O sector do libro galego urxe á Xunta de Galicia concretar as axudas fronte á crise do Covid-19

A Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia instan á Xunta de Galicia a concretar as medidas para o sector do libro galego solicitadas na carta-documento enviada o pasado 27 de marzo ao conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez e trasladadas de novo nunha xuntanza mantida o 6 de abril, convocada polo propio conselleiro, logo de recibir o documento. Na reunión por videoconferencia co conselleiro participaron, ademais das presidencias das tres entidades e doutras asociacións, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo.

As medidas trasladadas polas tres asociacións do libro galego concretábanse, principalmente, na posta en marcha dun bono libro familiar, o apoio á edición cunha convocatoria específica de axudas, campañas de fomento da lectura, incremento do 50% na dotación para compra de bibliotecas, un plan de choque para despois do estado de alarma para as librarías, e a redistribución do orzamento destinado ao Xacobeo 2021 coa finalidade de destinar máis recursos á edición, á actividade das/dos escritoras/es e ás librarías, entre outras medidas.

Na xuntanza mantida o pasado día 6 de abril co conselleiro Román Rodríguez as entidades tamén incidiron nas especiais dificultades polas que pasan as pequenas editoriais e as librarías que funcionan baixo o réxime de autónomos e na situación editorial do libro educativo así como as entidades e asociacións vinculadas ao sistema literario, incluídas as escritoras e escritores.

AGE, FLG e AELG urxen pois ao Goberno galego a marcar xa un orzamento e un calendario de execución das axudas, como xa se está a facer noutros lugares, para tentar paliar esta situación de emerxencia.

Ferrol: presentación de O Carballo que fun en Ferrol. Aproximación a Ricardo Carvalho Calero

“Adeus ao Ano Fraguas”

Desde Sermos Galiza:
“Antón Fraguas Fraguas (1905-1999) representa a figura do humanista, da persoa entregada ao estudo, poliédrica, sempre arraigada ao rural, ao seu lugar de orixe, ao popular, ao tradicional. Cunha activa e dilatada existencia, Antón Fraguas licenciouse en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, foi docente, investigador e colaborou en xornais, revistas e publicacións de diversa índole con múltiples artigos sobre xeografía, historia, antropoloxía, etnografía ou paleografía. Durante boa parte da súa vida exerceu de director e presidente do Museo do Pobo Galego. Non por acaso, ese espazo que acabaría por ser “a casa de Antón Fraguas”, o Museo do Pobo Galego, foi o lugar escollido para despedir o Ano Fraguas cun acto de clausura arroupado por Xusto Beramendi, presidente da Fundación A. Fraguas e do Padroado do Museo do Pobo Galego, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, Mercedes Rosón, primeira tenente alcalde do Concello de Santiago de Compostela; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega e Jorge Cubelo, alcalde de Cerdedo-Cotobade, lugar natal de Fraguas.
Durante o acto institucional, o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, “a casa de Antón Fraguas”, Xusto Beramendi, foi a persoa encargada de abrir o acto institucional e de lembrar o amigo e antigo presidente e director do Museo. Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, destacou de Antón Fraguas a súa continuada “preocupación” polas raíces populares da cultura e a lingua galegas durante a súa intervención no acto. Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou que a figura de Fraguas “inundou” colexios e outros puntos da xeografía galega e internacional, como Brasil, Arxentina ou Rusia.
O ramo á homenaxe púxollo o dúo Oradaladou, formado por Sonsoles Penadique (acordeón diatónico e voz) e Carlos Quintá (violín e voz). Oradaladou iniciaron un proxecto para poñerlle música ao Cancionero de Cotobade, unha compilación das cantigas populares recollidas por Antón Fraguas na súa terra natal. No acto interpretaron un repertorio de trece pezas do seu disco Cantigueiro de Cotobade. (…)”

Obras gañadoras do XXXIII Premio Rosalía de Castro, en Cornellà

“O sábado 7 de decembro celebrouse o acto de concesión dos premios do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà (Barcelona) que este ano acadou a súa XXXIII edición, e no que se lle concedeu o primeiro premio a Francisco Javier Fernández Davila polo seu poema Poemas de aeroporto.
Un día que comezaba cheo de cultura, literatura e poesía galegas, coa presentación nos locais da Asociación do libro O paxaro de nácara, da escritora galega residente en Barcelona, Pura Salceda, publicado por Galaxia, acompañada polo escritor e crítico literario Armando Requeixo, editado por Galaxia.
Ao acto asistiron, ademais, os compoñentes do Xurado do Certame de Poesía, así como numerosos socios da Entidade; o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, e concelleiro de Cultura do Concello de Cornellà, Ot García en representación da Alcaldía.
Pola tarde, o acto de concesión dos premios, foi precedido da presentación doutra publicación: o Libro Recompilatorio do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro desde 1997 ata 2018 inclusive, editado coa colaboración da Xunta de Galicia. O evento tivo lugar na sede da Asociación, e a súa presentación correu a cargo de Valentín García, Oliver Fernández, Presidente da A. C. G. Rosalía de Castro, Anxo Angueira, Armando Requeixo, Miriam Ferradáns e Xulio Cougil. A ilustración da portada débese ao artista de Padrón, Masito Beiró.
O libro, como indica o mesmo título, trata da Recopilación dos tres poemas premiados de cada ano deste Certame de Poesía dende 1997 ata o 2018. 63 poemas dos principais autores contemporáneos da poesía galega que foron premiados neste Certame e no que atopamos nomes como: Marcelino Sixto Deibe, Antón Riveiro Coello, Modesto Fraga, Rexina Vega, Baldo Ramos, Ana Vázquez Estévez, Emma Pedreira, Lito Caramés, Alberte Momán, Yolanda López, Alba Cid, Israel Martínez Veiga, Cruz Martínez Vilas, Amauta Castro, Miriam Ferradans, Cristina Ferreiro, Arancha Nogueira, Manuel Dopico, Isaac Xubín, Gonzalo Hermo, entre out@s.
As diferentes actividades contaron coa asistencia de numeroso público, así como a presencia do Concelleiro de Cultura de Cornellà, Ot Garcia, en representación do seu alcalde Antonio Balmón, quen se encargou de pechar o acto agradecendo a colaboración dos protagonistas da xornada de Cultura e poesía galegas coa diversidade cultural que a cidade de Cornellà representa, na que a Asociación Rosalía de Castro é un piar fundamental.
Pola noite, e no transcurso dunha cea celebrada no restaurante da Asociación galega de Cornellà, onde participou, entre outras persoas, o xurado do Certame, composto por: Presidenta: dona Pura Salceda. Vicepresidenta: Miriam Reyes. Vogal 1: Armando Requeixo. Vogal 2. Xulio Simón. Vogal 3: Luís Losada. Vogal 4º: Daniel Giraldo. Secretario: Xulio Cougil.
Déronse a coñecer aos gañadores deste ano 2018 na 33 edición do Certame de Poesía e que son os seguintes:
Primeiro premio: Francisco Javier Fernández Davila, de Vigo, polo seu poema titulado Poemas de aeroporto.
Segundo premio: Lupe Gómez Arto, de Santiago de Compostela, polo seu traballo Reverberación.
Terceiro premio: Martiño Maseda Lozano, de Vilalba, polo poema Alguén matou a Primavera.
Ademais, o Xurado concedeu unha mención especial-accésit ao poema Afacerse ao lume. Autora: Esther Val Rodríguez.

Cornellà, a 7 de decembro de 2019
Antonio Díaz Fernández”

A Estrada: entrega do Premio Manuel García Barros 2019 a Berta Dávila

O 15 de novembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal da Estrada, celébrase a entrega do Premio de Novela Manuel García Barros 2019. No acto intervirán a gañadora Berta Dávila, Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o alcalde da Estrada, José López e o Concelleiro de Cultura, Manuel Constenla Carbón.
A gala contará coa actuación musical da man dos músicos Suso Vaamonde e Xosé Luis Romero.