Laura Cid Rascado gaña o III Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi

Desde Cultura Galega:
“Laura Cid Rascado (Vigo, 1999), graduada da Facultade de Belas Artes de Pontevedra en 2022, resultou a gañadora da IIIª edición do Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi, convocado polo Concello da Estrada en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e a editorial Galaxia. De entre a vintena de traballos presentados, a obra titulada Maruchi e o gancho convenceu por maioría ao xurado, formado por Tamara Andrés, poeta, Armando Requeixo, crítico literario, Óscar Villán, ilustrador, Carlos Loureiro, exercendo de secretario, e Sara Valcárcel, responsable de Comunicación e Novos Proxectos de Editorial Galaxia.
Segundo se comunicou onte coa lectura do ditame na casa de Xuntas do Concello da Estrada, o xurado quixo destacar neste álbum ilustrado que “é unha historia que se entretece perfectamente a través de texto e imaxe, tecida con ritmo, claridade e ollada poética. Presenta un nó que a protagonista ten que desenredar o cal se vai enfiando de xeito equilibrado, tenro, humorístico, perspicaz. Trátase, ademais, dun álbum ilustrado perfectamente apto para todos os públicos”. A gañadora recibirá un premio en metálico de 4.000 euros.”

Allariz: Risco Fest 2023

Vídeo do Centenario de Luz Pozo Garza na Cátedra Valente

Compostela: Festival Alguén que respira 2023

Lugo: Festival de Poesía das Lupercais 2023

Vilalba: presentación de Irmás. Oito diálogos contra a desmemoria

O sábado 4 de marzo, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, preséntase o libro Irmás. Oito diálogos contra a desmemoria, editada por Alvarellos Editora, coa axuda económica do Concello de Vilalba, onde oito autoras actuais renden homenaxe ás mulleres silenciadas das Irmandades da Fala (1916-1936). As autoras participantes son: Eilún Del Pazo Moa, Beatriz Dourado, Cecilia Fernández Santomé, Míriam Ferradáns, Rochi Nóvoa Vázquez, Patricia Torrado Queiruga, Lupe Bao Reixa e Tamara Andrés. As Irmás reinvidicadas son: Amalia Álvarez, Olimpia Valencia, María Luz Morales, María Miramontes, Elvira Bao, Jacinta Landa, Amparo López Jean e Teruca Bouza. Esta obra nace a partir do «Proxecto Irmás», impulsado por Culturalia GZ e coordinado por Beatriz Dourado. A capa é obra de Adolfina Mesa.

Compostela: Centenario de Luz Pozo Garza, poeta cantora de Valente

Gisela Mato Rivera obtén a XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

“Gisela Mato Rivera, nada na emigración en Xenebra en 1978, obtivo a XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene.
O xurado escolleu o libro de Mato, titulado Fraxilidades, de entre 74 obras presentadas a concurso este ano.
Trátase da XXXV edición deste Premio, creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio. (…)
O xurado deste ano estivo composto por: Tamara Andrés, Oriana Méndez e Sara Plaza.”