Literatura galega en Roma

O Instituto Cervantes, en colaboración co Centro de Estudos Galegos de Roma acubillado na Università La Sapienza, organiza tres xornadas dedicadas á lingua e a literatura galegas. O martes 21 de maio terá lugar unha performance a cargo da poeta Yolanda Castaño e o músico Isaac Garabatos.
Seguiralle un coloquio o día 28 de maio da man de Marco Paone e Attilio Castellucci, profesores da Universidade de Perugia e a Universidade da Sapienza e directores dos Centros de Estudos Galegos de ambas universidades, baixo o título “Il galego, origini di una lingua e della sua letteratura” (“O galego, as orixes dunha lingua e da súa literatura”).
Poralle fin a estas xornadas Suso de Toro o día 5 de xuño, autor con obra traducida ao italiano como dá conta o Uomo senza nome publicado pola editorial Gran Via en 2008.”

Camilo Nogueira: “Galiza demostra até que punto o Estado está construído de forma imperfecta”

Entrevista de Daniel Salgado a Camilo Nogueira en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): E que o conduciu a un traballo da envergadura de Unha nación no mundo?
– Camilo Nogueira (CN): [Manuel] Bragado [anterior director de Xerais] sabe moi ben como foi este proceso. Houbo un intre en que me lancei a facer unha historia de Galiza, a Idade Media e o tempo contemporáneo. Fixen a primeira parte [A memoria da nación I. O reino de Gallaecia (Xerais, 2001)] e está o libro por aí. Despois metinme co outro e tardou moito tempo. Polo medio escribín catro ou cinco libros máis, que tiñan a ver co que facer. Unha nación no mundo empezou antes e despois foi adiado e posibelmente enriquecido. Pero a idea viña de antes. O fío condutor tíñao moi claro: reverter a negación de Galiza por parte de Castela. A chamada Castela responde en gran medida á negación de Galiza. Sen Galiza non se entende para nada o Estado español. E con Galiza demostras até que punto o Estado español está construído de forma imperfecta. Porque non podes construír un Estado democrático negando realidades evidentes, como o feito de que se falan catro linguas e non unha.
– SG: Detectaba a necesidade de escribir a historia de Galiza desde esa perspectiva?
– CN: Si, si. Pero non contra os galeguistas, que teñen unha certa presenza no libro, moi importante. O que era Galiza e o que eu pensaba modestamente xa está desde o principio. Por exemplo, que pasou coa nobreza galega? Ou coa Igrexa galega. Os Reis Católicos nun momento determinado desprazaron a nobreza galega, que conservou as súas propiedades pero non puido gobernar Galiza. Mais sen o traballo da nobreza galega aquí e no mundo non se entende nada. A Casa de Alba, por exemplo, é a suma dos Monterrei e dos Castro. (…)”

Conversa con Antonio Reigosa sobre O raposo aviador que voa sen motor

Desde Xerais:
O raposo aviador que voa sen motor, de Antonio Reigosa, ilustrado por Laura Cortés, protagonizou un novo encontro do clube de lectura de Radio Fene Radiofusión, no que participaron Henrique Sanfiz, Esther Val, Tatty Lavandeira e Andrés C. M. Riveira. O libro está publicado por Xerais na colección Merlín. A peza pode escoitarse ou descargarse nesta ligazón.”

A Coruña: crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Eli Ríos

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria con Eli Ríos, celebrado o pasado 27 de abril. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Concesión da Medalla Alberto Nepomuceno, da Universidade Estadual do Ceará-UECE (Brasil), a Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG

A Universidade Estadual do Ceará – UECE (Brasil) vén de lle conceder a Medalla Alberto Nepomuceno, na modalidade Mérito Artístico, dada a súa actuación a prol da Cultura, das Letras e das Artes galegas, ao poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
A entrega farase no marco dos diversos eventos culturais e académicos en conmemoración do Día das Letras Galegas, organizado polo Gabinete da Reitoría da UECE, en parcería co Núcleo de Extensión de Ensino de Lingua Galega, do Centro de Humanidades-CH/UECE, na semana do 20 ao 24 de maio de 2019.
A programación contará coa presentación da versión brasileira libro de poesía Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez, por parte do Profesor Doutor José Jackson Coelho Sampaio, que terá lugar no Cine Teatro São Luiz, nesta cidade, no día 24 de maio de 2019, ás 18:00 horas, onde actuará a cantora Uxía en Fortaleza, co acompañamento da Orquestra Sinfónica da UECE.
A estadía do autor incluirá unha conferencia por el impartida no curso de Letras da Universidade, co obxectivo de dar a coñecer os recursos dixitais que a AELG ofrece a través da súa web para o ensino da literatura galega.