O martes 20 de decembro, ás 20:30 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro Non hai outro camiño, de Isaac Xubín, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Armando Requeixo, Ana Salgado e Manuel Bragado.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
O cubil das letras de… Jorge Emilio Bóveda
Desde Lermos.gal:
“(…) Meu cubil está na bufarda da casa na que vivo. Ten andeis con libros non rigorosamente clasificados inda que sigan unha disposición de certa lóxica. Amoreo libros en galego, inglés, portugués e castelán, e meus temas predilectos son a historia, divulgación científica, narrativa galega, narrativa española dende o século XVIII en diante, literatura sudamericana, cine fantástico, esoterismo, filosofía, pedagoxía, filosofía, novela negra, ficción científica…
Para min é máis importante ler ca escribir. Inda que ás veces resulte difícil por mor dos ditados da vida. Procuro alimentar a biblioteca con certa periodicidade e a medida que os ingresos mo permiten.
Nun dos andeis gardo os cadernos con todos meus traballos literarios, xa que o primeiro borrador de cada obra é escrito sempre a man, con estilográfica ou bolígrafos de tinta líquida.
Pero, inda que este lugar semelle o tobo ideal para un creador, o certo é que miña dispersión me obriga a levar libros e cadernos pola casa adiante, recalando no dormitorio, no cuarto de baño, na cociña ou no coche. Sendo o zulo o singular Heorot ao que regreso todas as noites para facer memoria e alimentar o esquecemento. É así.”
Compostela: Seminário Galiza, Língua Portuguesa e Acordo Ortográfico
As contas da cultura 2017: Libros e bibliotecas
Desde Cultura Galega:
“O proxecto de orzamentos para 2017 que presentou a Xunta o pasado 2 de decembro amosa, por segundo ano, un lixeiro incremento (o 2,87%) nos fondos que se dedican á Consellaría de Cultura. No entanto, está por ver ata que punto esta melloría se deixa sentir nos diferentes programas ou se fica absorbida polas recuperacións salariais dos empregados desta administración. Comezamos polo sector do libro, bibliotecas e arquivos, a análise das contas para a cultura do vindeiro ano.
En termos globais, a partida para o programa de Bibliotecas, Arquivos, Museos e Equipamentos Culturais ascende este ano un 2,3%, algo máis de 400.000 euros, ata acadar os 18.129.685, segundo apuntou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na presentación destas contas no Parlamento. No entanto, estes incrementos non se deixan sentir de xeito especial no apoio ás editoriais ou nos cartos dispoñibles para os sistemas de bibliotecas e arquivos.
Apoios á edición
O sector do libro sae lixeiramente beneficiado das contas para 2017, cando menos no que se trata dos apoios directos á edición e no campo da adquisición de fondos para bibliotecas. Así, a nova partida específica de “Subvencións para adquisición de novidades editoriais en galego”, dotada con 400.000 euros supón unha importante aposta por este sector no marco do Programa de Bibliotecas e Arquivos. Pola contra, outros orzamentos orientadas ao apoio ao sector editorial do país, como a destinada a lotes fundacionais e adquisición de fondos nas bibliotecas (non especificamente galegos) baixan de 560.000 a 425.000. Tamén perde 200.000 euros, e fica con 148.460, o apartado orientado á Edición do Libro o Galego no marco deste mesmo programa. Mantén os seus 210.000 euros o Apoio á Promoción, produción e edición do libro en galego, mentres as subvencións para proxectos editoriais en galego que se inclúe no programa de Fomento da Lingua Galega continúa con 170.000 euros. En total, serán 64.600 euros máis para o sector a comparar coas partidas que estiveron dispoñibles en 2016. Sigue lendo
Compostela: presentación de No seu despregar
O sábado 17 de decembro, ás 12:00 horas, en Hervorefervor Bar (Praciña das Penas, 2), en Santiago de Compostela, preséntase a antoloxía No seu despregar, editada por Apiario. No acto intervirán as coordinadoras do proxecto, Dores Tembrás e Antía Otero (Apiario), e escoitaranse textos de vari*s autor*s presentes na antoloxía da man de: Antón Blanco, Afra Torrado, Rosalía Fernández Rial, Ismael Ramos, Celia Parra, María Vilas, Tamara Andrés, Paula Antía Rey, Helena Salgueiro, Jesús Castro, Noelia Gómez e Alba Cid. A sesión vermú estará acompañada pola selección musical de Madreselva djs.
Pontevedra: Vermú entre libros con Isaac Xubín
Compostela: segunda sesión do Clube de Lectura Feminista na Lila coa Sega
Bases do VII Certame Curtas para Rosalía
BASES DO VII CERTAME CURTAS PARA ROSALÍA
“1.- ORGANIZACIÓN
O Certame de curtametraxes Curtas para Rosalía é un evento organizado e xestionado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Con tal motivo a AS-PG designará unha Comisión Organizadora encargada de recepcionar as obras, avaliar a súa adecuación ás bases, promocionar o certame e organizar as galas de entrega de premios e, se for o caso, resolver e decidir sobre calquera outro aspecto non previsto nas presentes bases. Así mesmo, a AS-PG designará un Xurado que estará formado por persoas relevantes do mundo da cultura galega e do audiovisual. Tanto a composición da Comisión Organizadora como a do Xurado faranse públicos no enderezo web: http://bitaculas.as-pg.gal na entrada Curtas para Rosalía. Ningún dos membros do xurado nin da Comisión organizadora poderán participar no Certame. Nesta VII edición o Certame Curtas para Rosalía conta coa colaboración do Concello da Coruña.
2.- TEMÁTICA
A primeira edición deste certame tivo como motivo central a figura de Rosalía de Castro no 125 aniversario do seu falecemento. No 2013 celebramos o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos (Vigo 1863), obra fundacional do Rexurdimento das letras galegas.
Resulta evidente que as potencialidades que se agochan na obra de Rosalía deben seguir sendo descubertas xa que o mundo rosaliano é aínda un mundo revelador e con propostas clarificadoras para hoxe. Sendo Rosalía de Castro a figura máis representativa da Literatura Galega, desde a organización deste certame entendemos que homenaxear a Rosalía é homenaxear e divulgar a Literatura Galega. Polo tanto aquelas persoas que queiran presentar obras a este certame poderán facelo atendendo a un dos seguintes criterios:
1.- Obras cuxa temática xeral sexa a persoa de Rosalía de Castro, as súas obras ou algún elemento que destaque a súa vida, traballo ou calquera outro punto de interese da escritora como tal ou do seu contorno.
2.- Obras cuxa temática se centre, interprete ou explore calquera texto de calquera época da Literatura Galega ou da súa tradición oral.
3º NORMAS DE PARTICIPACIÓN
1. Poderán optar aos premios as curtas rodadas en calquera sistema de gravación (cine, vídeo, outros), inéditas ou que fosen estreadas entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 10 de maio de 2017.
2. As obras presentadas terán que ser presentadas en soporte DVD e recepcionadas antes das 14 horas do día 10 de maio no local da AS-PG, enderezo postal que figura no apartado 4 destas bases, acompañadas da documentación que neste mesmo apartado 4 se solicita.
3. A duración non excederá en ningún caso os 30 minutos, créditos incluídos.
4. O idioma (audio e texto) das obras presentadas será o galego, non admitíndose ningún outro agás para a incorporación de textos de Rosalía. Neste caso poderá incorporarse no idioma en que foron redixidos.
5. Cada participante poderá presentar un máximo de tres obras.
6. As obras presentadas deberán ir acompañadas da súa correspondente ficha de inscrición (anexo 1), xunto coa fotocopia de DNI da persoa de representación da curtametraxe e fotocopia de DNI do realizador ou realizadora ou director ou directora da obra.
7. No web da AS-PG, no espazo: http://bitaculas.as-pg.gal, serán publicadas as curtas admitidas a concurso. Así mesmo, serán publicadas as obras finalistas en cada categoría. As obras admitidas poderán ser emitidas naqueles actos organizados para a promoción do festival, sempre sen ánimo de lucro.
8. Categorías.
Somos conscientes que o mundo do ensino se está a vencellar cada vez máis con este certame e desde a AS-PG pretendemos facer aínda máis visíble o traballo que desde os Centros de Ensino se está a levar en soporte audiovisual. Por este motivo nesta VII edición do Certame contemplamos dúas categorías, unha delas é especificamente para curtas elaboradas por Centros de Ensino. Así convocamos:
a) Categoría mellor Curta da VII edición.
b) Categoría mellor Curta VII edición de Centros de Ensino.
A mesma Curta só poderá participar nunha única categoría que será indicada na ficha de inscrición.
O xurado designará un máximo de tres obras finalistas, en cada unha das categoría. Entre eses finalistas estará a gañadora.
9. As obras gañadoras daranse a coñecer na Gala de entrega de premios que terá lugar a primeiros de xuño. Data e lugar serán publicados na páxina web da AS-PG. Nesta Gala é obrigada a presenza, en representación das obras, dalgún dos membros das curtas finalistas. A non presentación será motivo da perda do importe económico do premio (no caso de a obra resultar premiada), mais non do premio en si.
10. Responsabilidades legais. O/a concursante será único responsable da súa curtametraxe. A organización do certame declina toda a responsabilidade da curta e o seu contido sobre o/a participante.
11. O material enviado ao inscribirse non será devolto.
4º INSCRICIÓN
A inscrición será realizada polo director, directora, produtor, produtora ou calquera membro responsábel da obra que pretenda concursar, e constará de dúas fases:
1.- Na primeira fase o director/a, produtor/a ou calquera membro responsábel da obra, enviará un correo electrónico a informacion@as-pg.com en que constará nome e apelidos e contacto (teléfono e correo electrónico) e manifestará a intención de participar no certame. Esta preinscrición, que é gratuíta, haberá de se facer antes do 1 de febreiro de 2017, e ten como finalidade poder comunicar calquera modificación, ampliación ou variación dalgún dos conceptos que aparecen nestas bases, tal e como se recolle na base 7.
2.- Na inscrición e recepción definitiva, até as 14 horas do 10 de maio de 2017, os/as participantes deberán enviar a seguinte documentación:
* DVD (en formato dvd_vídeo, .mov, ou mp4) con copia do filme ou filmes que optan ao certame.
* Ficha de inscrición (Anexo 1) con todos os campos cubertos. No caso de presentar máis dunha obra deberá enviar tantas fichas como obras.
* Fotocopia do DNI da persoa que representa a obra.
* Fotocopia do DNI do realizador ou realizadora ou director ou directora da obra.
Os traballos deberán enviarse ou presentarse no seguinte enderezo:
Asociación Socio-Pedagóxica Galega
“VII Certame Curtas para Rosalía”
Rúa Laracha, 9 baixo
15010 A Coruña
Os gastos de envío das obras presentadas correrán a cargo dos participantes.
Se desexas participar podes baixar aquí a ficha de inscrición.
5º. XURADO
A AS-PG, como entidade organizadora deste evento, nomeará un xurado encargado de valorar as obras. O xurado estará composto por persoas de recoñecido prestixio no mundo da cultura e do audiovisual. No seu momento publicarase na páxina web da asociación a relación de membros do xurado. O ditame do xurado será inapelable.
6º PREMIOS
Categoría mellor Curta da VII edición.
– 1º Premio da VII edición de Curtas para Rosalía dotado de 1.000€ + Diploma.
– 2º Premio da VII edicións de Curtas para Rosalía dotado de 500€ + Diploma.
Categoría mellor Curta VII edición de Centros de Ensino.
– 1º Premio á mellor curta da VII edición presentada polos Centos de Ensino dotado de 1.000€ + Diploma.
– 2º Premio á mellor curta da VII edición presentada polos Centos de Ensino dotado de 500€ + Diploma.
7º RESPONSABILIDADE
A participación neste certame supón a aceptación plena destas bases por parte de cada participante. Calquera cuestión referida á interpretación e aclaración das bases corresponde á Organización, non cabendo contra ela ningunha reclamación.”
A Coruña: VII Día Lugrís
Entrevista con Anxo Angueira
Entrevista de Emílio Xosé Ínsua a Anxo Angueira en A Ínsua do Ínsua:
“(…) – Emílio Xosé Ínsua (EXI): A comarca de Iria (co monte Meda e cos ríos Ulla e Sar) é protagonista indiscutíbel, ademais, das túas novelas Pensa nao (1999, Premio Xerais) e Iria (2012). Ambas teñen un recendo histórico e épico moi forte, que se combina con moito lirismo no manexo da linguaxe. Vense, ao meu ver, dúas novelas moito máis maduras, ambiciosas e poderosas (quizais por seren menos “sentimentais”) que Bágoas de facer illas (1997, Premio Café Dublín) e A morte de A. (2003). Compartes esta opinión? De cal delas estás a día de hoxe máis satisfeito?
– Anxo Angueira (AA): Si, estou de acordo. Pensa nao e Iria son novelas con anos de documentación e reflexión. Pensa nao foi escrita contra a destrución da miña aldea, do seu pasado, da súa historia. Tratábase de describir unha aldea distinta ás convencións literarias e políticas herdada desde había décadas e que situaban os labregos de costas ós avances técnicos e ó asociacionismo político. Foi apaixonante. A intrahistoria da súa escritura ten implicacións persoais moi fondas, como as cartas familiares da emigración desde fins do XIX, os testemuños orais… e a propia memoria dos traballos e dos días. Era tamén unha homenaxe a Manselle, considerada durante moitos anos a aldea rusa da parroquia, e á II República, ós “americanos” que viron esgazadas as súas vidas no 36: fuxiran á emigración en 1900, regresaron nos anos vinte con cartos e proxectos de modernización e rexeneración e o fascismo botounos de novo a América. En Iria tamén me impliquei moi a fondo. Mentres a escribía entendín ata que punto a paisaxe do Ulla final, enchendo e devalando coas mareas da Arousa e cruzado por dornas e galeóns nas memorias desde a miña aldea, puido condicionar toda a miña escrita literaria. Iria permitiume cumprir un soño: navegar a vela e facer que as dornas e os galeóns volvesen ó meu particular río da vida. Estou moi satisfeito coas dúas. Ademais, elas esíxenme unha terceira con insistencia. Outra novela que peche o meu particular ciclo histórico. A ver se podo estar á altura. (…) Sigue lendo