O sábado coñeceranse as obras gañadoras dos Premios AELG 2011 na Cea das Letras

Os 408 socios e socias da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega xa escolleron as obras editadas en 2010 gañadoras nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participan na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.
As obras gañadoras daranse a coñecer na Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que terá lugar o vindeiro sábado 30 de abril no hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela. As obras finalistas son:

Blog Literario
1. Ferradura en tránsito, de Xosé Manuel Eyré.
2. O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro.
3. Trafegando ronseis, de Gracia Santorum e Xosé Anxo Fernández Alonso.

Ensaio
1. A man que caligrafando pensa: do plástico-escritural e da manuscrita novoneyriana, de Carlos Paulo Martínez Pereiro.
2. Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas de Carvalho Calero, de Manuel Castelao.
3. O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de María Pilar García Negro.

Literatura Infanto-xuvenil (AELG-Gálix)
1. Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto.
2. O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro.
3. O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro.
4. Suso Espada. “Nota Roja”, de Francisco X. Fernández Naval.

Mellor traxectoria en xornalismo cultural 2010 (AELG-Colexio de Xornalistas)
1. Anxo Tarrío.
2. Daniel Salgado.
3. Fran P. Lorenzo.
4. Iago Martínez.
5. Ramón Nicolás.

Narrativa
1. O coitelo en novembro, de Marilar Aleixandre.
2. Obediencia, de Antón Lopo.
3. Periferia, de Iolanda Zúñiga.
4. Settecento, de Marcos Calveiro.
5. Todo é silencio, de Manuel Rivas.
6. Xuvia-Neda, de Vicente Araguas.

Poesía
1. Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval.
2. Estremas, de Ana Romaní.
3. Retro(visor), de Antía Otero.

Teatro
1. Canibalismo, de Marcos Abalde Covelo.
2. Cínicas, de Teresa Moure.
3. Flores de Dunsiname, de Manuel Lourenzo.

Tradución
1. Bilbao-New York-Bilbao (Kirmen Uribe), na versión de Isaac Xubín.
2. Lóbrego Romance. Pálida Pantasma. As Lendas Espectrais de Malvadia (Jack Mircala), por Isabel Soto.
3. Randea do alento (Herta Müller), de Marga do Val.

Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da Asociación:

  • O premio para a Institución que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano será para a Fundación Penzol, por ser un proxecto de país, creado para permanecer e dar ás novas xeracións o noso legado cultural, e que chanta as súas raíces na necesidade de crear unha biblioteca e un centro de documentación e de estudos da nosa lingua e da nosa literatura. A Fundación Penzol leva achegado ao longo de case que medio cento de anos froitos xenerosos e necesarios á cultura do noso país, pois o seu carácter aberto acolle a todos os investigadores e investigadores que aos poucos van deitando a necesaria luz sobre a historia cultural de noso.
  • E o Premio AELG 2011 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea ao escritor Antonio Gamoneda, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.
  • A Coruña: conferencia Da natureza e a xeración do pensamento. Linguaxe poética, de Antonio Gamoneda, nos IV Encontros Cidade da Coruña, e entrega do Premio Escritor Galego Universal pola AELG (ás 12:30 h. comparecerá nunha rolda de prensa no Kiosko Alfonso)

    O venres CARTAZ IV ENCONTRO CIDADE DA CORUÑA29 de abril, ás 20:00 h., no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar a última conferencia dos IV Encontros Cidade da Coruña, baixo o lema Ser Escritor, Ser Escritora, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración da Real Academia Galega. Antonio Gamoneda falará sobre Da natureza e a xeración do pensamento. Linguaxe poética, e a continuación ofrecerá unha lectura poética. A presentación do acto correrá a cargo do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, contando tamén coa presenza do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, e da Concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo.
    Gamoneda recollerá neste acto o galardón “Escritor Galego Universal“, despois dunha laudatio do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, quen indicou que o homenaxeado “é un home que fala da nosa lingua e da nosa poesía con fraternidade, valorizándoa, por ser, en palabras súas, a lingua galega palabra insurxente por ser necesaria para una realidade que queren sexa sometida, que está a ser minorizada en contra da vontade dos galegos e galegas. En Gamoneda, tan importante como a súa poesía son as súas reflexións sobra a xeración do pensamento poético. Un poeta que defende que a poesía non é literatura, que é una forma de coñecemento. E que na súa poesía fala desde o acto de rebeldía que supón en plena posguerra reivindicarse desde a humanidade dos paseados, da fame, do medo, dos desaparecidos, fálanos dos que negaban os libros da historia. El como poeta revelounos naquel tempo o terríbel segredo do que aconteceu.”
    Nacido en Oviedo en 1931. A obra de Gamoneda esténdese desde o 1960 con Sublevación inmóvil até hoxe marcada por unha fonda pegada ética que gaña forza nun exemplo de coherencia e verdade poética. Premio Cervantes en 2006, reivindícase como pertencente á cultura da pobreza: o sufrimento social penetra na súa conciencia lingüística, conferíndolle unha linguaxe poética e semanticamente subversiva. Combina un poderoso dominio do idioma coa permanente actualidade do seu mundo poético nacida da asunción da propia historia persoal e colectiva. O recoñecemento europeo e americano revélase na tradución da súa obra a distintas linguas. Foi tamén Premio Raíña Sofía de Poesía Iberoamericana en 2006 e Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía en 1988.
    O propio venres 29 de abril, ás 12:30 h., o autor comparecerá nunha rolda de prensa no Kiosko Alfonso (Xardíns de Méndez Núñez), co presidente da AELG, Cesáreo Sánchez.

    Crónicas posteriores en Galicia Hoxe, Xornal e La Opinión.

    Feira do Libro de Santiago: actividades do 30 de abril e 1 de maio

    Comeza unha nova edición da Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), entre o sábado 30 de abril e o domingo 8 de maio. O seu horario é de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., salvo no fin de semana, en que terá un horario de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h.
    As actividades do primeiro fin de semana son as seguintes:

    Sábado 30 de abril:
    – 12:45 h. Actuación da Banda de Música de Santiago de Compostela.
    – 13:00 h. Inauguración oficial. Pregón inaugural a cargo de Diego Ameixeiras, gañador do Premio Irmandade do Libro ao mellor libro do ano 2010. No acto inaugural, colabora a Asociación do Traxe Galego.
    – 18:00 h. Presentación do libro Golfiño e os invasores, de Fausto Isorna, publicado por El Patito Editorial. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares do seu libro.
    – 19:00 h. Presentación do libro Svea Kött (carne sueca), de Domingo Tabuyo, publicado en Xerais. Intervirán: Francisco Caamaño, Ministro de Xustiza, Manuel Bragado e o autor.

    – 20:00 h. O escritor Javier Alfayate, asinará exemplares do seu libro Aleta de Tiburón: Táctica de un operador en bolsa publicado pola Editorial Grupo de 28 Editores.
    – 21:15 h. Sorteo dun lote de libros.

    Domingo 1 de maio:
    – 12:00 h. A pintora e ilustradora Isabel Pintado asinará exemplares dos libros para nenos Parece unha rosa, de Rosalía de Castro e Cantiga do mazarico, de Emilio Pita, publicados por Edicións Espiral Maior, na colección Lúa Lueira.
    – 18:00 h. Obradoiro de baile para todo o público a cargo do grupo Pesdelán, participantes no libro–cd–dvd Na punta do pé publicado por Kalandraka Editora.
    – 19:30 h. Presentación do libro A xanela escura, de Jorge Emilio Bóveda, da Colección Alcaián, de Urco Editora. Participarán no acto Denís Fernández Cabrera en representación da editorial e o autor da obra.

    – 21:15 h. Sorteo dun lote de libros.

    Santiago: presentación de Rúa da Cancela e posterior recital poético

    O venres 29 de abril, ás 21:00 h., no Pub Dado Dadá (Rúa Alfredo Brañas, 19) de Santiago de Compostela, preséntase Rúa da Cancela, obra gañadora do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, de Eli Ríos e Eduardo Estévez, publicada pola A. C. Caldeirón. No acto desenvolverase un recital no que participarán algúns dos autores e autoras gañadores de edicións anteriores (Alberte Momán, Lino Braxe, Emma Pedreira, María Lado).

    Ames: presentación de A narrativa galega na fin de século, de Dolores Vilavedra

    O sábado 30 de abril, ás 17:00 h., na Praza do Concello de Ames, presentación de A narrativa galega na fin de século, de Dolores Vilavedra, publicado en Galaxia. No acto estará acompañada por Carlos Lema e Inma López Silva.

    Gondomar: nova edición de A hostia en verso, recital de poesía e música

    O sábado 30 de abril, ás 22:00 h., na Casa da Lectura (Nogueira, 8, Donas) de Gondomar terá lugar unha nova edición do singular e itinerante enfrontamento de poetas A hostia en verso. Desta volta concorrerán aos comicios poéticos Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xabier Xil Xardón, Lara do Ar, Elvira Riveiro, Eduardo Estévez e Miguel Valverde ou o que é o mesmo: Poetas corruptos versus Poetas mafiosos!. O acto é unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, que xa sacaron da súa mente enferma un número sorpresa. Contará tamén coa intervención musical do dúo electrónico IgMig.

    Lugo: presentación de Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo, de Rafael Quintía

    O venres 29 de abril, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo (Unha proposta interpretativa en clave céltica) de Rafael Quintía, publicado en Serpe Bichoca. No acto proxectarase tamén unha versión reducida do documental Monte do Seixo. A Montaña Máxica, coa presenza de João Bieites, realizador e codirector —xunto a Rafael Quintía e Calros Solla— deste traballo audiovisual, considerado o primeiro documental de longa duración sobre mitoloxía galega.

    Ourense: conferencia de Xesús Alonso Montero sobre Álvaro Cunqueiro xornalista

    O venres 29 de abril, a partir das 20:15 h., na Aula de Cultura do Liceo de Ourense, comeza o IX Ciclo de Conferencias Visións de Galicia, organizada pola Sección de Literatura desa entidade, con Álvaro Cunqueiro xornalista, antes e despois de 1936, a cargo de Xesús Alonso Montero. Deixamos aquí este .pdf coa programación completa: Ciclo Visións de Galicia Liceo de Ourense.

    Lugo: Xornadas Cultura e Territorio, organizadas por ADEGA

    O sábado 30 de abril desenvolveranse no Salón de Actos da Deputación de Lugo as Xornadas Cultura e Territorio, organizadas pola Vicepresidencia 1ª da Deputación de Lugo e ADEGA. O programa, que pode ser descargado neste arquivo .pdf: Xornadas Cultura e Territorio ADEGA 2011, está composto por:
    09:00 h. Recepción dos participantes no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo
    09:30 h. Inauguración das Xornadas a cargo dos representantes da organización do evento (ADEGA) e representantes da Vicepresidencia 1ª da Deputación de Lugo.
    10:00 h. Mesa Redonda: A Tradición Oral e o Territorio:
    Ponte nas Ondas. Experiencia educativa entre escolas de Galiza e o norte de Portugal. Xerardo Feijoo Rapela, mestre e Secretario da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte nas Ondas.
    Antonio Reigosa. Escritor, conferenciante e investigador da mitoloxía popular de tradición oral.
    • Proxecto Montaña Máxica (Monte do Seixo) e Proxecto dos Sete Camiños. Exemplos
    de espazos degradados e proxectos de recuperación e posta en valor dos mesmos. Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca: Rafael Quintía; Antropólogo e economista. João Bieites: Licenciado en Belas Artes e mestre de Artes Plásticas. Modera: Branca Villares. Mestra de música tradicional galega e socia de ADEGA.
    11:30 h. Coloquio-Debate.
    12:30 h. Conferencia Carlos Taibo: Teoría do decrecemento. Politólogo galego, profesor titular de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid. Presenta: Adela Figueroa Panisse. Bióloga, escritora e mebro da Directiva Nacional de ADEGA.
    13:30 h. Coloquio-debate.
    – 16:00 h. Mesa Redonda: Cultura e Territorio:
    • Ricardo Polín: Profesor de Língua e Literatura galega, experto no Camiño Primitivo.
    • Xosé Manoel Rosales: Arquitecto galego e coordenador do Proxecto Terra.
    • María López Sandez: Doutora en Teoría da Literatura e autora de Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio.
    Modera: Carlota Eirós, arquitecta e socia de ADEGA.
    17:15 h. Coloquio-debate.
    18:00 h. Mesa Redonda: Arquitectura e Territorio:
    • Manuel Gallego Jorreto: Arquitecto, Catedrático de Proxectos na ETSAC.
    • Pascuala Campos Michelena: Arquitecta e catedrática de proxectos na ETSAC.
    A Cidade dos Barrios: Plataforma de difusión e reflexión sobre A Coruña coordinada por Luciano G. Alfaya e Patricia Muñiz e organizada polo COAG desde a súa delegación de A Coruña.
    Modera: Alberte González Rodriguez. Presidente da Delegación COAG de Lugo.
    19:15 h. Coloquio-debate.
    19:45 h. Clausura das Xornadas.