Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O número 25 da rúa da Paz —antiga rúa dos Zapateiros— en Ourense é un vórtice literario de primeiro nivel. Que dous dos máis grandes escritores galegos do pasado século nacesen no mesmo edificio é un feito insólito do que custa procurar paralelos.
No primeiro andar desta vivenda veu ao mundo o 1 de outubro de 1884 Vicente Martínez-Risco e Agüero e alí pode lerse hoxe unha placa conmemorativa que o Concello de Ourense dispuxo polo seu centenario.
O certo é que Risco non viviu nela moito tempo, pois seus pais trasladáronse, sendo el noviño, ao número 6 da Praza do Ferro, onde residiu xa ata que casou en 1922 coa allaricense María del Carmen Fernández, coa que tivo catro fillos: Carmeliña, Antón (tamén el escritor e estudoso literario), Chus e Cruz. Logo da voda, o casal foi vivir ao número 47 da rúa Santo Domingo.
Foi esta vivenda da rúa Santo Domingo un dos epicentros da Atenas galega do seu tempo. Polos célebres faladoiros que alí se mantiveron pasou gran parte da intelectualidade galega daqueles anos e, xaora, a práctica totalidade da ourensanía, pois naquel piso dispuxéronse as liñas mestras de actuación que marcaron toda a Época Nós.
Mais a da Paz e a de Santo Domingo non foron as únicas moradas de Risco. A cartografía vivencial do escritor debe completarse coa casa dos seus devanceiros na rúa Grande, 4, do Castro Caldelas (hoxe reconvertida en pousada rural que alberga unha biblioteca monográfica sobre o autor) e, tamén si, a casa patrucial da súa familia política, na rúa San Lourenzo, 3, en Allariz, actual sede da Fundación Vicente Risco, inmoble de titularidade municipal no que se custodian os fondos bibliográficos, documentais e plásticos tanto do creador de O porco de pé coma do de Margarida d’Ouridac. (…)”
Arquivos da etiqueta: Vicente Risco
Manuscritos: Vicente Risco (III)
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Nun día coma hoxe, no ano 1963, falecía en Ourense Vicente Risco. Recuperei neste blog, anteriormente, dous manuscritos do autor e hoxe vai un terceiro que se corresponde á colección de fondos dixitalizados da Fundación Vicente Risco depositados na Biblioteca de Galicia hai catro anos. Concretamente este recolle o comezo do capítulo XII da tradución do Leabar Gabala (Libro das Conquistas d´Irlanda).”
Dez entidades impulsan o Arquivo Histórico do Nacionalismo
Desde Sermos Galiza:
“Milleiros de documentos que compoñen os arquivos de doce entidades incorporaranse ao Arquivo Histórico do Nacionalismo que se converterá no maior repertorio documental da historia do nacionalismo galego. O portal disponibilizará os fondos para a investigación e consulta.
Fundación Alexandre Bóveda, Fundación Bautista Álvarez, Fundación Castelao, Fundación Galiza Sempre, Fundación Losada Diéguez, Fundación Manuel María, Fundación Moncho Reboiras e Fundación Vicente Risco, xunto con Murguía. Revista Galega de Historia e o Museo do Pobo Galego son as dez entidades que se xuntan para construír o Arquivo do Nacionalismo Galego que reunirá os fondos documentais que custodian cada unha delas no que está chamado a ser un completo repertorio histórico do movemento nacionalista dos séculos XIX e XX.
A foto de familia da presentación da nova iniciativa reuniu esta cuarta feira, día 4 de febreiro, no Museo do Pobo Galego en Compostela representantes das dez entidades no que foi considerado un fito histórico na recuperación da memoria do nacionalismo galego. Milleiros de documentos constituirán, grazas á colaboración das dez Fundacións e entidades, o maior arquivo da historia do movemento nacionalista ao que irán sumando novas aportacións de colectivos e particulares.
As entidades que fan parte da nova iniciativa coinciden á hora de valorar a urxencia de sumar forzas de organizacións e particulares para saldar a eiva da historia documental do nacionalismo. Os arquivos de persoeiros como Manuel María, Alexandre Bóveda, Losada Diéguez, Castelao ou Vicente Risco xúntanse con outros que recolleron a historia documental de organizacións como a Fundación Galiza Sempre ou a Fundación Moncho Reboiras. Canda elas, o Museo do Pobo Galego incorpora ao catálogo legados de figuras como Xaquín Lorenzo, Antonio Fraguas, Manuel Beiras ou os arquivos de Unidade Galega ou o Club Nacionalista Alén Nós.
Para o coordinador do proxecto, Uxío Breogán Diéguez, “o consenso foi absoluto á hora de poñer a andar o proxecto e de valorar a necesidade de mancomunar a documentación. Que estas entidades se xuntaran para desenvolver por vez primeira un proxecto conxunto é un fito histórico”, valora o profesor e investigador. (…)”
A Xunta elimina o Día de Rosalía do Calendario do Libro
Desde Sermos Galiza:
“Cando varios concellos declararon xa oficialmente como Día de Rosalía o 24 de febreiro, data na que naceu a poeta, a Consellaría de Cultura vén de eliminar a data do seu Calendario do Libro e da Lectura. Na nova edición que está a distribuír por diversos centros, entidades e asociacións, no mes de febreiro só aparece sinalado o 21 como “Día Internacional da Lingua Materna”.
No Calendario do Libro e da Lectura, ademais de Díaz Castro, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas, só catro autores aparecen sinalados, todos con aniversarios con décadas redondas, Vicente Risco, Leiras Pulpeiro, Martín Códax, e Antón Losada Diéguez. O Día de Rosalía comezou hai anos a conmemorarse por asociacións, centros de ensino e concellos, e algúns deles xa anunciaron a declaración oficial da xornada para o 2014.”
Ourense: Día de Nós
O 30 de outubro cúmprense 94 anos da edición da revista Nós. E así contribuímos dende Ourense, a terra na que saiu a luz:
Martes 29 de outubro, Encontro Cívico na Rúa da Paz (antiga Rúa dos Zapateiros)
– 19:30 h. Encontro de antigos veciños maiores de 80 anos. Livraria Torga.
– 20:30 h. Paseo cívico pola rúa da Paz.
– 21:30 h. O feitizo das ruínas. Xornada de portas abertas da casa natal-vital de Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo na rúa da Paz. Casa nº 21.
– 21:30 h. Convivio. Viño e petisco. Xentileza e servizo dos hostaleiros da rúa da Paz. Rúa da Paz.
Mércores 30 de outubro, Día de Nós
– 17:00 h. Acto festivo e ofrenda floral no cemeterio de San Francisco:
– 21:00 h. LerNós, coa colaboración de Íria Pinheiro, Celia Parra, Manuel Outeiriño e A RunRun Teatro.
A Coruña: presentación de Un caso de Lycantropía (O Home-Lobo), de Vicente Risco
Manuscritos: Vicente Risco (II)
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
50 aniversario da morte de Vicente Risco: entrevista a Luís Martínez Risco
Manuscritos: Vicente Risco
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Vicente Risco en versión aberta
“A Fundación Vicente Risco é unha das entidades das súas características que maior número de iniciativas e proxectos desenvolve ao longo do ano en Galicia, senón a que máis. Aos cursos universitarios, exposicións, presentacións, edicións de publicacións propias ou en colaboración (o proxecto máis recente é a edición de Pan Negro en galego, en libro e deuvedé) e outras propostas, a fundación engade agora unha nova iniciativa: o acceso ás obras de Vicente Risco en rede e de forma totalmente gratuita para que se podan consultar ou descargar en formato pdf, por unha banda, e aos documentos que forman parte do fondo da entidade, dispoñibles no mesmo formato e características. Na páxina web da fundación habilitouse un acceso, no apartado que figura baixo o nome de interactivo, denominado Textos de Vicente Risco. Ao entrar no mesmo o internatua ten a posibilidade de consultar ou imprimir 32 obras ou coleccións de textos do autor. Nesta sección foron incorporados textos de referencia de Risco e algunhas das súas obras máis senlleiras. Dende estudos como a Historia de Galicia, Mitteleuropa, Satanás. História do diabo, El problema político de Galicia, Teoría do nacionalismo galego, Os europeos en Abrantes ou El Oriente contado con sencillez a obras como O porco de pé, Dédalus en Compostela (en galego e nas súas versións en francés, inglés, alemán e castelán) ou O lobo da xente. Os artigos que asinou nas revistas Céltiga e La Zarpa tamén están dispoñibles neste enlace.” Vía La Voz de Galicia.