Chan da Pólvora publica o novo poemario de Lupe Gómez

Desde Sermos Galiza (imaxe de Ruth Caramés Blanco, de Tinta de Lura):
“A editorial que dirixe Antón Lopo saca do prelo o 8 de marzo Camuflaxe, o agardado novo poemario de Lupe Gómez, unha das voces poéticas máis singulares dos últimos vinte anos.
Tan rompedora como esquiva ante as obrigas sociais do mundo literario, Lupe Gómez levaba sen publicar desde 2010 (A grafía dos mapas, Toxosoutos). E a súa nova achega vén definida así polo seu editor, Antón Lopo: “Despois de Camuflaxe ninguén seguirá sendo igual, nin as persoas que o lean nin a propia autora, que pare ante os nosos ollos un becerro co seu corazón de sangue vermello”. (…)
Desde Chan da Pólvora explican que esta nova obra “xorde como unha urxencia existencial e literaria que Lupe Gómez sente ao morrer a súa nai, no ano 2013. Porén, o libro non tarda en sobrepoñerse á elexía persoal e transfórmase nunha crónica reveladora e íntima sobre a extinción cultural e física dunha comunidade. Sen perder a corpulencia do seu verso violento e, ao tempo, fráxil, Lupe Gómez ensaia neste poemario novas formas de enerxía silenciosa, abrindo campos expresivos ata agora inéditos nela”.”

María Reimóndez gaña o I Premio Xohana Torres

Desde o Concello de Santiago de Compostela:
“O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presidiu o acto no que se deu a coñecer o fallo do I Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual e se presentaron as bases da segunda edición. Este galardón recuperouse este ano con motivo do Día Internacional das Mulleres grazas a un convenio coa USC, mantendo a esencia pola que se creou e orientándoo á recuperación da memoria histórica das mulleres de Santiago de Compostela.
O traballo premiado nesta primeira edición leva por nome Corpos exorbitantes. Rosalía de Castro, tradutora feminista, en diálogo con Erín Moure. A súa autora é María Reimóndez.
Ademais do gañador, houbo tres traballos máis presentados na categoría de ensaio: As irmás Fandiño Ricart, a loucura como mecanismo de resistencia; Eles libres e iguais, elas obedientes pola graza de Deus; e Mulleres que romperon co seu destino: pioneiras compostelás nas ciencias experimentais.
No acto do 8 de marzo estivo presente a filla da poeta Xohana Torres, Andrea Ellacuría Torres, que deu lectura a un texto escrito pola súa nai, quen non puido acudir ao fallo dos premios. Tamén presidiu o acto o vicerreitor de Comunicación e Coordinación, José Pereira. (…)”

Fran Alonso presenta o seu novo poemario Terraza

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O poeta vigués Fran Alonso visita o ZigZag Diario para falar do seu libro Terraza, un poemario que aborda o paso do tempo desde a visión crítica dun home que contempla a vida desde a terraza dun bar mentres escribe poemas. Neste traballo o autor fai un aceno ás novas tecnoloxías ao incluír códigos QR nalgún dos poemas, que remiten a outras das súas creacións literarias. Por exemplo, a seguir os seus versos na rede, como os que compoñen o libro Estado de Malestar, que está a construír en Twitter. Pode accederse á entrevista aquí.”

Xosé A. Perozo asume a presidencia da OEPLI

Finalizado o mandato de Reina Duarte como presidenta da OEPLI asumiu esta representación o escritor e editor Xosé Antonio Perozo, actual presidente de GÁLIX. A OEPLI é a máxima entidade representante en España do ámbito cultural da Literatura Infantil e Xuvenil que aglutina todos os niveis (escritores, ilustradores, editores, bibliotecarios, libreiros, educadores, mediadores…). Está integrada por catro seccións: Consejo General del Libro, GÁLIX, ClijCAT e Galtzagorri, representantes das catro linguas oficiais: castelán, catalán, galego e vasco.

Mondariz: presentación de Aníbal e a Pintora, de Xabier Paz

O venres 10 de marzo, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Mondariz (Rúa Meuroces, s/n), terá lugar a presentación da novela Aníbal e a Pintora, de Xabier Paz, publicada por Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Isabel Blanco.

A Coruña: Conversas con Correa Corredoira. Mesa redonda co artista

O xoves 9 de marzo, na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, 27), na Coruña, terá lugar a mesa redonda Días pintados, tempos de escrita, con motivo da celebración da exposición Correa Corredoira. Os días pintados. Intervirán Miguel Anxo Fernán-Vello, Lino Braxe e Ánxeles Penas.