Bernardo Máiz: “A dirección actual da RAG entendeu que Carvalho Calero é un xigante intelectual e que non podía ser mantido no ostracismo”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Bernardo Máiz en Praza:
“(…) – Praza (P): Falas dun “período espiñento”, eses anos nos que [Ricardo Carvalho Calero] volve a Ferrol, sufrindo a represión polas súas ideas e non podendo dar clase. Como foi ese tempo e esa represión?
– Bernardo Máiz (BM): El era un home da esquerda do Partido Galeguista e loita para que o PG se integre na Fronte Popular. A sublevación franquista sorpréndeo en Madrid, facendo o exame de oposición á Cátedra e alí incorpórase como miliciano ao batallón de UGT, despois intégrase nunha unidade de profesionais do ensino e finalmente nas milicias populares mandadas por Enrique Líster. Ao remate da guerra cólleno prisioneiro en Andalucía, pero a pesar do que se escribiu sobre o tema, nunca pediron para el pena de morte, caéndolle ao final 12 anos de cadea.
En 1941 outórganlle unha liberdade condicional que se converteu en permanente. Como non tiña certificado de boa conduta, non podía solicitar praza en ningún centro de ensino, e como non lle permitían colexiarse tampouco podía dar clases de forma privada. Foron anos duros para el, mesmo recibía ameazas pola rúa en Ferrol. Hai un poema, no que di ”como puidemos viver e mais vivemos”, no que retrata a represión franquista do momento. Grazas a que a súa muller daba clases, entre os dous foron capeando o temporal. As cousas melloran para el grazas á súa incorporación ao colexio Fingoi, en Lugo, no que aínda que actuaba como director, aparecía como conselleiro delegado, porque non podía exercer.
– P: A partir dese momento as cousas melloran moito para el, non si?
– BM: Os anos en Lugo son moi bos e a súa vida cambia definitivamente cando marcha de Lugo para Santiago, grazas a que lle cancelaron os seus antecedentes políticos. El nunca quixo pedir a cancelación, a pesar da insistencia de persoas como Filgueira Valverde, que lle dicían que só con que o pedise o réxime llos cancelaría. Porén, el negábase, porque dicía que el non fixera nada mal. Cando por fin llos cancelan, pode por fin presentarse a unha praza de profesor de instituto, á vez que o decano da Facultade de Filosofía e Letras lle ofrece a posibilidade de ser catedrático de Lingua e Literatura galega, unha praza que ían crear.
– P: Neses anos aínda asinaba como ‘Carballo’ e aínda non defendía un achegamento da norma do galego á norma portuguesa. Cando se produce ese cambio?
– BM: Si, Don Ricardo era o único titulado para elaborar unhas normas para o galego. E elabóraas no ano 1971 para a Real Academia Galega, unhas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego que son reeditadas en 1977. Porén, contra 1973 prodúcese un conflito con Manuel Rodrigues Lapa, que publicara un artigo en Portugal defendendo que o galego debía achegarse na súa norma culta ao portugués. Houbo unha resposta moi dura de Ramón Piñeiro en Grial. Piñeiro quería que Carvalho a asinase, pero Carvalho negouse. Este episodio levouno a interesarse máis polo asunto e iniciou un achegamento a esas posicións.
Xa en 1975 Carvalho publica un artigo en La Voz de Galicia defendendo que non hai que innovar sen tradición, que hai que ir ás raíces históricas e que o portugués é fillo do galego. A partir de aí Carvalho comeza a publicar en editoriais que non son Galaxia. En resposta comezan a utilizar o Instituto da Lingua Galega contra el, e pouco a pouco vese sometido a unha marxinación por parte de determinados sectores.
A partir de 1981 comeza a asinar como ‘Carvalho’ e pouco a pouco vaise distanciando máis dos organismos oficiais. De feito, cando lle propoñen entrar no CCG non quere. Nunca quixo cargos, pero na súa contra dixéronse moitas miserias, como que estaba anoxado por non ter sido escollido para presidir a RAG.
– P: Na túa opinión, cal é a razón de que ata agora a Real Academia Galega non accedera a dedicarlle o Día das Letras Galegas?
– BM: Foi rexeitado durante anos por defender que Galicia forma parte do sistema lingüístico galego-portugués e tamén por afirmar cousas como que “a autonomía mantén todo o aparato do estado unitario, mentres que a autodeterminación prantexa o problema dende o propio país galego, unha forma de organización de Galiza que pode chegar desde a separazón total do País con relazón aos circundantes ate a Federazón ou Confederazón”, como dixo en 1989.
Foi expulsado do trato respectuoso que merecía. Con retranca el mesmo afirmou en 1986 que “certas elites entenden que nen como estudoso nen como pensador sobre os problemas culturais da nosa terra atinxo a altura que eles sinalan”. (…)”

Ferrol: presentación de O Carballo que fun en Ferrol. Aproximación a Ricardo Carvalho Calero

Henrique Rabuñal: “Carvalho Calero é un espello de como se configurou o actual galego culto”

Entrevista a Henrique Rabuñal en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Cal é a estrutura do libro [Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra]?
– Henrique Rabuñal (HR): Hai una serie de narradores que van contando en primeira persoa a vida de Carvalho Calero e a súa produción literaria e científica en base á súa relación con el. Son, ben personaxes históricos que o coñeceron ou ben ficticios e creados por min. Por exemplo, Castelao narra a época na que coincidiu con Carvalho, no Madrid dos momentos previos á Guerra Civil, e creei unha xornalista que comenta a pegada do autor desde que morreu ata os nosos días. Inspireime dalgunha maneira na novela Scórpio, escrita por Carvalho Calero, onde hai un grupo de narradores que contan a vida do protagonista. Protagonista que ten moito que ver coa figura do propio Carvalho.
– LO: Como se documentou?
– HR: Fixen un labor de documentación do periplo biográfico do protagonista, moi intenso e variado, e da súa produción escrita, absolutamente enciclopédica e vasta en todos os campos. Na creación, tocou a poesía, narrativa e teatro. Tamén traballou a lingüística e na sociolingüística. O labor fíxose co máximo rigor e extensión nunha obra que ten que ser necesariamente breve. Unha gran biografía daría para centos de páxinas. (…)
– LO: Carvalho Calero foi tanto autor de novela, teatro e poesía como ensaísta sobre literatura e filólogo. Defíneo máis a súa vertente creativa ou académica?
– HR: Creo que as dúas son importantes, e diría que complementarias. Cando se dedicou de xeito moi intenso ao traballo académico tivo que descoidar un pouco o labor de creación, pero está desde que practicamente era un neno ate os últimos anos da súa vida.
– LO: Carvalho Calero é unha figura moi relacionada coa vertente reintegracionista do galego.
– HR: De Carvalho Calero hai que entender que ao longo de toda a súa vida sempre tivo unha inquietude e compromiso co galego. O seu propio galego escrito é un espello de como se foi configurando un galego culto no que estamos instalados. A partir dunha determinada época acentúa a visión de que o idioma debe coordinarse e reintegrarse no que consideraba un espazo lingüístico común galego-portugués. Pero esta aposta sempre a quixo verificar desde o consenso, o diálogo e a participación. Todas as funcións que desenvolveu na vida pública foron un servizo e compromiso permanente co noso país e a súa lingua e cultura.”