O martes 7 de novembro, ás 18:00 horas, no Parque María Xosé Queizán de Vigo, inaugúrase unha escultura en homenaxe á escritora. A obra, de Juan Salgueiro, titúlase Fulgor e inclúe un texto da propia autora.
Arquivos mensuais: Novembro 2017
Taboleiro do libro galego (verán e outubro 2017)
Desde Cicloxénese Expresiva:
“Aquí vos traemos a listaxe de libros máis vendidos dende o verán. Podedes consultar as entradas anteriores no Caderno da Crítica e nesta propia páxina.
Para a elaboración deste taboleiro participaron as seguintes librarías: Trama, Cronopios, Andel do libro, Miranda, Paz, Lila de Lilith e Chan da Pólvora.
Narrativa
- Os fillos do lume, de Pedro Feijoo. Editorial Xerais.
- Luns, de Eli Ríos. Edicións Xerais.
- Izan o da saca, de Xabier Quiroga. Edicións Xerais.
- Manual básico de Hostalería, de Patricia A. Janeiro. Edicións Positivas.
Poesía
- Antoloxía da poesía galega próxima, de María Xesús Nogueira. Chan da Pólvora editora e papeles mínimos ediciones.
- Suicidas, de Francisco Cortegoso. Chan da Pólvora Editora.
- Nomes de fume, de Míriam Ferradáns. Espiral Maior.
- Moda galega, de María Reimóndez. Edicións Positivas.
Ensaio
- Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron, de Xosé Álvarez, Judith Carbajo, Ana Cebreiros e Xosé Ramón Ermida. Sermos Galiza.
- Unha ducia de galegos, de Víctor Freixanes. Editorial Galaxia.
Xuvenil
- Os nenos da varíola, de María Solar. Editorial Galaxia.
- Pippi Mediaslongas, traducido por David A. Álvarez. Kalandraka S.L.
- 22 segundos, de Eva Mejuto. Edicións Xerais.
- Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas. Edicións Xerais.
Infantil
- A que sabe a lúa?, traducido por Carmen Barreiro. Kalandraka S.L.
- De que cor é un bico?, de Raquel Bonilla. Algar Editorial.
Libro CD-DVD
- Canta connosco!, de Migallas Teatro e Óscar Villán. Kalandraka S.L.
- Mel, unha mosca agradecida, de Miguel Ángel Alonso e ilustracións de Luz Beloso. Nova Galicia Edicións.
- Volta, revolta e reviravolta, de As Maimiñas. Editorial Galaxia.
Banda deseñada
- Floreano. Alúganse borrachos para festas, de Gogue. Editorial Xerais.
- Ardalén, de Miguelanxo Prado. El patito editorial.”
Lugo: entrega a Paco Martín do galardón Socio de Honra 2017 de Gálix
Reunida en Santiago de Compostela, a xunta directiva de GÁLIX decidiu por unanimidade nomear Socio de Honra 2017 o escritor Paco Martín.
A entrega do galardón terá lugar o vindeiro mércores, día 8 de novembro, ás 12:00 h. nun acto escolar aberto ao público no IES Ánxel Fole (Lugo) [Rúa Angelo Colocci, s/n.].
O escritor Xabier P. DoCampo realizará a laudatio. Despois o alumnado do centro poderá presentaralle ao homenaxeado diferentes traballos relacionados coa súa obra. Logo da resposta do homenaxeado á laudatio, o presidente de GÁLIX fará entrega da escultura, deseño de Noemí López, que acredita o nomeamento.”
“O radicalismo discreto de Anxo Rei Ballesteros”
Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“A literatura é, tamén, un síntoma da historia. As marcas da febre xerada polos acontecementos. O rexistro inconsciente, ou non, do conflito político. Traballos perdidos da linguaxe. Todos estes factores, e outros moitos, confluíron hai 40 anos en Dos anxos e dos mortos, a primeira novela de Anxo Rei Ballesteros (Boqueixón, 1952- A Coruña, 2008) e unha das novelas chave da transición ao posfranquismo en Galiza.
“Foi unha novela viva, construída coas vivencias cotiás. Anxo líanos fragmentos cando estabamos de tazas por Santiago”. Quen fai memoria é Marcelino de Santiago, Kukas, dramaturgo hoxe popular polo seu traballo con monicreques e, na década dos 70, integrante con Rei Ballesteros do Fato de Oniristas Galegos. Este “variopinto” grupo de artistas procuraban, sobre todo, que “a vida e a arte non estivesen separadas”.
As convulsións sociopolíticas -a ditadura esboroábase- e a iniciación a unha existencia liberada conforman o pano de fondo de Dos anxos e dos mortos. Obra de protagonismo mozo e colectivo e con vontade de ruptura estética, escrita por un anarquista confeso, era, considera Kukas, “un froito máis naquela festa cultural e ideolóxica”. Malia a violencia ambiental da época, as lembranzas reconstrúen un tempo vizoso, intenso, de caos e descubrimentos. Diso trata, tamén, a novela.
“Anxo Rei abriu a literatura galega a novas formas de pensamento prosístico e axudou a que acordase de certo letargo histórico”, considera Roberto Abuín, editor do ensaio póstumo A presenza dunha ausencia (2013) no seu selo Axóuxere, “causado non só polo franquismo senón tamén por tendencias críticas e literarias esencialistas”. Como Kukas, que cualifica de “explosión tremenda” a aparición de Dos anxos e dos mortos nunha paisaxe dominada por Cunqueiro ou por relatos curtos derivados da prosa de Castelao, Abuín salienta que Rei Ballesteros “sen ser excesivamente asertivo, si quixo fracturar a literatura galega”. É o que denomina “radicalismo discreto” do autor. (…)”
Crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Xabier P. DoCampo
Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria do sábado 4 de novembro, con Xabier P. DoCampo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Antonio Manuel Fraga, Marcos Pérez Pena, Programa Conciencia, Luís Emilio Batallán, Marisa Sobrino, Flor Maceiras, Festival S8 e Grupo Nove, Premios da Crítica de Galicia 2017
“No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso dun xantar do sábado 4 de novembro o ditame da cuadraséxima edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica. (…)
Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga, Premio de Creación Literaria
O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por María do Cebreiro Rábade Villar, poeta, gañadora da edición 2016; Diana Pastoriza Espasandín, blogueira, asesora CAFI Santiago; Armando Requeixo Cuba, crítico; Mario Regueira Fernández, crítico; Manuel Forcadela, profesor da UDV; Marcos Calveiro, escritor e Eulalia Agrelo Costas, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras De catro a catro. Manuscrito inédito de Manuel Antonio (Alvarellos); Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga (Alcaián, Urco) e Nordeste de Daniel Asorey (Galaxia). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio á obra de Antonio Manuel Fraga Querido H.P. Lovecraft editada por Alcaián Urco.
O xurado salientou da obra gañadora que “constitúe un enxeñoso acercamento ao estraño, mesturando brillantemente o sobrenatural co fantástico, onde sobrancea a habil creación de ambientes perturbadores que nos acaban afectando do mesmo xeito que ao ficticio Lovecraft”. O xurado sinalou que “alén diso, fai unha descrición dos personaxes cun par de expertas pinceladas breves que lle outorgan unha personalidade claramente única e fascinante”. Rematou sinalando que “coma nos textos de Lovecraft, acompañamos a Robert na súa caída libre no abismo da culpa, ficando envoltos no misterio engadindo a peza que completa o círculo lovecraftiano”.
A prensa en Galicia na Transición, de Marcos Pérez Pena, Premio de Investigación
O xurado da modalidade de Investigación, formado por Blanca Roig Rechou, catedrática USC, gañadora da edición 2016; Vanesa Valdeiglesias, profesora UDC; Carme Adán Villamarín, catedrática de Filosofía; Uxío Labarta Fernández, investigador, Instituto de Investigacións Pesqueiras; Xurxo Mariño Alfonso, neurocientífico, profesor UDC; Xavier Senín, profesor e tradutor e María Xosé Porteiro García, que actuou como secretaria en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou declarar como finalistas a María Xosé Agra; ao proxecto de Secuenciación xenética do rodaballo (USC-CSIC,CENAG); e ás obras A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena (Xerais) e A nosa terra é nosa. A xeira das Irmandades 1916-1931 de Emilio Xosé Ínsua (Baía edicións). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena, editado por Xerais.
O xurado destacou que “valoraba moi positivamente a cantidade, calidade e diversidade das propostas presentadas que reflicten o auxe da investigación científica e do pensamento en Galicia”. Sigue lendo
A Coruña: “Galicia encantada”, palestra de Antonio Reigosa
A terza feira 7 de novembro, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, Antonio Reigosa intervirá dentro do Ciclo Língua, Cultura e País da A. C. O Facho coa súa palestra “Galicia Encantada: A muller no imaxinario mítico-popular galego”.
Andrea Nunes e María Rosendo gañan o premio Illas Sisargas de poesía erótica
Desde Sermos Galiza:
“Diáspora de amor balea é o terceiro poemario conxunto que acada o premio. O xurado distinguiu o libro “pola riqueza e fondura da súa expresión metafórica, que permite construír un libro de poesía amorosa cunha marcada e explícita vontade erótica”.
Andrea Nunes Brións (Marín, 1984) e María Rosendo (Vigo, 1984), “voces que flutúan entre a mímese e a diferenza e dialogan a cada poema con fluidez e personalidade” en Diáspora de amor balea foron galardonadas co Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, a decimosegunda edición, nun fallo que se fixo público a noite do sábado 4 de novembro na Cea das Letras en Malpica.
Diáspora de amor balea é un espistolario a dúas voces “nas que a forza do erotismo está na distancia física entre as voces. É un erotismo imaxinado, cálido, tenro, construído desde a memoria dos corpos e, á vez, na fertilidade da imaxinación”, sinala o fallo.
Andrea Nunes vive en Nanjing (China), onde traballa como profesora de español e é autora de Corrente do esquecemento (2007) e Todas as mulleres que fun (2011). María Rosendo, que realizou estudos de filoloxía inglesa e educación social, obtivera o Premio Pérez Parallé no 2010 co libro Nómade.”