Alberto Ramos gaña a XVI edición do Premio de Narrativa Breve Repsol

Desde Galaxia:
“A obra Os corpos de Romanov. Matthias Lentz, de Alberto Ramos, resultou gañadora da XVI edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou o 29 de setembro a portavoz do xurado, Diana Varela, na sede da Real Academia Galega na Coruña.
O acto do ditame contou coa presenza de representantes das cinco entidades impulsoras do premio, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, o académico correspondente da Real Academia Galega, Ramón Nicolás, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez.
O xurado da XVI edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: Marcos Calveiro, director de Edicións da Galaxia, Xosé Monteagudo, escritor e gañador da XV edición do premio Narrativa Breve Repsol, Ramón Nicolás, o académico correspondente da Real Academia Galega, Diana Varela, a escritora nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e Dolores Vilavedra, profesora da literatura galega na USC e crítica literaria.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o galardón está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia. O acto de entrega do Premio terá lugar antes de final de ano na cidade da Coruña.
Na súa XVI edición o Premio Narrativa Breve Repsol contou cunha participación de 28 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.
Diana Varela, voceira do xurado desta edición, trasladou no acto que Os corpos de Romanov. Matthias Lentz é unha novela escrita con un estilo de gran precisión, onde salienta a presenza dun narrador solidario que apela á conciencia de quen le, e na cal “destaca igualmente a acaída engrenaxe das diversas tramas, que encaixan como as pezas dun reloxo”. Unha historia na que o azar das relacións humanas xunta unha serie de personaxes, solidamente construídos, nos que se reflicten as inquedanzas e os traumas individuais e colectivos do pasado.” (…)”

Varsovia: XIII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, do 21 ao 24 de setembro de 2022

A Asociación Galega de Editoras percorre os cen anos de edición moderna en Galicia no Simposio O libro e a lectura, o 22 de setembro

Desde a Asociación Galega de Editoras:
100 anos de edición moderna en Galicia é o lema do XIX Simposio sobre o libro e a lectura que organiza en setembro a Asociación Galega de Editoras, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia.
Celebrarase no Auditorio do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, o xoves 22 de setembro. O encontro reúne a diferentes representantes das editoras galegas e destacadas figuras da investigación e da docencia coa finalidade de percorrer os 100 de edición moderna en Galicia. O encontro profesional viaxará a través das distintas etapas da edición no país, desde os selos pioneiros Nós, Lar e Céltiga ata a edición dixital.
Hai xusto un século, editores como Xaime Quintanilla en Ferrol, e Ánxel Casal e Leandro Carré na Coruña e Compostela, puxeron en marcha, por vez primeira, innovadores proxectos editoriais. Tiñan como obxectivo conquistar amplos públicos lectores, para o que se deseñaban capas atractivas, se poñían en marcha coleccións temáticas, e se elaboraban estratexias de mercado e publicidade. Foi o nacemento do libro galego moderno. Unha época intensa e feliz que quedaría tronzada na guerra civil.

Dúas conferencias, e senllas intervencións vertebran un programa que se celebrará nunha única xornada, o xoves 22 de setembro. Na sesión da mañá, ás 10:30 horas, a historiadora e docente, Encarna Otero, encargarase da conferencia de apertura: “O libro galego moderno: Ánxel Casal”. Seguiranlle as intervencións presentadas por Ana Guerra (Obradoiro Edicións): “Os precursores: século XIX”, a cargo do filólogo, investigador e escritor, Xurxo Martínez (12:30 horas); o papel de Céltiga como precursora da edición moderna do país, por Miguel Toval, director de Embora Edicións; e X. M. Dasilva (revista Grial) e Charo Portela (Ediciós do Castro) falarán da edición no Franquismo e no exilio, respectivamente.
Na sesión da tarde, moderada por Paz Castro (Kalandraka), abordarase “A edición comercial nos anos 60: Xosé María Álvarez Blázquez e Castrelos”, a cargo do docente e editor, Manuel Bragado (16:30); Laura R. Herrera, directora de Hércules de Ediciones, analizará a etapa da Transición (17:00), e o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, “O papel do libro na revolución dixital”.
O sociolingüista e ensaísta, Xesús Alonso Montero, pechará o Simposio ás 18:30 coa conferencia de clausura: “Un libro clandestino sobre o franquismo e a represión en Galicia: Galicia Hoy (Ruedo Ibérico, París, Buenos Aires, 1966), deseñado e coordinado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane”.

As inscricións ata completar aforo faranse en s.tecnica@editorasgalegas.gal”

Compostela: Xornada Roberto Vidal Bolaño. Fálanos sempre

Carlos Neira Suárez gaña o VII Concurso Balbino de Relatos

Crónica videográfica da homenaxe O Escritor na súa Terra – Letra E 2022 a Xosé Manuel Martínez Oca (IV)

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou este ano á súa XXVIII edición, recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Xosé Manuel Martínez Oca, que foi homenaxeado na Estrada o 18 de xuño de 2022.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co/a autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor (unha peza escultórica a cargo de Soledad Penalta), a plantación da árbore simbólica elixida polo propio autor (un bidueiro) e a colocación dun monólito conmemorativo.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe os vídeos referentes á laudatio e entrega do premio ao autor:

Laudatio, por Carlos Loureiro:

– Entrega da escultura da Letra E, obra de Soledad Penalta:

Resposta de Xosé Manuel Martínez Oca á laudatio: