Roteiro pola Coruña no centenario de María Casares, por Arancha Estévez, o 29 de outubro

O Roteiro pola Coruña no centenario de María Casares, guiado por Arancha Estévez, é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio da Deputación da Coruña.

Terá lugar o sábado 29 de outubro, ás 12:00 horas, na cidade da Coruña, cunha duración aproximada de hora e media.
As persoas interesadas deben inscribirse previamente no correo electrónico oficina@aelg.org, indicando o seu nome e apelidos. A inscrición realizarase por orde cronolóxica de chegada das solicitudes. Hai un máximo de 40 prazas dispoñíbeis.

María Casares, un mito en Francia, descoñecida en Galicia.
Eu nacín neste curruncho da terra que vira as costas ao continente e que, non obstante, recibe os peregrinos de Compostela; na Coruña, vila peninsular que sinala o Atlántico […].”
María Casares deixa escritas nas súas memorias publicadas en 1980 as súas lembranzas e sentimentos vinculados á nenez vivida entre a A Coruña e Montrove (Oleiros). As súas palabras remítennos aos seus escenarios da infancia como unha postal fixa no tempo. Unha postal que non se alterará xa que esta grande actriz non retornou nunca á sua cidade natal.
María Victoria Casares Pérez, María Casares, nacida en 1922 na Coruña e desde 1936 instalada en Francia, foi unha unha actriz de primeira liña, cunha aposta decidida como actriz tráxica, con papeis clásicos memorables e, tamén, mergullándose no teatro de vangarda até os últimos días. Venerada pola crítica, trátase dun nome fundamental na historia do teatro francés. O xornal Liberation titulou no seu falecemento en novembro de 1996: “O teatro morreu”. Traballou con Robert Bresson e Jean Cocteau; no teatro aliouse con Camus, Jean Vilar, Jorge Lavelli e Bernard Sobel. Mellor actriz no Festival de Cine de Locarno (Suíza) en 1949 por La Chartreuse de Parme, nominada ao César en 1988 polo filme La Lectrice, premio Molière en 1989, Nacional de Teatro en 1990. O mesmo ano que morreu representou a peza Les oeuvres complètes de Billy the Kid con posta en escena de Frank Hoffmann -ela faleceu en novembro de 1996 e a obra estivo en cartel entre xaneiro e marzo-, e a crítica teatral derreteuse. O cancro espreitaba pero estaba enorme no escenario. Malia non conquerir a volta á súa terra, en Galicia obtivo tamén nos últimos anos diferentes recoñecementos: Filla predilecta da Coruña, Medalla Castelao, o nomeamento dos premios de teatro da Asociación de Actores e Actrices de Galicia como Premios María Casares, etc.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Marilar Aleixandre gaña o Premio Nacional de Narrativa 2022 por As malas mulleres

Desde Nós Diario:
“A escritora Marilar Aleixandre converteuse na gañadora do Premio Nacional de Narrativa 2022, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte. A obra pola que foi galardoada é As malas mulleres (2020), pola que tamén obtivo o Premio Blanco Amor 2020.
O xurado do certame destacou da obra a súa “orixinal estrutura híbrida”, que a converte nunha “singular novela histórica sobre a situación carceraria das mulleres no século XIX”.
Por outra parte, tamén salientou que As malas mulleres “recupera a memoria dunha forma brillante en diálogo coa tradición literaria. Un coro de voces femininas de diversas clases sociais introduce elementos da poesía popular e a cultura oral”.
Finalmente, o xurado puxo en valor que “a autora incide nas desigualdades e á vez ofrece unha ollada esperanzadora”.”

A Asociación Galega de Editoras regresa de Liber e Frankfurt cun balance positivo, e lamenta a falta de apoio por parte da Xunta de Galicia

Fisterra, da autoría de Saúl Aguado de Aza, composta sobre o poema homónimo de Manuel María, canción gañadora do I Concurso Manuel María de Composicións Musicais

Desde a Fundación Manuel María:
Fisterra, da autoría de Saúl Aguado de Aza, composta sobre o poema homónimo de Manuel María, foi a canción lírica, para voz e piano, que resultou gañadora da primeira edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais celebrada nunha gala-concerto, na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. O autor que levou un premio de mil euros en metálico, verá a súa composición editada xunto as obras das outras finalistas nunha publicación que será distribuída gratuitamente por todos os conservatorios de música de Galiza.
A gala-concerto encadrouse ao redor do aniversario de Manuel María, o 6 de outubro, e contou coa presenza do barítono Gabriel Alonso e o pianista Aurelio Viribay que interpretaron nunha primeira parte as cancións finalistas Orballo de Teo Montero, A lúa de Saúl Aguado, Rosas de Teresa Bretal e Fisterra de Saúl Aguado. E nunha segunda parte presentaron en concerto o seu traballo No Camiño -dous séculos de canción galega-.”

Compostela: Encontros sobre Literatura Infantil e Xuvenil con Carlos Labraña e Carmen Ferreira, os 24 e 25 de outubro

A AELG colabora cos Encontros sobre Literatura Infantil e Xuvenil con Carlos Labraña e Carmen Ferreira, actividade da Universidade da Santiago, ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Estes encontros enfócanse como continuación dos Cursos de Formación. Os camiños nas narrativas literarias e artísticas da Literatura Infantil e Xuvenil, dado que desde 2020 non se puideron levar a cabo no seu formato habitual anterior.
Están orientados á formación do futuro profesorado de Educación Infantil e Primaria, e a todo tipo de mediador/a, no seu quefacer profesional no marco de ámbitos básicos como son a formación artístico-literaria e a comprensión e expresión escrita e lectora.

Terán lugar estes tres encontros:

– O 24 de outubro, de 12:30 a 14:00 horas, na Aula 1 da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) da Universidade de Santiago de Compostela: Teatro escolar: Da escrita á representación. Lecturas dramatizadas, con Carlos Labraña.

– O 25 de outubro, de 12:30 a 14:00 horas, na Aula 1 da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) da Universidade de Santiago de Compostela: Os estereotipos femininos da narrativa oral á Literatura Infantil e Xuvenil (LIX), con Carmen Ferreira.

– O 25 de outubro, de 19:00 a 20:30 horas, na Aula 1 da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) da Universidade de Santiago de Compostela: Teatro escolar: Da escrita á representación. Lecturas dramatizadas, con Carlos Labraña.

Serán presentados por Marta Neira Rodríguez.

Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. Coeducamos?, con Eva Mejuto, o 25 de outubro

O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. Coeducamos? é unha actividade coa que colabora a AELG ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O Ciclo está coordinado por Isabel Mociño (Facultade de Educación e Traballo Social, Campus de Ourense – Universidade de Vigo).

Desenvolverase os martes 4, 11, 18 e 25 de outubro, sempre ás 17:00 horas, na Sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Educación e Traballo Social, no Campus de Ourense. As persoas interesadas na actividade deben inscribirse previamente cubrindo un formulario, ao que se pode acceder nesta ligazón. Está en proceso a solicitude de recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección. O programa pode descargarse aquí.

O programa previsto é o seguinte:

25 de outubro
Eva Mejuto
Álbums para entender o mundo

Lois Pérez gaña o Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación

Desde a Deputación da Coruña:
“O xurado do XVI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña acordou conceder o galardón á obra A tribo do mar, que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de Lois Pérez.
O xurado desta edición estivo composto por cinco escritoras e escritores de diferentes xeracións e cuxas obras figuran entre as máis lidas polo público infantil e xuvenil en Galiza, como son Fina Casalderrey, Marcos Calveiro, Antía Yáñez, Érica Esmorís e a gañadora da última edición, Andrea Maceiras. A reunión estivo presidida polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, e en calidade de secretaria actuou a xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, Mercedes Fernández-Albalat Ruiz. Tamén estivo presente, sen voz e sen voto, a comisaria dos premios literarios da Deputación, Susana Pedreira.
No seu informe o xurado salientou que a obra gañadora está conformada “por diferentes voces que se enfían para amosar un relato que recolle a realidade actual da emigración”. Tamén anota que A tribo do mar está narrada “cun estilo áxil e atractivo para o público xuvenil ao que vai destinada”. (…)”