Arquivos da etiqueta: Rocío Blanco Formoso
Vilalba: recital poético solidario internacional Verso, ¿que traes? Esperanza
O vindeiro venres 16 de decembro ás 19:30 horas, no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, agardamos por vós na celebración do III Recital Poético Solidario Internacional, baixo o lema “Verso, ¿que traes? Esperanza”.
Todo o recadado no evento irá destinado á Campaña de Xoguetes da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella en Vilalba, cuxa iniciativa se chama “Os seus dereitos en xogo”. Con esta causa solidaria pretendemos levar xoguetes a máis dun cento de nenos e nenas da comarca da Terra Chá de entre 0 e 12 anos.
A venda de entradas realízase na Casa da Cultura de Vilalba e no Centro Cultural e Recreativo. Prezo: 3€.
Despois do recital farase un sorteo de libros cedidos e asinados polos autores que van recitar entre os asistentes ó acto.
Cee: actividades literarias destacadas na Feira do Libro do venres 12
O venres 12 de agosto continúa a Feira do Libro de Cee (na Praza da Constitución), organizada polo Concello de Cee, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
Os actos terán lugar no Museo Fernando Blanco:
– 12:30 h. Presentación de 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, coordinado por Suso Díaz e Helena Villar Janeiro, publicado por Biblos. Xunto aos coordinadores, participan Xesús Rábade Paredes, Modesto Fraga, Rocío Blanco, Alexandre Nerium e Viki Rivadulla.
– 20:00 Presentación de O anxo negro, de Manuel Gago, publicado por Xerais. No acto estará acompañado por Salvador Mosteyrín.
– 20:45 h. Rocío Leira presenta Obituario, editado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Presenta Suso Bahamonde.
Fisterra: recital poético e musical en homenaxe á Vaca de Fisterra
O Concello de Fisterra, en colaboración cos escritores Modesto Fraga, Xosé Iglesias e Francisco X. Fernández Naval, convoca para o día 19, sábado, ás 17:00 horas, unha marcha poética e musical que partindo da lonxa de Fisterra camiñará ata o faro.
O motivo desta marcha festiva é reivindicar o son do Nautófono, coñecido en toda a bisbarra como A Vaca de Fisterra, así como o mantenemento e conservación da maquinaria deste sinal marítimo sonoro. Ao longo dos anos, os navegantes do mundo e os habitantes da comarca, interiorizaron ese son poñéndolle un nome: a Vaca de Fisterra, por ser o seu berro un bramar semellante ao dunha vaca. O son pasou a formar parte da vida cotián da xente, integrouse nas conversas, fíxose música e os poetas tomárona ou tomáronas, que dúas era as vacas, como referencia nalgunhas das súas composicións.
A reivindicación parte da convicción de que a Vaca é patrimonio inmaterial de todos os habitantes do litoral, ao norte e ao sur de Fisterra, así como do interior, que durante máis de cen anos sentiron o seu bruar nos días e noites de borraxeira, pero tamén, convencidos de que altofalantes e mecanismo que os fai soar, o Nautófono, é patrimonio material, por tratarse dun sinal marítimo do que quedan escasas mostras en funcionamento no territorio peninsular.
Ás 17:00 horas, diante da lonxa de Fisterra, lerase o texto da convocatoria, dando paso a un primeiro recital poético. Ao remate, iniciarase a marcha, precedidos os participantes polo son da gaita e do acordeón de Moncho do Orzán, con dúas paradas para ler textos de adhesión, unha primeira no campo da igrexa de Santa María das Areas, e outra xa na estrada, xunto a escultura do peregrino. Durante o traxecto faranse soar as buguinas.
No faro lerase o texto que contén a reivindicación e que será enviado aos responsables da Actividade Portuaria da Provincia da Coruña, organismo a quen corresponde o funcionamento e conservación do faro. A continuación, e como peche, desenvolverase outro recital.
Exercerá como mantedor o actor César Cambeiro.
Amais dos citados, confirmaron a súa participación: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de escritoras e escritores en lingua galega (AELG); Juan Alberte, Iolanda Aldrei, Marilar Aleixandre, Concha Blanco, Rocío Blanco Formoso, Fernando Cabeza Quiles, Anxo Cousillas, José Estévez, María José Fernández, Francisco X. Fernández Naval, Modesto Fraga, Mónica Góñez, Serxio Iglesias, Xosé Iglesias, Alex López, Miguel Mato Fondo, Alexandre Nerium, Olga Patiño, Fernando Patricio, Marité Prieto, Xesús Rábade Paredes, X. H. Rivadulla Corcón, Pilar Silva, Francisco Souto, Nolo Suárez, Roberto Traba Velay, Suso Bahamonde, Miguel Vázquez Freire e Helena Villar.”