A Coruña: presentación de Cultura e política na Galicia do século XX, de Ramón Villares

O martes 22 de xuño, ás 19:00 horas, na Fundación Luís Seoane da Coruña, preséntase o libro Cultura e política na Galicia do século XX, de Ramón Villares, publicado por Galaxia. Acompañando o autor, asistirá Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega. Para as persoas interesadas, recoméndase reservar praza no seguinte teléfono: 981 21 60 15 (reserva de entradas por persoa: 2).

Vilagarcía, Cidade do Libro 2021: actos destacados do 21 e 22 de xuño

O 21 de xuño comeza Vilagarcía, Cidade do Libro (na Praza da II República e no Parque de Miguel Hernández), organizada polo Concello de Vilagarcía, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Luns 21
12:00 h. Na Illa de Cortegada, presentación de Camiño de paixóns, de Carlos Meixide, publicado por Galaxia.
A partir das 19:30 h., na Praza da II República, o autor asinará exemplares da súa obra.

Martes 22
19:00 h. No Escenario de Autoras-es da Praza da II República, A ovella Engracia, contacontos a cargo de Lucía Aldao e María Lado.
21:00 h. No Escenario de Autoras-es da Praza da II República, Encontro literario moderado por Montse Fajardo, con introdución dunha lectura poética de Andrea Fernández Maneiro, coa participación de Marilar Aleixandre, Arantza Portabales e Nieves Abarca.
Previamente, ás 19:30 horas, as autoras asinarán exemplares das súas obras.

Héctor Cajaraville, editor: “Con estes Cadernos persoais podemos descubrir con que ollos vía Lois Pereiro todo o que se atopaba na vida”

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O libro Cadernos persoais recolle textos de cinco blocs escritos desde 1989 a 1993 e dunha axenda de Lois Pereiro. Entre as notas hai reflexións, relatos, poemas, citas literarias ou anécdotas das viaxes do poeta. Ás anotacións de Lois Pereiro engádense contornas de Fernando Saco e Inés Pereiro, compañeiros de viaxe e tamén os seus últimos versos escritos. A entrevista pode verse aquí.”

Yolanda Castaño e Kathleen March, tradutora de Residencia 1863: “A literatura galega está nun momento fantástico e temos que axudar á súa internacionalización”

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
Kathleen March obtivo a I Bolsa en Residencia Xacobeo para tradutores en lingua galega na Residencia Literaria 1863 e leva traballando na Coruña todo o mes en obras de Marica Campo e Emma Pedreira. Yolanda Castaño, impulsora deste proxecto, dirixe tamén o ciclo Poetas Di(n)versos e acaba de publicar Xela quixo ser ela. A entrevista pode verse aquí.