Santiago: acto literario no 25 aniversario de Polaroid, de Suso de Toro

O xoves 10 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do IES Rosalía de Castro (Rúa de San Clemente, s/n), de Santiago de Compostela, terá lugar un acto literario en conmemoración do 25º aniversario da publicación de Polaroid, de Suso de Toro, no que participarán Xosé Luís Axeitos, Pepe Barro, José Manuel Estévez Saá, Rexina Vega, Rosa López Gato e o propio autor, con Iago Martínez como moderador.

A Coruña: actividades do domingo 7 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas previstas para o domingo 7 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, que estará aberta nos Xardíns de Méndez Núñez até o mércores 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

19:00 h. Presentación do libro Guía das libélulas de Galicia, do investigador e naturalista vigués Miguel Ángel Fernández Martínez, publicado en Baía. O autor estará acompañado polos investigadores de zonas húmidas de Galicia e naturistas galegos Anxo Rajou e Alberto Gil.
20:00 h. Presentación do libro Contos e descontos. Narrativa completa de Claudio Rodríguez Fer publicado en Toxosoutos. Xunto co autor, participará no acto Xosé Luís Axeitos, secretario da Real Academia Galega e David González Couso, director de publicacións da editorial.

A Coruña: Unha estrela no ceo de Galicia, acto conmemorativo do 150 aniversario dos Xogos Florais de 1861

O sábado 2 de xullo, na Fachada do Teatro Rosalía de Castro, a Real Academia Galega e a Concellaría de Cultura promoven Unha estrela no ceo de Galicia, acto conmemorativo do 150 aniversario dos Xogos Florais da Coruña de 1861, co seguinte programa (Xogos Florais 1861-2011 Unha estrela no ceo de Galicia):
13:00 h. Abre o acto un baile de Nova Galega de Danza.
13:05 h. Saúdo e presentación do acto polo secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos Agrelo.
13:10 h. Lectura dalgúns poemas galegos do Álbum de la Caridad, publicado un ano despois dos Xogos Florais de 1861. Coa intervención de: Consuelo Bautista, xornalista de Radio Coruña; Manuel Gallego, arquitecto; Begoña Varela Bárcena, libreira de Nova Colón; Gonzalo de la Huerga, conselleiro do Consello Consultivo de Galicia; Marisol López Facal, médica; Xosé María Barja, reitor da Universidade da Coruña; Luísa Merelas, actriz; Roberto Pérez Vila, presidente do comité de empresa de Zara Loxística; Laura Gayoso, sumiller e restauradora; Ánxel Vázquez de la Cruz, médico; e Charo Soto Arias, vicedirectora do IES Eusebio da Guarda.
13:25 h. A presidenta da Asociación de Compositores de Galicia Margarita Viso Soto interpreta ao piano a muiñeira de Canuto Berea, peza que se escoitou nos Xogos Florais de 1861.
13:30 h. Discurso do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín.
13:40 h. Desde a Serra de Outes, terra natal do poeta Francisco Añón, galardoado nestes Xogos Florais, traen unha ofrenda vexetal para os promotores e organizadores dos Xogos. O secretario da Asociación cívico-cultural Terra de Outes, Ramón Blanco, fai entrega dun carballo ao presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, e dun loureiro á descendente dos irmáns de la Iglesia, María Rosa Saurín de la Iglesia.
13:45 h. Pecha o acto a Banda Municipal de Outes coa interpretación do Himno galego.

A Pobra do Caramiñal: presentación de Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz

O venres 24 de xuño, ás 20:30 horas, na Librería Ler (Rúa Paz, 8) da Pobra do Caramiñal, preséntase o libro Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz, publicado por Xerais. No acto, organizado pola editora, a librería e a Asociación Cultural Barbantia, acompañarán ao autor Xosé Luís Axeitos, Fidel Vidal, Xosé Ricardo Losada e Xesús Laíño.

Rianxo: presentación de Cadro artístico: Airiños. 75 aniversario

O sábado 28 de maio, ás 19:00 horas, no Auditorio de Rianxo, a Asociación Cultural Barbantia, o Centro Cultural “Simón Varela” de Asados, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, o grupo de teatro “Airiños” e o Concello de Rianxo presentan o libro Cadro Artístico: Airiños. 75 aniversario. Estarán presentes, entre outros, Xosé Luís Axeitos, Manuel Lourenzo, Anxo Angueira e Xesús Santos.

Rianxo: presentación de O sol da tristeza, de Fidel Vidal

O venres 27 de maio, ás 20:30 h., no Auditorio de Rianxo, preséntase o ensaio O sol da tristeza. A figura do pai na obra de Manuel Antonio, de Fidel Vidal, publicado en Espiral Maior. No acto, no que  se presenta tamén un novo número de A Voz de Barbantia, participan, acompañando ao autor, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Luís Axeitos, Milagros Torrado e Pedro Piñeiro.

Convocado o III Premio de Ensaio Curto Alexandre Bóveda 2011

BASES

Primeira. A A. C. Alexandre Bóveda e a Editorial Laiovento convocan a III Edición do Premio de Ensaio Curto Alexandre Bóveda, co obxecto de honrar a figura do insigne galeguista, ben como premiar un traballo que signifique unha contribución ao pensamento e a reflexión sobre a Galiza actual. A temática a desenvolver na presente convocatoria será libre, sempre que teña a ver con Galiza.
Segunda. Poderá participar calquera persoa que o desexar.
Terceira. Establécese o seguinte premio, que será único: Edición da obra gañadora cunha tiraxe de 500 exemplares, máis unha obra única e orixinal feita ex profeso para o premio por un/ha nomeado/a artista galego/a e o diploma de honra.
Cuarta. Os traballos deberán ser inéditos e terán unha extensión mínima de 50 folios e máxima de 70. Os orixinais presentaranse mecanografados a espazo e medio por unha soa cara, grampados ou encadernados. Os traballos terán de estar escritos na normativa oficial do galego. Os participantes terán a obriga de comunicaren a concesión de calquera outro premio que obtiver a obra presentada a concurso para a súa exclusión na presente convocatoria.
Quinta. Enviaranse seis copias dos orixinais sen asinar e cun lema que figurará tamén nun sobre á parte. Nese sobre tamén se incluirán nome e apelidos, enderezo e telefone da persoa concursante, ben como a fotocopia do carné de identidade.
Sexta. Os traballos remitiranse ao seguinte enderezo: “Asociación Cultural Alexandre Bóveda, R/ Olmos, 16-18, 1º, 15003. A Coruña”. Tamén se poderán entregar persoalmente na devandita dirección, en horario de 16:30 a 20:30 h., de luns a venres. No sobre debe ir indicado 3º Premio de Ensaio Curto ‘Alexandre Bóveda’.
Sétima. O prazo de presentación de orixinais será do día 25 de abril até o día 31 de outubro.
Oitava. O xuri estará composto por persoas representativas do mundo da cultura galega. O seu fallo será inapelábel.
Novena. A entrega do premio terá lugar na cidade da Coruña o día 17 de decembro, co gallo da cea de socios e socias da A. C. Alexandre Bóveda. A persoa galardoada será avisada cunha semana de antelación. A ausencia inxustificada da persoa premiada no acto entenderase como expresión de que declina o seu dereito ao galardón concedido, renunciando por tanto a calquera reclamación ulterior deste. O premio pode quedar deserto.
Décima. A persoa gañadora autoriza a Asociación Cultural Alexandre Bóveda a poder publicar, en edición escrita, o traballo que resultar galardoado.

A Coruña, abril de 2011.

As bases poden descargarse aquí: Bases III premio ensaio curto Alexandre Bóveda 2011.
O xurado está composto, nesta edición, por: Anxo Calvo, Francisco Pillado Maior, Pilar García Negro, Pilar Cagiao Vila e Xosé Luís Axeitos.

Santiago: Homenaxe a Xosé Neira Vilas

Crónica posterior en La Voz de Galicia e Galicia Confidencial.