Vigo: presentación de Xoguetes do tempo, de Xosé Luís Franco Grande

OXosé Luís Franco Grande xoves 21 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), Xosé Luís Franco Grande presenta o seu poemario Xoguetes do tempo, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Xesús Alonso Montero e Víctor F. Freixanes.

Compostela: Xornadas Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena no seu centenario, os 10 e 11 de decembro

Mitxelena PIñeiro 1Mitxelena Piñeiro 3Mitxelena Piñeiro 4

Fran P. Lorenzo gaña o XXXIII Premio Blanco Amor con Cabalos e lobos

DesdeFran P. Lorenzo Sermos Galiza:
“Por unanimidade o xurado do XXXIII Premio Blanco Amor de novela recaeu no xornalista Fran P. Lorenzo e a súa obra Cabalos e Lobos. Composto por Xosé Luís Franco Grande, Camiño Noia Campos, Olivia Rodríguez González e Xosé Antonio Palacio Sánchez, o xurado reuniuse na casa da Cultura de Redondela este 11 de novembro, San Martiño, e o premio entregarase nun acto público que terá lugar en Redondela o vindeiro 22.
Cabalos e lobos é a primeira novela de Fran P. Lorenzo, xornalista de Cultura de El Correo Gallego. Malia iso, a súa escrita é xa coñecida, alén do traballo xornalístico, a través do seu blogue Un país en lata.
En Cabalos e lobos, Fran P. Lorenzo artella unha intensa historia na que os segredos familiares constrúen unha trama de tensións cun escenario, a cidade de Vigo -da que é natural o autor-, que cobra un protagonismo especial. A novela arrinca co acontecemento dunha noite de 1960 que servirá para desvelar as verdades e mentiras que se agochan detrás da realidade.”

Consenso para que Ferrín continúe na Academia cando menos como numerario

Desde Sermos Galiza:
“Desde que Xosé Luís Méndez Ferrín anunciara nun correo emitido o día 25 de febreiro a súa vontade de abandonar a Academia, non só como presidente senón tamén como membro numerario, non deixan de sumarse voces para solicitar que un dos nomes claves da nosa historia literaria continúe a ter presenza na institución. Boa parte de académicos e académicas manifestaron publicamente o seu desexo de a Academia non ficar sen un escritor de referencia como é Ferrín. Alén de transmitir o seu apoio ao presidente, algúns dos consultados deixaron ver que a idea de que abandone o edificio de Tabernas sería unha má noticia para a literatura, a cultura e a propia RAG.
En primeiro lugar, foron un grupo de escritores e escritoras os que, a título individual, fixeron público a través das redes, de maneira imediata, o seu desexo de que Ferrín continuara na Academia. Seguiron logo as asociacións profesionais, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o PEN Clube ao se dirixir directamente a Ferrín e solicitarlle que repensase a súa dimisión e o abandono da RAG. A excepcionalidade da decisión tomada polo autor de Con pólvora e magnolias puña nunha situación complexa á Academia ao se tratar dunha figura de indubidábel presenza na nosa literatura e cun claro ascendente nunha parte do panorama literario.
A entrada de Xosé Luís Méndez Ferrín na Academia produciuse tarde, hai apenas doce anos e, dalgunha maneira, foi vista como un chanzo máis no proceso de apertura e modernización da institución que iniciara Francisco Fernández del Riego e continuara Xosé Ramón Barreiro. Singularmente tamén, a proposta de Xosé Luís Méndez Ferrín estaba asinada por dez académicos, unha circunstancia de novo excepcional, xa que a práctica totalidade das persoas numerarias entran avaladas só por tres persoas. Francisco Fernández Rei, Constantino García, Manuel González, Xesús Ferro Ruibal, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Ramón Lorenzo Vázquez, Antón Santamarina, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Franco Grande e Salvador García-Bodaño poñen a súa rúbrica á agardada entrada o 30 de setembro de 2000 de Xosé Luís Méndez Ferrín como académico. No seu discurso de ingreso, Ferrín destacaba o feito de entrar no ano no que a RAG conmemoraba a Manuel Murguía, o presidente fundacional da institución que el tardaría arredor dunha década en presidir.
Tamén foi un membro de Brais Pinto e amigo de novo de Ferrín o encarregado de darlle resposta no acto solemne da Academia. O lingüista e escritor Ramón Lorenzo recollía o mesmo sentir na súa intervención, o significado de que o escritor atravesase a porta da institución da rúa Tabernas como membro numerario. “Por fin, entra na Real Academia Galega unha das figuras máis excepcionais da cultura galega da segunda metade do século, a quen lle correspondía desde hai moito tempo ocupar un lugar na nosa Institución. Por iso, se en moitos discursos de contestación que se fixeron na Academia se repetiu máis dunha vez que era un día grande e de xúbilo a entrada do novo membro, con moito máis motivo debo repetir en que hoxe é un día grandioso para esta vella Institución”, sinalaba Ramón Lorenzo, naquela sesión na que o mundo da literatura, o mesmo que agora reclama a súa permanencia, aplaudía a entrada de Ferrín na Academia.
Este sábado 9 de Marzo presidirá a entrada doutro membro de Brais Pinto, o escritor Xosé Fernández Ferreiro ingresará co discurso Breves reflexións sobre os escritores e os xornalistas, ao que lle dará resposta o tamén xornalista Manuel Rivas, o escritor vivo máis lido da nosa literatura e que precisamente se incorporou á Academia baixo a presidencia de Xosé Luís Méndez Ferrín.”

Xosé Luís Franco Grande: “Alégrame ter sido un elemento de concordia e non de discordia”

Entrevista a Xosé Luís Franco Grande en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Como se sente ante este recoñecemento?
– Xosé Luís Franco Grande (XLFG): Un pouco sorprendido e preocupado porque é unha experiencia nova. O que me alegra é que sexa unha distinción da miña terra. Dáme satisfacción. Sobre todo o feito de que foi un acordo adoptado por unanimidade. Alégrame ter sido un elemento de concordia e non de discordia. (…)
– LVG: Opinaba vostede hai uns anos que a creación literaria estaba nun momento de vulgaridade total. ¿Mellorou a cousa?
– XLFG: É que cada vez que falo diso a xente ponse enferma. A miña opinión non vai cambiar a realidade, que é a que é. Pode que sexa eu o que está trabucado e as cousas van mellor, aínda que eu non o vexo por ningures.
– LVG: Acaba de nos deixar Díaz Pardo e Paco del Riego fíxoo hai pouco mais dun ano. ¿Hai relevo desta xeración cun perfil intelectual tan elevado?
– XLFG: Hoxe predominan os técnicos sobre os humanistas e iso xa se perdeu coa Xeración Nós. Pero é un cambio universal, non só de Galicia. Hoxe é imposible ter unha visión global e profunda das distintas ramas do saber. Unha cousa é estar informado, e outra, ter coñecemento real e profundo das cousas. Hai que peneirar todo moi ben para non caer en trampas. (…)
– LVG: ¿Como ve a marcha da Academia Galega na actualidade?
– XLFG: Hai moito que non vou pola Academia. Non me fai moita ilusión. Estou un pouco á marxe de todo iso. Tanto me dá estar dentro que estar fóra. Hai xente que está matándose por entrar, non sei para qué. Déixolles o meu posto na RAG cando queiran. Estaba máis a gusto nos tempos de Paco del Riego, nos que había máis cordialidade e sentido de comunidade. E non estou criticando nada de agora. Só é que eu antes sentíame máis a gusto na Academia.”

Goián, Tomiño: nomeamento oficial de Xosé Luís Franco Grande como fillo predilecto de Tomiño

O sábado 14 de xaneiro, ás 12:00 horas, no Auditorio de Goián, celebrarase o acto polo que o Concello de Tomiño fai oficial o nomeamento do escritor Xosé Luís Franco Grande como fillo predilecto do municipio. Á cita acudirán numerosos nomes coñecidos, como Xosé Luís Méndez Ferrín, Ramón Villares, Teresa Conde-Pumpido, Luis Manuel García Mañá, Carlos Varela García ou Xosé Manuel Beiras. Vía Galaxia. Recensión en Galicia Hoxe.