Arquivos da etiqueta: Xosé Cobas
A Coruña: Xabier P. DoCampo na voz dos amigos: Parella de feito, con Xosé Cobas
O
27 de marzo, ás 20:00 horas, na sede da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), comeza o ciclo de conferencias Xabier P. DoCampo na voz d@s amig@s, para ir preparando a grande homenaxe a Xabier P. DoCampo que varios colectivos, entre eles a AELG, celebrarán o 29 maio no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. A primeira das conferencias será a ofrecida por Xosé Cobas, con título “Parella de feito”, ás 20.00 na sede da A. C. Alexandre Bóveda (como chegar). Xosé Cobas foi amigo persoal e ilustrador da meirande parte da obra de Xabier P DoCampo. Como traballaron xuntos dous grandes da creación, Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas? Como foi o día a día diso que denominamos “parella de feito” na elaboración de tantos libros fermosos? Conversaremos con Xosé Cobas sobre o traballo feito en común, como unidos polo lirismo e a imaxinación estes dous creadores, cun vínculo moi íntimo de forte amizade, e cheos de coñecementos e experiencias crearon para o noso goce memorables historias que nos convidan a gozar do pracer da lectura.
Entrega do diploma da «Lista de Honra do IBBY 2018» a Lendo lendas, digo versos, de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa
Desde
Xerais:
“O libro Lendo lendas, digo versos de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa, con ilustracións de Xosé Cobas, recibiu o diploma que acredita a súa inclusión na Lista de Honra do IBBY no ano 2018. O acto de entrega tivo lugar no marco do 36º Congreso Mundial do IBBY, celebrado en Atenas do 30 de agosto ao 1 de setembro pasados.
Cada dous anos publícase en inglés o catálogo da Lista de Honra do IBBY, que inclúe libros de todo o mundo que se consideran sobresaíntes pola calidade dos textos, ilustracións ou traducións. Esta selección de títulos pretende dar a coñecer os libros que mellor representan a literatura actual de cada un dos países que forman parte do IBBY e recomenda a publicación noutras linguas das obras eixidas.
Os libros seleccionados formarán parte dunhas exposicións itinerantes que viaxarán ao Xapón, Rusia, os EE.UU., e á Feira do Libro Infantil Boloña 2019, para logo pasar a formar parte dos depósitos da Internationale Jugendbibliothek de Múnic.”
A nena do abrigo de astracán, a última novela de Xabier P. DoCampo
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Percorremos as súas páxinas con Manuel Bragado, Xosé Cobas, Berta Dávila, Pepe Coira e Martin Pawley. Pode escoitarse aquí.”
Lendo lendas, digo versos de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa, Lista de Honra do IBBY 2018
Desde
Xerais:
“O libro Lendo lendas, digo versos de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa e con ilustracións de Xosé Cobas foi nomeado para a Lista de Honra do IBBY, 2018.
Cada dous anos se publica en inglés o catálogo da Lista de Honra do IBBY que inclúe os libros que se consideran sobresaíntes pola calidade dos textos, ilustracións ou traducións. Esta selección de títulos pretende dar a coñecer os libros que mellor representan a literatura actual de cada un dos países que forman parte do IBBY e recomenda a publicación en todo o mundo das obras seleccionadas.
Este ano o catálogo será presentado en agosto no 36º Congreso Mundial do IBBY que terá lugar na cidade de Atenas, Grecia e os libros seleccionados formarán parte dunhas exposicións itinerantes que viaxarán a Xapón, Rusia, EE.UU. e á Feira do Libro Infantil Boloña 2019 para logo formar parte dos depósitos da Internationale Jugendbibliothek de München.”
Compostela: XIV Simposio O Libro e a Lectura. Libro ilustrado: outra forma de ler?, os 8 e 9 de novembro
A lista de Honra do IBBY incluirá a obra Lendo lendas digo versos
Desde
Cultura Galega:
“A selección de libros infantís e xuvenís máis prestixiosa do mundo, elaborada pola organización IBBY, recollerá na súa edición bianual do ano que ven o libro en galego Lendo lendas, digo versos, obra de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa, editado por Edicións Xerais e con Ilustracións de Xosé Cobas. A rama española desta organización, a OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil) ven de presentar a lista de libros editados no territorio nacional que engrosará a selección de obras internacionais. Catro obras na modalidade de Escritores/as, catro na de Tradutores/as e unha na de Ilustradores/as irán desde España a esa selección. Será a única obra en galego e de creación enteiramente galega do catálogo. (…)”
Compostela: Desfacendo a raia. Literatura infantil e xuvenil na Galiza e en Portugal
Crónica videográfica da I Gala do Libro Galego (e IV)
O
sábado 14 de maio, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, tivo lugar a I Gala do Libro Galego, convocada conxuntamente pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa do acto, da que destacamos hoxe as seguintes intervencións:
– Entrega do Premio na categoría de Libro ilustrado (recolle Xosé Cobas):
– Entrega do Premio na categoría de Teatro (recolle Antón Cortizas):
– Entrega do Premio na categoría de Xornalismo cultural (recolle Xoán Costa):
– Entrega do Premio na categoría de Narrativa (recolle Manuel Rivas):
– Entrega do Premio na categoría de Poesía (recolle Manuel Bragado, en representación de María Lado):
Obras gañadoras da I Gala do Libro Galego
A I Gala do Libro Galego tivo lugar no Teatro Principal do Concello de Santiago de Compostela. Con esta convocatoria preténdese recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, foron determinadas por un xurado externo sobre unha listaxe de obras finalistas conformada polas bases asociativas da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), da Asociación Galega de Editoras e da Federación de Librarías de Galicia, entidades convocantes da Gala do Libro Galego.
A seguir, as obras gañadoras nas distintas categorías:
Ensaio
– Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas, VV. AA. Apiario.
O xurado estima a obra como unha ferramenta necesaria para as aulas co obxectivo de tratar este xénero considerado secundario na didáctica escolar. Valórase tamén este libro pola súa centralidade no tema proposto así como polas posibilidades prácticas que ofrece para a intervención creativa nas aulas.
Tradución
– Mocidade (Joseph Conrad), en tradución de Alejandro Tobar. Hugin e Munin.
O xurado valora nesta tradución o importante labor de documentación que enriquece a lectura e axuda a acceder en profundidade ao orixinal cunha lectura fluída.
Proxecto literario na rede
– Poétic@, de Fran Alonso.
Valórase a innovación desta proposta, que eleva á rede un proxecto literario poético único á procura da permanente construción renovadora.
Literatura infantil e xuvenil
– O meu pesadelo favorito, de María Solar (ilustracións de María Lires). Galaxia.
Estimouse a conxunción dunha construción narrativa con trazos surrealistas que axudan a desenvolver un mundo onírico no público lector.
Iniciativa bibliográfica
– Lendo lendas, digo versos, de Antonio G. Teijeiro e Antonio Reigosa (ilustracións de Xosé Cobas). Xerais.
O xurado valora o excepcional traballo de conciliación da literatura oral coa escrita, harmoniosamente acompañado polo labor de ilustración. Recoñécese tamén o valor da obra finalistas, polo esforzo de autoedición, pola súa calidade estética e pola atención a un campo considerado menor dende a aposta pola tradición actualizada.
Iniciativa cultural ou de fomento da lectura
– Espazo Lectura.
Valórase o fomento da lectura a pé de rúa, no día a día e para todas as idades, e cunha progresión na intensidade de traballo notábel en diversos ámbitos do proxecto.
Libro ilustrado
– Cadros dunha exposición. Modest Mussorgsky, de Xosé Cobas (texto de José Antonio Abad Varela). Kalandraka.
Polo seu lirismo e a coherencia gráfico-textual coa elegancia da ilustración
Teatro
– Xogando con gatos, de Antón Cortizas. Xerais.
Sobrancéase o dominio dunha escrita coidada e dirixida ao público infantil dentro do xénero dramatúrxico.
Xornalismo Cultural
– Sermos Galiza.
Pola constancia da atención ao xornalismo cultural, sustentada na atención preferente a trasladar á sociedade a diversidade das producións do seu sistema literario.
Narrativa
– O último día de Terranova, de Manuel Rivas. Xerais.
Pola súa complexa arquitectura, esixente, que recoñece o labor de libreiras e libreiros a través dun percorrido emocionante.
Poesía
– oso, mamá, si?, de María Lado. Xerais.
Destácase a unidade do poemario, vinculado á construción dun relato que une a tenrura ás condicións máis escuras do ser humano, transitando por un campo emocional moi diverso.
Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes. A Federación de Librarías de Galicia outorgoullo á Libraría Pedreira, de Santiago de Compostela; a Asociación de Editores Galegos premiou a Editorial Laiovento e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega concedeu o galardón Escritor Galego Universal ao autor catalán Pere Gimferrer.
A Gala, presentada polo xornalista e escritor Camilo Franco, contou coa actuación musical do grupo de teatro musical Áureas.
Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), e coa colaboración da Fundación Luís Seoane.


