A cuarta feira 20 de maio, ás 20:00 horas, na Ciranda (Rúa Travesa, 7, baixo), en Santiago de Compostela, preséntase Uma Mãe tão Punk, de Teresa Moure, publicada por Chiado Editora. No acto participan, xunto á autora, Eva Xanín, Rosa Enríquez, Ígor Lugris e Xurxo Nóvoa Martins.
Arquivos da etiqueta: Rosa Enríquez
Rosa Enríquez: “O amor implica respecto, consideración, procura do entendemento. Non é adoración. É diálogo entre iguais. Iso é a política”
Entrevista de Montse Dopico a Rosa Enríquez en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): O libro [Espectros] está percorrido por espectros que poderían ser, se cadra, as pantasmas persoais das que cadaquén non consegue liberarse… Que son, para ti, esas pantasmas?
– Rosa Enríquez (RE): Hai un microrrelato de Juan José Arriola que sintetiza moi ben isto. “La mujer que amo se ha convertido en fantasma, yo soy el lugar de sus apariciones”. Os espectros constitúen a topoloxía do “irreal”, suceden nun espazo de intersección onde o tempo se dilata: na conciencia. Esta conciencia somos nós, así é que a espectralidade é unha creación que xorde na boca da ferida. Non podemos eliminar das nosas vidas esa ferida. Nin sequera as cicatrices, porque as cicatrices son feridas que dormen, que poderían abrirse en calquera intre. Tendo conta disto, da imposibilidade de acabar cos espectros, o desexábel sería aprender a convivir con eles -ou elas-, porque no propio desexo de os eliminar, vai implícita a creación dunha nova xenealoxía espectral, en relación a este desexo homicida. (…)
– MD: O libro divídese en varias partes, sendo a última delas o conxuro para escorrentar as pantasmas…
– RE: Hai un xogo coa estrutura, si. O libro en si, o conxuro, o fin do libro… Porque en todo momento se amosa a consciencia da imposibilidade de estar fóra do texto, un texto que non ten a vontade de ser un logos e estabelecer unha relación vertical coa impureza da contradición, poño por caso. Aquí non hai verdade absoluta, hai visións do que consideramos “real”. Teñen presencia pois as contradicións, as preguntas con resposta e sen ela, as dúbidas… Todo isto, ás dúbidas, as contradicións, esa idea tradicional do que é un libro de poemas, de como pode ser estruturado, xunto coas visións do “real” e mais do “irreal”, a confusión e tamén o desexo -talvez naïf, non o o sei…- de emancipación están diseminadas ao longo do libro, de xeito absolutamente horizontal. (…)
– MD: Se cadra ese é o tema principal do libro: a necesidade de repensar os afectos.
– RE: Si. Buscar o diálogo, o entendemento, cunha mirada amable e tender unha man aberta, sería ben máis construtivo para nós que o receo e a desconfianza. (…)”
Ourense: presentación de Espectros, de Rosa Enríquez
Taboleiro do libro galego XXXI (febreiro 2015), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Nova entrega do “Taboleiro do libro galego” que incorpora aqueles libros galegos máis vendidos ao longo do mes de febreiro. Grazas, nesta ocasión, a un total de trece librarías galegas colaboradoras neste proxecto como son: Trama, Casa do Libro de Vigo, Suévia, Miranda, Biblos, Andel, Cartabón, Libros para soñar, Couceiro, Pedreira, Aira das Letras, Librouro e Lila de Lilith.
NARRATIVA
1º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
2º-. Amor en alpargatas, de Manuel Portas, Xerais.
3º-. Cuarto minguante, de Bautista Álvarez, Xerais.
4º-. A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, Galaxia.
5º-. Dende o conflito, de María Reimóndez, Xerais.
6º-. Ofrenda á tormenta, de Dolores Redondo, Xerais.
7º-. O ocaso da familia Portela, de Noa Pérez González, Barbantesa.
8º-. A diagonal dos tolos, de Santiago Lopo, Galaxia.
POESÍA
1º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
2º-. oso, mamá, si?, de María Lado, Xerais.
3º-. Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados, do Colectivo Ronseltz, Edicións Positivas.
4º-. Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
5º-. Celebración, de Gonzalo Hermo, Apiario.
6º-. Os inocentes, de María do Cebreiro, Galaxia.
7º-. Espectros, de Rosa Enríquez, O Figurante.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Galiza, um povo sentimental?, de Helena Miguélez-Carballeira, Através Editora, e O Miño. Un caudal de historia, de Anselmo López Carreira, Xerais.
2º-. A cidade dos nenos, de Francesco Tonucci, Kalandraka (tradución de Mónica Baleirón, Sonia Santos e Rut Vázquez).
3º-. História literária e conflito cultural, de Isaac Lourido, Laiovento.
4º-. Galicia encantada, de Antonio Reigosa, Xerais.
5º-. Galleira Passport, de Luís Menéndez, Alvarellos.
XUVENIL
1º-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
2º-. Recinto gris, de Ledicia Costas, Xerais.
3º-. Feitizo de sangue, de Sabela González, Galaxia.
4º-. Reo, de Xesús Fraga, Galaxia.
5º-. Os Megatoxos e o dragón de xade, de Anxo Fariña, Xerais.
6º-. O mundo secreto de Basilius Hoffman. A batalla por Avalon, de Fernando M. Cimadevila, Urco.
INFANTIL
1º-. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas e ilustracións de Víctor Ribas, Xerais.
2º-. A avoa adormecida, de Roberto Parmeggiani (ilustracións de João Vaz de Carvalho, tradución de Xosé Ballesteros), Kalandraka.
3º-. Augusta e os seus medos, de Sabela Fernández Trelles (ilustracións de Alicia Suárez Otero), Xerais.
LIBROS CD-DVD
1º-. Non hai berce coma o colo, de Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Kalandraka.
2º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras e ilustracións de David Pintor, Kalandraka.
3º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
4º-. Gatuxo, de Magín Blanco, Fol Música.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.
3º-. Mar interior, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
OUTROS
1º-. Luzes, nº 14, xaneiro, 2015.
2º-. ELO, de Rosalía Fernández Rial e Serxio Moreira, Edicións Positivas.
3º-. Cociñando con Benigno Campos, Galaxia.
Vigo: presentación de Espectros, de Rosa Enríquez
O sábado 28 de febreiro, ás 20:30 horas, na A. C. Bou Eva (Rúa Tercio de Fóra) de Vigo, Rosa Enríquez presenta o seu novo libro de poemas, Espectros, publicado pola editora O Figurante. No acto, xunto á autora, participan Elvira Riveiro, Rexina Vega e Neves Soutelo.
Compostela: presentación de Espectros, de Rosa Enríquez
O mércores 4 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, Rosa Enríquez presenta o seu novo libro de poemas, Espectros, publicado pola editora O Figurante. No acto, xunto á autora, participan María do Cebreiro e Ismael Ramos.
Entrevista a Rosa Enríquez sobre Espectros
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Entrevista a Rosa Enríquez sobre o seu novo libro de poemas, Espectros, publicado por O Figurante Edicións. Pódese escoitar completa aquí.
Entrevista a Rosa Enríquez na revista Palavra Comum
Entrevista a Rosa Enríquez en Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, artes plásticas, fotografia, etc.)? Como é a tua experiência nestes âmbitos?
– Rosa Enríquez (RE): Traballar con artistas -músicos, fotógrafas, pintores, actrices e cineastas- é ben interesante e arriquecedor. Non teño moita experiencia nisto, pero si que me gustaría, por exemplo, escoitar un poema meu cantado. Pregúntome moitas veces como soaría. Ogallá teña a oportunidade de vivir esta experiencia algunha vez. Até o de agora, só colaborei cos fotógrafos Carlos Silva e Vítor Nieves. Este último fixo a portada de Unicrom e foi parte esencial da performance Palabra en movemento, baseada no poemario Vestíbulo da devastación. Nesta performance participou tamén a fotógrafa Andrea Costas. E xa, recentemente, colaborou comigo Charo López, que vén de facer a portada de Espectros. Antes diso, fíxoo a ilustradora Ana Cibeira, autora da portada de Desobediencia, e o pintor Leandro Lamas, autor da do Atlas de Chaguán. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– RE: Creo que é fundamental facer visíbel a creación do gusto que se xera nas novas xeracións a partir dun canon absolutamente patriarcal. Neste sentido, creo eu, cómpre non só recoñecer de cara á galería o traballo de tantas mulleres que escriben, pintan, fan cine, música ou se dedican á fotografía, mais poñer isto en práctica dunha vez, de xeito que a análise inherente aos seus traballos figure no plan de estudos. Querería eu ver, nalgún manual de literatura, por exemplo, non só unha visión non condescendente do que escriben as mulleres, mais unha análise explícita das causas que provocaron o silenciamento da súa obra durante anos. Que o alumnado galego saiba por que Virginia Woolf tardou tanto tempo en entrar no canon, malia o excelso do seu traballo, ou até que punto se instrumentalizou a figura de Rosalía, presentada como unha “santiña”, obviando o seu discurso político. Paréceme moi importante que comprendan non unicamente que ten poemas “heavies”, mais as razóns polas que este aspecto da súa escrita foi obviado e en que medida este feito foi penoso. E tendencioso tamén. A día de hoxe, a concienciación de moitos homes, ao respecto da igualdade, é só aparente. Por iso, o que se observa, nidiamente, é un desexo de “quedar ben”, para ofrecer unha imaxe amábel. De non ser isto así, as institucións non estarían ateigadas de homes e o seu gusto non impregnaría o sistema literario. En efecto, creo que todas/os entramos un pouco nese xogo do poder cultural, porque non sabemos/non queremos mudar o foco. Sempre ollamos o traballo que se publica nas grandes editoras. É curioso isto, a verdade. Pensa, por exemplo, no cinema. Non percibes unha inquietude grande, entre a cinefilia, por ver esas pelis independentes, feitas cun orzamento cativo, que propoñen outro xeito de mirar distinto, menos edulcorado que o da industria? Eu si que o percibo. Claramente ademais. E non só noto esta curiosidade, mais tamén que o feito de tela é motivo de orgullo. Na literatura galega non sucede isto. Cantas persoas leron, por poñer un caso, A perspectiva desde a porta, de Patricia Janeiro? Aparte das amigas e amigos da escritora, amais dalgunha persoa “solta”, creo que pouco máis. Teño unha sensación forte de que neste país, a pouca xente que le en galego, le, fundamentalmente, o que se lle coloca diante dos ollos ou aquilo que escriben as amizades. Así é que algunhas críticas que se escoitan sobre o funcionamento do sistema literario parécenme, sinceramente, feitas coa boca pequena. (…)”
Compostela: Levantémonos! Verbas feministas. Recital poético
O xoves 12 de xuño, ás 20:30 horas, na Zona C (Rúa San Domingos de Bonaval, 1) de Santiago de Compostela, terá lugar o recital poético Levantémonos! Verbas feministas, no marco da exposición Levons-Nous! O himno das mulleres. As poetas convidadas son Xiana Arias, Marta Dacosta, Rosa Enríquez, Lucía Novas e Susana Sánchez Arins.