me permito unir o de Roald Dahl, moi presente no catálogo de diversas editoriais galegas.
No que se refire ao cincuenta aniversario hai un acontecemento sobre o que xa se traballa e que se cinguirá á relevancia do chamado “banquete de despedida” de Celso Emilio Ferreiro, celebrado no Hotel Roma de Ourense en maio de 1966, antes de que o celanovés collese camiño cara a Caracas: o acto, que foi unha das primeiras manifestacións públicas críticas co réxime franquista, ben merece ser lembrado. Por outro lado, tamén neste 2016 van cumprirse os cincuenta anos do falecemento do poeta Victoriano Taibo, do astrónomo Ramón María Aller, do sociólogo Victoriano G. Martí, do dramaturgo Xesús San Luís Romero e da escritora Herminia Fariña Cobián.
Por último, no que atinxe aos sesquicentenarios cómpre lembrar o que se corresponde ao nacemento do narrador ourensán Heraclio Pérez Placer e o do falecemento de Fontán, personaxe que recupera Marcos Calveiro para a súa recente novela homónima. No que di respecto de libros relevantes que se publicaron no 1966 é imprescindible citar O espello no serán, de Otero Pedrayo; o histórico Galicia hoy, de Ruedo Ibérico; o Elexías do Courel e outros poemas, logo reeditado baixo o título de Tempo de elexía (1991), de Uxío Novoneyra e, en América, os aínda hoxe imprescindibles volumes de Alberto Vilanova sobre os galegos na Arxentina e mais Decrúa, poemas de Gonzalo López Abente.
De certo que haberá máis conmemoracións e efemérides pero suxerir a celebración dalgunhas destas paréceme de xustiza.”
Taboleiro do libro galego XXXVII (outubro 2015), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Nova entrega do Taboleiro do libro galego que, nesta ocasión, se articula mercé á colaboración das seguintes once librarías: Libros para Soñar, Andel, Casa do Libro e Cartabón de Vigo; O Pontillón de Moaña, Miranda de Bueu, Biblos de Betanzos, Trama de Lugo, Sisargas e Suévia da Coruña, Pedreira de Compostela e, finalmente, Cronopios de Pontevedra, a quen lle damos a benvida.
NARRATIVA
1º-. Morena, perigosa e románica, de Pedro Feijoo, Xerais.
2º-. A praia dos afogados, de Domingo Villar, Galaxia.
3º-. Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, Xerais.
4º-. Xeixos, de Suso Lista, Embora.
5º-. Interferencias, de Manuel Seixas, Xerais.
6º-. De remate, de Héctor Cajaraville, Xerais.
7º-. Por que as sombras non teñen ollos, de Luís Manuel García Mañá, Xerais.
8º-. Ostrácia, de Teresa Moure, Através.
9º-. seique, de Susana Sánchez Arins, Através.
10º-. A morte en Venecia, de Thomas Mann (tradución de Laureano Xoaquín Araújo Cardalda), Rinoceronte.
POESÍA
1º–. Celebración, de Gonzalo Hermo, Apiario.
2º-. A boca da terra, de Manuel Rivas, Xerais.
3º-. Bazar de traidores, de Elías Portela, PEN Club.
4º-. Unha viaxe de ruminantes, de Baia Fernández de la Torre, autoedición.
5º-. Dez anos na Porta, A porta verde do sétimo andar.
ENSAIO-TEATRO
1º-. As mulleres do monte, de José Antonio Gurriarán, Galaxia.
2º-. Un cesto de mazás, de Montse Fajardo, autoedición.
3º-. A utilidade do inútil, de Nuccio Ordine, tradución de Carlos Acevedo, Faktoría K.
4º-. Indecencias e corruptelas, de Manuel Monge, Corsárias.
5º-. Lembranzas do meu vivir II, de Ramón Otero Pedrayo, Galaxia.
6º-. Poesía hexágono, Apiario.
XUVENIL
1º-. Como unha áncora, de Iria Collazo, Galaxia.
2º-. Dragal IV, de Elena Gallego, Xerais.
3º-. Non hai luz sen escuridade, de Andrea Barreira, Urco.
4º-. O álbum de Garrincha, de Beatriz Maceda, Galaxia.
5º-. Madonna e outros contos de inverno, de Manuel Rivas, Xerais.
6º-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
7º-. Ons, de Carlos Meixide, autoedición.
8º-. Bicha, de Eli Ríos, Deputación de Ourense.
INFANTIL
1º-. Escarlatina, a cociñeira defunta, Ledicia Costas – Víctor Ribas, Xerais.
2º-. O valente coello que quixo soñar, de Miguel Ángel Alonso Diz – Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
3º-. O meu pesadelo favorito, de María Solar, Galaxia.
4º-. Once damas atrevidas, de Oli e H. Thomassen, Kalandraka.
5º-. O monstro de cores, de Anna Llenas, Flamboyant.
LIBROS CD-DVD
1º-. Alegría!, Sérgio Tannus – Luís Barbolla (ilustracións), Galaxia.
2º-. Un conto ao revés, Chuches Amil, Galaxia.
3º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Galaxia.
4º-. Unha viaxe polo mundo, de As Maimiñas, Galaxia.
5º-. Traca-Traco, de Paco Rivas e Alfonso Otero Regal, Edicións do Cumio.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero V, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. O papiro do César, de René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, (trad. de Xavier Senín e Isabel Soto), Xerais.
3º-. Marcopola 2, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.
A Coruña: actividades literarias destacadas do sábado 1 e domingo 2
O sábado 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o 1 e 2 de agosto:
Sábado 1
– 12:30 h. Inauguración da Feira. Pregón a cargo de Mercedes Queixas Zas.
– 19:45 h. Alfonso Vázquez Monxardín, Patricia Arias Chachero e outros autores presentan Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía, publicada pola Fundación Otero Pedrayo. Participa Víctor F. Freixanes.
– 20:30 h. Presentación de O viaxeiro radical, de Xerardo Quintiá, publicado en Galaxia. Participan, xunto ao autor, Olivia Rodríguez González e Carlos Lema.
Domingo 2
– 18:00 h. Contacontos a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz, organizado por Nova Galicia Edicións.
– 19:00 h. Presentación de A Normalização Linguística. Uma Ilusão Necessária, de Mário Herrero, publicado por Através. Participa no acto Afonso Mendes.
– 19:30 h. Elena Gallego Abad asina exemplares de Dragal e Sete Caveiras na caseta da Secretaría.
– 19:45 h. Manuel Blanco Desar presenta Galicia: Un pobo con futuro? O noso devalo demográfico, publicado por Xerais. No acto estará acompañado por Justo Beramendi.
– 20:00 h. Presentación do libro-disco Sira e o robot. Adventures on Titan, de Mark Wiersma e Miguel Mosqueira, e ilustrado por Iván Sende, publicado por Xerais. Actividade musical na carpa infantil.
– 20:30 h. Presentación de Agosto de memoria e morte, de Xoaquín Fernández Leiceaga, publicado en Xerais, coa participación Lourenzo Fernández Prieto.
– 21:15 h. Presentación de Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, publicado en Xerais. No acto terá lugar unha conversa do autor con Manuel Bragado.